Reaprender a historia ecosocial coas memorias mergulladas dos encoros

Ariadna Cordal
26/06/2026

Ariadna Cordal

A investigadora Ariadna Cordal procura reconfigurar uma política da memória da violência ecossocial franquista utilizando o suporte do arquivo fotográfico do NO-DO. Através deste, e desde a ecocrítica e o ecofeminismo, pretende atender as histórias das comunidades rurais cujas vidas transformou a construção de barragens.

No século XX os froitos do desenvolvemento económico da ditadura franquista resultaron nun proceso de transformación da natureza que Erik Swyngedouw denominou hidromodernidade. Só na Galiza construíronse máis de 20 infraestruturas hidráulicas e deixáronse proxectadas outras que se formalizarían durante a democracia. Os ríos galegos foron obxecto de explotación e edificación de presas, mais tamén presentaron casos de resistencia comunitaria. A protesta pola construción do encoro de Castrelo de Miño, entre 1960 e 1968, marcou un dos episodios clave da historia de conflitos do mundo rural galego do tardofranquismo. O principal foco das queixas dos habitantes dos territorios anegados orixinaba do desarraigo social, a perda de formas de vida e, sobre todo, a expropiación de terreos de alta produtividade agraria con escasa compensación económica, segundo Ana Cabana e outras investigadoras (2013). Porén, coa crecente preocupación pola emerxencia climática, o debate que estes conflitos inspiran sobre os coidados e a supervivencia das comunidades debe ampliarse desde unha perspectiva ecocrítica e ecofeminista. Por tanto, cómpre pensarmos: como nos enfrontamos ás tensións da transformación da contorna nas imaxes de encoros e presas? Que preguntas podemos facerlle aos arquivos visuais e cales outras nos devolven para repensar as nosas políticas cun enfoque ecosocial?

Durante unha viaxe de investigación no arquivo de NO-DO de Filmoteca Española atopei varias fotografías en branco e negro da filmación de películas documentais sobre a construción da presa de Aldeadávila (Salamanca), datadas de finais dos anos 50 e comezos dos 60. Non eran moitas, menos de dez. Mais eran abondas para recompor a escena dunha política estatal socioambiental devastadora. Contiñan a vertedura de formigón, o levantamento da parede, a escavación do interior do val e a construción de túneles en que instalar as turbinas eléctricas. Nas fotografías escuras e contrastadas dos inmensos túneles de Aldeadávila hai espectros provocados por unha longa exposición da cámara. Son figuras de persoas traballadoras das obras, esvaecidas, mais que transcenden o momento histórico e semellan querer advertir, a través do arrepío da súa presenza, que as grandes solucións tecnolóxicas do home nin son tan enxeñosas nin están desprovistas de consecuencias. Que as monumentais infraestruturas do comezo da ditadura foron erixidas a costa do traballo forzado de presos políticos é unha realidade que tamén parece desbordar na fugacidade destas figuras difusas, sen rostro nin identidade. Estes espectros podémolos localizar tamén, seguindo a Alfonso Eiré, noutra das infraestruturas hidráulicas clave do franquismo: o encoro de Belesar (inaugurado en 1963), xa que o traballo forzado de presos políticos aínda era algo habitual a finais dos 50 e inicios dos 60. Mais as inxustizas e represión sistemáticas do réxime non se concentran só nestes corpos fantasmais: a escala relativa ao espazo en que están retratados empúrranos a atender a xeografía.

Estes corpos humanos actúan como pequenas formigas en movemento a prol dun progreso extractivista, que fica simbolizado nas maquinarias escavadoras e nos códigos de representación dos documentais sobre encoros. Encárnase no torrente de auga saíndo con forza polo aliviadoiro da presa. A auga é controlada pola enxeñaría, concentrada e canalizada para máis e máis rendemento económico. Este extractivismo sobre a natureza percorre diferentes ideoloxías, mais muda e adáptase aos diferentes momentos históricos e lugares do planeta; no Estado español pódese rastrexar desde o Rexeneracionismo até as políticas do Plan Hidrolóxico Nacional (2001) da democracia. É durante o réxime franquista cando se alcanza o apoxeo do proxecto hidráulico modernizador, formado a partir da explotación das tecnonaturezas dos ríos e encoros, como diría Swyngedouw. En contraste con outras instalacións industriais que afectan a supervivencia e as relacións de codependencia cos espazos naturais, os encoros téñense camuflado como proxectos limpos que aproveitan a orografía natural para potenciar a acumulación de auga e a produción de enerxía. Mais, de novo, a aparente solución hidraúlica de grande escala a estas necesidades cae na contraditoria trampa da acumulación e da procura de maior rendemento. Trátase de expectativas antropocéntricas, que se valen da separación co outro e da distancia que xeramos ao pór a natureza como unha entidade externa da cal poder extraer recursos para dar aos imperios, aos gobernos, ás corporacións e aos magnates con aspiracións de grandeza delirantes.

