Unha intimidade común: rexouba e reescritura en Begoña Caamaño

Branca Trigo Cabaleiro
30/10/2026

Branca Trigo Cabaleiro

A Branca Trigo analisa como a Begoña Caamaño, através da sua produção literária, reescreveu mitos clássicos a partir de uma perspetiva feminista. Usando a amizade, a rejouba e a intimidade entre mulheres como ferramentas de resistência e transformação social, Caamaño logrou recuperar vozes silenciadas e questionar as narrativas literárias e históricas tradicionais.

Este ano que remata homenaxeouse co Día das Letras Galegas a Begoña Caamaño, escritora e xornalista viguesa que deixou, tras o seu pasamento temperán, moreas de persoas achegadas que puideron falar dela de primeira man. Con esta aproximación á obra novelística de Caamaño, propoño unha vía para repensar a historiografía literaria galega que teña en consideración os saberes producidos e transmitidos á marxe dos modelos hexemónicos de canonización. Desde unha perspectiva feminista, tomo como referencia o propio exercicio narrativo que leva a cabo a autora ao resignificar figuras estigmatizadas a través da construción dun relato colectivo.

O nome de Caamaño sempre aparece vinculado á amizade. É destacábel que, no seu primeiro cabodano, se lle dedicase á autora a obra titulada O libro das amigas (2026), un volume conformado por textos de vinte e catro autoras que buscou ser “celebración do encontro rememorado, […] emulsión que amose outra forma de estar xuntas, con ela”. Foi editado polas súas amizades en 2015 e o Consello da Cultura Galega publicou en 2026 a edición facsimilar en aberto. Mais este ano que remata, Begoña Caamaño non só chegou a nós a través do discurso institucional.

A interpretación polifónica da biografía e a obra de Caamaño opera de maneira análoga ao exercicio de reescrita que a autora leva a cabo nas súas novelas. Asistimos á elaboración dun retrato cubista e comunal (ao que pretendo achegar algunhas outras voces ao longo deste artigo) a partir da amizade, o comadreo e a rexouba.

Refírome aquí á rexouba segundo a definición que proporciona Karen Adkins no libro Gossip, Epistemology, and Power: Knowledge Underground (2017), onde fala desta práctica como unha conversa informal e valorativa que xorde en parellas ou pequenos grupos que comparten un certo grao de intimidade, confianza ou un contexto compartido.

Non pensas que é chegada a hora en que nós as dúas falemos devagar e pois que unha sabe da outra os máis terríbeis segredos, abramos de vez os nosos corazóns para ver de entender que foi o que arrasou as nosas vidas e acabou coa nosa felicidade? Que estrañas forzas se aliaron para facérmonos ás dúas tan desgraciadas?

Señora, non sei o efecto que causará en vós esta carta nin as consecuencias que terá para min. Sei que con ela podo ser eu a causante de que aniñe no voso peito unha dor infinda e tamén que podo abrir as portas á miña propia desgraza. Mais non podería sentirme digna da felicidade que agora posúo de non vos facer partícipe da verdade.

Así se inauguran os espazos de intimidade das protagonistas, Morgana e Circe, nas novelas de Begoña Caamaño Morgana en Esmelle (2012) e Circe ou o pracer do azul (2009). Así se inauguran os espazos de intimidade das protagonistas nas dúas novelas. Por unha parte, un cuarto pechado para Morgana e Xenebra; pola outra, unha relación epistolar para Circe e Penélope. Estabelécese en ambos os dous casos unha relación verbal entre figuras femininas enfrontadas na mitoloxía que permite que poñan en palabras unha perspectiva diferente desde a marxe do relato.

Sobre o potencial da rexouba achega a súa perspectiva Emily Guerrero no artigo “Gossip as Practice, Gossip as Care: Affective Information Practices in the Archives” (2022). Nel, a autora defende que este sistema de comunicación afectivo e profundamente relacional (unha práctica feminizada, infravalorada e demonizada) non deixa de ser unha ferramenta para construír desde o colectivo un arquivo e unha comunidade de coidados. Ben é certo que podemos encadrar nesta modalidade discursiva o malfalar e os rumores daniños empregados como instrumentos de exclusión social. Porén, non sorprende que unha práctica asociada ás mulleres fose desacreditada polo saber común, as súas vertentes desatendidas pola academia e a súa riqueza ignorada pola historia.

Fragmento de na eternidade, as nosas amigas ardentes de Rebeca Lar.

Silvia Federici afonda neste proceso de estigmatización no seu Mulheres e caça às bruxas: Da Idade Média aos dias atuais (2019). Para iso, ao igual que Adkins, pon o foco sobre a evolución da palabra inglesa para “rexouba”: gossip. Procedente da composición entre as palabras do inglés antigo para “deus” e “parente”, gossip empregábase cun significado semellante ao galego “comadre”. A autora relaciona o cambio semántico de gossip coa súa investigación sobre a caza de bruxas e pon de manifesto como durante os xuízos non só se perseguiu a amizade entre mulleres, senón que mesmo se obrigou as procesadas a acusarse entre elas mediante tortura, desprestixiando a súa relación. Desta maneira, pódese trazar unha conexión entre a caza de bruxas e a asociación dos vínculos entre comadres coa falsidade e a calumnia.

