Rastrexando as orixes do Museo Arqueológico Gallego (1884–1928): faccións, intereses e entropía na creación do sistema museal galego

Sabela López Pato
02/09/2022

Sabela López Pato

Que intereses e ideoloxías motivaron a creación en 1884 do Museo Arquelógico Gallego, situado no edificio que hoxe alberga o Instituto Rosalía de Castro compostelán? A investigadora Sabela López Pato analiza como igrexa, elites económicas e galeguismo converxían na inauguración dun fito na proto-institucionalidade cultural galega nacida do Rexurdimento.

A formación dos museos na Galiza fica asociada na literatura especializada á desamortización, á creación das Comisións Provinciais de Monumentos e, polo tanto, á aparición destes organismos de carácter oficial e administrativo, creados en 1844 na estela da reforma territorial de Javier de Burgos (1778–1848). A súa función era a de inventariar e salvagardar o patrimonio procedente do despoxo eclesiástico e, a tal efecto, fundar bibliotecas, museos e arquivos. A creación en 1895 do Museo Arqueológico Provincial de Ourense, considerado hoxe o decano dos museos galegos, enténdese como o resultado desta actividade. Unha actividade, dito sexa de paso, regulada desde o ámbito académico do Estado, isto é, desde a Academia de San Fernando e a de Historia sitas en Madrid.

Con todo, máis alá da oficialidade administrativa e académica, outros actores promoveron tamén iniciativas de seu, como o Museo Arqueológico Gallego, inaugurado en 1884 no edificio San Clemente de Santiago, o actual instituto Rosalía de Castro, entón sede da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Foi de feito este último ente quen impulsou o museo en cuestión. Os inicios do proxecto remontábanse a 1868. Ese ano, Manuel Murguía (1833–1923) e Ramón Rúa Figueroa (1825–1874), tal e como Xosé Ramón Barreiro Fernández recolle na súa biografía do primeiro, envolvéronse na creación dunha sociedade para o fomento da historia, a arqueoloxía e as artes da Galiza. Entre os obxectivos da proposta estaba a formación dunha institución museal autónoma.  

Os avatares políticos retrasaron case dúas décadas a inauguración do Museo Arqueológico Gallego, mais cando esta se oficiou, as faccións congregadas a tal efecto abranguían a elite económica, a igrexa e o galeguismo. Así se desprende da documentación fundacional, incluído o libro de rexistro das pezas. Neste último, aparecen os nomes dos suxeitos que cederon obras á nacente entidade, cuxa historia se prolongou durante máis de catro décadas. Desta mesma lista dedúcese, ademais, que os grupos xa mencionados contaban co apoio dunha base social ampla que comprendía tanto a fidalguía como a pequena burguesía de artesáns e outros oficios da cidade, así como un nutrido grupo de letrados, médicos e  profesionais de carreira; pasando, claro está, polos distintos estamentos da curia (párrocos, cóengos e demais).

Entre os nomes recollidos máis representativos destes distintos grupos sociais poderiamos citar os do banqueiro Olimpio Pérez Rodríguez (1841–1915), o do historiador e relixioso Antonio López Ferreiro (1837–1910) e o do escritor Eduardo Pondal (1835–1917). A lista, con certeza, poderíase ampliar mencionando outros personaxes da vida económica, política e intelectual galega do momento, ben como da ampla representación de veciños e veciñas da cidade de Santiago que tamén fixeron as súas achegas. Porén, bastará aquí con sinalar a coincidencia de colectivos tan diversos e o feito de que os seus intereses non fosen, en consecuencia, homoxéneos. 

O sector católico tradicionalista buscaba nese momento institucionalizar unha historiografía e un corpus patrimonial que estivese ao servizo do padroado de Santiago e a súa igrexa. As escavacións levadas a cabo na catedral a finais da década anterior polo propio López Ferreiro e José Labín Cabello (1879–1910) sacaran a luz as ruínas do mausoleo no que, aínda hoxe, se supón que está soterrado o apóstolo. A lenda xacobea cobraba deste modo unha veracidade inédita, como tamén a cuestión da orixe apostólica da sede compostelá. O tema non era novo mais, tal e como pon de relevo Fernando Pereira González no seu artigo «Unha contribución ó estudio da historia da arqueoloxía galega: o emprego da información arqueolóxica en Galicia», publicado na revista de arqueoloxía Gallaecia (1996), esta era a primeira vez que se ofrecían probas derivadas da información arqueolóxica. No emerxente contexto liberal a reinventio constituíu unha alternativa de grande éxito con que defender a posición do partido eclesiástico. Cabe por tanto supoñer que todo o relativo á institucionalización da arqueoloxía e da cultura material sería nesa altura de gran relevancia para igrexa compostelá.

Mas os intereses dos distintos actores congregados ao redor da iniciativa non eran idénticos. A facción eclesiástica con certeza procuraba un xeito de defender a súa posición, apelando á historia e á orixe apostólica da sede compostelá. O que excitaba ao sector galeguista, porén, era inventariar e prestixiar as fontes da galeguidade; isto é, sentar as bases da identidade galega en chave nacional. No caso da elite financeira, xeralmente afín ao carlismo, a intención era tamén distinta. As súas aspiracións pasaban por situar a Galiza no mapa da emerxente economía librecambista, unha posición desde a que tamén se fixeron importantes achegas ao campo que nos interesa.  

