Para unha transición alimentaria ecolóxica e feminista

Bibiana Martínez e Stefania Barca
09/01/2026

Bibiana Martínez e Stefania Barca

De uma perspectiva ecofeminista, o artigo critica a estratégia «Do prado ao prato» da UE, e defende a proposta alternativa para a transição agroalimentar desenvolvida pola Secretaria da Mulher do Sindicato Labrego Galego, centrada na igualdade de género e na perspetiva do cuidado.

A Política Agrícola Común (PAC) da Unión Europea e a estratexia «Do prado ao prato» integran o complexo de políticas comunitarias de transición ecolóxica, o Pacto Verde Europeo (European Green Deal). Desde o principio, a literatura académica nas ciencias sociais agrarias ten criticado a PAC por basearse nun modelo agrícola hiperprodutivo, que, ao apostar polas grandes explotacións, acaba sendo moi pouco ecolóxico. A PAC é criticada, ademais, por reforzar as desigualdades de xénero na agricultura europea, perpetuando unha orde de xénero patriarcal e convertendo así as mulleres nunha forza laboral invisíbel. A PAC ignorou tanto as disparidades de xénero na propiedade da terra como o acceso desigual das mulleres á educación, o financiamento e a representación nas organizacións agrícolas. Hoxe en día, a pesar dos compromisos retóricos da UE e da PAC coa integración da perspectiva de xénero e o desenvolvemento rural, tal e como menciona Rosa Maria Fanelli nun artigo de 2022, as mulleres apenas dirixen o 30 % das explotacións a nivel europeo, normalmente unidades de pequena escala. Pola contra, máis de tres cuartas partes das explotacións están dirixidas por homes e representan aproximadamente o 86 % da superficie agrícola produtiva actual; estas últimas son xeralmente explotacións familiares que, como recalcaban Shortall e Marangudakis nun artigo tamén de 2022, representan o 92 % do total de explotacións na UE.

Entre as ciencias sociais mais atentas á cuestión da transición alimentaria, destacan a ecoloxía e economía política feministas. Amaia Pérez Orozco, por exemplo, na súa obra Subversión feminista de la economía (2019)ten salientado a urxencia de pasar de economías orientadas á produción e ao crecemento a paradigmas sostíbeis alternativos centrados no coidado das persoas e do medio ambiente, xunto coa revalorización da reprodución socioecolóxica. A Vía Campesina (LVC) – a organización mundial máis representativa da agricultura de pequena e mediana escala – tal e como destacan Calvário e Desmarais nun artigo de 2023, ten adoptado esta perspectiva, priorizando a loita contra as desigualdades de xénero e a desvalorización do traballo de coidados (principalmente realizado por mulleres).

Neste artigo pretendemos pór o foco nestas loitas feministas campesiñas desde a perspectiva dunha organización galega pertencente á Coordinación Europea da Vía Campesina (ECVC), nomeadamente o Sindicato Labrego Galego (SLG). Fundado en 1973 de xeito clandestino como Comisións Labregas, coa misión de defender os dereitos dos labregos e as labregas galegas, preservando prácticas agrarias tradicionais e resistindo ás políticas explotadoras, ao longo da súa historia o SLG fixo presión para a creación de reformas que recoñezan o valor ecolóxico e social da agricultura a pequena escala, e impulsou políticas de apoio ás prácticas agroecolóxicas, que enfatizan a sustentabilidade, a biodiversidade e a resiliencia comunitaria. Só a partir da década de 1990, coa formación da Secretaría das Mulleres (SM) como espazo colectivo para abordar cuestións específicas das agricultoras, o SLG tornouse nunha organización cunha forte compoñente feminista, que conta cunha Secretaría Xeral liderada por mulleres desde fai décadas, e cun papel central da Secretaría das Mulleres (SM). Tal e como se destaca na publicación de setembro e outubro de 2024 do xornal Fouce, o sindicato profundizou progresivamente na súa postura ecofeminista, elaborando unha visión da transición agroalimentaria que contrasta coas políticas existentes centrándose na revalorización e visibilización do traballo de coidados e a reprodución socioecolóxica.

O SLG e a SM non se limitan á denuncia, senón que desenvolven unha proposta alternativa para unha transición agro-alimentaria, baseada nun modelo que se estrutura arredor de dous eixes inseparábeis: a agroecoloxía como paradigma socioambiental e a reavaliación estrutural do coñecemento e do traballo de coidados das mulleres, colocándoas no centro dun sistema alimentario xusto e sostíbel. Na súa crítica, que aparece no Fouce de xaneiro e febreiro do 2025, tenta pór de manifesto que, sen unha reforma profunda que priorice a igualdade de xénero, a xustiza social e a soberanía alimentaria, a través de prezos xustos e un apoio real á agroecoloxía, as políticas europeas non só non alcanzarán os seus obxectivos ambientais e sociais senón que tamén acelerarán a crise do modelo rural que procuran salvar.

