O proletariado como promesa de liberdade. Resposta a Pesado

Guillermo Queiro
20/03/2026

Guillermo Queiro

Em resposta ao artigo publicado polo Pablo Pesado no Caseto, Guillermo Queiro critica a concepção negativa da nação defendido por aquele e enfatiza a necessidade de enraizar a autodeterminação nacional na luta do proletariado galego.

Hai unhas semanas publicouse neste Caseto un artigo de Pablo Pesado, «Como pensarmos a Galiza para podermos pensar a Galiza? Notas sobre nação e resistência para uma teoria crítica galega», no cal o autor propuña unha serie de reflexións de carácter propositivo ao respecto da cuestión nacional galega. Primeiramente, gustaríame comezar por agradecerlle ao autor ter dado comezo a este debate, de máximo interese hoxe en día. Mais, ao meu ver, se ben o texto de Pesado presenta varios acertos, ofrece tamén unha serie de conclusións que considero insatisfactorias, as cales gustaría de confrontar.

A análise de Pesado parte da premisa de que, da perda de intensidade que o conflito nacional está a experimentar na actualidade no Estado español, estarían a emanar dúas dinámicas diferenciadas: por unha banda, estarían a aparecer tendencias reaccionarias no seo dos nacionalismos subestatais, as máis das veces baixo a máscara dunha mal chamada «cuestión migratoria». Por outra banda, estarían a retornar formas de comprensión do capitalismo que marxinarían a dominación nacional e o seu repertorio de loitas pasadas, ao facer da clase o único punto de referencia da súa praxe colectiva. Se ben comparto plenamente as inquedanzas de Pesado ao respecto do primeiro dos fenómenos, discrepo profundamente ao respecto da súa comprensión do segundo.

A nación, entre a resistencia e a hipóstase
Confrontando tanto coas concepcións esencialistas da nación como con aqueles supostos intentos de a diluír nun proletariado abstracto, Pesado afirma: «se o plano nacional ainda retem parte do seu velho protagonismo hoje é porque continua a ser o repositório de experiências de dominação passadas e também presentes. Para que tal protagonismo seja benfeitor o nacional deve ser fiel a essa natureza e manter-se tensionadodisforme, inessencial e negativo».

Ao meu ver, a definición da nación dominada proposta por Pesado como «a congregação e mobilização de conteúdos potencialmente universais em face de uma dominação que tem lugar numa territorialidade e numa historicidade necessariamente concretas» é valiosa, pois evita caer nun esencialismo cultural ao situar a nación directamente no terreo do conflito político. Porén, considero discutíbel a consecuencia que desta definición extrae o autor pois, ao criticar «a mobilização das categorias da crítica da economia política contra os processos de resistência das nações sem Estado», identifica esa mobilización cunha operación de «aplanamento do proletariado por subtração» que daría por boa a súa «universalidade abstrata em contra dos momentos de individuação radical que subsistem nele».

Partindo do recoñecemento deses «momentos de individuación radical» como a nación, mais tamén o xénero ou a raza, entre outros, a cuestión é máis complexa do que Pesado propón. Por unha banda, como articular entre si os diversos eixos de opresión nun ‘nós’ posuidor de potencia transformadora? Como articular os diferentes eixos de opresión sen que uns necesariamente recedan ante o peso doutros? Pesado afirma que é «nessas fraturas onde estão contidas as promessas de um mundo liberado».

Porén, en ausencia de maiores mediacións, esta afirmación corre o risco de levar a cabo unha hipóstase das diversas opresións, afirmándoas en base ao dano que no seu nome foi cometido, e se segue a cometer, mais sen as articular nun suxeito universal. Se as promesas de liberdade están contidas nas fracturas mesmas, e estas son múltiples e heteroxéneas, como se constrúe unha acción común sen reducir unhas opresións a outras?

A negatividade abstracta e o futuro baleiro 
O núcleo da proposta de Pesado é unha concepción negativa da nación que recusa a tentación de reificar o nacional e se mantén aberta ao seu «devir-algo-novo». Apoiándose en Bloch, cita a idea do «reino da liberdade» como «êxodo para uma terra sempre apontada, prometida polo processo». A nación sería así tanto rexistro do dano pasado como promesa dunha nova forma de habitar o territorio. Porén, esta negatividade é abstracta, e o futuro sinalado, malia a súa apariencia de radicalidade, un carente en última instancia de atributos. Cando afirma que «o mundo polo que lutamos é-nos desconhecido», está a converter o futuro nunha aposta sen contido propio, nun salto ao baleiro incapaz por si mesmo de orientar a praxe transformadora no presente. Se a nación é só rexistro de danos e resistencias disformes, ao dicir de Pesado, onde reside a súa utopía concreta? De onde extrae a enerxía afectiva para mobilizar as masas traballadoras? En que dirección o fai? Se ben a crítica de Pesado a un pasado esclerotizante é necesaria, corre o risco de caer nun futuro igualmente esclerotizado a causa da súa propia indeterminación.

