Traballar a ‘canteira’. Fútbol e política na Galiza tardofranquista e autonómica

Roque Sanfiz
03/11/2023

Roque Sanfiz

O desporto foi historicamente um espaço básico de socialização no nosso país. Porém, a atenção que tem merecido de estudiosas é limitada. Roque Sanfiz explora as relações entre poder político e instituições desportivas através de algumas clave de interesse e propõe duas hipóteses críticas ao respeito.

Non é preciso repetir que fútbol e política poden andar de mans dadas. Vese nas bancadas máis animosas do país; hai clubs cunha clara significación por todo o mundo e o nacionalismo banal é evidente nun torneo de seleccións nacionais. Segundo o rexistro de entidades deportivas da Galiza, temos cerca de 2.400 equipas de fútbol. En 2022, asináronse 95.421 licenzas de xogadores e xogadoras de fútbol (IGE). A isto hai que adicionar todas as persoas que no seu tempo libre xestionan ou fan parte das directivas dos clubs deportivos, nunha demostración de militancia.

Os clubs de fútbol son as entidades colectivas con maior traxectoria histórica da Galiza contemporánea, nunha medida soamente comparábel ás comisións de festas. A expansión do desporto en comezos do século XX por cidades, vilas e aldeas fixo con que a Galiza estivese chea de equipas e campos de fútbol xa durante a Segunda República española. Entre 1906 e 1936, identificamos a creación de máis de 200 equipas de fútbol na comarca do Ribeiro. Nun recente traballo intitulado «Nuevos espacios de sociabilidad en el ámbito rural en el primer tercio del siglo XX: Fútbol en la comarca ourensana del Ribeiro» (2023) expliquei que moitos deles foron simples grupos de amigos, con frecuencia efémeros, mais mostran, igualmente, a vizosidade do fenómeno desportivo. 

O golpe de estado de 1936 rachou con esta dinámica. Algúns xogadores e directivos foron asasinados pola súa implicación en movementos políticos e culturais. Alén de reparar nos individuos, a orientación fascista do novo estado verticalizou as federacións e a Falange creou unha sección desportiva a partir da que controlar todo o panorama. Impuxéronse nomes a equipas e trofeos e revisouse quen eran as persoas das directivas. As mulleres, que xa participaban en moitos desportos, tiveron que asumir a disciplina da Sección Femenina. Naquel momento pereceron moitos clubs por falta de xente ou de ánimos, mais a semente desportiva xa prendera. O desporto xa non era o mesmo: pasou de ser organizado pola sociedade civil, cunha clara orientación democrática, para ser un desporto controlado das estruturas do réxime e de Falange. Porén, houbo clubs que resistiron e continuaron a súa actividade.

O proceso de desenvolvemento do desporto e os efectos da guerra civil son cuestións ben tratadas pola historiografía galega, sobre todo por Domínguez Almansa no seu libro Historia social do deporte en Galicia (2009) e pola catalá, destacando os traballos de Carles Santacana e Xavier Pujadas. Porén, o que ocorreu a partir dos anos 40 no desporto galego non é tan coñecido. Queremos lanzar, por tanto, algunhas hipóteses froito de descubrimentos puntuais e fragmentarios, mais que achamos suficientes para apuntarmos tendencias.

A primeira hipótese é que entre os anos 1940 e 1960 se produciu unha nova vaga de creación de clubs de fútbol. Non é posíbel darmos unha cronoloxía máis axustada nin unhas causas claras. Non cremos que se deba á «abertura do réxime», máis suposta do que certa, pois a Falange e a Igrexa continuaron aí e os postos de responsabilidade ocupábanos persoas con méritos de guerra. Unha posibilidade é que se producise unha entrada de novas xeracións nas directivas dos clubs, xente que non vivira a destrución total do tecido asociativo en 36. Tamén puido influír a vontade por crear espazos de socialización aceptados polo réxime e que permitían unha pequena liberdade para ir gañando pequenas batallas –tal como o fixeron moitas asociacións de moradoras na Cataluña–.  En todo caso, é un fenómeno curioso e o seu estudo permitiría coñecer mellor a relación entre o poder do franquismo e os espazos de socialización popular, así como os métodos de control e as fórmulas de vixilancia, coerción e castigo.

A segunda hipótese é que os clubs desportivos foron unha importante escola de cadros políticos desde os anos 1960 até polo menos os 1990. E fórono para o franquismo e para o antifranquismo, en primeiro lugar, e para todo o espectro político no período posfranquista. 

