Ao longo da historia, as habitantes da Galiza relacionáronse entre si e cos seus territorios de distintas formas, organizándose en comunidades de diverso tipo segundo as circunstancias. A través do exemplo de Casaio, Lara Barros ofrece neste artigo unha breve historia daquel relacionamento.
«Todo o meu ser está leigado á terra
sábeme a terra todo na memoria
terra o camiño, terra a miña historia
terra esta voz que no deserto berra»
Onde o mundo se chama Celanova, Celso Emilio Ferreiro
Casaio é como unha atalaia inserida nas montañas de Trevinca, dentro do Macizo Galaico-Leonés. Unha torre vixía desde a que a historia parece que se desprega e resume ao mesmo tempo. Se botamos unha ollada cara o sur, emerxen a Pena Trevinca, a Pena Negra, a Pena Surbia, o pico Maluro… unha presenza de dous mil metros de altura que impresiona e nos imbúe nunha dimensión xeolóxica difícil de comprender polo tempo humano. Acompañan ás montañas vales como o do río Castaño, profundo e revirado, ou bosques como o famoso Teixedal, ese lugar tan mítico como real, unha das máis grandes e antigas reservas de teixos de Europa. Aí está a Natureza, o que a terra é en si mesma, a que se levanta ou afunde ante nós.
Agora ben, se nun xiro de cabeza facemos que a nosa mirada camiñe cara o Norte, algo tremendamente negro e dunha dureza difícil de explicar máis alá da punzada no ventre invádeo todo. Son as canteiras de lousa que se estenden até onde alcanza a vista e que levan décadas devorando montañas, vales e bosques, igual de fermosos (ou máis, quen sabe?) dos que acabamos de ver. Eis a dimensión humana, a dun modelo de desenvolvemento extractivista e de explotación industrial, asociado a un sector da construción moi destacábel no PIB español e na “internacionalización” da súa economía, presente xa desde inicios do século XX mais que colle pulo desde os anos 60s e chega aos nosos días. Proceso amplamente estudado e recollido por Isidro García Tato, historiador e investigador do CSIC con fortes raíces na zona.
E, entre a luz e a sombra hai máis, moito máis. Unha importante mina de volframio explotada directamente nos primeiros anos da II Guerra Mundial polos nazis, que entre a súa man de obra incorporaba presos republicanos. A mina de Valborraz está situada nunha antiga mallada, área de pasto comunal que suscitara diferentes conflitos no século anterior entres os concellos veciños. En menos dun século é o volframio e non a herba, o que alimenta novos conflitos, esta vez a escala mundial. Será iso ao que chaman a internacionalización da economía?
Seguindo cos contrastes, agochada entre as montañas, localízase tamén a chamada Cidade da Selva, contemporánea á presenza nazi, un conxunto de chozas que acolleu parte da Federación de Guerrillas de León-Galicia e que resistiu até 1946. E habería que falar tamén da recente descuberta das impresionantes pinturas prehistóricas de Palas de Cabra, que coroan o val de San Xil cun motivo oculado pouco habitual nestas latitudes, ou da fíbula romana que algún veciño confesa ter atopado á beira dun camiño. Os traballos que desde a arqueoloxía está levando a cabo o proxecto Sputnik Labrego están sendo moi relevantes para sacar á luz todo este patrimonio.
Pois así é, Casaio e as súas montañas non só están no mundo, senón que parecen o seu centro mesmo, toda a nosa historia alí cabe. Actualmente constitúe unha parroquia integrada no concello de Carballeda de Valdeorras, e de forma conxunta coa parroquia veciña de Lardeira, xestiona os montes veciñais do seu territorio, nin máis nin menos que unhas 8000 hectáreas destas montañas que tanto conteñen. Organízanse a través dunha única Comunidade de Montes Veciñais en Man Común que foi clasificada en 1979 polo Xurado Provincial de Montes de Ourense, despois dun longo e revirado camiño.
A comarca da Cabreira, a que pertenceron Casaio e Lardeira durante toda a Idade Moderna, estivo baixo dominio señorial do marquesado de Vilafranca do Bierzo desde o século XVI. Os seus respectivos concellos, órganos de goberno rurais que agrupaban a veciñanza en asemblea «a voz de concello», tiñan como misión fundamental xestionar os recursos de carácter comunal, tal como era o caso dos montes. Eran a fonte de pasto e forraxe dunha importante facenda gandeira, subministraban os esquilmos necesarios para as terras de labor, fornecían leñas e demais recursos necesarios cos que soster a vida; o monte era pois o soporte dunha economía de base orgánica e carácter reprodutivo. Mais tamén fonte de múltiples e variados conflitos. Toda a Idade Moderna foi unha loita constante ao redor daqueles recursos, fundamentalmente entre os concellos veciñais e o marquesado, en que os primeiros desenvolveron diferentes repertorios de acción e defensa dos seus bens comunais. O arrendo de pastos de verán a grandes gandeiros foráneos de ovellas meiriñas castelás, integrantes do «Honrado Concejo da Mesta», a patronal gandeira do momento, abría fortes conflitos coas gandarías locais, que defendían o territorio para si mesmas. Tratábase dun auténtico choque de estruturas e poderes: a gobernanza rústica e local da veciñanza, fortemente arraigada no costume e no tempo, fronte a un aparato institucional señorial, novo e foráneo, con que unhas veces se loita e outras se negocia. Estes conflitos tamén se daban entre os propios concellos e as súas diferentes estratexias fronte ao poder, que fan que o mapa de relacións sexa dinámico e cambiante.
