Neste artigo, o Heriberto Cairo, após analisar os principais períodos de transição geopolítica, defende que atualmente vivemos uma fase de decadência da ordem da globalização que, havendo projetos nacionais propositivos com capacidade de alcançar a hegemonia, pode abrir oportunidades para a criação de novos Estados.
O 25 de xuño de 1991, Eslovenia, Croacia e Macedonia do Norte declararon a súa independencia de Iugoslavia, e Bosnia seguiu o exemplo ao ano seguinte. Pouco máis tarde, tras a disolución da URSS o 26 de decembro de 1991, xurdiron 15 novos países independentes, entre eles Armenia, Acerbaixán, Casaquistán, Kirguizistán, Moldavia, Taxiquistán, Ucraína, Belarús, Estonia, Letonia, Lituania, Xeorxia e Usbequistán. En total, apareceron 18 novos estados (excluíndo a Federación Rusa e a efémera República Federal de Iugoslavia, formada por Serbia e Montenegro, xa que se consideran os estados matrices dos países preexistentes). Este proceso claramente constituía unha transición xeopolítica nun momento en que, como agora, se estendía a preocupación pola desorde global e proliferaban as análises dos cambios que se estaban a producir nos estados, as sociedades e as economías. Ocorreu isto en todas as transicións xeopolíticas anteriores? Sucederá isto agora, na crise que parece estar a piques de chegar? A continuación, tentarei responder estas preguntas, mais primeiro debemos explicar o que é unha crise xeopolítica e despois ver o que aconteceu neses períodos.
Unha transición xeopolítica é un período entre dúas ordes xeopolíticas, en que unha se debilita e a outra se consolida. No libro de Colin Flint e Peter J. Taylor Geografía política: economía-mundo, Estado-nación y localidad (2026), unha transición xeopolítica é “un tempo de cambio en que o vello mundo e as súas verdades se poñen patas arriba, e o que era ‘imposíbel’ se volve ‘normal’ na nova orde” (tradución ao galego do autor). En definitiva, as ordes xeopolíticas teñen un patrón xeral de normas e principios que rexen as relacións entre estados. Este patrón é definido pola potencia hexemónica (ou as principais potencias, dependendo da definición da orde xeopolítica), e a ese patrón axústanse os códigos xeopolíticos dos membros do sistema interestatal. Unha transición xeopolítica é, entón, o período que separa claramente mundos con normas e principios xeopolíticos distintos. Porén, as transicións están precedidas por períodos de declive da potencia hexemónica, durante os cales estas normas e principios se van erosionando pouco a pouco. Estes períodos, como veremos, son as fases B dos ciclos de Kondratieff, e neles déronse independencias como a de Irlanda, colonia interna de Inglaterra, cuxa semellanza coa Galiza é notábel.
Se un sistema internacional moderno, do que os seus membros son conscientes, só comeza despois do final das Guerras Napoleónicas, entón, segundo Taylor e Flint, a primeira transición xeopolítica tería lugar entre 1813 e 1815. Este período abrangue desde o comezo da rebelión en Europa contra o dominio napoleónico tras a derrota do exército francés en Rusia, até o final do Congreso de Viena, que estabeleceu un equilibrio de poder en Europa entre as cinco principais potencias (Austria, Rusia, Prusia, Gran Bretaña e Francia) e deixou ao Reino Unido libre circulación no resto do mundo. A rivalidade franco-británica e a era das revolucións chegaron ao seu fin, mentres que a contrarrevolución conservadora da Santa Alianza en Europa e o imperialismo británico atoparon o seu lugar dentro da orde xeopolítica da “hexemonía británica”.
A segunda transición tería lugar entre 1866 e 1871 cando, tras a derrota de Francia por Alemaña, a Comuna de París colapsou e o Imperio Alemán foi proclamado. Alemaña é agora a principal potencia continental, o que rompeu a política británica para manter o equilibrio de poder en Europa. De súpeto, abrollou unha orde mundial diferente, con dous centros principais de poder, Londres e Berlín; isto é o que Taylor e Flint chaman a “orde mundial de rivalidade e concerto”, que, aínda que dá continuidade á “paz duradeira” establecida en Viena en 1815, ficará marcada polo devalo da hexemonía británica.
