A grande crise da segunda década do presente século tivo efectos no sistema galego de partidos, que ficara vinte anos inalterábel até o 2012. A aparición e clausura do ciclo político inaugurado por AGE abriu un tempo de innovación na esquerda galega, que precisa dunha análise delongada para aprendizaxes futuras.
«Hai outros mundos, pero están neste».
Paul Éluard
O 12 de xullo de 2020, tras a maior caída electoral rexistrada na historia contemporánea de Galiza, superando as do PCG e Coalición Galega, chega ao seu fin o ciclo iniciado no ano 2012 coa irrupción de Alternativa Galega de Esquerdas no Parlamento galego. A desaparición de Galicia en Común, que apenas consigue achegarse ao 4% de voto, pese a ser herdeira directa dos 14 deputados de En Marea do ano 2016, marca a fin do proceso. O relato construído sobre esta caída baseouse no argumento da existencia de múltiples diferenzas internas que, trasladadas á opinión pública, transmitiron unha imaxe de caos e falta de credibilidade. Sempre segundo este relato, estas diferenzas no seo da coalición serían a causa fundamental da desfeita electoral. Porén, este é un eufemismo reiterado e accesíbel que encobre outro tipo de carencias de índole política e organizativa, para as que cómpre unha explicación máis delongada. A caída veu revelar as enormes inconsistencias existentes –e nalgúns casos deliberadas– nunha opción electoral que até o momento fora unha fórmula de suceso en termos cuantitativos. As ditas inconsistencias non eran recentes, senón mutacións dos erros cometidos nas primeiras fases da implantación e presentes até o final.
A división temporal das ditas fases poderíase trazar fundamentalmente en tres etapas:
A primeira, que transcorreu de 2012 a 2015, comezou coa irrupción de AGE no Parlamento Galego. Este foi un momento marcado pola insistencia en dous principios discursivos. O primeiro é o da impugnación constante, co obxectivo de dar continuidade institucional ás mobilizacións do 15M. Tal principio cristalizou nunha actitude de protesta continua e de deslexitimación do discurso dominante. O segundo veu determinado pola necesidade da atinxir grandes acordos entre forzas distintas arredor unicamente dun programa electoral, ao tempo que se anunciaba unha oposición máis contenciosa que a realizada por PSOE e BNG na lexislatura 2009-2012.
Unha segunda etapa, a transcorrida entre os anos 2015 e 2019, estivo marcada pola tentativa de tradución do discurso impugnatorio á toma de posicións de goberno nas eleccións municipais de 2015 e, posteriormente, nas autonómicas de 2016. Nesta fase téntase solucionar algunhas das maiores eivas do proceso, como o era a cuestión fulcral de construír algún tipo de organicidade arredor da representación institucional.
Na terceira e última etapa, xa nos anos 2019 e 2020, abandónase toda tendencia impugnatoria ou gobernista, para os esforzos centrárense unicamente en actuar como caixa de resonancia do goberno de coalición entre PSOE e UP formado tras as eleccións de novembro de 2019. Esta fase veu sendo a manifestación última do esgotamento das dúas anteriores e chegouse a ela logo do impacto producido pola derrota nas municipais de 2019, que lle extirpan a este espazo electoral o seu meirande capital simbólico: o goberno das tres cidades da provincia da Coruña.
Os distintos cambios que marcaron a transición entre a primeira e a segunda fase obedecen a cuestións moi conxunturais. Na inicial, existía a necesidade de tradución institucional do 15M e a oportunidade de aproveitar as situacións de crise nos partidos de oposición ao PP. Cumpría responder, asemade, á debilidade dos gobernos locais do Partido Popular, da que derivou en parte o éxito electoral nas municipais de 2015. A ambos os dous factores sumouse a necesidade de incorporar máis e novos actores. Mais tamén foron determinantes un feixe de elementos endóxenos que explican a chegada á fase final de colapso. Enuméroos a seguir.
En primeiro lugar, cómpre considerar a cuestión do proxecto político. Para alén das conxunturas que levan a calquera forza a ir evolucionando na súa axenda en función dos ciclos, a falta de capacidade para superar o momento inicial de impugnación, é dicir, de ter constituído unha opción electoral para protestar, fixo imposíbel xerar un único discurso recoñecíbel para o público. Isto deixa ao descuberto dous problemas: a dificultade para evolucionar discursivamente, o que converte o relato en predicíbel, e tamén a ausencia dun «plan» a longo prazo, plasmado nun proxecto real e realista, que aterre esa impugnación e achegue solucións e iniciativa.
A falta desa evolución impide acompasar as grandes batallas discursivas coa política do día a día. Sirva como proba disto que non son as grandes batallas culturais e ideolóxicas da dereita as que derrotan os gobernos municipais das Mareas, que estaban moito máis cómodas discutindo co adversario sobre Venezuela que sobre a recollida do lixo. Tamén se deixou ver a falta dun horizonte estratéxico claro e compartido. Os horizontes estratéxicos, os grandes ideoloxemas que conforman o ADN das organizacións políticas, son necesarios por moitas razóns. Xeran afinidades, dotan dunha identidade, cohesionan e atraen persoas e achegan un programa de acción –un sentido común– tanto á organización como á súa contorna. A carencia dese horizonte levou a apostar todo este potencial de atracción aos grandes impactos comunicativos, nun estado de campaña constante, moi marcado pola actualidade. Mais a actualidade non sempre dá de si para unha sucesión de golpes de efecto. A teima nesta táctica, que resultou cómoda no inicio porque había liderados moi capaces de atraer atención, tamén impediu unha adaptación da axenda aos tempos correntes. Malia isto ser así, mantívose o carácter contencioso cando as demandas e os tempos do electorado aparentaban ser radicalmente distintos. Cómpre lembrar que o arco temporal referido comeza nun momento en que os catro estados do sur de Europa habitan a ameaza de seren «rescatados» pola UE, pero mantense nos momentos en que existe unha percepción cidadá de relativa recuperación económica. O discurso feito para a emerxencia parecía valer tamén para a falta dela.
