Na semana en que se cumpriron seis meses do asasinato de Samuel Luiz, Ana Amigo Ventureira reflexiona sobre o movemento social que axiu en protesto e a súa representación mediática. Esta estivo inzada de prexuízos patriarcais e LGBTfóbicos que, a nivel estatal, tamén procuraron invisibilizar a histórica resposta colectiva galega.
O Orgullo nace como reacción fronte a un sistema que afoga; como un cuspe na cara de quen te olla pensando que non es o suficientemente boa e trata de demostrarcho desde a superioridade moral que outorga a normatividade. Representa a fartura ante a opresión e a violencia, a resposta, a recuperación da dignidade a través da comunidade e a supervivencia que atravesa o estigma.
O ano 2021 foi duro para o movemento LGBT+ galego. As agresións sucedéronse unha tras doutra e o asasinato de Samuel Luiz na Coruña, hai seis meses, foi un punto de inflexión. A Samuel matárono por «maricón» e a mensaxe que todas recibimos foi que iso podía pasarnos tamén a nós: que nunha cidade onde moitas vivimos e saímos, un grupo de persoas pode decidir bater en nós até nos matar. Samuel foi Samuel porque lle cadrou, mais podía ser calquera amiga, calquera compañeira de militancia. El tamén tiña amigas que viviron o terror de cerca, e foron máis conscientes que ninguén de que iso era algo que se podía pasar.
Tras coñecerse o asasinato de Samuel, fronte á nosa carraxe e ansia de resposta inmediata, demandóusenos repetidamente que «respectásemos a familia». Hoxe, seguimos a entender que as crianzas son propiedade dos pais, inclusive na morte, e que o loito e a súa xestión é potestade única desta institución patriarcal onde teñen lugar innumerábeis violencias.
Como ben sabemos no movemento LGBT+, non todo o mundo ten a sorte de contar cunha familia na que se sentir acollida. A miniserie televisiva It’s a sin (2021) é un exemplo perfecto das vivencias familiares dalgunhas persoas LGBT+ durante a pandemia da sida. Os exemplos sobre terapias de conversión que recolle Bruno Bimbi no libro O fim do armário: lésbicas, gays, bissexuais e trans no século XXI (2018) tamén deitan abonda información sobre a complexa e (a miúdo) cruel relación que moitas persoas do colectivo manteñen co seu entorno máis próximo.
Era evidente, por tanto, que non podiamos respectala, polo menos non da maneira en que algunha xente cishetero concibe o respecto. O noso loito non cumpría os códigos de respectabilidade e calma. «Debedes esperar a que finalice a investigación», dicíannos. Alberto Núñez Feijóo chegou a declarar nunha entrevista en El Faro de Vigo a 6 de xullo de 2021 que había un problema de irracionalidade e instinto asasino por parte dos agresores; que el descoñecía a orientación sexual de Samuel e que, por tanto, esta non había de ter relevancia. Tamén dixo, en relación coa investigación, que non ousaba calificar o asasinato como «un problema de homofobia» e que, cando esta avanzase, xa se verían cales eran as causas, todas, segundo el, «inxustificadas e irracionais».
As asociacións que denunciamos este tipo de agresións observamos que sempre se repite o mesmo patrón. Tende a negarse a motivación do crime, como se nin sequera fose unha posibilidade, e trátase de culpabilizar a vítima procurando relatos alternativos. Información fronte á que, se acaso chegar nalgún momento, xa non haberá reacción social posíbel ou que ficará diluída polo paso do tempo.
Os códigos de loito que coñecemos xorden dun pensamento hexemónico que é cisheteronormativo, machista e colonial. Na súa obra canónica sobre as culturas da morte e o loito, L’homme devant la mort (1977), Philippe Ariès aborda as formas nas que as sociedades occidentais afrontaron as defuncións ao longo dos dous últimos milenios. Traballos posteriores como Las mujeres ante la muerte: Luto, llanto y poder en el Buenos Aires colonial (2008) de Facundo Roca, interrogan a construción do privilexio desde a cal Ariès pesquisou este tema. A crítica de Roca neste punto é unívoca: Ariès constitúe un suxeito masculino, branco, europeo e, engado eu, cisheterosexual.