Como pegadas desta creación de ensamblaxes de formigón-auga, as devanditas fotografías foron tomadas para acompañar o proceso das películas de Iberduero (actual Iberdrola) polo realizador autodidacta José López Heptener. Non é de estrañar que fosen premiadas en certames cinematográficos, pois os encoros aparecen filmados cunha beleza sublime. E, ollando coa crecente perspectiva ecolóxica do noso momento, cunha beleza estragadora. Todas estas evidencias visuais transpórtannos ao groso da transformación dos ríos da Península Ibérica, converténdonos en testemuñas anacrónicas cómplices do proxecto de inmortalización das construcións hidráulicas proxectadas pola ditadura e as empresas caciquís asociadas a ela. Como ten dito o investigador Pedro Tomé, a construción de encoros por parte das empresas enerxéticas é un negocio baseado na explotación dun ben público – a auga – vertendo toneladas de formigón nos ríos. Sucedeu con Iberduero e Hidroeléctrica Española (que se fusionaron en Iberdrola), e é ben coñecido o caso de FENOSA (Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A, actual Naturgy), cuxa fundación se fortaleceu cos vínculos de colaboración entre Franco e o banqueiro Pedro Barrié de la Maza. Cabe lembrar que a empresa de Barrié de la Maza medrou á costa da expropiación da empresa Electra Popular Coruñesa, propietaria dun político republicano executado polo franquismo. Tendo en conta o pensamento tráxico da devastación medioambiental financiada pola ditadura e o capitalismo, pensemos na posición que como espectadoras debemos adoptar agora, perante as reiteradas chuvias torrenciais e as secas que deixan ver os campanarios anegados baixo as augas dos encoros. Os vales vólvense permeábeis ante a memoria, feito que permite abrir conversas sobre como nos vinculamos coa nosa contorna, como a temos habitado, e como han de mudar as nosas formas de convivencia. Volvámonos permeábeis nós tamén.

Na outra cara das fotografías, no espazo en branco do reverso, poderiamos escribir a historia dos peixes que habitaban a cunca do río e dos ecosistemas nas ladeiras dos montes que se transformaron para soster unha reserva artificial de auga. Así estariamos seguindo un camiño híbrido trazado polas especies de compañía de Donna Haraway e os pasos de Ariella Aïsha Azoulay, que atopou unha maneira de tomar posición ante as ausencias dos arquivos visuais, para desfacer as lóxicas imperialistas e reaprendermos a historia. Desde o recorte, desde a sobreescritura ecofeminista, podemos cuestionar o punto de vista hexemónico a carón do fotógrafo – neste caso, os fotógrafos que acompañaron as obras das presas – e pór o foco noutras historias que quedaron no fóra de campo, no que os fotógrafos decidiron non encadrar. Que contaban as habitantes das aldeas que convivían no río Miño, en Portomarín, antes da construción do encoro de Belesar? E tras o encoro de Prada? Sobre o de Lindoso, os documentalistas d’Os días afogados apuntaron un retrato colectivo sobre a impotencia de que a decisión sobre os seus espazos de vida fose imposta por proxectos institucionais. É innegábel a dor das comunidades que perderon os seus fogares, desprazadas polas construcións de encoros. Tamén é innegábel a frivolidade con que se construíron novos poboados substitutorios, e outros proxectos derivados deste aproveitamento do rural, como sucedeu co pobo de colonización da Terra Chá, polo que vaga Brais Lamela en Ninguén queda. Ambas obras resoan entre si e se enmarcan nunha onda de creacións culturais que atende aos conflitos socioambientais da Galiza, como recolle Nuria Godón Martínez (2025) noutro artigo sobre o tema. Na novela de autoficción de Lamela, o narrador somérxese en conversas, viaxes, planos de edificacións e outros procesos para facerse preguntas sobre o abandono. Axexa as augas calmas da auga embalsada por se aparece algunha casa, algunha finca, mais non atopa nada; alí non quedou ninguén. E isto reforza a súa procura entre os espectros do arquivo, que o guían en itinerarios a explorar.

Fotografía incluída no libro A memoria mergullada. Fotografías de Portomarín 1952-1963 (2019), do fotógrafo Pepe Pereira.

Así coido que acontece con estoutras fotografías da xente do vello Portomarín, asolagado polo encoro de Belesar. Nun libro recompilatorio do traballo do fotógrafo da vila, Pepe Pereira, titulado A memoria mergullada. Fotografías de Portomarín 1952-1963 (2019), reconstrúense as historias das que a memoria institucional prescindiu. Diferentes escenas de festas e traballo na aldea dan paso a imaxes do proceso de transformación coa chegada do templo hidráulico: o traslado da igrexa, e da memoria, ao novo poboado. Outras fotografías recollen a aparición liminar da auga, ameazando con asolagar casas, mais tamén a adaptación a estes cambios das aves acuáticas pousadas na ribeira en expansión do río. Finalmente, a imaxe que serve como contraportada do libro: un grupo de rapazas que sorrín nunha barca. Os seus rostros e corpos en contacto, sosténdose uns aos outros, teñen algo punzante. Acho que o seu estar desafía a historia de transformación do val. Os seus risos e as súas apertas son xestos que nos facilitan pistas sobre como coidar as nosas comunidades e facer máis habitábel a nosa contorna. Reler as memorias ecolóxicas atendendo as violencias extractivas e especular cos espazos en branco, como nos ensinan as filósofas feministas recentes, son ferramentas para idear formas de actuación coas que coidar as redes ecosociais. Traballar con estas pode servirnos para debater que o necesario non é a acumulación desaproveitada de recursos froito dun progreso obsesivo, que nos empurra cuns ritmos frenéticos nunha marcha adiante (como di Anna Tsing); senón adoptar outros tipos de ritmos, se callar como os do curso dos ríos, nun xesto de achegamento ás persoas, animais e outras entidades non humanas coas que vivimos en relacións de codependencia.