Este devalo leva a unha situación cara a finais do século XIX en que Gran Bretaña xa non pode manter a súa hexemonía; á luz disto, revisa a súa política exterior e constrúe unha nova orde mundial, a “orde da sucesión británica”. A transición tería lugar entre 1904 e 1907, anos en que Gran Bretaña estabelece alianzas con Francia e Rusia, e a Conferencia de Alxeciras en 1906 define as liñas da fronte antialemá en Europa. O espléndido illamento británico chegou ao seu fin e Londres involucrouse na política europea a través de acordos cos seus dous inimigos de longa data, Francia e Rusia. Non obstante, podería ter sido certo o contrario, pois xa ocorrera anteriormente nas negociacións con Alemaña. Mais o escenario máis “imposíbel” fíxose posíbel durante a transición xeopolítica.
A seguinte transición xeopolítica ocorreu entre 1944 e 1946. Para moitos observadores da época, a velocidade con que os aliados de 1945 se dividiron, o que levou a outro enfrontamento, foi sorprendente, xa que en 1947 a Guerra Fría xa era evidente para todos. Ao final da Segunda Guerra Mundial, segundo Taylor (1990), había tres posibilidades diferentes para que os “Tres Grandes” creasen un mundo bipolar: un eixe antihexemónico contra os Estados Unidos, un eixe antiimperialista contra Gran Bretaña e un eixe anticomunista contra a URSS. Unha das principais razóns para a creación dunha fronte anticomunista entre Gran Bretaña e os Estados Unidos foi a debilidade estratéxica de Gran Bretaña en relación cos outros dous. Tanto os Estados Unidos como a URSS eran, sen dúbida, superpotencias de proporcións continentais; en contraste, Gran Bretaña era unha pequena illa cun imperio disperso, en cuxa lealdade xa non se podía confiar. Polo tanto, non é de estrañar que a principal prioridade dos políticos británicos daquela época fose levar a cabo unha política que mantivese a Gran Bretaña na vangarda xunto aos Estados Unidos e a Unión Soviética. Para logralo, tiveron que conseguir que os Estados Unidos aceptasen converterse na potencia hexemónica e non volveren ás políticas illacionistas anteriores.
Finalmente, entre 1989 e 1991, houbo un período de transición, caracterizado principalmente pola súa natureza certamente inesperada. Ninguén podía prever o que ía acontecer, mais esa é outra característica das transicións xeopolíticas. A caída imparábel dos réximes comunistas de Europa do Leste a finais de 1989, a reunificación de Alemaña en 1990 e o fin do Estado soviético a finais de 1991 puxeron fin ao mundo bipolar da Guerra Fría. E aínda que a discusión sobre as características da nova orde xeopolítica segue aberta, algunhas das súas características xa eran evidentes na Guerra do Golfo Pérsico en 1990, definíronse aínda máis nas posteriores Guerras Balcánicas e mostráronse abertamente nas ocupacións neocoloniais de Afganistán e Iraq. Os desafíos aos Estados Unidos non proviñan dun poder estatal alternativo, senón de redes de militantes islamistas decididos a erradicar o “mal absoluto” mediante o terror da yihad máis extrema.
En resumo, as transicións xeopolíticas comparten xeralmente unha serie de características, como a súa imprevisibilidade, a velocidade con que se desenvolven, a inversión das alianzas entre potencias e a profunda alteración das normas e principios da orde xeopolítica internacional. Mais a creación de novos estados (ou mesmo a reestruturación dos xa existentes) non é unha das características comúns das transicións xeopolíticas. Nas anteriores á máis recente non se produciron movementos independentistas. Non obstante, os períodos de crise que se magnifican durante as transicións non se limitan á duración destas. Esténdense ao longo das fases B (estancamento) de cada onda de Kondratiev, que se producen despois das fases A (crecemento) e, como veremos, nestas fases hai, de feito, reestruturacións significativas do sistema interestatal.
