Com base no projecto de investigação realizado na Universidade de Santiago de Compostela, as linguistas Gabriela Prego, María Caamaño, Marta Estévez e Luz Zas oferecem uma reflexão sobre a superdiversidade linguística nas escolas galegas e como aproveitar este contexto para reposicionar a língua galega como actor essencial para uma educação linguística inclusiva e equitativa
A Olímpíada Trocando Linguas: unha iniciativa de EquiLingGaliza
O pasado 2 de maio celebramos na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a Olimpíada da diversidade: Trocando Linguas, unha xornada de reflexión e lecer, concibida como as primeiras olimpíadas celebradas no ano 776 a. e. c, isto é, como un espazo de xogo, de reunión, de harmonía, de paz e de entendemento. A Olimpíada Trocando Linguas foi a actividade final das diferentes tarefas de investigación participativa e de transferencia que desenvolvemos no curso académico 2023–2024 no marco do proxecto de investigación I+D+I EquiLingGaliza: Espazos de transformación sociolingüística no contexto educativo galego: axencia dos falantes, repertorios multilingües e prácticas (meta)comunicativas, que aborda a diversidade lingüística conectada coa migración na Galiza actual.
Os obxectivos da actividade de investigación-participativa Trocando Linguas foron: (1) ofrecer ao estudantado recursos para investigar e reflexionar sobre a diversidade lingüística e a intermediación lingüística en contextos multilingües; (2) trocar experiencias lingüísticas; (3) partillar os repertorios lingüísticos a través de xogos e dinámicas baseadas na expresión dramática, nas emocións e na intermediación lingüística; (4) crear espazos transxeracionais para que maiores con traxectorias migratorias traballen cos estudantes, co obxectivo de que tomen conciencia sobre os problemas comunicativos e a intermediación lingüística en escenarios multilingües; (5) visibilizar no espazo público a realidade diversa dos repertorios lingüísticos da contorna para pór en valor a diversidade lingüística da comunidade e as súas competencias plurilingües.
Neste marco, o estudantado do IES Manuel Murguía (Arteixo), do IES Milladoiro (Ames) e do IES Perdouro (Burela) realizaron, guiados polas investigadoras de EquiLingGaliza e acompañados polas súas docentes de Lingua Galega e Literatura, unha investigación de corte etnográfico sobre os repertorios lingüísticos das súas familias, da súa aula e dos seus concellos, co fin de propiciar o intercambio de experiencias lingüísticas e reflexionar sobre a intermediación lingüística en contextos multilingües conectados coa emigración, tal como foi estudado por Marta Estévez Grossi no seu artigo «Minoritized language and migration: lingüistic practices of Galician guest workers in the Federal Republic of Germany» (2020). O estudantado seguiu «O caderno do Etnógrafo: Trocando Linguas», elaborado polo equipo de EquiLingGalicia, recibindo formación para desenvolveren as diferentes tarefas. Xogos lingüísticos, dramatizacións de intermediacións lingüísticas, entrevistas na rúa e faladoiros con persoas maiores con traxectorias migrantes diversas serviron para que aflorase a invisibilizada diversidade lingüística conectada coa migración de cada un dos concellos.
EquiLingGaliza: un proxecto para afondar nas desigualdades mediadas polas linguas no ámbito educativo na Galiza
No proxecto EquiLingGaliza abordamos a transformación sociolingüística asociada á migración, á globalización e ao impacto das políticas lingüísticas educativas no contexto educativo de Galiza, tanto en áreas rururbanas como urbanas. Galiza, que durante o século XIX e XX foi terra de saída de migrantes, é hoxe en día un punto de chegada de persoas de diversas orixes. As cidades galegas e os concellos rururbanos como Arteixo, Milladoiro ou Burela, entre outros, dan acollida a veciñas e veciños de orixe alóctona, o que fai que as aulas se convertan nun espazo onde conflúe unha gran diversidade de linguas e culturas, tal como foi analizado en diferentes artigos incluídos no volume Superdiversidad lingüística en los nuevos contextos multilingües: una mirada etnográfica y multidisciplinar (2023).
Neste sentido, os resultados dunha enquisa elaborada para recadar información sobre a diversidade de linguas presentes nas aulas dos centros de Ensino Secundario, ESAVEL, indican que no Concello de Arteixo forman parte do repertorio lingüístico as seguintes linguas e variedades: alemán, amazigh/tamazigh, árabe formal, asturiano, diferentes variedades do español peninsular, variedade de Canarias, variedades de América (rioplantense, Venezuela, Cuba, República Dominicana, etc.), dariya (variedade de Marrocos), dariya (variedade de Arxelia), árabe marroquí, mesclado, caló, catalán (tamén variedade mallorquí e valenciano), chinés, eusquera, francés, ḥassāniyy, holandés, galego (diferentes variedades), guaraní, inglés, italiano, misquito, charapo, xordano, lingua de signos, noruegués, polaco, portugués (variedade peninsular e variedade do Brasil), rumano, rumano xitano, ruso, wolof (senegalés), ucraíno, romanés, portugués, hindi, urdu ou punjabi, entre moitas outras.
