Nos assassinatos perpetrados a causa do Golpe de Estado de 1936, que diferenças houve entre vítimas homens e mulheres? Diferentes modalidades foram aplicadas para a eliminação física dos objetivos humanos. Xabier Buxeiro chama a atenção para o interesse da perspetiva de género neste objeto de estudo.
O 18 de xullo de 1936 unha parte do exército español decidiu alzarse en armas en contra da legalidade vixente. O fracaso do seu intento de Golpe de Estado provocou o inicio dun conflito armado que coñecemos co nome de Guerra Civil. Porén, na Galiza non houbo guerra, mais unha matanza perpetrada sob a dirección das novas autoridades, que conseguiron tomar o poder pola forza das armas. Os dados, recollidos polo Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces, serviron para estimar o número total de vítimas mortais da violencia golpista dentro do territorio da actual Comunidade Autónoma Galega. O dito número fica entre 4 500 e 5 000 persoas. Destas, case 97 % foron homes, tal e como mostran Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho no seu artigo «Nomes e voces: balance, preguntas e interpretaciones. Las huellas del Golpe de Estado en Galicia» incluso na obra colectiva Otras miradas sobre Golpe, Guerra y Dictadura. Historia para un pasado incómodo (2014).
Isto, evidentemente, non é algo casual mais unha circunstancia que se explica en función dos obxectivos do Golpe de Estado, entre os cales temos que situar, en primeiro lugar, a tomada do poder, como argumentado por Lourenzo Fernández Prieto no seu artigo «De pasados incómodos difíciles de definir» (2013). Por tanto, resulta lóxico pensar que a violencia golpista se dirixise ás persoas que naquel momento tiñan o poder, isto é, en 1936, homes na práctica totalidade dos casos.
Neste artigo partimos desta base: os sublevados mataron moitas menos mulleres do qu homes. E facémolo coa intención de abordar dúas cuestións. En primeiro lugar, explicaremos as diferenzas que existen entre os mecanismos postos en práctica para asasinar homes e mulleres após a Sublevación militar do 18 de xullo. En segundo lugar, analizaremos o interese que ten o estudo dos asasinatos de mulleres para entender as dinámicas de violencia implantadas logo despois do Golpe de 1936.
Para responder estas preguntas temos que realizar una pequena explicación xeral sobre os mecanismos de eliminación física de persoas tras o Golpe de Estado na Galiza. Así, hai que tomar en consideración que a maioría de falecidas e falecidos por causa da Sublevación no noso país perderon a súa vida após a instalación no poder das novas autoridades, tal e como desenvolvín no artigo «Paseos, execucións e outros asasinatos. A organización e posta en marcha da maquinaria de exterminio golpista en Galiza» (2020).
Se excluírmos as mortas e mortos en prisión, encontramos que as persoas foron asasinadas en base a dúas casuísticas. Por unha parte, un terzo do total foron xulgadas, condenadas á pena capital (en base a unha deformación absoluta da realidade) e executadas. Por outra banda, os dous terzos restantes foron asasinadas alén dos mecanismos de aplicación da pena morte, en base a prácticas que na cultura popular se denominan «sacas» ou «paseos». En ambos os casos debemos ter claro que estamos diante de formas de violencia controladas polas autoridades sublevadas, tal e como expliquei máis polo miúdo no artigo «Os verdugos e a sociedade. A violencia sublevada en Ribadeo (1936–1941)» (2018).
Cronoloxicamente, 90 % das vítimas mortais da perseguición golpista perderon a súa vida entre os anos 1936 e 1937. Esta realidade, que é aplicábel tamén ao colectivo de mulleres asasinadas, deu lugar a unha interpretación que diferenciaba dúas etapas dentro da perseguición sublevada. A primeira sería a da «violencia en quente», en que as persoas foran asasinadas sen atender a xustificacións de tipo legal, en base a prácticas como «sacas» ou «paseos». A dita fase estenderíase durante 1936 e os primeiros meses de 1937, sendo sucedida por un segundo momento en que os asasinatos continuarían, mais seguindo os mecanismos de aplicación da pena capital. Esta tese ten sido defendida por autores como Julián Casanova, no seu artigo «Rebelión y revolución», e Francisco Espinosa Maestre, no seu libro La columna de la muerte. El avance del ejército franquista de Sevilla a Badajoz (2003).