O noso respecto, o noso loito, reflectíase no recoñecemento e a visibilización do motivo tras o asasinato, no berro común que sinalaba unha sociedade que permitía que sucederan estas cousas. Foron moitas as vilas galegas, como Ferrol ou Compostela, nas que se fixo un minuto de ruído, en vez dun minuto de silencio. Un respecto a Samuel, e a nós mesmas, que non tería chegado de ter feito caso daquilo que políticos e medios demandaban.
Pedíasenos calma, prudencia, que fósemos mansas e non axitásemos demasiado as augas. O discurso centrábase nos pormenores do asasinato e en se as achegadas e familiares de Samuel coñecían a súa «orientación sexual»; en que quizá, dicían, ser maricón non tivera nada que ver co feito de que o mataran. Chegaron a publicarse artigos, como o d’El País titulado «Samuel Luiz, el chico que enseñaba y tocaba la flauta en la iglesia», orientados especificamente a dar relevancia a estes aspectos. As nosas reivindicacións ficaban tapadas so un manto de información que desviaba a atención. Asasinaran un rapaz e iso, ademais do obvio, era o reflexo dunha ameaza constante para o resto do colectivo; mais iso era o de menos.
Desde as agresións até os asasinatos, os delitos de odio son, como recolle Xosé-Antón Pérez Lema no seu libro Quando grupos vulneráveis sâo feridos: a figura jurídica dos delitos de ódio (2020), unha forma de violencia colectiva cara a aquelas persoas que encarnamos unha identidade compartida. Como indica este autor, estas agresións envían a mensaxe de que tanto a vítima como quen se pareza a ela, nin son benvidas nin van ficar a salvo. Esta violencia causa por tanto un grande sufrimento psíquico comunitario a través do medo, os pesadelos e as feridas doutras agresións (físicas ou non) sufridas no pasado, que se abren de novo e nos recordan que iso pode acontecer novamente. Ademais, este tipo de violencia constitúe unha ferramenta política de control social, xa que nos leva a censurar a nosa expresión de xénero e mostras de afecto públicas, reforzando así a idea de que o que representamos non é respectábel.
No libro Microfísica sexista del poder (2018), Nerea Barjola analiza como o caso Alcáser se articulou durante os anos noventa como unha construción social que resituou e reforzou os límites que as mulleres non debían traspasar. Suxerimos que co asasinato de Samuel aconteceu algo semellante. Seguindo a Foucault na súa obra Surveiller et punir (1975), poderíamos dicir que os delitos de odio activan unha sorte de panóptico: quen está nas celas non sabe se o están a vixiar nese momento, mais debe portarse «ben» por se acaso: calquera transgresión pode ser perigosa.
Naquel momento tiñamos medo, mais sobre todo estabamos enfadadas. Porque sabiamos que todas eramos un pouco Samuel, porque tiñamos claro que non era necesario que os seus asasinos tivesen a certeza absoluta de que se deitase con homes; unha simple transgresión de xénero podía ter sido suficiente para desatar a violencia de quen encarna os valores máis patriarcais. Unha torción de pulso, unha risa, a roupa que vistes, un peiteado ou o xeito de camiñar, pode ser considerado un motivo suficiente para agredirte. A intensidade da agresión pode variar, mais as bases son as mesmas.

O Orgullo do 2021 estivo, como tamén o estivera o do 2020, marcado pola pandemia da covid e pola urxencia da aprobación da lei trans, como ben reflicte o artigo titulado «O Orgullo clama por aprobar a Lei Trans», publicado por Ana Triñáns ese mesmo día no diario Nós. Sen esquecer esas demandas, mais con novas inquedanzas na cabeza, chegou un segundo Orgullo derivado do asasinato de Samuel apenas unha semana despois da data oficial do 28 de xuño. Un Orgullo xurdido da dor e o medo, da colectividade e dos coidados. Un Orgullo que gritaba «eu tamén son un maricón de merda». Un orgullo que cuspía á cara de quen se sentía con dereito a dicirnos «vós non merecedes camiñar pola rúa ou estar coas vosas amigas».