Do mesmo modo, nas diferentes investigacións etnográficas realizadas observamos que as variedades e linguas presentes neste amplo repertorio lingüístico non son valoradas de igual maneira, no que o sociólogo Bourdieu denomina «mercado das linguas», noción amplamente estudada nos seus diferentes traballos, como por exemplo Lanuage et pouvoir symbolique (2001). Así, as linguas e variedades de orixe alóctono, as variedades locais do galego e as variedades do español de América do Sur están confinadas nos contextos familiares e informais, mentres que a variedade estándar do galego e a variedade estándar do español peninsular ocupan posicións hexemónicas no currículo académico.

Os resultados das nosas análises amosan que se establece unha distribución escalar e xerárquica destes repertorios lingüísticos e que a mocidade é un axente relevante na xestión dos réximes sociolingüísticos multilingües emerxentes. Observamos, tamén, os diferentes cambios na situación sociolingüística da lingua galega nas últimas décadas. Os escenarios multilingües actuais, conectados coa migración e coa comunicación dixital, mostra novas prácticas comunicativas translingüísticas, nas que a lingua galega conecta cun conxunto de linguas e variedades moi diversas.
Desde este enfoque, a investigación colaborativa entre os diferentes axentes sociais, estudantado, docentes e investigadoras da universidade, permite recadar datos e reflexionar sobre os cambios sociolingüísticos en curso e, neste sentido, observamos dúas tendencias preocupantes para o mantemento lingüístico da lingua galega. Por unha banda, obsérvase unha perda desta lingua na transmisión interxeracional da mocidade galega; por outra, a mocidade de procedencia alóctona e unha parte importante da autóctona, só emprega a lingua galega naquelas materias curriculares que así o esixen. En xeral, o castelán é a lingua que ten unha presenza máis relevante, tanto no currículo académico como na socialización de espazos non formais, o que claramente incide na desigual incorporación do galego como lingua de uso na mocidade de orixe alóctono.
Dadas estas novas circunstancias, a nosa investigación, enmarcada na Etnografía Sociolingüística Crítica, céntrase nos procesos de desrecoñecemento e invisibilidade na Galiza dos repertorios lingüísticos dos migrantes e nas implicacións que isto ten para os seus falantes. Analizamos como o multilingüismo relacionado coa migración está a desencadear situacións do que na sociolingüística se denomina gatekeeping na escola (dificultades para a integración e promoción), o que perpetúa a desigualdade ao limitar o acceso aos recursos lingüísticos institucionais e académicos. Dende EquiLingGaliza consideramos que é necesario desenvolver novos enfoques teóricos-metodolóxicos para estudar como funcionan estas novas ecoloxías multilingües e como se recoloca o galego e as súas variedades nas mesmas. Isto permitiranos propor novos enfoques pedagóxicos orientados a que se recoñeza e valore esta diversidade lingüística e a manifestar a necesidade de promover novas políticas lingüísticas educativas que sitúen a lingua galega como o fío que ganduxe esta diversidade.
EquiLing Galicia segue principalmente na súa investigación unha orientación cualitativa, aínda que tamén incorpora recursos cuantitativos como a Enquisa Sociolingüística ESAVEL. A recollida de datos realízase no proceso da investigación en acción participativa (PAR), na que os estudantes se converten en investigadores, mediante actividades de conciencia metalingüística, técnicas de expresión dramática (Caamaño, en prensa) e recursos TIC interactivos, como sinalamos na sección anterior. O enfoque etnográfico multi-situado que segue o traballo de campo permite obter diferentes tipos de datos en espazos formais (salas de aula) e informais (actividades extraescolares ou intercambios en rede).
Os resultados da análise mostran como a negociación dos novos repertorios indexicaliza diferentes modelos de falantes á vez que proxecta diferentes tipos de espazos nos que se reconfiguran escalarmente os réximes sociolingüísticos e diferentes formas de silenciamiento e resistencias lingüísticas. Observamos como estes estudantes de orixe migrante navegan sociodiscursivamente por repertorios plurilingües e constrúen identidades transterritoriais desde as súas prácticas comunicativas híbridas e de translinguaxe. Nos nosos datos tamén observamos o papel das ideoloxías lingüísticas nos procesos de (re)distribución de recursos lingüísticos e de (des)recoñecemento dos falantes. E por último, tamén podemos documentar etnograficamente como as actividades de conciencia lingüística crítica dos falantes reforzan formas de axencia para promover unha cidadanía lingüística inclusiva.
Por tanto, os desafíos asociados á diversidade lingüística no ámbito educativo pasan pola inclusión das linguas e variedades da mocidade que non están en consonancia cun modelo de ensino e aprendizaxe de linguas monolingüe. Consideramos que a inclusión das linguas do estudantado na implementación de proxectos educativos é fundamental para promover unha educación lingüística inclusiva e equitativa. Ao tempo, este enfoque leva a recolocar a lingua galega nunha situación multilingüe na que se reforza. En definitiva, aproveitar a diversidade lingüística presente nas aulas e nos espazos de socialización permite xerar unha aprendizaxe inclusiva e transformadora.