Un Pacífico Occidental español: o papel da antropoloxía na Galiza autonómica

Pablo Pesado
10/06/2022

Pablo Pesado

Cal foi o papel político da antropoloxía durante a Transición e o primeiro período autonómico? Pablo Pesado analiza neste artigo o boom da antropoloxía galega neste período e o papel ambivalente que xogou na conformación dun imaxinario entre o nacional e o rexional. 

Desde o século XIX até os nosos días a etnografía, a folclorística e a antropoloxía tiveron un papel paradoxal e bifronte no relacionamento entre ciencias sociais e poder político. En tanto que instrumentos dirixidos a interpretar un Outro subordinado, constituíron inequívocos dispositivos de dominación e contribuíron para a fixación e para a reprodución dese mesmo estado de subordinación. Por outro lado, etnografía, folclore e a antropoloxía foron movimentadas polos propios grupos subalternos para levaren a cabo proxectos de construción nacional. Esta dupla produtividade, o potencial para articular fins políticos simetricamente contrarios, explica tamén que desde a súa orixe esas disciplinas fosen o escenario de constantes loitas simbólicas.

O lugar da antropoloxía no conflito nacional entre Galiza e España é coherente co diagnóstico anterior, e éo desde a súa mesma aparición. Nas bases da fundacional Sociedad Antropológica Española de 1865 xa figuraba como un dos obxectivos preferentes estudar as «Razas aborígenes de la Península española y de las islas Baleares y Canarias». Do mesmo modo, cando Antonio Machado y Álvarez fundou en 1881 El Folk-Lore español. Sociedad para la recuperación y estudio del saber y las tradiciones populares visaba crear un órgano central de que dependesen sociedades máis pequenas sediadas en cada «rexión» española; un organigrama que transparenta con clareza o funcionamento da disciplina nun contexto como o español: definir etnicidades secundarias que puidesen ser subsumidas nun ethnos españolúnico. Nas bases da sociedade era enunciado o seu fin último: «la reconstrucción científica de la historia de la patria […] una institución de interés verdaderamente nacional, que debe ser favorecida y apoyada por todos los buenos españoles».

A primeira iniciativa formal galega dedicada ao estudo do folclore naceu como módulo daquela sociedade, grazas ao entusiasmo inicial de Manuel Murguía e a colaboración posterior de Emilia Pardo Bazán, quen sería a súa presidenta. Aparecía así a «Sociedad del Folk-lore Gallego», que se disolvía en 1905 para dar lugar á Real Academia Gallega. Desde o seu mesmo inicio a institucionalidade cultural galega estivo intimamente ligada á etnografía e, máis en particular, aos proxectos folclorizadores españois, feito que terá continuidade no tempo e un forte impacto na nosa codificación identitaria e lingüística. 

Aínda que cada vez sabemos máis do fenómeno antedito no período franquista, o certo é que fica por estudar a fondo o papel político da antropoloxía durante a Transición e o primeiro período autonómico. A chegada do Estado das Autonomías implicou un verdadeiro surto de iniciativas etnográficas de alcance rexional; adoptada finalmente a fórmula do «café para todos», as Comunidades Autónomas resultantes comezaban a precisar de trazos caracterolóxicos con que defenderen a súa especificidade e fomentaren a adhesión dos seus cidadáns —tamén, con certeza, para daren utilidade ás respectivas Consellerías de Cultura. Os museos etnográficos, as sociedades antropolóxicas e os congresos sobre folclore rexional comezaron a inzar na xeografía estatal nos últimos anos da década de 70 e sobre todo na de 80.

Este proceso de constitución de antropoloxías subestatais foi ollado desde parte da antropoloxía disciplinar española con grande escepticismo, pois tería levado á constitución de elites antropolóxicas locais comprometidas con fins políticos e particularistas e non puramente científicos. Mais un balanzo máis xusto do impacto e funcións da disciplina na Transición pasaría por comprender que, embora a antropoloxía axudase a consolidar rexións alí onde previamente eran fracas, serviu tamén para fins opostos onde xa existían nacionalismos alternativos.

En primeiro lugar, a constitución da nova identidade antropolóxica galega non partiu da Galiza mais, como xa acontecera a finais do XIX, do propio contexto español. Refírome ao labor de Carmelo Lisón Tolosana, quen pasaría a ocupar un papel absolutamente central na antropoloxía española despois da publicación do célebre libro Antropología cultural de Galicia en 1979. Dada a ausencia de implantación académica no Estado da disciplina e a carencia de recursos para facer traballo de campo en locais remotos, os galegos podían servir como substituto económico dos nuer dun Evans-Pritchard, e Galiza actuar como o Pacífico Occidental dun Malinowski. Críticas semellantes —a miúdo puntuais e sen demasiado eco— foron feitas por vultos da antropoloxía galega na altura, como Xosé Manuel González Reboredo, Francisco Calo Lourido ou Marcial Gondar Portasany. En síntese, o ollar exotizante da antropoloxía española debía ser corrixido por unha ollada «autocentrada» que sería quen de rachar co seu carácter rexionalizador. Deamos, pois, unha vista de ollos ao que aconteceu na antropoloxía galega após a Transición para calibrar os resultados dese proxecto autocentrado, seguindo as distintas panorámicas elaboradas por José Antonio Fernández de Rota y Monter, Xosé Fuentes Alende, Xerardo Pereiro, António Medeiros e Nieves Herrero.