A proposta do SLG integra unha perspectiva feminista que procura reavaliar e facer visíbeis as contribucións das mulleres historicamente ignoradas. Por unha banda, están os modelos de coñecemento e produción. O sindicato destaca o papel das mulleres como «coidadoras do medio ambiente e da saúde pública» a través do seu traballo agrícola. Esta visión é similar á que aparece nas análises de Mincyte nun artigo de 2024, que sinala que as mulleres no Norte Global, como no Sur Global, a miúdo operan nas marxes da agricultura convencional, amosando unha maior predisposición a traballaren en modelos de agricultura sostíbel e a pequena escala. O SLG non só recoñece esta tendencia senón que tamén defende facer visíbeis e apoiar explicitamente os modelos de agricultura liderados por mulleres, que encarnan prácticas a miúdo máis aliñadas coa agroecoloxía.

As mulleres do SLG tamén enfatizan a carga desproporcionada de coidados que recae sobre as mulleres rurais, agravada pola deficiente aplicación da Lei de Dependencia. Esta situación contextualiza o que a literatura feminista conceptualiza como a «triple carga» en que – como explica Som Castellano nun artigo de 2016 – a participación das mulleres na agricultura de pequena escala e na agricultura de subsistencia se engade como unha terceira quenda de traballo non remunerado ou infravalorado, perpetuando a súa excesiva carga de traballo. O SLG, por tanto, defende unha economía solidaria que recoñeza estas contribucións, desafiando a narrativa que as subsume baixo as responsabilidades domésticas.

A SM actúa como plataforma estratéxica para canalizar estas esixencias e analizar as políticas agrícolas desde unha perspectiva de xénero. As súas propostas concretas procuran desmantelar a discriminación estrutural. En canto á propiedade da terra e á xubilación, a Secretaría denuncia a flagrante desigualdade no acceso á terra e á seguridade social. A pesar de traballar tanto ou máis que os seus cónxuxes, moitas mulleres non son recoñecidas como propietarias de explotacións agrícolas, o que se reflicte en pensións míseras: só o 5 % das agricultoras reciben o 100 % da súa pensión, fronte ao 80 % dos homes. A Lei de Propiedade Compartida (2011), malia ter constituído un paso adiante, tivo unha aplicación limitada, con só 49 mulleres beneficiadas até 2025. En canto á saúde laboral e ao recoñecemento, tal e como se pon de manifesto no Fouce de setembro e outubro de 2024, destaca a alta taxa de accidentes de traballo sufridos polas mulleres nun sector xa perigoso, unha realidade agravada pola invisibilidade do seu traballo, a miúdo categorizado como «doméstico», o que as priva de protección e compensación.

Outro elemento central no traballo en clave feminista no SLG é o relacionado coa participación política e á representación das mulleres en todos os espazos do sector agrario. Desde os inicios, fíxose un importante traballo para constituír a Secretaría das Mulleres como un instrumento de organización, de análise e formación, en relación coa autoestima das mulleres que animase á participación e á asunción de tarefas por parte das mulleres do sindicato. De xeito habitual destacan como central a importancia da representación das mulleres nos espazos de toma de decisión e de elaboración de políticas, non só institucionais senón tamén en lugares relevantes para o sector agrario, como poden ser os consellos de dirección de cooperativas agrarias ou de consellos reguladores (Entrevistas con Ana Rodríguez e Lidia Senra do SLG). Porén, e a pesar de que as secretarías xerais do SLG foran ocupadas por mulleres nas últimas décadas, a nosa investigación mostra que as mulleres practicamente non aparecen nin teñen voz nas mobilizacións labregas – como confirmaron as «tractoradas» de Ourense en decembro de 2025 contra o acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur. 

En suma, na perspectiva do SLG, a loita pola agroecoloxía é unha loita pola igualdade de xénero. Non nun sentido xeneralizado, senón ao revés: que o traballo das mulleres sexa valorado como o dos homes (non hai produción sen reprodución). É dicir, o cambio debería producirse non só no modo de produción senón tamén no modo de reprodución, abolindo, entre outras cousas, a división sexual do traballo e deixando de marxinar tarefas tradicionalmente consideradas femininas.