«Trauma España»: apuntamentos dialóxicos desde a saída soberanista

David Rodríguez
14/04/2023

David Rodríguez

En diálogo co pensamento de José Luis Villacañas, David Rodríguez fai un sucinto percorrido histórico pola conformación antipopular do Estado español e propón a vía soberanista das nacións sen Estado como a mellor diagnose e saída para o «trauma España».

Existe unha corrente histórica entre a intelectualidade española dedicada á análise do que poderiamos chamar o «Trauma España». José Luis Villacañas encarna a continuidade desa corrente na súa vertente progresista. Na tradición intelectual galega non se pode entender a obra política de Daniel R. Castelao sen o contexto intelectual posterior a 1898, vizoso en radiografías do problema español. Castelao discutiu na súa obra e praxis cos intelectuais debruzados na reflexión sobre a España e explicitou o que poderiamos chamar a «saída soberanista» ao anseio nunca colmado de reformar o Estado. 

Neste artigo tentarei renovar a discusión con esa corrente a través do pensamento de Villacañas. Fágoo, como Castelao, convencido de que a única forma de superar o trauma pasa por aceptar a diagnose dos nacionalismos non casteláns. Para cauterizar a ferida cómpre rachar inercias de longa data incrustadas na forma de entender o poder no núcleo duro do Estado, o que só se conseguirá forzando unha discontinuidade histórica na existencia do propio Estado. 

En termos de política, o XIX, século en que se formou o deficiente Estado-nación España, comeza cunha mobilización antiimperialista protagonizada por elementos eclesiásticos e camadas populares. O carácter descentralizado da rebelión contra Napoleón fará reemerxer os antigos reinos relegados após a Guerra de Sucesión. O conflito sucesorio, de inicios do s. XVIII, importará o espírito centralizador dos Bourbons franceses materializado no Decreto de Nueva Planta que abolirá os foros da coroa de Aragón. Os «federalistas» austracistas estudados por Ernest Lluch terán que exilarse. A Constitución de Cádiz de 1812, filla do levantamento, encaixará o forismo vasco-navarro no primeiro liberalismo, mais imprimirá calquera cousa de esencialista á idea de nación española que acabará sendo usada en beneficio da monarquía bourbónica. 

Sintetizaba Villacañas nunha entrevista de 2019 que o século XIX español consistiu nunha alianza entre a burguesía sen potencia revolucionaria e os Bourbon. Esta «revolución pasiva» deixaba fóra dous movementos de orixe popular: o carlista e o republicano. A concepción do carlismo que aquí se resalta é a do movemento que acolleu as demandas do campesinato agredido pola privatización dos bens comúns durante o proceso desamortizador. Canto ao pobo republicano, este debe entenderse como a continuidade do movemento democrático dos antigos burgos medievais opostos á nobreza e á monarquía. Ao mesmo tempo, debe ser lido como herdeiro de dúas correntes: nunha man, das ideas da escolástica tardía sobre o dereito do pobo a derrocar o tirano, por ser o poder unha emanación de Deus que pasa ao rei só a través da comunidade; na outra, da doutrina do dereito natural que recoñecía ao indio a condición de criatura divina. Suxeito, por tanto, de dereitos perante a inxerencia do poder terreal. En boa medida, o nacionalismo galego de Castelao bebe desas dúas fontes.

A natureza de carta outorgada da Constitución de 1834 exercerá delongada influencia no destino do constitucionalismo español. Retomábase nela o espírito da carta outorgada por excelencia, a Constitución de Baiona de 1808: un documento feito de cima, neste caso por un poder estranxeiro, sen organicidade cuns pobos que actuaban como espectadores e non como os compoñentes materiais da constitución formal. Nun comentario clásico a este texto, escrito nos Fundamentos da Filosofía do Dereito ou Compendio de Dereito Natural e Ciencia Política (1821), Hegel dirá que unha constitución non é algo que se fai, mais o traballo de séculos. É a idea racional na medida en que se desenvolveu nun pobo. Se unha constitución non cumpre con este facto poderá existir, mais farao «externamente», carecendo de calquera valor. Pódese dicir que a historia constitucional da España é a dunha «existencia exterior». Se callar por iso, Castelao dicía no Sempre en Galiza (1944) que a España estaba «inconstituída».

A fugaz I República, en pugna dialéctica coa demanda de profundización do espírito federal polas cidades convertidas en cantóns, demostrará a existencia, nos pobos do Estado, dun confederalismo autóctono anterior á influencia de Proudhon en Pi i Margall. É isto que Castelao chama de «Tradición» e, na súa pelexa cos repúblicos españois, chegará á conclusión de que quen mellor a defendían eran os nacionalismos non casteláns. 

Durante a I Restauración, Cánovas del Castillo –pai do nacionalismo español– sinalará a existencia de dous grandes principios soberanos: o «principio monárquico» e o «principio democrático», así como a prevalencia do primeiro sobre o segundo. O militarista Alfonso XIII conducirá o principio monárquico á bancarrota mais o principio democrático só conseguirá asomar a cabeza na II República o tempo suficiente para ser decapitado. De revolución pasiva a restauración, o século fechaba o círculo sen se mover en exceso.

Coa perda das últimas colonias de ultramar –exceptuando Canarias– en 1898, o groso da intelectualidade esforzarase en analizar o «Trauma España»: un Estado precoz convertido en Imperio que non se soubera construír como nación. Estes intelectuais proxectaban o futuro a partir da cepa da vella Castela. A crítica ao réxime da Restauración será inclemente e unha figura de grande ascendencia, como Ortega y Gasset, distingue en Vieja y nueva política (1914) a existencia dunha «España oficial» e unha «España vital». A consciencia de que o Estado actuara, historicamente, como unha carcasa sen vinculación co pobo abría camiño; porén, o castelanismo recalcitrante desta intelligentsia e o medo ao contaxio do independentismo, florecente na Cuba, ao corpo das nacións internas, consideraban a crecente visibilidade dos nacionalismos periféricos como unha doenza crónica que cabía tratar mais non curar. A identificación, malgré tout, co Estado impedía a aqueles intelectuais imaxinar unha solución plurinacional ao presente «invertebrado». 