Na Europa da época, o fenómeno das exposicións industriais, manufactureiras, agropecuarias e gandeiras estaba en pleno auxe, logo da supresión, vía lexislativa, dos antigos gremios en Francia no ano 1791. Esta  mudanza anunciaba xa unha nova orde entre produtores, comerciantes e consumidores e constituíu o que habitualmente se entende como un incipiente compromiso coas fórmulas do liberalismo. Sete anos despois, o goberno organizou en París a primeira mostra de produtos industriais. A partir desa data e até mediados do século XIX sucederíanse once edicións máis na capital francesa. Con todo, internacionalmente os eventos deste tipo despuntaron coa celebración da Exposición Universal de Londres celebrada en 1851. Co gallo desta exhibición creouse unha institución tan emblemática como o South Kensington Museum, hoxe o Victoria & Albert Museum. Deste xeito, o que nun inicio era unha cuestión de orde, relativa aos privilexios corporativos e, sobre todo, ao libre trasfego de mercadorías transformábase, case definitivamente, nun asunto de carácter cultural. De fondo, claro está, cómpre igualmente mencionar o debate sobre a importancia das artes aplicadas no novo marco industrial.

En todo caso, para os promotores do Museo Arqueológico Gallego, este novo contexto non era menor. Nunha circular publicada no mesmo ano da inauguración en distintos medios (incluída a revista Galicia Diplomática) alegábase que as coleccións e os museos arqueolóxicos non só servían para esclarecer os problemas históricos, senón que proporcionaban «utilidad y enseñanza para la industria moderna». Os referentes que ao respecto se citaban eran, precisamente, o South Kensington Museum e a mostra londiniense de 1851. En consecuencia, non pode sorprender que a elite financeira galega participase na creación do museo santiagués e, por suposto, na organización das sucesivas mostras comerciais organizadas na Galiza da época, incluída a mostra rexional de 1909.  

Libro de rexistro de pezas (Fondo: Fundación Barrié).

Cando se trata a cuestión da orixe dos museos na Galiza, o relato pivota sobre fitos e axentes cuxa escala se corresponde inexorablemente coa da nacente administración central da época. Á hora de construír o relato sobre a orixe dos museos de antigüidades, a museoloxía española destaca habitualmente dous fitos: a fundación do Museo Arqueológico de Madrid en 1867 e o feito de que ese mesmo ano se ditase o decreto que estabelecía tamén a creación dunha rede de museos provinciais por todo o Estado (cuxo cumprimento non se deu en paralelo). Que os actos e a súa narración teñen temporalidades distintas e que entre ambas existe unha constante tensión é algo sobre o que o historiador alemán Reinhart Koselleck xa nos advertiu. Porén, os fitos de 1867 aparecen recorrentemente na bibliografía museolóxica española como representativos de toda a serie museal (véxase por exemplo como Miguel Ángel López Trujillo trata o tema no seu libro Patrimonio: La lucha por los bienes culturales españoles (2006) ou como Andrés Carretero Pérez, en calidade de director do Museo Arqueológico Nacional, abre o boletín extraordinario que a institución por el rexentada publicou en 2017). 

O Museo Arqueológico Gallego naceu á marxe do Estado e as instancias gobernamentais sitas en Madrid ficaron claramente remisas á hora de apoiar o proxecto, tal e como se desprende dos comentarios que José Villaamil y Castro (1838–1910) introduciu nunha memoria cuxo propósito era, precisamente, acadar dito soporte. Darlle cobertura ao museo implicaba contemplar unha cartografía distinta á ditada pola oficialidade. Santiago xa perdera nesa altura a súa primacía (nin sequera se lle concedera ser cabeza de provincia) e o alcance galego do museo puña de relevo unha escala que a nova división territorial se obstinaba en borrar. No plano internacional, a Europa que sucaba o camiño de Santiago e tiña a Roma como cabeza, así como a Europa na que a liberdade dos pobos se recoñecía como un dereito, non formaban parte do plan liberal-centralista – abrir a economía cara o Atlántico desde os portos galegos tampouco. 

Recuperar para a historia da museoloxía o caso do Museo Arqueológico Gallego permitiría esbozar un escenario distinto ao da totalidade metonímica de lóxica estatal; e isto, de por parte, suporía declarar como críbel unha ou varias escalas distintas. Cabe sinalar que na Galiza a igrexa e o galeguismo non renunciaron enteiramente a un relato propio no campo que nos concirne. Porén, a diversidade de actores e intereses en xogo no noso ámbito non é nunca neste tipo de achegas obxecto de interrogación, como tampouco o é o rol da elite financeira. A importancia da bibliografía museolóxica galega á hora de exhumar datos, documentos e persoeiros está fóra de discusión. Non obstante, o que tampouco atopamos na mesma é un exercicio de imaxinación heurística que cuestione os procedementos imperantes e que sexa capaz de incorporar os factores de entropía en xeral e, nomeadamente, a especificidade e a heteroxeneidade da experiencia efectivamente vivida no campo museal galego. Unha experiencia que, deste modo, tamén se condena activamente á irrelevancia e se constrúe gnoseoloxicamente, tal e como diría Boaventura de Sousa Santos, como un desperdicio.