En diálogo cos libros de recente publicación sobre descolonialidade, marxismo e territorio (Lois e Ahmet Akkaya 2020; Cairo e Sánchez Iglesias 2022), Javier de Pablo aborda a particular relación que tales conceptos adoptan na Galiza.
O debate aberto nos anos setenta sobre a condición colonial da Galiza continúa en pleno vigor. Non estamos a falar dun debate que fique limitado ao entorno do nacionalismo galego máis teórico ou militante, mais que segue vivo como parte importante das relacións entre o nacionalismo e o aparello teórico-metodolóxico do marxismo. Sendo así, non resulta estraño o interese de publicacións recentes como Marxismo, nación y territorio (2022), libro editado por Heriberto Cairo e Eduardo Sánchez Iglesias, en que se volta a abordar a particular relación que na Galiza manteñen aqueles tres conceptos.
A tese orixinal, que Xosé Manuel Beiras formulou en 1972, e que o propio autor defende novamente neste libro, é ben coñecida: as causas do subdesenvolvemento –naquel momento denominado «atraso»– da Galiza están fundamentadas en razóns puramente políticas máis do que económicas. Para dicilo polas súas palabras, «Galiza non é un país pobre, senón empobrecido, e non só por axentes esóxenos, senón tamén polos grupos dominantes na estrutura social ‘indíxena’» (p. 155). Á maneira de René Zavaleta Mercado na súa análise de Bolivia, para a cal falara dun «feito fundacional ou momento constitutivo» que condicionaría por completo o futuro devir do país, Beiras identificou na «frustración social prematura» das fracasadas revoltas irmandiñas e na posterior «doma e castración» (pp. 143–4) o momento constitutivo da colonización galega. Por describilo dun modo gráfico, se pensamos a historia como unha frecha do tempo, o feito da colonización sería aquel elemento de masa xigantesca cuxa forza gravitatoria curva e condiciona o movemento rectilíneo da particular historia da Galiza.
Así, a pesar do paso do tempo –e da chamada «modernización» do país– as contradicións non resolvidas naquel momento permaneceron vixentes, ocultas sob a superficie dos principais problemas do noso día a día. Isto sería palpábel nas tres dimensións da realidade social galega: na dimensión xurídico-política, o goberno galego, como parte da Unión Europea, cada vez ve máis diminuída a súa capacidade de actuar na defensa dos intereses propios do seu pobo; na dimensión económica, o atraso teríase convertido nun auténtico «espolio» dos recursos –tanto materiais como humanos– do país; por fim, na dimensión socio-cultural, continúan en andamento procesos de subalternización da lingua e da cultura galegas, así como sentimentos de infravaloración e autoodio.
Nos últimos cincuenta anos, a teoría do colonialismo interno foi discutida en diversos ámbitos e con distintas focaxes. Posibelmente, como argumentou Pedro Rey Araújo en «Esclarecendo a Galiza de Netflix e Inditex: unha conversa ao redor da hipótese colonial» (Espaço Clara Corbelhe, 2021), un dos maiores desafíos á mesma sexa a propia evolución do sistema mundial capitalista descrito por Wallerstein e a posición que a Galiza ocupa dentro del. Baixo este punto de vista, suxírese que, neste medio século, as transformacións estruturais levadas a cabo na economía-mundo capitalista en xeral –na «escala da realidade», que dirían Taylor e Flint– e, de modo máis particular, na profunda transformación da estrutura produtiva galega, inhabilitarían por completo a capacidade explicativa da «hipótese colonial». Neste senso, e como sostén Rubén Lois na dita obra, «a xeografía económica da Galicia actual representaranos unha nación moderna, con todos os elementos dun territorio integrado na Europa occidental, pero que inda mantén un complexo subxectivo de atraso, apoiado nun sentimento ruralista, que progresivamente comeza a ser superado» (p. 170).
O problema non sería, por tanto, a realidade dun país, xa modernizado e cada vez máis capacitado para se beneficiar da súa posición xeográfica central entre os fluxos económicos transnacionais, mais a persistencia da nosa imaxe como periferia atrasada –véxase a recente e amplamente aclamada As bestas. Estaríamos, por tanto, ante o infeliz éxito dunha imaxinación xeográfica moderna, analizada de forma crítica polo xeógrafo John Agnew en Geopolitics: Re-Visioning World Politics, que ten un dos seus piares esenciais na «expresión de diferenzas espaciais en termos temporais». Isto é, na asunción de categorías binarias como primitivo/atrasado ou subdesenvolvido/desenvolvido para a cualificación dos diferentes territorios do globo.
Para Lois, en liña co que xa mostrara Helena Miguélez-Carballeira, a asunción interna deste imaxinario (ou «mito do atraso» nas propostas de Lourenzo Fernández Prieto ou Miguel-Anxo Murado) por parte do discurso rexionalista, tradicionalmente hexemónico, como pola alternativa nacionalista, tería traído como consecuencia a preeminencia dunha imaxe da Galiza como «nación feble e dependente […] sen burguesía propia como Cataluña e País Vasco, e con serias dificultades para mostrar as súas reivindicacións fronte ao Estado español» (p. 159). Segundo esta ollada, o argumento da Galiza «feble» tería sido de grande utilidade, tanto para as elites galegas como para as centralistas, pola disposición dun «territorio nacional» pouco problemático, no cal encaixa á perfección a idealización dun Feijóo como «a expresión dunha Galicia conservadora e calmada que non se inmuta, que é conveniente que non cambie por moito tempo» (p. 172).