Por unha vez –seguro que houbo outras, mais xa sabedes que temos tendencia a ver cada ocasión como a primeira– o foco púxose aquí e o activismo galego fíxose visíbel deixando claro que existimos e resistimos. Con todo, cabe destacar que nesas semanas puidemos ver dinámicas de representación estatal que minimizaron a magnitude da resposta social na Galiza, onde houbo concentracións en cerca de oitenta localidades. Un artigo publicado no Huffpost enumeraba as cidades onde tiveran lugar concentracións na orde que segue: Madrid, A Coruña, Valencia, Sevilla, Zaragoza «e un senfín de cidades».
Non é que non empatizásemos co padecemento da familia. Mais antes, eramos conscientes de que o asasinato de Samuel non era algo illado e de que, por desgraza e como xa se mencionou, é habitual que a relación das persoas LGBT+ coa familia de sangue sexa problemática. O seu asasinato era froito dunha violencia estrutural que ameaza as nosas vidas, as de todas nós, de diferentes maneiras cada día. Non queriamos converter Samuel nun mártir porque o que lle pasou a el podíanos pasar a calquera. Non queriamos levar flores, queriamos prender a chama para provocar a mudanza, seguindo a liña de quen xa o fixera antes. Porque ,como nos recorda Antón Lopo no seu capítulo do libro Nós, xs inadaptadxs: representações, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza (2020), a loita das disidencias sexuais na Galiza non é nova e no ano 2020 se celebraron xa os corenta anos da aparición do primeiro colectivo de defensa dos dereitos homosexuais que, un ano despois da súa creación, organizou unha histórica manifestación en Vigo, aínda descoñecida para moitas nesta altura.
Pasou o tempo e as agresións non fixeron máis que aumentar. As mulleres trans foron as grandes prexudicadas durante os meses seguintes: agrediron unha rapaza polas rúas de Compostela uns días despois do asasinato de Samuel; en novembro empurraron unha outra desde o alto da muralla de Lugo e en decembro dúas mulleres trans integrantes da organización Avante LGBT+ foron tamén atacadas no espazo público. O silencio das institucións foi indignante. Acabamos o ano cunha acción fronte ao Parlamento Galego o domingo 19 de decembro. Decenas de persoas presentámonos alí e pintamos as nosas siluetas con xiz no chan fronte a unhas portas pechadas e un parlamento baleiro, como sempre o está para nós. Case todas nos coñeciamos.
Como David Meyer dixo no libro Social movements: Identity, Culture and the State (2002): «Ao obrigar algunhas persoas a sentar na parte de atrás do autobús, levar unha estrela amarela ou ocultar a súa orientación sexual, os Estados crean as condicións nas cales se desenvolven unhas determinadas identidades (…) Dentro deses parámetros, as activistas elixen como definirse elas mesmas». Nós eliximos mostrarnos con orgullo. Entendendo que a pedagoxía é necesaria, mais ten límites. Negándonos a ter que cumprir os códigos de respectabilidade cisheteronormativos para seguir vivas. Nós escollemos, dentro das nosas posibilidades, como responder a un sistema que nos oprime. Como dicía a faixa daquela famosa manifestación do Orgullo en Barcelona no ano 77, «queremos que nos deixen en paz». As rúas son nosas e reivindicamos o noso dereito a transitalas con seguridade.
E facemos isto xunto coas organizacións feministas e antirracistas que tamén se manifestaron connosco hai xa seis meses e coas que seguimos traballando man a man, porque recoñecemos a importancia da interseccionalidade. Somos conscientes de que algúns dos aspectos aquí analizados (o tratamento dos medios, a busca de explicacións alternativas por fantasiosas que sexan, a reacción das institucións ou a resposta social ante a nosa raiba e reivindicacións) nos afectan a todas. No caso de Samuel, tivemos que loitar contra o condicionamento da opinión pública que se producía a través da representación mediática, como pasa tamén coas agresións e asasinatos machistas, racistas e capacitistas. Temos claro que para vivir nun mundo máis xusto precisamos dar resposta a todas as violencias. Xuntas somos máis fortes.