O novo municipalismo na Galiza e o problema do Estado: os casos da Coruña e Santiago de Compostela

Adrián Bua
16/09/2022

Adrián Bua

Por que non tiveron continuidade os éxitos alcanzados polas candidaturas municipalistas nas eleccións do 2015 na Galiza? Que resistencias ofreceron as institucións estatais e mais os blocos de poder locais? Os investigadores Adrián Búa e Jonathan Davies analizan as experiencias da Marea Atlántica e Compostela Aberta nos seus intentos de transformar a institucioanalidade existente.

(Artigo escrito en co-autoría con Jonathan Davies).

En maio de 2015, as candidaturas municipalistas alcanzaron o goberno de tres das principais cidades da Galiza. As súas axendas políticas tiñan como obxectivo transformar as economías políticas urbanas, ao tempo que actuaban como punta de lanza para cambios máis profundos nos niveis máis altos do estado e da sociedade en xeral, tal e como se indica no libro La apuesta municipalista: la democracia emieza por lo cercano (2014) do Observatorio Metropolitano. Este novo municipalismo implicou unha aproximación radicalmente democrática a un tema perenne que enfronta a esquerda: a cuestión do Estado. Como indicou Bob Jessop (2016) no seu libro The State: Past, Present, Future (2016) o Estado é un conxunto de organizacións, institucións e actores vinculados por relacións, regras e prácticas sedimentadas e marcadas por loitas e políticas pasadas. O que facer con este conxunto institucional dinámico, mais lento, coordinado aínda que contraditorio, sempre foi unha das grandes preguntas que enfrontou a esquerda. A súa complexidade e inercias conservadoras adoitan afastar os activistas de esquerda del, mentres que a súa importancia na reprodución do capitalismo obriga a participar nel.

A estratexia municipalista apostou en procesos participativos e nos que a cidadanía se gobernarse a si mesma e ao municipio. Deste modo, as rúas poderían entrar nas institucións e o Estado transformaríase de abaixo cara arriba. Na Galiza, como na maioría dos outros casos ao longo do Estado español, as impresionantes vitorias en Ferrol, Santiago de Compostela e Coruña en 2015 non se repetiron nas eleccións de 2019, e os municipalistas enfrontáronse a graves problemas para implementar a súa axenda durante aquel período de catro anos. Extraer as leccións correctas dos logros e limitacións desas experiencias é crucial para artellar futuros ciclos de mobilización e ventás de oportunidade para o cambio.

A aposta municipalista na Coruña e Santiago 

Como no resto do Estado español, a austeridade en Galiza provocou unha forte caída do nivel de vida trala crise de 2008, ao tempo que os escándalos de corrupción socavaron profundamente a confianza da cidadanía na política convencional. O ciclo de protesta do 15-M afondou nesta crise de lexitimidade das elites tradicionais. Ao seu abeiro, na Coruña e Santiago constituíronse dúas candidaturas municipalistas: Marea Atlántica e Compostela Aberta, respectivamente. 

A formación de ambas as dúas candidaturas reflectiu o ritmo acelerado do momento político, que comezou a finais de 2014 ata ben entrado o 2015. As súas axendas políticas incluían medidas como o apoio á vivenda pública, a renda básica municipal, re-municipalizacións, auditorías da débeda municipal, orzamentos participativos e a promoción da cultura galega. A transición verde, o feminismo, o compromiso coa participación cidadá e máis coa reversión do neoliberalismo e o clientelismo foron elementos transversais de ambas. As fendas abertas polo 15-M, agudizadas polos escándalos de corrupción local, abriron unha xanela de oportunidade que ambas as dúas candidaturas foron quen de aproveitar, formando gobernos en minoría nas eleccións de maio de 2015.

A súa experiencia no goberno foi, con todo, problemática e de curta duración. No que resta deste artigo examinaremos os logros e limitacións dos municipalistas en tres ámbitos: os seus intentos de transformar a economía urbana; de construír contrapoderes na sociedade civil; e de transformar o Estado desde dentro.