Segundo demostra a historia, o status profesional é unha das chaves para observar quen foron alcaldes na transición. Moitos deles foron médicos, mestres ou profesionais liberais mais tamén xente que destacara en institucións do réxime como as UTECO, como explica Xurxo Antelo en «Poderes locales en el rural gallego durante la transición democrática » (2023). Alén do perfil profesional, observamos que algunhas das persoas que formaban as corporacións municipais ou ben tiñan cargos noutras institucións ou ben eran directivos de clubs desportivos. Eran xente coñecida por isto, con capacidade de xestión á vista de calquera e que participaban de entidades máis ou menos democráticas. Levaban a cabo tarefas como asociar xente, conseguir publicidade nos comercios, organizar festas e mesmo rotovatar campos. Accións que poden parecer isoladas, mais que teñen unha importancia chave no andamento dunha sociedade, ao igual que ocorre en calquera formación política, cultural ou vecinal. Dito por outras palabras, tratábase de figuras que conseguiran acumular un capital social.

A nosa proposta é que o franquismo e o antifranquismo deron valor a este capital social e procuraron este tipo de persoas para ocuparen cargos en todos os niveis políticos. No período democrático, partidos políticos de todo o tipo identificaron este valor e ficharon persoas que estiveran ou estaban implicadas en clubs deportivos. Tamén observamos algúns casos en que xente que xa estaba en política pasou a formar parte de directivas de clubs.

Unha opción para validar esta hipótese sería cruzar datos entre candidatos ás eleccións e directivos de clubs de fútbol, mais superaría a intención e o formato deste texto.

Xurxo Martínez.

Porén, queremos deixar consignados aquí algúns exemplos da relación entre política e deporte no panorama galego, e da importancia que este contacto tivo tanto a nivel municipal como autonómico galego.

Alfonso Balseiro foi alcalde de Mañón por AP e PP desde xaneiro de 1987 até o seu falecemento en 2021. Tamén fixo parte da directiva do Club Deportivo Sor nos anos 90. Argimiro Marnotes, tamén do PP, foi alcalde do Carballiño entre 2011 e 2015 e, desde 2020, é presidente do CD Arenteiro.

Na provincia da Coruña temos máis exemplos. Algún concelleiro do BNG de Fene tamén fora directivo dun club de fútbol. A politóloga María Lois analizou na súa tese (2007) as claves dos gobernos do BNG en Fene e Allariz entre 1977 e 2002. No caso de Fene, sinala a importancia das políticas culturais e desportivas municipais, que crearon «eventos onde confluíron os espazos de vivencia cotiá e os escenarios de mobilización política» (p. 477).

A nosa formulación céntrase no fútbol, mais podería estenderse a outros deportes. Cruzando a ponte das Pías naceu Juan Fernández, presidente do OAR de basquetebol entre 1960 e 1994. Foi deputado do Parlamento galego desde 1989 e despois Conselleiro de Industria co PP e par de dominó de Fraga, aínda que logo desertase e crease un partido propio para as eleccións do Ferrol (véxase, por exemplo, o artigo de Xosé Hermida titulado «Fraga y el capitán intrépido», publicado no  El País en 13 de febreiro de 1995).

Rematamos coa punta do iceberg. Augusto César Lendoiro fíxose presidente do Ural CF sendo adolescente e despois foi impulsor do Hockey Club Liceo, «único club galego campión de todos os títulos do mundo», como el mesmo o definiu nunha entrevista aínda inédita. No final dos 70 e no comezo dos 80 foi contactado por UCD, mais rexeitou a oferta. Paco Vázquez, quen fora compañeiro del no colexio dos Maristas da Coruña, intentou recrutalo en 1983 para a súa candidatura á alcaldía da cidade, sen éxito. En 1987 foi elixido concelleiro por AP. Un ano despois, converteuse en presidente do Deportivo da Coruña, combinando esta ocupación coa política, en que chegou a ser Secretario Xeral para o Deporte da Xunta e Presidente da Deputación na Coruña. A súa carreira política acabou en 1999. El mesmo sinala a incidencia de Romay Beccaría na decisión de afastalo da candidatura a alcalde da Coruña.

A motivación final deste texto é pór o foco sobre a historia do desporto na Galiza como elemento explicativo do noso presente. Explicativo dunha traxectoria secular interrompida, mudada e dirixida, mais que logrou construír unha parte da sociedade civil contemporánea. Unha traxectoria moitas veces desprezada, a pesar de ter constituído un dos movementos asociativos máis masivos do país e un dos primeiros lugares de socialización e de formación de cidadás, no pasado e tamén hoxe. Comprender a súa historia social e política é fundamental para explicar as dinámicas locais e entender como se despregou o franquismo e se conquistou a democracia na Galiza do século XX.

Este texto acabaría aquí, mais ao escribir «século XX» é difícil non reparar en que, na verdade, o desporto e a súa historia explican moitas cousas que levamos vividas no XXI e que son un elemento básico para os estudos e a política galega do futuro. Colocamos apenas un feixe de cuestións críticas máis, para concluírmos: quen é Rafael Louzán? Que idioma se utiliza na escola de treinadoras da Federación Galega de Fútbol? Por que o Deportivo tentou silenciar os actos e comentarios discriminatorios do seu treinador Miguel Llorente, denunciados por varias xogadoras da primeiro equipa?