Nos intelectuais galegos contemporáneos, a idea da separación entre un Estado unitarista e reaccionario e uns pobos plurinacionais e democratizadores, estaba presente. Otero Pedrayo asume o tropo de Castela como equivalente a Prusia, cabeza do Estado-nación tardío alemán: o lugar en que a aristocracia latifundista emprendera a modernización de cima. Castelao mostra, na súa obra política, a xénese do Estado a través do choque de binarismos (Galiza vs. Castela; Costume vs. Lei; Tradición vs. Historia; Materia vs. Forma). O rianxeiro desenvolve unha lectura do pasado na cal a «doma» da Galiza, tratada como unha «India» polos Reis Católicos, propiciará non só a derrota da nobreza galaica, como tamén dos antagonistas republicanizantes desta: os Irmandiños. Da mesma maneira, a chegada de Carlos V significará a usurpación da antiga monarquía hispánica por unha familia estranxeira e o corte radical das ansias democratizantes e confederalistas dos Comuneros. Esta visión da historia hispana non era unha extravagancia: Karl Marx preguntábase nos seus artigos sobre España escritos no New York Daily Tribune (1854–1856) como era posíbel que após séculos baixo o chicote habsbúrguico e bourbónico aínda sobrevivisen «as liberdades dos municipios» e que alí onde «surxiu a monarquía absoluta na súa forma máis dura non conseguise arraigar xamais a centralización». Para Marx, os burgos eran  «focos civilizadores» que abandonaban as súas «soberanías medievais a cambio da lei xeral das clases medias e do común dominio da sociedade civil». A monarquía absoluta española non xogara un papel progresista: con ela, as cidades «perderan o seu poder medieval sen gañar a importancia moderna». Esta peculiaridade do Estado provocara o seu afastamento das formas de goberno da Europa occidental e a adopción de «formas asiáticas de goberno». 

A autopercepción da dirixencia castelá como unha casta guerreira e relixiosa é, para Villacañas, de legado árabe. En Érase una vez España. El mal radical de la españolez (2023), o autor enxerga a orixe deste modo de exercer do poder, desconfiante da sociedade, no facto de que os monarcas medievais atraizoasen reiteradamente a protoburguesa minoría xudía e conversa que os aconsellaba con éxito. A guerra santa emprendida polo franquismo contra a tentativa de democratizar o Estado durante a II República é unha actualización desa visión. Villacañas estúdao en La revolución pasiva de Franco (2021), onde se detén na capacidade do ditador para impulsar de cima a modernización capitalista, o que lle permite sobrevivir aos aliados nazi-fascistas. Unha peculiaridade histórica dificilmente homologábel á doutros países europeos. 

A chamada Transición, pilotada «de la ley a la ley», é dicir, sen momento constituínte, actualiza esta maneira de concibir o poder. As décadas de pos-modernización vinda de cima, dirixida intelectualmente polo felipismo –opción creada desde chancelerías estranxeiras–, redunda no mesmo. A novidade desta última xeira, alumna da contrarrevolución neoliberal, é que reconduciu o vello anseio de que a Europa solucionase os males españois nun modo de allear aínda máis o poder da sociedade elevándoo a superestruturas inalcanzábeis. O esgotamento da Constitución de 1978, carta outorgada da monarquía restaurada por Franco, renovou as vellas formas. O descontento do 15M, que opuña a «democracia real» á democracia tutelada do Réxime do 78, mostrou a persistencia dos vellos problemas. A aposta, vacilante, do independentismo catalán por levar a cabo a autodeterminación acendeu os alarmes no Estado reconcentrado na hipertrofia madrilena. Voltouse a falar da disonancia entre a Constitución material e formal e da imposibilidade da reforma constitucional; regresou, con beizóns a esquerda e dereita, a historiografía imperial e contrarreformista. Os fantasmas da España eterna retornaban. As elites, encabezadas por unha monarquía corrupta, empregaron os poderes menos democráticos (xudicatura, mass media, exército, empresa) para disciplinar.

A relación co Estado marca a grande diferenza entre as esquerdas soberanistas e a española. As primeiras, por forza, priman a sociedade, pois non teñen Estado que as reproduza. A segunda, non crea movemento e mimetízase de forma suicida co Estado. Esquece esta esquerda unha lección elocuente: o maior movemento de masas da súa historia foi o anarquista. Os soberanistas asumen a desconfianza histórica dos pobos nuns poderes alleos. Por iso o concepto de colonialismo interno resultou máis heurístico que o da «normalización». Na realidade, é posíbel facer unha lectura en clave anticolonial para todos os pobos hispanos. O castelán incluído. Non tanto enfatizando canto encaixa cada territorio nunha serie de trazos coloniais dados, mais partindo da sumisión de todos a un Estado de maneiras imperiais. Como dixera o exilado José Gaos en Localización histórica del pensamiento latinoamericano (1942): no s. XIX, as nacións da América hispana conseguiran a independencia espiritual da metrópole, faltaba que a península fixese o propio, pois «España é unha colonia de si mesma». Se callar por iso, para pesar dos marxistas abstractos, a guerra de clases adopta aquí a forma dun antiimperialismo interno sen posibilidade de mediación: as nacións republicanas vs. a monarquía sen pobo.