O propio Bloch, a quen Pesado invoca, é máis preciso neste respecto. Como sinala Gonzalo Gallardo en Recuperar la esperanza, hacer real la utopía: Bloch pensador de la revolución (2021), a «utopía concreta» ten como tarefa principal «manter, estudar e comprender as tendencias que residen na esperanza». Trataríase, entón, de articular unha negación determinada, unha esperanza ancorada nas condicións sociais e históricas que permitan albiscar unha xenuína transformación do presente. Pola contra, Pesado limítase a enunciar un ‘non’ abstracto sen se preguntar polo ‘para que’ concreto.

O proletariado como universal concreto
As diversas mediacións que atravesan o noso presente posúen un denominador común: a forma alienada de nos reproducir propia das sociedades capitalistas. A clase social, porén, concretízase de diversas formas, sendo o proletariado ineludibelmente atravesado por diversas opresións inconmensurábeis entre si, coma o xénero, a racialización ou a nacionalidade. Ao meu ver, malia a súa autonomía relativa, ditos eixos de opresión non poden ser confrontados illadamente mais de forma integrada na loita de clases mesma.

Así, soamente o proletariado galego pode encarnar a negación determinada da súa opresión nacional. Por unha banda, en tanto que a dominación nacional é para el unha opresión real, o seu obxectivo non é reafirmala mais superala. Por outra banda, recolle os elementos progresivos e democráticos das súas loitas nacionais pasadas, mais co obxectivo non de reificalos nunha comunidade de corte defensivo ou resistente senón de integralos nun proxecto de emancipación universal. Finalmente, articula a súa opresión co obxectivo de construír non un estado capitalista propio, reprodutor das lóxicas de dominación no seu seo, senón unha asociación de individuos iguais e libremente asociados.

Soamente o proletariado galego será quen de realizar a promesa de xustiza que a nación oprimida contén no seu interior, da mesma forma que soamente o proletariado é quen de realizar a promesa de liberdade que a burguesía enunciou abstractamente mais non puido senón traizoar na práctica. É, valéndonos da imaxe de Pesado, a mediación necesaria para que a nación poida disolverse dignamente no futuro. Sen ela, o risco que corre o enfoque proposto por Pesado, a pesar de todas as súas precaucións, é acabar caendo de novo nunha afirmación da nación galega positiva e baleira de contido. Ao non poder nomear un suxeito concreto que realice a negación do noso presente, a nación mesma acaba ocupando o lugar dese suxeito mesmo.

En resumo, a miña discrepancia fundamental coas teses de Pesado refire ao suxeito destinado a acabar coa opresión nacional. Ao Pesado postular a propia nación galega como suxeito político, acaba implicitamente construíndo unha abstracción nacional na cal se oculta o conflito subxacente ás relacións capitalistas que percorren e articulan a Galiza contemporánea, de forma que a relación de explotación non sería algo que acontecería entre clases sociais galegas senón entre comunidades libres de contradicións internas, correndo o risco de abandonar un verdadeiro internacionalismo proletario en favor dun inter-nacionalismo carente de futuro estratéxico. No lugar deste último, resulta imprescindíbel dotar de concreción histórica e estratéxica o proletariado galego mediante a formulación dun programa socialista. Fronte a un entendemento do internacionalismo como mera agregación de nacionalidades, é preciso partir do carácter universal do capital e, por extensión, do proletariado que del resulta.

Autodeterminación socialista
Do exposto anteriormente non se deriva en ningún caso que non teñamos que combater as expresións reaccionarias que afectan o proletariado galego, dentro das cales o españolismo ocupa un lugar central. Neste sentido, a unidade da clase traballadora non debe confundirse en ningún caso coa súa homoxeneización abstracta. Ben ao contrario, debe construírse con base no pleno recoñecemento das súas divisións internas e da súa diversidade. A loita contra toda forma de opresión no seu seo debe ser o criterio fundamental que articule a unidade resultante.

En consecuencia, o dereito de autodeterminación nas nacións oprimidas é un elemento fundamental e ineludíbel para garantir a acción unitaria do proletariado internacional. Mais non se trata, entón, de garantir o dereito de autodeterminación en abstracto, senón de enraizar a loita pola autodeterminación nun programa estratéxico orientado a superar toda forma de opresión, a premisa básica do programa comunista.

En conclusión, fronte a unha nación sen suxeito, unha promesa sen mediacións e unha negatividade carente de contido, debemos reivindicar a necesidade dunha negación determinada encarnada nun suxeito concreto: o proletariado como síntese viva das múltiples opresións que o atravesan e constitúen e como única clase capaz de superar a dominación nacional sen reproducir, á súa vez, a lóxica do dominador. A cuestión, entón, non consiste en escoller entre nación ou clase, senón en entender que soamente unha clase social determinada pode realizar a promesa de liberdade que a nación oprimida contén no seu seo. A apelación inmediata á nación galega, mesmo na súa versión máis refinada e negativa, non basta por si mesma. Precisa da mediación que lle outorga a acción consciente proletaria.