Esta é, por tanto, a tese tradicional e, polo momento, tamén a máis difundida. Porén, ten sido emendada para o caso galego por diferentes causas. En primeiro lugar, debido a que as investigacións de Nomes e Voces mostraron que as execucións e os asasinatos perpetrados alén dos mecanismos de aplicación da pena capital foron empregados de forma simultánea desde os primeiros momentos tras o Golpe. En segundo lugar, debido a que os asasinatos de persoas non sentenciadas a pena capital buscaron ser xustificados, en moitas ocasións, en base á manipulación da lei, é dicir, dun xeito análogo ao acontecido coas execucións en aplicación de sentenza. Dita circunstancia impide consideralos como unha práctica “extraxudicial” sen maiores precisións. Por todo isto, podemos afirmar que a ampla maioría de mulleres e homes asasinados a causa do Golpe perderon a súa vida despois da instalación das novas autoridades no poder e en base a prácticas de violencia controlada.
Até aquí falamos de similitudes, mais cales foron as diferenzas entre os mecanismos levados a cabo para asasinar homes e mulleres? A resposta está na relación proporcional que existe entre os asasinatos, con e sen sentenza, segundo o xénero. Deste modo, calculamos que por cada muller executada houbo 182 homes a que lles foi aplicada unha sentenza de pena de morte. Fronte a isto, por cada muller asasinada fóra dos mecanismos de aplicación da pena capital, temos un total de 37 vítimas masculinas.
Non resulta posíbel explicar esta desproporción en 1 500 palabras. De facto, estamos ante un tema que non foi aínda estudado de forma sistemática. Con todo, podemos apuntar unha hipótese, que se deduce (entre outros dados) da análise de xénero que esbozamos. Esta é: as autoridades sublevadas non quixeron ou non puideron aplicar a pena capital a todas as persoas que tiñan planificado asasinar e, por iso, decidiron optar por mecanismos alternativos para a súa eliminación física.
Tal e como explicamos, as execucións e os asasinatos sen sentenza son dúas tipoloxías de violencia controladas, que coexistiron no tempo desde os primeiros momentos após o Golpe. Porén, entre ambas existe unha diferenza fundamental. Para xustificar unha execución hai que montar un caso, o que implica buscar testemuñas e conformar unha acusación. É dicir, os golpistas podían manipular a lei ao seu antollo mais só o fixeron cando tiñan algunha realidade material a que se agarrar.
A nosa hipótese conta con outro argumento ao seu favor. As execucións foron unha forma de violencia que estivo máis concentrada que os asasinatos sen sentenza, dentro dos concellos que compoñen a actual comunidade autónoma. Así, os dados de Nomes e Voces mostran que o número de concellos entre cuxa veciñanza non se produciron execucións foi de 163, o que a nivel porcentual significa falarmos de 52 % relativamente ao total de 313 municipios que existen na actualidade dentro da Comunidade Autónoma Galega. Fronte a isto, se computarmos os asasinatos sen sentenza, encontramos que só 79 de 313 concellos ficaron libres deste tipo de prácticas entre a súa veciñanza, o que, a nivel porcentual, se corresponde cunha porcentaxe que ronda o 25 % do total de municipios que existen a día de hoxe no noso país.
En resumo, o que aquí se presentan son unhas breves notas con que se pretende contribuír para algúns dos principais debates que están abertos ao redor da violencia golpista. Alén disto, proponse unha posíbel vía de estudo centrada nun dos colectivos máis esquecidos dentro das historias sobre o Golpe e a Guerra Civil: as mulleres. O obxectivo desde texto, por tanto, é dar lugar a novos textos e (con fortuna) a novos proxectos investigadores.