Xa que logo, resulta significativo que as protagonistas das novelas de Caamaño, Morgana e Circe, sexan feiticeiras, como tamén o é que as súas interlocutoras, Xenebra e Penélope, se identifiquen tradicionalmente co arquetipo antagónico do anxo do fogar. A autora propón un xeito de entender as personaxes femininas como seres complexos máis alá do que delas puido quedar escrito e dunha competitividade imposta que historicamente dinamitou as dinámicas comunitarias femininas, como se aprecia no seguinte fragmento de Morgana en Esmelle (2012):

O meu nome é Morgana. […] Morgana, a filla de Garlois. A irmá do rei. A sabia. A druída. A meiga. A fada. A bruxa. A puta. Chamádeme como queirades. Tanto ten. Son todas e non son ningunha, que en cada unha desas Morganas, e de tantas outras como poidades imaxinar, hai parte da miña esencia, pero eu son máis, moito máis do que a súa suma ou o seu conxunto.
Eu son Morgana e esta é a miña historia. Contada por min mesma, coa miña voz. A única historia en que me vexo e en que me recoñezo. Por máis que haxa quen lembre doutro modo os feitos.

Federici anota no xa citado Mulheres e caça às bruxas: Da Idade Média aos dias atuais (2019) que, en lugar de ser vista como unha maneira de preservar e legar o coñecemento, a conversa entre mulleres de clase baixa (engadiría, por extensión, persoas non inseridas na masculinidade branca hexemónica) foi marcada como algo malicioso, privándose ao suxeito subalterno de definir a súa propia experiencia. Begoña Caamaño recupera nas súas novelas a capacidade das mulleres para se contaren e explicita a capacidade da palabra para transformar a realidade. Así, acontece en Morgana en Esmelle que as voces de Viviana e Merlín se enfrontan engaiolando con lendas e vaticinios o pequeno Artur para que se axuste á súa estratexia, ideoloxía e relixión, determinando o destino de Camelot e demostrando que, mesmo para dous druídas, o xeito en que se conta a historia é unha ferramenta política máis poderosa que calquera meigallo.

A escritora viguesa traballou en ambas as súas obras narrativas a reescritura dos grandes mitos “desde unha clara perspectiva de xénero que non só leva a enfatizar aquilo que a tradición silenciou, senón tamén a formular desde o feminismo a utopía de cambiar o mundo”, en palabras de María Xesús Nogueira, que, xa no seu artigo “A (re)escritura feminista. Notas sobre Begoña Caamaño” (2016), fai fincapé na potencia subversiva da intimidade entre as dúas protagonistas da ópera prima da autora. Na súa correspondencia, sempre con perspectiva de xénero, Circe e Penélope rexouban acerca da violencia experimentada por personaxes clásicas como Medea, Helena, Clitemnestra e Andrómaca, e tamén acerca das experiencias propias:

Vou, miña prezada amiga, abrirvos totalmente o meu corazón e contarvos os segredos máis profundos da miña alma. […] É certo, nunca dixen non, nunca me queixei, mais todo o meu corpo era xa unha negativa e toda eu era unha súplica que el non quixo, ou non soubo escoitar.
[…] Miña señora, miña irmá, sabedes agora por que non hei poder nunca amar o home que amades.

No fanzine Gossip as a site of resistance (aka how survivors use gossip as a strategy to share info, seek support, & protect one another) (2018), Karina Hagelin defende a rexouba coma unha forma de “intimidade feita arma” sandadora e reparadora para as vítimas de violencia sexual, facendo coincidir diferentes achegas sobre o gossip, os medios rizomáticos e a autoedición no mesmo punto ao que chega Caamaño en Circe ou o pracer do azul (2009) cando a raíña de Ítaca remata a novela pensando que “grazas ás cartas de Circe era máis forte, máis sabia e non volvería ser tan submisa”.

A reescritura, a rexouba, a resistencia comprenden estratexias que implican traballar baixo, sobre ou a través dun discurso alleo e alienante. Atopamos en Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle un reflexo dentro do noso sistema literario de propostas prácticas coma a de Hagelin ou críticas coma a de Danielle Magalhães no seu texto “Do segredo à fofoca: mulheres que reescrevem a história na poesia brasileira contemporânea” (2021), en que se concibe a rexouba como un desprazamento do segredo derridiano en favor dunha alianza coas vítimas sacrificiais.

Este ano que remata, rexoubamos sobre unha autora que abrazou a literatura como instrumento para, como se recolle en O libro das amigas (2026), “crear espazos de xustiza e liberdade máis semellantes ao mundo no que desexaría vivir”, dentro dun “compromiso colectivo” coas voces que quedaron nas grandes historias á marxe do segredo. Tendo en conta que Begoña aínda ten moitas comadres, estas Letras Galegas e as súas homenaxes rematan co ano, mais a rexouba, máis do que nunca, permanece. E con ela, Caamaño.