Sexa o atraso mito ou realidade, pasado ou presente, tanto para Beiras coma para Lois fica claro que a solución da problemática territorial da Galiza vén dunha forte «afirmación nacional» capaz de soster un autogoberno que non se conforme con ser mera correa de transmisión dos intereses dos centros económicos e financeiros, independentemente de que estean estes localizados en Madrid, en Berlín ou en Nova York. Agora ben, se a conversión do tempo en espazo é un dos elementos clave da imaxinación xeopolítica moderna, á hora de estabelecer un proxecto de emancipación nacional cómpre ter en conta outro dos supostos que a sosteñen, e que Agnew analiza: que a «espacialidade» ou a organización xeográfica do poder vai unida, en todo momento e lugar, á territorialidade dos Estados. Isto é o que o autor chama de «trampa territorial», é dicir, «o pensar e actuar como se o mundo estivese constituído por Estados que exercen o seu poder sobre bloques de espazo e de este modo constitúense no único referente xeográfico-político da política mundial».

Encamiñar un proxecto de emanicpación nacional de maneira que caia na trampa territorial de Agnew é sinxelo. Isto é, de feito, o que lles ocorreu a todos aqueles pobos que, na época da descolonización, lograron alcanzar a independencia a través da construción dun Estado propio. Como ben sabemos, a idílica imaxe do Estado (nacional) como solución de todos os problemas da sociedade non tardaría en verse crebada tanto de acima, onde os fluxos económicos internacionais deixaron a estes países na mesma posición de dependencia, como de abaixo, onde a complexidade das sociedades desbordou as arbitrarias delimitacións territoriais impostas polas distintas potencias coloniais. Que reflexións poderiamos elaborar a respecto disto para o caso galego?
Posibelmente, poderiamos pensar que este é un problema que só deban confrontar os países da periferia do sistema-mundo; ao cabo, tanto o modelo de Beiras como o de Lois coinciden na nosa proximidade ao centro global. Porén, a nosa posición relativa no sistema –e, con iso, a nosa capacidade para tirar partido dela– non debe facernos esquecer a esencia do mesmo. Nese senso, acho que outra publicación recente, Estrategias descoloniales en comunidades sin Estado (2020), editado por María Lois e Ahmet Akkaya, é de grande utilidade para voltar a facer visíbel que o Estado é o produto dun momento concreto e dunhas necesidades concretas: o momento do nacemento da economía-mundo capitalista e a necesidade dun modelo institucional (territorial) que garanta este modelo de acumulación. Como podemos extraer de ambas as dúas publicacións, para unha esquerda galega que teña unha aspiración diferente á reprodución dese modelo de Estado capitalista, a reflexión ao redor da nosa relación entre gobernanza e territorialidade é –cando menos– pertinente.
Así sendo, non se trata de reproducir o famoso mantra liberal da xa alcanzada superación do Estado por estes fluxos económicos –aínda menos cando os confinamentos da pandemia da Covid-19 deron a razón a un Carl Schmitt que identificaba o soberano como aquel que decide sobre o estado de excepción–; nin aínda de idealizar como obxectivo experiencias de autogoberno como as que se propoñen no segundo destes textos. Nomeadamente, este é o caso das Juntas de Buen Gobierno e dos Caracoles (en Chiapas, México) ou, especialmente, da resignificación do propios termos «autonomía» e «nación» como formas de exercer o poder desde abaixo, que se fai Federación Democrática do Norte de Siria (en Rojava). Pois, se ben que estes exemplos de «soberanía reticular» (na nomenclatura de Heriberto Cairo), cunha lóxica territorial diferente, sexan tremendamente estimulantes para explorar novas formas de entender a soberanía dun modo moito máis participativo do que representativo (do pobo para as institucións e non ao revés); tamén o é que fican afastados do noso contexto tanto dunha perspectiva puramente xeográfica como relativa na estrutura do sistema.
Polo contrario, trátase de recoñecer que nin Estado nin –aínda menos– o goberno autonómico son as únicas formas que existen para exercer a soberanía, nin é necesariamente a máis desexábel. Desde os anos sesenta do século pasado, o exercicio directo da soberanía polo pobo –en forma de diferentes agrupacións culturais, educativas, sindicais etc. que naceron sen preguntar a ninguén para defender os seus dereitos– é algo que o nacionalismo galego leva nos seus xenes; mais tamén leva neles a fetichización do Estado propia da época e –en certa medida e por extensión– do goberno autonómico galego. Exercicios de reflexión, como os recollidos nos recentes Marxismo, nación y territorio e Estrategias descoloniales en comunidades sin Estado, poden ser de grande utilidade para nos orientar nun contexto de reconfiguración sistémica como o actual, no cal a marxe de actuación dos diferentes actores sempre se incrementa.