Transformación da economía urbana 

A crise económica que afectou ao Estado español tivo no sector inmobiliario un dos seus eidos principais. Ambas administracións compartían o compromiso de aumentar o parque público de vivendas, frear as dinámicas especulativas e diversificar o tecido urbano. A re-municipalización dos servizos públicos ocupou un lugar destacado na súa axenda, de cara a combater o clientelismo e así construír economías alternativas. Santiago tamén priorizou atenuar a dependencia do turismo, mentres que A Coruña se dispoñía a frear a privatización do Porto, así como promover novos sectores desligados da construción e a hostelaría. 

Pese á crise de lexitimidade do réxime anterior, unha reconstrución completa das economías urbanas constituía un profundo desafío. Malia obter importantes vitorias, como a institución dunha Renda Básica Municipal en Santiago, os municipalistas enfrontáronse a problemas para xestionar a evolución económica a longo prazo fóra do ámbito da política municipal. Ademais, os intereses afectados mobilizáronse contra os cambios no planeamento urbanístico e na subcontratación pública, derivando en atrancos administrativos e xudicializacións anticipadas co obxectivo de bloquear as re-municipalizacións buscadas. O progreso foi lento e os medios de comunicación vinculados aos réximes anteriores informaron con entusiasmo dos seus erros, dinámicas análogas ás identificadas por Michael Janoscka e Fabiola Mota (2020) no caso de Madrid. En consecuencia, os municipalistas tiveron máis éxito bloqueando políticas anteriores, como a privatización do Porto da Coruña ou o traslado dunha gran depuradora de augas a unha zona de valor ambiental de Santiago, que na instauración dunha alternativa. Isto alimentou os relatos da oposición e dos medios arredor do caos e a parálise económica, que se instalarían como a principal narrativa contra a gobernabilidade municipalista.

Construíndo contrapoderes 

Manter o pulo que levou os municipalistas ao Concello foi un elemento fundamental da estratexia para aplicar a súa axenda de reformas. Para iso foi fundamental a colaboración continuada cos movementos sociais e a súa base activista, así como o investimento en procesos democráticos directos e participativos. 

Porén, os avances na construción de mecanismos que promoveran a implicación cidadá no goberno da cidade careceron da continuidade e transversalidade necesarias para construír a cidadanía activa e mobilizada que, no imaxinario municipalista, constituía un elemento central, na liña do «partido-movemento» teorizado por Herbert Kitschelt (2006). Ademais, a aposta pola democracia directa supuxo cambios nas formas de intermediación entre o Concello e a cidadanía, tarefa xeralmente das asociacións veciñais. Deixándoos de lado a través de novas e máis directas formas de democracia, os municipalistas perderon potenciais aliados, deixando ás administracións con importantes déficits intermediarios e comunicativos. Estes problemas volveríanse especialmente graves perante os continuos ataques dos medios locais e autonómicos politicamente hostís, que viran recortado os seu orzamentos de publicidade municipal, como se reflicte na tese de doutoramento de Francisco Cortez-Lobão Sineiro (2020). De aí que os municipalistas estiveran case indefensos ante os sostidos ataques mediáticos arredor da parálise e do caos.

Isto agravouse aínda máis pola degradación da súa relación cos movementos sociais e gran parte da súa base activista. Os chamamentos dos activistas a unha maior responsabilidade e capacidade de resposta agravaron a mentalidade asediada dos políticos municipalistas, que se queixaron da falta de apoio moral das súas base. Estas tamén diminuíron en tamaño e capacidade e, a medida que os habitantes urbanos se desmobilizaron, as candidaturas municipalistas comezaron a parecer partidos tradicionais. 

Transformando o estado desde dentro 

Os municipalistas defenderon a limpeza das institucións estatais mediante unha política democrática e transparente antagónica ás prácticas clientelares. Políticas como os topes salariais tiñan como obxectivo garantir a integridade do goberno e evitar a súa profesionalización. Os municipalistas tamén foron inicialmente pouco intervencionistas na designación do persoal do Concello, tanto porque se consideraba como unha réplica de prácticas clientelares, como porque os municipalistas pensaban que podían construír alianzas dentro da función pública. 