En 1977 fundouse o Museo do Pobo Galego —proxecto en que pobo, como costume na nosa historia conceptual, significaba apenas sociedade agraria tradicional—, un dos pioneiros nese proceso de museificación autonómica no Estado a que xa me referín; sería continuado por outros museos etnográficos que máis tarde acabaría centralizando. Despois da fundación do Consello da Cultura Galega (1983) logo desenvolveu unha sección interna dedicada á antropoloxía (1986) que foi moi produtiva na divulgación de textos e na organización de congresos. O Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento converteuse axiña nunha plataforma central dos estudos antropolóxicos galegos, ámbito en que xa contaba con experiencia; mais mesmo institucións afastadas da disciplina como a RAG, o ILG ou a Fundación Barrié dedicaron esforzos á recollida etnográfica ou a súa publicación. No nivel político-administrativo, non apenas a Consellería de Cultura e Xuventude desenvolveu unha Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental e unha Dirección Xeral de Cultura que encargaron e subvencionaron estudos etnográficos; tamén o fixeron a Consellería de Industria e Enerxía, a de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e a de Turismo, Xuventude e Deportes. No plano académico, a mediados da década de 70 apareceu a primeira materia universitaria de antropoloxía —dentro da titulación de Filosofía e Ciencias de la Educación en Santiago de Compostela— e comezaron a ser dirixidas as primeiras teses doutorais na área. Froito desta primeira institucionalización universitaria tanto estatal como autonómica e da recuperación xeral da disciplina foi a aparición de abundantes monografías, algunhas das cales se converteron en verdadeiros clásicos do ensaio galego da altura, como o Romeiros do alén de Gondar Portasany (1989) —Premio da Crítica de Galicia de Ensaio e Pensamento no ano 1990.

Esta breve revisión histórica podería ser complementada, con certeza, cunha outra que atendese a como certos cadros antropolóxicos gozaron dunha enorme capacidade de planificación cultural, ao situárense en postos de mando de moitas das iniciativas e institucións mencionadas —a título de exemplo, Antón Fraguas, Filgueira Valverde ou González Reboredo. É suficiente para mostrar, no entanto, que a antropoloxía galega experimentou un verdadeiro boom na altura e que foi incentivada desde a maioría dos ámbitos institucionais galegos. Perante estas evidencias, cómpre preguntarse se o activísimo fomento dunha antropoloxía inequivocamente «autocentrada» serviu para fortalecer o proceso de construción nacional galego. A resposta, acho, é negativa ou, no mínimo, moi matizada. 

O nacemento da Comunidade Autónoma galega, coas súas institucións e elites culturais anexas, supuxo o primeiro momento na historia contemporánea da Galiza en que esta posuía administración, Parlamento e política cultural autónomos. Era preciso delimitar que era exactamente a Galiza, para onde se ía dirixir e difundir o resultado entre unha poboación que por primeira vez disporía dunha autoimaxe oficial. Nese escenario, cumpría persuadir as novas elites autonómicas e a poboación galega xeral para continuaren a aceptar o rol de rexión española asignado polo poder estatal desde o liberalismo gaditano, asentado con suceso definitivo no período franquista. O investimento público na antropoloxía serviu como sucedáneo de proxecto de construción nacional, formando así un nós a partir de materiais fracos e escasamente conflitivos. Por outras palabras, a disciplina foi empregada para formar unha nova identidade española na Galiza formada por un núcleo baleiro e invisíbel definido como español, capaz de asimilar as experiencias da modernidade e da vida urbana, e un suplemento galego hipercaracterizado que apenas pode ser feito valer en contextos ritualizados e anexos á tradición popular: gastronomía, música tradicional, relatos sobrenaturais, pegadas arqueolóxicas.

É indubidábel que a eficacia desa estratexia do poder autonómico non tería sido tal sen a colaboración dese galeguismo resiliente ou moderado que en termos xerais ocupou a institucionalidade cultural e que, desconfiado por natureza de toda articulación política, viu unha oportunidade para difundir o chamado “carácter diferencial” sen rachar os consensos que permitiran o seu propio poder institucional e o seu capital simbólico. Mais tamén cómpre lembrar que os sectores máis resistentes e próximos ao autodeterminismo se achegaron igualmente á disciplina na procura dunha definición clara da nación galega. Daban así nova vida a unha perniciosa idea herdada do pre-guerra: que a galeguidade consistía apenas nas prácticas e cosmovisións de labregos, mariñeiros e, se callar, operarios —puntos de vista que foron obxecto de consenso desde as primeiras brochuras da UPG até, no mínimo, a Posición Luís Soto da FPG (1992). A preeminencia do concepto do nacional-popular na produción teórica galega de corte emancipatorio contén sombras imagolóxicas que fican por debater.

Hai tempo que a antropoloxía disciplinar galega denuncia a falta de recursos e  amparo administrativo que sofre. Todo parece indicar que, definitivamente desaparecida a sociedade agraria tradicional galega, o apoio por parte do goberno autonómico á investigación especializada diminuiu considerabelmente. A visión antropolóxica pasadista herdada continúalle a resultar moito máis útil do que o ollar antropolóxico académico contemporáneo. Pois este último tería, con certeza, as ferramentas para cuestionar vellos consensos. Entrementes, tanto o discurso político como o estético reproducen resultados de épocas de que moi logo xa non ficarán testemuñas directas, e o desfase entre o que somos e o que din que somos continua a crecer. Non parece que ese descolamento estea a conducir a un escepticismo maioritario sobre a identidade marcadamente etnográfica que herdamos e que, a miúdo de maneira despropositada, todas contribuímos a reproducir.