Que postura debe manter a esquerda perante a institución familiar? Cal é a relación entre capitalismo e familia? Que vínculo hai entre a produción de mercadorías e a reprodución da vida humana? Por que a defensa da familia semella ser patrimonio da dereita? Pedro M. Rey Araújo analiza estas cuestións coa vista posta na intervención política.
Cando ouvimos falar en políticas «en prol da familia», ou de concentracións «en defensa da familia», seguramente somos poucas quen dubidamos que se trata dunha defensa da familia nuclear heteronormativa, amparada por actores abertamente reaccionarios e fundamentada nunha visión esencialista e retrógrada das relacións de xénero. Cómpre preguntármonos, por tanto, como chegamos a unha situación na cal a defensa da institución familiar semella ser patrimonio exclusivo da dereita. Que temos que dicir sobre a familia quen militamos activamente pola transformación social nunha liña emancipadora? Resaltar, xustamente, as múltiples violencias e opresións que se dan nos modelos familiares tradicionais non basta. No seu lugar, é preciso artellarmos unha crítica á institución familiar que resulte intelixíbel ás maiorías sociais, á vez que, simultaneamente, fique incardinada na proposta dun modelo de sociedade mellor. O enraizar unha visión dunha sociedade emancipada nas experiencias espontáneas sobre a familia de quen nos rodea, isto é, ligar a experiencia concreta coa aspiración universal, constitúe a pedra angular de toda aposta hexemónica.
Quen fala da familia?
Asistimos, nos últimos anos, a unha reivindicación da familia tradicional desde diversas frontes. Desde as tribunas da dereita chéganos unha reivindicación da familia en oposición á diversidade sexual e á reversión paulatina das relacións tradicionais de xénero, discursos nos cales a defensa da familia nuclear heteronormativa é presentada como baluarte último perante o derrubamento da orde social católica, ou da civilización occidental mesma. Por outra banda temos un obreirismo reaccionario que fai da nostalxia por un pasado que nunca foi a súa razón última de ser, un mundo no cal unha suposta centralidade da clase obreira (branca, masculina, industrial) tería ido da man da estabilidade dos vínculos sociais. Nun contexto de crise da acumulación capitalista, no cal a fraca recuperación económica veu ligada a un adelgazamento da institucionalidade do benestar en nome da sacrosanta austeridade, os primeiros mobilizan conscientemente un discurso tradicionalista como vía para promover unha re-privatización dos coidados cara quen consideran ser «coidadoras naturais», isto é, as mulleres adultas inseridas en lares heteronormativos. Pola súa banda, os segundos constrúen un relato no cal a maior presenza movementos feministas e LGBT nas décadas recentes tería contribuído para fragmentar unha clase obreira que, perdida xa a súa prístina, se ben que inexistente, unidade, non estaría xa capacitada para resistir os embates da clase capitalista.
Embora a familia nuclear heteronormativa constitúa unha fonte de múltiples situacións de opresión e violencia (simbólica, económica, física, sexual), é preciso recoñecer que, para a inmensa maioría, a familia constitúe o principal campo, se cadra o único, no cal se experimentan lóxicas de colaboración e reparto (de tempos, de cartos, de esforzos) distintas das lóxicas da competencia que percorren, de modo inherente, toda orde social capitalista. A pesar de a Galiza ter unha localización inexorabelmente atlántica, pertence ao que nos campos da socioloxía da familia inspirados pola obra do sociólogo Gøsta Esping-Andersen (véxase o seu libro The Three Worlds of Welfare Capitalism, 1990) se denominan «reximes Mediterráneos», isto é, contextos nos que a institución familiar xoga un papel capital na reprodución social como campo en que se partillan recursos monetarios, afectivos e de coidados. Así, unha crítica exclusivamente en negativo á institución familiar non só resulta insuficiente para engarzar coas vivencias espontáneas das maiorías sociais, como tamén acha desagradábeis compañeiros de viaxe nos discursos de inspiración ultra liberal, que celebran a disolución dos vínculos sociais polas ubicuas e corrosivas forzas das lóxicas concorrenciais.
Familia e capitalismo: afíns ou antagónicos?
Desde os pioneiros traballos de Friedrich Engles e Clara Zetikin até o autonomismo italiano da década de 1970 ou as teorías da reprodución social dos nosos días, a relación existente entre o capitalismo e a institución familiar ten sido amplamente debatida sen alcanzar un consenso claro. Precisa o primeiro da segunda? É a segunda antinómica a respecto do primeiro? Ten a súa relación un carácter loxicamente necesario ou, polo contrario, se trata dunha articulación historicamente continxente?
Como indicabamos, a familia é unha esfera que abrangue relacións sociais maioritariamente non mediadas por lóxicas mercantís. Quen defenden unha suposta oposición entre os mercados capitalistas e a familia, ao tempo que denuncian os efectos corrosivos dos primeiros sobre a segunda, tenden a pór o foco nas dinámicas altruístas, solidarias e horizontais que alí agroman, a expensas de sinalar como estas aparecen, na maioría dos casos, intimamente imbricadas en relacións xerárquicas, opresivas e violentas. Non houbo nunca unha unidade orixinaria que o capitalismo esgazou e que debamos reconstituír.
De acordo con Ellen Meiksins Wood no seu libro Democracy against Capitalism (1995), non existe ningunha vinculación esencial entre o capitalismo e a subordinación das mulleres na esfera familiar. Para o capital, en tanto que relación social fundada na explotación do traballo asalariado e encamiñada á produción de mercadorías, mediante a venda das cales se validan os traballos privados e autónomos como parte alícuota do traballo social, é plenamente indiferente o sexo dos corpos que explota. A pesar de o capital terse aproveitado de todo tipo de división social que puidese aprofundar nas divisións internas da clase traballadora, intensificando así as mudas compulsións da competencia no seu seo, resulta plausíbel concibir unha sociedade capitalista sen diferenzas de raza ou xénero. Mais, en ausencia de relacións de clase, sen corpos desposuídos que explotar, poderiamos seguir a falar de capitalismo? Pensamos, con Wood, que non.

