Violencia policial, racialización e negritude na Galiza: algúns apuntamentos

Sonia Mendes da Silva
24/07/2026

Sonia Mendes da Silva

A Sonia Mendes da Silva escreve sobre a violência racializada exercida pelas forças de segurança do estado na Galiza, tomando como estudo de caso o homicídio de Henry Carbonell Casimiro en 2023. A partir deste e de outros casos recentes, a autora analisa os mecanismos institucionais e discursivos que sustentam a produção e legitimação da violência contra pessoas negras.

“Perseguen un ser e non un facer. Perséguente non polo que fixeches, senón por quen es. É dereito penal do inimigo e aplícase neste momento histórico baixo criterios puramente raciais”

Pastora Filigrana (2024)

O presente artigo tentará dar mostra da intricada sutileza coa que funciona a violencia estatal contra corpos negros no territorio galego, mais tamén noutros lugares. Dita violencia inclúe prácticas de control, a institucionalización da sospeita racializada e outros modos de violencia explícita. Con este obxectivo en mente, tomarei como caso de estudo o desenlace fatal de Henry Carbonell Casimiro e o impacto do seu caso na comunidade galega.

Doce é un número sen máis dentro da infinidade de cifras que coñecemos, mais para algunhas persoas pode ter un significado simbólico. Doce son tamén os disparos efectuados para castigar os comportamentos erráticos dun home negro na mañá de nadal de 2023. Cinco deles impactaron no corpo de Henry. Pola mesma, o 25 de decembro adoita ser un día relativamente tranquilo, con moitas persoas espertando da resaca emocional que implican estas datas. No entanto, un home despídese deste mundo. Un derradeiro folgo no vórtice dun episodio psicótico que é mal interpretado polos policías como o comportamento corrente dun home negro violento. Henry é asasinado a mañá do 25 de decembro de 2023 no polígono da Grela (A Coruña). Un último acto de violencia institucional que lle arrebata a súa liberdade mentres intenta escapar da policía.

“Delincuente, violento, corpulento, moi agresivo” ou “un intento de asasinato contra a Policía Nacional” son algunhas das acusacións vertidas sobre a figura de Henry que podemos ler nos numerosos artigos publicados esa mesma mañá (en La Voz de Galicia, Diario de Cuba, El Progreso ou Galicia Press, entre outros) e días posteriores por uns medios de comunicación que, por desgraza, intentan “encubrir” a desastrosa intervención policial acontecida. En cuestión de horas, a maquinaria ponse en marcha para crear o estereotipo perfecto do criminal, para que ninguén sinta mágoa do desenlace final.

A historia de Henry descansa sobre as irresponsabilidades dun sistema de saúde ineficaz e as fantasías de negrofobia que operan sobre os corpos negros. Falamos do relato dun home cunha vida corrente, en Alcorcón, con apoio familiar e unha vida estábel. Nalgún punto da súa existencia, Henry desaparece da súa cidade e aterra na Coruña, Galiza. Non conta con rede familiar, mais transita a cidade como o facemos moitas outras persoas. Unha nai, desesperada, procura sen descanso o seu fillo, contacta con diferentes administracións que, ao amparo da lei de protección de datos, non lle revelan información vital. O seu fillo está máis ou menos localizado, mais non poden facer nada máis. Nunha ocasión trasládano a urxencias, medícano para que estea tranquilo e déixano marchar. Henry recibe a alta e esa será a súa sentenza de morte.

Por que non importa o que lles ocorra aos corpos negros neste contexto? Son importantes dúas variábeis para entendermos o que ocorre no contexto galego coa extrema indiferenza que existe cara ao sufrimento negro: por unha banda, a deshumanización procedente do colonialismo e a necesidade de construír unha representación do home negro salvaxe, primitiva, fóra do espectro humano – como teorizou Franz Fanon. Trátase dun marco que, a día de hoxe, segue a estar vixente a través da negrofobia ou a afrofobia. Entendemos por negrofobia, segundo a definición emitida polo Parlamento Europeo (2019), una forma específica de racismo, procedente do colonialismo e a trata de persoas escravizadas, baseado en prácticas normalizadas de deshumanización, exclusión, violencia e discriminación contra as persoas negras e/ou afrodescendentes.

Por outra banda, aparece unha segunda variábel, procedente do racismo institucional que teorizaron Carmichael e Hamilton no seu Black Power: The Politics of Liberation (1967), texto fundacional para entendermos as engrenaxes do racismo institucional que subxace o contexto norteamericano e como o racismo estrutura un sistema que discrimina de forma velada as persoas afroamericanas. O resultado de todo iso é unha sociedade anestesiada fronte ao sufrimento negro. Varios son os casos, nos últimos anos, de asasinatos cometidos pola policía contra persoas negras con problemas de saúde mental no Estado español, sendo os máis recentes os de Abdoulie Bah ou Isaa Munkaila. O acontecido a Henry Carbonell Casimiro foi o caso desta natureza con maior repercusión na Galiza. Estes tres exemplos demostran que nos atopamos perante un patrón consistente: a persistencia de encontros policiais letais para a poboación negra e a escasa atención e xudicialización deste tipo de casos.