Na actualidade non estamos tanto nunha transición xeopolítica propiamente dita, senón máis ben nunha fase B de decadencia da orde da globalización en que atopamos tres tendencias xeopolíticas que se superpoñen: a) espazo reticular de acceso aos mercados do capitalismo mundial e a súa énfase nunha economía mundial, en que o capital cada vez terá menos impedimentos para circular polo mundo co obxecto de explotar no seu beneficio as diferenzas nas taxas de rendemento das inversións, b) grandes potencias disputándose áreas de influencia (rivalidade interimperial) e c) choque de civilizacións entre o islamismo radical e Occidente.
A incidencia de estas fases B de decadencia no sistema interestatal é grande, xa que se abre unha fiestra de oportunidade a partir da crise dos principios que rexían as respectivas ordes xeopolíticas. Noutras palabras, estruturalmente, ábrese a posibilidade para a formación de novos estados: recuperan a independencia algúns; aparecen outros novos; adoitan novas estruturas político territoriais outros. De facto é nestas fases B cando no pasado se crearon máis Estados en Europa (Figura 2).

Mais non é suficiente con que exista unha fiestra de oportunidade para que unha nación conquiste o seu Estado; ten que existir unha vontade política maioritaria de creación deses novos Estados.
En cada fase B, os factores que interviñeron na formación desa vontade política de independencia foron diferentes. Por exemplo, a de Grecia asociouse aos valores do liberalismo e a de Irlanda – polo menos no caso dalgún dos seus líderes máis significativos como James Connolly – ficou impregnada de valores do socialismo. Hoxe en día a situación é moi diferente, mais o acceso ao poder nos gobernos centrais da extrema dereita etnopopulista, perante a incapacidade socialdemócrata de paralos, pode conducir ao electorado progresista a procurar opcións máis claras de defensa dos lugares (como acaba de ocorrer nas recentes eleccións no Reino Unido, en que o SNP, o Plaid Cymru e o Sinn Féin norirlandés gañaron e puideron formar gobernos nacionalistas). Creouse un sistema de «polarización simbiótica» (Vampa, Convery e McMillan, 2026), especialmente en Escocia e Irlanda do Norte, en que dúas forzas políticas, unha conservadora (os conservadores en Escocia e os unionistas en Irlanda do Norte), se opoñen ás forzas nacionalistas progresistas, freando de xeito efectivo os partidos populistas de extrema dereita. De feito, Escocia ten a menor cantidade de partidos deste tipo de calquera comunidade política de Europa.
Ten que haber proxecto político con capacidade de alcanzar a hexemonía. O dos nacionalistas progresistas ten que ser un proxecto máis de futuro do que nostálxico (como o é o do neopopulismo fascista) e que poida afrontar os dous retos máis grandes da humanidade: o cambio climático e a intelixencia artificial xenerativa, como afirma Joan Romero no seu libro Desorden global: notas sobre el mundo que viene (2025). Só mediante políticas de defensa do territorio (non só reactivas como as de Nunca Máis ou Altri Non, mais necesariamente propositivas), e de afirmación da soberanía (virtual, enerxética, alimentar…) poderanse evitar futuros distópicos, mais que posíbeis, como algúns dos que se describen no Foro “Trump: ¿anomalía o heraldo de un orden geopolítico nuevo?” (Agnew et al., 2026): un mundo de estados nacionalistas autoritarios, semellante ao de finais do século XIX ou, aínda peor, unha orde mundial baseada nunha perspectiva tecnooptimista, en que unha ou varias empresas privadas poderían pretendidamente resolver os problemas do mundo se se eliminase o estado administrativo ineficaz, ao estilo da ficción de Elon Musk.