Malia as boas intencións, os gobernos municipalistas enfrontaríanse, con todo, a un sistema administrativo anquilosado e moitas veces hostil. Diversos bloqueos administrativos, friccións recorrentes entre as plataformas e os asesores municipais, disputas co persoal dos Concellos para garantir que as políticas cumprisen os protocolos legais básicos, filtracións á prensa e «erros» procesuais básicos, foron factores que contribuíron a frear a súa axenda. Batallas inesperadas por asuntos mundanos e rutineiros empantanarían tamén aos municipalistas. Pola contra, a súa oposición estivo extraordinariamente unida durante o mandato dos municipalistas. Actores de dereitas e esquerdas aliáronse co obxectivo de superar a ruptura Municipalista da normalidade institucional. 

Estes impedimentos víronse agravados polos erros das propias plataformas municipalistas, diversos espazos de actuación quedando sen explorar. Moitos concelleiros municipalistas carecían de experiencia na política formal e na administración, e tiñan pouco coñecemento dos ámbitos institucionais específicos de calquera dos dous Concellos. Ambas limitacións provocaron déficits na capacidade política necesaria para soster unha administración eficaz. Os problemas de goberno que seguiron deron unha base sólida ao discurso da oposición arredor da incompetencia, a parálise e o caos gobernante no Concello, amplificado polos medios autonómicos.

Por último, a súa falta de aliados noutras escalas estatais deixou as candidaturas municipalistas illadas e, finalmente, vulnerábeis á reacción dos seus opositores, como indicou Bertie Russell (2019) na revista Antipode. Os partidos políticos tradicionais tamén podían contar con recursos institucionais dos seus aliados nos niveis superiores do Estado, sobre todo na Xunta, que crearon graves problemas mediante medidas lexislativas, e coa retirada, ou atraso, de financiamento en infraestruturas. A construción de En Marea como forza política autonómica que competiría nas eleccións galegas estivo plagada de loitas políticas internas, mentres que o municipalismo no seu conxunto se atopaba en aberta tensión con Podemos, cuxa principal preocupación era que os seus avances a escala nacional non perderan protagonismo. Os recursos da nova esquerda estaban divididos e desmobilizados. Isto foi especialmente prexudicial para o proxecto municipalista cando a onda política remitiu e as plataformas municipais perderon a vantaxe política adquirida en 2015.

Pensamentos finais 

Antonio Gramsci amosou como as sociedades capitalistas avanzadas están reforzadas por estados fortemente institucionalizados con profundas «trincheiras» na sociedade civil. Aínda que os municipalistas aproveitaron admirablemente as fendas abertas polo 15-M, as debilidades mencionadas anteriormente causaron a súa incapacidade para expandirse máis aló da base electoral. Os municipalistas quedaron illados, e a súa axencia esgotada, polas actividades altamente disruptivas dos seus adversarios, que se agudizaron a medida que as antigas elites recuperaban capacidade política.

Os proxectos municipalistas tamén se viron obstaculizados por moitas barreiras internas relativas á súa capacidade para construír coalicións capaces de implementar unha axenda política transformadora, resultando incapaces de consolidar o proxecto en todo o Estado, na economía e na sociedade civil. A nosa análise demostra o debilitante que poden ser as estruturas, institucións e culturas do estado local para proxectos con vocación de alterar o statu quo, e como estas se combinan coa axencia das forzas políticas hostís para afogalos. Porén, aínda que as forzas políticas tradicionais amosaron formidables poderes de recuperación, non resolveron as súas propias crises, nin restauraron o poder e a influencia dos que gozaba o réxime do PPSOE. Coa continua turbulencia global, o neoliberalismo está perdendo o seu control, as opcións políticas transformadoras poderían recuperar de novo a iniciativa política. As formas nas que os municipalistas reflexionen, naveguen e resolvan as súas crises políticas terán unha importancia práctica na determinación do noso futuro.