Ao longo do tempo o señorío de Vilafranca procurou de todas as maneiras posíbeis converter os seus dereitos xurisdicionais, de orixe medieval e carácter feudal, en dereitos territoriais e é o estado liberal no século XIX o que lle concede os seus desexos, paradoxalmente, coa lexislación sobre abolición dos señoríos. O Antigo Réxime caera, mais as elites son as elites e as leis acabaron confirmando como propiedade privada e individual ao favor dos extinguidos señoríos o que antes era unha superposición de dereitos compartidos. O novo estado homoxeneizaba e centralizaba, ou tal era a súa vontade. Os Condes de Peña Ramiro, casa herdeira do marquesado, conseguiron que se lle recoñecesen tales montes como propios, aínda que seguiu recoñecendo o seu usufruto para a veciñanza de Casaio e Lardeira.
É interesante aquí ver as estratexias das comunidades para sortear as ambicións do propio estado liberal, que durante toda a segunda metade do século XIX, baixo a desamortización civil de Madoz, ansía facerse cos montes comunais como montes públicos, é dicir, baixo o seu control e xestión. A veciñanza local negociaba e recoñecía mediante convenio o «señor» anterior, por aquilo do malo coñecido, fronte ao novo poder que representaba o estado. Asegurábase así a continuidade dos seus dereitos de aproveitamento dos montes, fronte a un estado con moitos anhelos forestais e moi pouca empatía coas comunidades locais.

E así chegamos ao século XX, momento en que un novo conflito acaba recoñecendo a propiedade dos montes nas mans da súa veciñanza. A política forestal franquista levanta ambicións e os Condes de Peña Ramiro asinan un consorcio co Patrimonio Forestal do Estado para a posta en repoboación destes montes. A veciñanza, unha vez máis, entra na defensa do seu, esta vez por vía xudicial, e, aínda que non consegue sentenza favorábel, si consegue, após máis dunha década de conflito, a compra do monte pola comunidade e a súa clasificación como Monte Veciñal en Man Común. O proceso é moito máis retorto e longo do que aquí contamos, con certeza, mais sérvenos para advertir cuestións importantes.
É Casaio, por un lado, un escenario de mudanza histórica. Diferentes modelos (sociais, económicos, culturais, políticos…) sucédense ao longo dos séculos. A moi grandes trazos, o dunha sociedade local, campesiña, agrogandeira, para unha sociedade global, industrial, extractivista, e as mudanzas de uso sobre o territorio marcan mudanzas na paisaxe e crean distorsións que provocan feridas e rupturas na memoria. Cada bocado de montaña que cae, que desaparece desintegrado en lousa é tamén un bocado de memoria que desaparece, un bocado do mapa do tempo que se borra. A documentación histórica fálanos de lugares que xa non existen, de nomes que ninguén recorda. O entullo das lousas cobre tamén a memoria ao modo dun alzhéimer socialmente aceptado.
Mais, por outro lado, á luz do tempo histórico e da súa longa duración, observamos en Casaio tamén un valioso tesouro: o da vinculación case xeolóxica entre comunidade e territorio. Casaio e a súa comunidade son a historia do que si dura fronte a todo o que muda, do que permanece fronte ao que desaparece. Unha historia que nos dá a medida da estabilidade dunha identidade construída no territorio, colectiva, que ve pasar señores, reis e estados… mais que aí segue. Nun documento de 1642, que recolle un conflito entre o marquesado de Vilafranca e o concello de Casaio pola competencia sobre o nomeamento de gardas do monte, lemos:
«[…] la dicha guarda y nombramiento della de tiempo immemorial a esta parte ha tocado al dicho concejo el qual siempre ha nombrado y estado en quieta y pacifica posesion de nombrar tres guardas costumbre usada y guardada de uno, diez, veynte, treynta, quarenta y mas años a esta parte y de tanto tiempo que memoria de hombres no es en contrario […]» (Documento custodiado no Arquivo da Fundación Medina Sidonia, cota 5111).
Séculos máis tarde, nun escrito de 1962 dirixido ao Ministerio de Agricultura:
«[…] El reclamante, en unión de la Comunidad de Vecinos de Casayo y Lardeira, vienen en la posesión ininterrumpida, desde tiempo inmemorial, de los montes y majada que se describen dentro de los límites […]» (Documento consultado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, cota 9863).
Vemos aquí un diálogo entre xeracións sobre a posesión inmemorial da comunidade sobre o seu monte, diálogo que segue hoxe e que, agardemos, floreza no mañá.
O que muda e o que permanece, o que se perde e o que perdura, o contraste entre natureza e destrución, luz e sombra… Casaio ábrenos ás polaridades que nos atravesan, persoais e colectivas, para desde elas integrar mellor un futuro que está aínda por construír e que, esperemos, siga tendo na comunidade a súa cerna fundamental.