Politizar o útero: maternidade, clase e fendas na reprodución asistida 

Sheila Fernández Míguez
10/07/2026

Sheila Fernández Míguez

Partindo da hipótese de que o feminismo galego tem relegado a questão do desejo de maternidade, Sheila Fernández Míguez propõe uma reflexão situada e focada nos condicionamentos de classe sobre a reprodução medicamente assistida. A partir de uma perspetiva contemporânea, o seu texto convida-nos a repensar a justiça reprodutiva na Galiza.

Nos últimos vinte anos, a Galiza experimentou unha transformación profunda en materia de familia e dereitos reprodutivos. A aprobación do matrimonio entre persoas do mesmo sexo (2005) e a Lei de Reprodución Humana Asistida (2006) abriron a porta a novos modelos familiares, entre eles a familia monomarental por elección, que pasou do estigma da “nai solteira” a representar unha forma de autonomía reprodutiva das mulleres. Porén, esta ampliación formal de dereitos convive cun acceso desigual ás técnicas de reprodución asistida (TRHA), e cunha cultura feminista galega que historicamente relegou a maternidade a un segundo plano.

Este artigo parte dunha perspectiva situada: a experiencia dunha muller galega, feminista e académica, que se enfronta á pregunta “quero ser nai?” e decidiu ser familia monomarental nun contexto onde a maternidade é simultaneamente desexada, estigmatizada, medicalizada e politizada. A autoetnografía, entendida como práctica de resistencia fronte á epistemoloxía androcéntrica (Gregorio Gil, 2021), permite conectar esta experiencia individual coas estruturas sociais, legais e culturais que condicionan a autonomía reprodutiva das mulleres na Galiza contemporánea.

O obxectivo é ofrecer unha análise política da maternidade e das TRHA na Galiza, integrando datos, marco legal e vivencias situadas, para comprender como se constrúe hoxe o dereito a decidir – ou non decidir – ser nai.

Feminismo galego, maternidade e academia 

A maternidade ocupou historicamente un lugar periférico no feminismo galego contemporáneo. Nas últimas décadas, a axenda centrouse no aborto, nos dereitos laborais e na loita contra as violencias machistas, deixando fóra unha reflexión profunda sobre o desexo de ser nai, a violencia obstétrica ou modelos de crianza feministas, alén da defensa da educación en galego.

A ausencia da maternidade na axenda de xénero mainstream feminista ten consecuencias claras. Por unha banda, dificulta a creación de prácticas e teoría arredor da maternidade; por outra banda, evidencia a falta de políticas públicas de conciliación e de acompañamento á maternidade, o descoñecemento en materia de dereitos reprodutivos e dereitos como pacientes vinculados ao parto e dificulta a prevención da violencia obstétrica.

Autora da fotografía: Silvia Mella.

No espazo feminista, transparentar o desexo de ser nai é tamén un acto de “saída do armario”, xa que moitas mulleres feministas viven a maternidade como un tabú, unha traizón ou unha contradición interna.

No ámbito académico, esta tensión intensifícase. A universidade continúa a ser un espazo masculinizado, onde a maternidade se percibe como un obstáculo para a produtividade, a mobilidade internacional e a competitividade. As mulleres que deciden ser nais expóñense a comentarios indirectos despectivos e á exclusión de proxectos nos  primeiros anos de crianza, o que amplía a fenda de desigualdade na carreira académica. Pola contra, aquelas que non o son deben soportar a presión social que insiste en que “o tempo pasa” ou que “vas arrepentirte”. Esta dobre esixencia – non ser nai para triunfar na academia pero ser nai para cumprir co mandato social – funciona como un mecanismo de control sobre os corpos femininos.

A autoetnografía permite iluminar esta tensión. A experiencia de medrar nun contexto rural, de clase traballadora, politizándose no feminismo e no nacionalismo, e de transitar pola academia internacional, na miña propia experiencia, revela como a maternidade se criminaliza simbolicamente: non aparece como opción vital lexítima senón como risco, renuncia ou fracaso. Esta criminalización é parte dun sistema que non recoñece a maternidade como campo de saber feminista nin como experiencia política central para comprender a interseccionalidade.

TRHA na Galiza: dereitos, límites e fenda de clase

A historia das Técnicas de Reprodución Humana Asistida no Estado español é paradigmática: mostra que os dereitos recoñecidos non sempre se traducen en dereitos accesíbeis. Desde 1988, as mulleres maiores de 18 anos podían acceder á inseminación artificial ou á fecundación in vitro, nun marco legal que concibía a esterilidade como patoloxía. A Lei de Reprodución Asistida de 2006 supuxo un salto cualitativo: eliminou a esterilidade como requisito e recoñeceu a autonomía reprodutiva con independencia do estado civil ou da orientación sexual. A tecnoloxía deixaba de ser un tratamento médico para converterse nunha ferramenta de apoderamento.