A falta dese horizonte compartido tamén se explica pola colisión de conceptos moi distintos sobre o país. Neste conxunto houbo lugar para actores que procuraban outras formas de intervir no país, ao que lle outorgan a condición de nación ou, como mínimo, de entidade política. Mais había tamén outros actores que consideran a política autonómica –e a política feita no territorio da autonomía– unha cuestión menor e indisociábel da dinámica do Estado.
A grande e vella pregunta sobre a sociedade nova desexada quedou, por tanto, sen resolver.

Nun segundo lugar, cómpre reflexionar sobre a necesidade de organización, outra cuestión clásica e dificilmente disociábel da anterior. No comezo, esta cuestión tivo unha considerábel centralidade no relato, quizais pola fascinación de época coa experiencia grega de Syriza, o vector da confluencia. Confluencia para protestar ou confluencia para gañar, pero confluencia entendida como a conformación de frontes electorais de organizacións de esquerdas. Esta confluencia atravesou dous momentos: o da coalición AGE e o do partido En Marea. Na primeira fase maniféstase xa algunha tensión arredor da necesidade de construír organicidade –apertura–, o que rematará callando na posterior constitución de En Marea, de adscrición individual e con máis actores. Sendo estes dous os de maior interese, ao ser o terceiro (Galicia en Común) un mero acordo de cotas entre distintas forzas.
Durante ambos momentos maniféstase o fracaso a respecto dun dos ítems máis reiterados durante o 2012: a necesidade de mudar a cultura partidaria da esquerda en Galiza. E faino en varios aspectos. Por unha banda, a anunciada tentativa de modificar a relación entre representante e representado que, porén, non evitou a ruptura constante do mandato outorgado e a reiterada división de grupos institucionais. Por outra banda, a carencia total de mecanismos culturais de resolución de conflitos, eiva que se manifestou con maior intensidade na época de En Marea. Por último, cabería salientar o esgotamento do relato da unidade, que en moitas ocasións xerou a imaxe de que en calquera das fases se estaba perante un acordo unicamente táctico ou electoral, non político.
Seguindo coa organización, a outrora deostada cultura partidaria estaba fundamentada nunha lóxica de diálogo e negociación que nunca se manifestou, sendo imposíbel resolver ningún asunto sen ser por maioría. Esta dificultade viuse agravada polo feito de que nunca se chegou a conseguir que a apelada adscrición individual se chegase a manifestar. Isto deu lugar a unha lóxica de polos e de cotas nos órganos colexiados. Esta disfunción chegou a ter certas semellanzas (sobre o papel) coa da representación galega do PSOE: un poder local forte por un lado, unha dirección nacional polo outro, e por riba de ambos unha representación no Congreso totalmente autonomizada –tema non exento de conflito– das dinámicas do conxunto.
Esta forma organizativa, filla da guerra relampo, foi tamén inimiga do repouso e da pausa, de natural impaciente e con dificultades para comprender que os liderados precisan tempo, mesmo para ser substituídos. As grandes asociacións de persoas sostéñense, achamos, en base á integración e comprensión das contradicións, non no debate constante.
O resultado da carencia de organización produciu unha feble capilarización na sociedade, o que deixa un único terreo onde dar a batalla: a esfera pública e institucional. Isto xerou unha obsesión coa táctica e unha disonancia notábel entre a capacidade para dirixirse a grandes faixas do electorado e, en paralelo, xerar unha base militante. Tentouse innovar neste sentido, a través da creación dunha figura pensada para aquelas persoas con menos posibilidades para achegar compromiso político, os asinantes/inscritos, que virían substituír a tarefa áspera e cotián do militante. Mais tal feito non conseguiu que se achegasen máis persoas de xeito activo ao proxecto. Sen ser este un axioma aplicábel á totalidade de organizacións que o compuxeron, si o é ao espazo no seu conxunto.
Abrollou deste xeito un problema sobrevido: a inexistencia de defensas, xa que as estruturas organizativas ademais de dotar de iniciativa, tamén teñen unha función de abrigo nun ambiente hostil. Sirva como exemplo disto a dificultade das Mareas municipais para sosterse unicamente sobre a andamiaxe propia, sen un polo nacional que lles conferise certo soporte desde fóra, algo que non lle ocorría ao resto dos seus competidores.
Programa, proxecto e organización. A política denominada «nova» xurdiu ao abeiro de grandes mobilizacións para impugnar o estado de cousas, pero tamén querendo experimentar novas maneiras de oporse a elas. Como se fose un paradoxo, non foron problemas novos, senón dos chamados «clásicos» os que a acabaron entrampando. Un ciclo no que se quixo innovar pero no que puido máis a turbulencia e acabouse anhelando a solidez. O que ficou atrás non é o fin de traxecto dunha serie de organizacións, senón o dun fenómeno: a política relampo. Tempo para a pausa, o longo prazo e as certezas.