A lóxica do asasinato dos corpos negros e o seu escrutinio público escapa á xustiza e iso é algo demasiado común. Un exemplo diso son os diferentes casos de violencia policial denunciados por SOS Racismo Galicia (2018-2024) desde hai anos respecto ás actuacións indebidas e a racialización institucional que sofren colectivos de persoas como as manteiras ou persoas que se dedican á venda ambulante. Resulta paradoxal que os corpos negros sexan obxecto dunha vixilancia policial constante e, ao mesmo tempo, dunha neglixencia sistemática das súas doenzas, concorrendo deste xeito no que Achille Mbembe denominou “necropolítica” (2003). Esa soberanía sobre a vida e a morte das persoas negras é corrente no Estado español: Mamouth Bakhoum morreu afogado en 2024, intentando escapar da policía; Mame Mbaye morreu dun infarto en 2018, escapando da policía; e Mor Sylla morreu ao caer dun balcón en 2015, durante unha operación policial. Por non falar do abandono e maltrato que sabemos ocorre nos CIES. Lembramos, por exemplo, a morte de Samba Martine en 2011 no CIE de Aluche tras sufrir unha infección grave da que non foi tratada ou mesmo as mortes de Tarajal en 2014. É o mesmo criterio que se impón para o caso de Henry Carbonell Casimiro.

No contexto galego topamos cunha clara problemática. A pesar de que organizacións como SOS Racismo Galicia levan anos documentando casos de violencia policial contras as persoas negras e racializadas en diferentes informes, existe un forte baleiro de produción científica académica e institucional, con datos “oficiais”. Este baleiro dificulta a posibilidade de chegar a sabermos a verdadeira magnitude do fenómeno.

A xustiza na comunidade galega é implacábel e o recorrente resultado de casos arquivados desta índole demostran a impunidade penal que posúen as intervencións policiais violentas e desproporcionadas. Un exemplo significativo é o caso denunciado en 2011 pola Asociación “Sen Papeis” da Coruña, co apoio do Foro Galego da Inmigración e o acompañamento xurídico da Oficina de Información e Denuncias de SOS Racismo Galicia. A denuncia referíase a unha actuación de violencia policial contra integrantes do colectivo senegalés da cidade, que deu lugar a un procedemento xudicial. Entre os feitos denunciados figuraban o acoso e represión contra o colectivo migrante e o uso da arma regulamentaria, por parte de axentes da policía local contra unha das vítimas, por negarse a entregar unha bolsa da súa propiedade.

Tamén na cuestión que nos incumbe atopámonos cunha revelación perturbadora. A xuíza do caso de Henry, motu propio e sen intervención do fiscal do xulgado, decide que non hai delito e que o policía actuou no cumprimento dun deber. Deste xeito, a lexítima defensa do modo de actuación policial pesa máis do que o deber de socorro dun home que non confrontou directamente os policías e que, no momento fatídico, padecía un episodio psicótico froito dunha enfermidade esquizofrénica diagnosticada. Tanto a súa nai, Daisy Casimiro, como SOS Racismo Galicia interpuxemos un recurso e seguimos pendentes da resolución.

A comparecencia de SOS Racismo Galicia como acusación popular no caso, así como o consecuente apoio brindado a Daisy Casimiro, son un síntoma máis da necesidade de crearmos redes sólidas de apoio antirracista, tal e como o demostra a propia orixe da función de SOS Racisme na Francia ou as diferentes delegacións que se van abrindo en países como Portugal, Italia, Bélxica ou Noruega. Algunhas delas están inactivas ou desapareceron, máis no seu momento foron vitais para resistir e enfrontar o avance da extrema dereita e defender os dereitos humanos das comunidades racializadas en diversas xeografías europeas. No caso galego, esta solidariedade antirracista foi consolidada con entidades galegas de defensa dos dereitos das persoas migrantes, como, por exemplo, o Foro Galego da Inmigración, a Casa Comunitaria Aluande, a Asociación de Movilidad Humana, a Asociación Gallega del Colectivo Mexicano, o colectivo Resistencia en Terra Allea e BDS, xunto con outros colectivos antirracistas afrocentrados como Uhuru-Valencia ou Resistencia Migrante Disidente, quen, en coordinación cos grupos galegos aludidos, saíron a denunciar a morte de Henry para enfrontar o silencio penal e social.

A día de hoxe temos unha sociedade polarizada e cansa, na que semella que xa non quedan moitos folgos para acompañar e condenar enerxicamente o ocorrido esa mañá de decembro. En 2020 berramos por George Floyd e aprendemos a identificar claramente as consecuencias fatais da violencia policial nas vidas negras. Mais esa determinación esvaeceu cando tocou mobilizarse por Henry e adoptar unha postura activa contra as inxustizas raciais que seguen operando entre nós.

A Galiza sempre se recoñeceu como unha comunidade con herdanza migrante, vulnerada ou oprimida, entendida en moitos casos a través das teorías do colonialismo interno. Mais cómpre revisar as lóxicas e comportamentos racistas que acotío se reproducen no contexto galego. Hoxe ficamos á espera dunha resposta ao recurso interposto no caso de Henry Carbonell Casimiro que garanta a celebración dun xuízo, e esiximos as responsabilidades que corresponden. Aínda estamos a tempo, compañeiras. Non é tarde.