Porén, este apoderamento é desigual. O Real Decreto 63/1995 incluíu por vez primeira a reprodución asistida no Sistema Nacional de Saúde, pero só para casos de infertilidade diagnosticada. En 2014, en plena crise económica, a Orde SSI/2026/2014 do Partido Popular deu un paso atrás: esixiu doce meses de relacións con coito vaxinal para acreditar esterilidade, excluíndo de facto as mulleres soas e as parellas lésbicas. Algunhas comunidades autónomas puideron esquivar esta restrición e, no caso da Galiza, o SERGAS mantivo un protocolo propio, baseado en criterios sanitarios e etarios.

O acceso ás TRHA no sistema público galego está recollido na Guía técnica do proceso de reprodución humana asistida do SERGAS, integrada no Plan Galego de Reprodución Humana Asistida 2024-2028. Este plan estabelece que é necesario ser menor de 42 anos para acceder ao primeiro embarazo e menor de 38 anos para solicitar un segundo. A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS) critica este límite por consideralo arbitrario e por favorecer directamente o sector privado.

Na Galiza existen nove clínicas privadas de reprodución asistida distribuídas polas principais cidades. Os prezos oscilan entre 900 euros por unha inseminación artificial e 6.000 euros por un ciclo de fecundación in vitro (sen medicación). Moitas de nós, por idade, xa non chegamos á posibilidade de ter un segundo embarazo dentro do sistema público, polo que só nos queda a posibilidade de recorrer ao sistema privado que introduce unha fenda de clase evidente: quen pode pagar, accede; quen non, fica fóra. A decisión de conxelar óvulos, realizar probas xenéticas ou iniciar unha inseminación artificial ou FIV convértese nun proceso atravesado por desigualdades económicas, territoriais e simbólicas.

A experiencia situada revela tamén o impacto emocional e político deste proceso: o medo á violencia obstétrica, a incerteza sobre o éxito das técnicas, a presión do reloxo biolóxico, o loito xenético e a necesidade de decidir en soidade. Todo isto forma parte da realidade das mulleres que conforman una familia mediante as TRHA na Galiza, unha realidade que combina avances legais, límites estruturais e desafíos que o feminismo galego aínda non incorporou plenamente á súa análise.

A familia monomarental como modelo político galego contemporáneo

A familia monomarental é hoxe un dos modelos familiares que máis medra na Galiza e no conxunto do Estado. Segundo datos do INE, en 2023 o 83 % das familias monoparentais no Estado español están encabezadas por mulleres, e este patrón repítese na Galiza, onde a proporción é practicamente idéntica. O Instituto Galego de Estatística sinala que, entre 2011 e 2021, as unidades familiares formadas por unha muller e crianzas aumentaron arredor dun 20 %, mentres que outros modelos familiares se mantiveron estábeis ou mesmo diminuíron. Esta tendencia sitúa a familia monomarental como un dos espazos onde se está a producir a transformación máis profunda da estrutura familiar galega contemporánea.

A realidade galega mostra que a familia monomarental non é unha excepción nin unha anomalía, senón un modelo emerxente que obriga a repensar a maternidade, os coidados e a propia definición de familia. O seu crecemento revela que as mulleres galegas están a redefinir os seus proxectos vitais nun contexto onde a parella xa non é condición para a maternidade, e onde a tecnoloxía reprodutiva se converte nun instrumento para acceder ao embarazo.

Desde a autoetnografía a pregunta “quero ser nai?” deixa de ser íntima para converterse nunha pregunta política: que dereitos, que recursos, que discursos e que institucións condicionan esa decisión? A maternidade, entendida como campo de saber feminista, obriga a repensar a interseccionalidade desde a experiencia corporal, emocional e material das mulleres.

Nun momento de transformación profunda da familia galega, é necesario que o feminismo incorpore a maternidade como parte central da súa análise. Non para idealizala no rol de muller tradicional como fai o fenómeno das tradwife, senón para politizala: para comprender como se constrúe, como se limita e como se emancipa. A autonomía reprodutiva das mulleres – sexan nais en parella ou nais soas – é hoxe un dos territorios onde se xoga a posibilidade real de decidir sobre a vida. E é, tamén, un dos lugares onde a Galiza contemporánea revela as súas fendas, os seus avances e os seus desafíos.