O mundo das institucións sen necesidade

Carlos Lema
13/06/2025

Carlos Lema

Seguindo o tema proposto no número 4 da revista Clara Corbelhe, sobre o papel das instituições na autodeterminação nacional galega, Carlos Lema, diretor da Fundación Euseino?, escreve sobre a oportunidade de criar “instituições sem necessidade”.

A relación entre fundación e institución é o mecanismo que prolonga a liberdade no tempo. Fundar equivale á reificación da liberdade entendida como decisión. É un acto que permite acceder ao senso ao obxectivizar esa liberdade de decisión nunha situación concreta. 

O dereito de fundar baséase na continxencia, na irrupción do continxente como obxecto que accede ao senso, e na posibilidade do ser continxente que non pode ser destruída. Exemplos desta reificación son a cidadanía (a primeira institución) que funda o pacto social e o dereito a ser libre e diferente entre iguais; o matrimonio (a segunda institución) que funda o acomún como unión de singularidades e o dereito a instituír a liberdade como vínculo para o futuro; e a forma de vida que o propio suxeito funda para si, como representación da vontade na situación. Calquera forma de arte ou pensamento pode ser considerada unha forma de fundar. Estas reificacións converten a liberdade en cousa, instituíndo o pacto, o acomún e a vida libres como realidade.

Institución e suxeito

Unha institución defínese como un obxecto ficcional real. Reside ou está asociada a un campo de senso cunha regulación, unha legalidade e unha actuación. O Dereito é un exemplo de institución. As institucións relaciónanse con outros obxectos dentro e fóra do seu campo mediante operacións como unión, intersección e diferenza, un tipo de mediación ao que podemos denominar co termo grego metaxu. As relacións instituíbles poden ser reflexivas, antisimétricas ou transitivas. Estas relacións operan a través de afeccións no caso do suxeito (vinculadas ao conatus ou esforzo de existir) e de afiliacións ao senso no caso do obxecto.

Koloman_Moser, Deseño.

A existencia do suxeito vincúlase directamente coa súa autorrepresentación. O suxeito existe porque se prolonga na causa e se representa nas súas consecuencias, non pola pura repetición de actos senón pola actualización da representación mediante a produción de subxectividade. A produción de subxectividade substitúe o destino a través da predicación, que é o fundamento do hypokoumenos ou subiectum. O suxeito é porque di algo de si mesmo; nesa autorrepresentación reside a potencia que o conecta coa correlación mundo-pensamento. O suxeito aparece nos campos de senso como un obxecto máis. A representación é precisamente o tipo de relación que se establece entre os obxectos dos campos de senso dos que forma parte o suxeito. Esta relación é a que crea a correlación mundo-pensamento e, nela, o senso (o acceso ao significado a través do suxeito) non se realiza sen representación.

Senso social e política

O campo do senso social e a política, ao estaren mediados pola correlación suxeito-mundo, dependen necesariamente da representación para constituírse como existentes e para establecer relacións. 

No ámbito social e na sociedade civil moderna, as relacións establécense mediante representacións. O propio suxeito, neste contexto, é unha representación da individuación, non o individuo “en-si”. Mentres que os individuos son iguais, os suxeitos son diferentes porque están representados cunha identidade clara e distinta polas súas diferentes modalidades de presentación nos campos de senso. O campo social é o ámbito da relación representada porque as súas modalidades de presentación só son posibles a través da mediación do suxeito. A política, no sentido descrito, non é unha ontoloxía nin unha ética senón unha maneira de relacionar as representacións do suxeito. Estas relacións impoñen unha organización pragmática. A política é un dos medios polos que as representacións subxectivas acceden ao significado e se obxectivizan como relacións (como matrimonio, nacionalidade, cidadanía, Dereito e leis). Así, o efecto social, froito das relacións entre as representacións do suxeito, é á súa vez outra representación cun campo de senso propio. O espazo civil defínese como acomunitario, non comunitario nin intercomunitario, porque é un espazo de representación da singularidade.

Con todo, tamén existe a posibilidade de ir máis alá da correlación suxeito-mundo e da dependencia da representación. A noción de campo de senso permite acceder a ámbitos obxectuais potencialmente independentes da linguaxe e xeralmente independentes da representación. Este tipo de relación baséase no metaxu, que permite o acceso e aparición dos obxectos en campos de senso diferentes ao do social. O metaxu establece un tipo de relación exterior á lóxica simbólica gobernada pola correlación. Ao instituír unha relación na que o suxeito non é o principio reitor, senón que se sitúa ao mesmo nivel que os outros obxectos, o suxeito deixa de ser o único principio de razón. A razón e as representacións que xera teñen efectividade no mundo da experiencia subxectiva mais son continxentes e non gobernan outros mundos ou campos de senso.

Instituír fóra do suxeito ou dentro do Estado

O pensamento de Simone Weil ofrece unha vía fundamental para transcender a correlación. Rexeitando unha ontoloxía do ser como forza ou poder, a pensadora francesa achégase a unha ontoloxía da liberdade do ser como don e amor. O traballo, para Weil, ten unha función semellante á da acción política: instituír unha relación co mundo diferente da puramente biolóxica. A parte humana que di “eu” é unha “divindade imaxinaria” que nos sitúa no centro do mundo. Renunciar a ser persoa, por amor e xenerosidade, é admitir a posibilidade de non ser, unha decreación que disolve o eu e permite acceder a unha existencia impersoal. Esa existencia impersoal só se logra mediante unha atención de calidade rara e na soidade. Weil amosa a posibilidade de instituír sen vínculo transcendente, pois a finalidade instituínte é impersoal e acomún. O amor, ou o que ela chama “caridade”, entendido como as Khárites gregas (graza mundana), permite instituír fóra do suxeito e fóra da comunidade, sen necesidade dun vínculo transcendente ou inmanente, algo simplemente dado e recibido sen razón. Para Weil, a validez da política está condicionada por un punto externo e transcendente a ela que endexamais se acada.

Pola contra, Maurice Hauriou, figura destacada do dereito administrativo moderno, analiza a noción de obriga correal para chegar a unha idea da institución como resultado da capacidade fundante do suxeito. A través da súa reformulación do munus, deposita a obriga na vontade do debedor, debilitando o vínculo comunitario perenne. Critica a idea de que a obriga correal sexa natural. Considera que unificar varias obrigas cando as persoas dos debedores son distintas non é natural senón un produto artificial ou violento, froito da lei, a xurisprudencia ou circunstancias de forza maior. Este razoamento leva como consecuencia ao Estado como pacto entre suxeitos libres, unha obriga froito da correlación suxeito-mundo onde o principio de razón reside no suxeito. Hauriou define o Estado unicamente a través da noción de institución. A institucionalización (consenso e duración) limita o poder do Estado. O Estado é a “institución de institucións”, un conxunto complexo de institucións articuladas.

Mais, preguntámonos, ao cabo, por que non ha ser posible unha institución que exista sen necesidade, por un acto libre. Coma acontece coa arte no mundo actual: non se pode dicir que sexa innecesaria senón que existe sen necesidade de que exista. O proxecto que aquí se anuncia sería daquela concibir un mundo susceptible de complementar, no noso propio mundo, a subxectividade dos seres humanos actuais transformando profundamente a vida de quen toma en serio unha hipótese tal. O mundo das institucións sen necesidade delas.