Porén, para o capitalista encontrar, ás portas do seu negocio, forza de traballo prestes para ser explotada, é necesario que esta sexa reproducida e rexenerada, tanto diaria como xeracionalmente. Como indica Lise Vogel no seu libro Marxism and the Oppression of Women (2013), a familia nuclear heteronormativa cumpriu un papel fundamental na reprodución das relacións sociais capitalistas ao garantir a reprodución desa mercancía especial que sinalara Marx no Capital, a forza de traballo. A reprodución continuada do capital precisa da rexeneración e coidado diario dos corpos que terán que acudir aos seus postos o día seguinte, así como da reprodución de novas xeracións de traballadoras susceptíbeis de seren explotadas nun futuro. A institucionalidade patriarcal configura as mulleres, na inmensa maioría dos casos, como as encargadas de dar cumprimento a tales requirimentos. Non só o capital non paga por estes servizos materiais, afectivos e mesmo sexuais, sen os cales a súa existencia mesma se vería comprometida, como tamén pode usalos ao seu favor para fragmentar internamente a clase traballadora: a diferente grao de dispoñibilidade, diferentes condicións de explotación.
Desta maneira, embora a orde patriarcal non teña unha vinculación necesaria co capitalismo, este aprovéitase da existencia daquel e tende a reproducilo, pois, no capitalismo, a reprodución da vida e a reprodución do capital son un mesmo proceso, por moi internamente contraditorio que sexa. Polas palabras de Søren Mau no seu libro Mute Compulsion (2022), «a afirmación de que non podemos derivar a existencia do xénero do capital é plenamente compatíbel coa aserción de que o capital tende a reproducir a consolidar a opresión de xénero (…). A loita contra a opresión das mulleres non deriva a súa importancia ou urxencia do seu vencello lóxico coa forma-capital».
Defender a familia, criticar a familia.
A relación existente entre o capitalismo e as institucións familiares é, pois, ambivalente e contraditoria. As familias provén o capitalismo dunha das súas condicións últimas de existencia, mais tamén opera baixo lóxicas potencialmente antagónicas a aquel. Así mesmo, nas propias familias se entrecruzan dinámicas colaborativas, altruístas e solidarias con outras marcadamente xerárquicas, despóticas e violentas. Como ten argumentado Nancy Fraser en traballos recentes, recollidos no libro Los talleres ocultos del capital: un mapa para la izquierda (2020), é preciso non idealizar aquelas esferas sociais non atravesadas directamente polo capital en tanto que remansos de protección e solidariedade, e criticalas internamente baixo un compromiso inquebrantábel coa autonomía individual. Contra a esquerda reaccionaria, cómpre destacar as dinámicas violentas e opresivas que teñen lugar no interior das familias. Contra a dereita neoliberal, cómpre reclamar a sociabilidade comunitaria fóra dos vínculos estabelecidos polo capital. Para saírmos das falsas alternativas que se nos ofrecen, necesitamos criticar e defender a familia, simultaneamente e en aberta tensión.
Como indicabamos, o capital, en tanto que lóxica cega, abstracta e impersoal, tende a minar as condicións que permiten a reprodución das familias a pesar de depender intimamente delas. Os exemplos son numerosos. Os mercados laborais impoñen demandas temporais excesivas e irregulares que entran en conflito cos tempos da crianza, dos coidados, do lecer e máis do amor. A produción capitalista de bens básicos para a reprodución da vida como a auga, ou a enerxía, eleva os seus prezos por cima do que moitos salarios poden costear. A produción de vivendas como bens de mercado promove a ocorrencia de procesos especulativos que afastan moitas familias ben do aluguer, ben da vivenda en propiedade. O suxeito proletario, en definitivo, é un suxeito desposuído de todo aquilo que garante a súa vida, ontoloxicamente precario. En tanto que o capital tende a subsumir a totalidade da vida social baixo o seu xugo, a defensa e recuperación de espazos e tempos autónomos resulta unha condición sine qua non para soster vínculos sociais non sometidos a aquel.
Mais, como diciamos, se ben nas familias se comparten recursos e esforzos que permiten a reprodución da propia vida, estas veñen non raro imbricadas en relacións despóticas e abertamente violentas, nun sentido tanto físico como simbólico. A heteronormatividade constitúe un dispositivo ideolóxico mediante o cal as responsabilidades pola reprodución da vida son privatizadas e asignadas ás familias e, na maioría dos casos, ás mulleres no seo das mesmas. Se ben é preciso xerar as condicións para que, quen desexe coidar, dispoña dos tempos e recursos precisos, é igualmente necesario que aquelas que non queiran, ou non podan, encontren alternativas satisfactorias á externalización mercantil que perpetúa as divisións de xénero e clase. Igualmente, fronte ao privilexio da heteronorma por parte do capital, é preciso garantir que aquelas que optaren por modelos relacionais distintos da familia nuclear heteronormativa non se vexan engulidas polas fauces do capital. Loitemos por reproducir unha vida libre das compulsións anónimas do capital, na cal a mediación social sexa colectivamente e democraticamente regulada, onde os custos do aluguer ou as facturas da luz non sexan un motivo para vivir en parella, e onde os lazos afectivos e os desexos sexuais non se vexan máis subordinados aos requisitos reprodutivos do capital.