Partindo dos estudos críticos do espaço de Henri Lefebvre, o artigo de Brais Freire analisa como a diáspora galega em Barakaldo transformou o bairro de Arteagabeitia num “espaço vivido” de resistência cultural e afetiva. A comunidade migrante galega, através da cooperação, da toponímia e da vida quotidiana, inscreveu a sua identidade na paisagem urbana basca, revelando o poder político do território como lugar de pertença e continuidade cultural.
A diáspora galega constitúe un dos fenómenos sociais, políticos e económicos máis prolongados da historia contemporánea do noso país. Alén das causas estruturais que a motivaron – a pobreza agraria e a limitada industrialización do país, sumadas á ausencia do recoñecemento político da súa condición nacional –, a diáspora converteuse nun elemento constitutivo do suxeito galego. Galiza é, así, unha colectividade que transcende as súas fronteiras xeográficas: unha nación expandida, articulada a través de redes migratorias que configuran un dos eixos centrais do seu feito diferencial. A experiencia diaspórica deu lugar a unha identidade dispersa mais interconectada, capaz de se reinscribir en múltiples territorios sen renunciar á súa continuidade simbólica. Desde finais do século XIX, milleiros de galegos desprazáronse cara ás áreas industriais na busca de estabilidade. Entre os destinos máis significativos destacou Euskadi e, máis concretamente, a vila de Barakaldo, núcleo obreiro da marxe esquerda de Bilbao, que se converteu nun espazo de acollida e reconfiguración identitaria.
O actual barrio de Arteagabeitia, hoxe plenamente integrado no grande Bilbao, ten a súa orixe nun proxecto comunitario promovido pola diáspora galega. Foi o Centro Galego de Bizkaia – fundado en 1901, o segundo máis antigo do mundo – quen impulsou, en 1962, a construción da Cooperativa Grupo de Viviendas Santiago Apóstol, un conxunto residencial situado daquela nos arrabaldes da poboación e coñecido popularmente como o barrio dos galegos. A sede social do Centro instalouse nun dos baixos das vivendas, na actual Rúa Galiza, convertendo o espazo habitacional nun núcleo de vida comunitaria e simbólica. Neste enclave, a identidade galega transita do simbólico ao material, do imaxinario á práctica territorial: o barrio devén un auténtico locus de enunciación diaspórica, onde o urbano se transforma en resistencia cultural e afectiva. Este artigo propón unha lectura da experiencia galega en Barakaldo a partir da tríada espacial de Henri Lefebvre – espazo concibido, percibido e vivido – para analizar como a comunidade inscribe, negocia e performa a súa pertenza, entendida non como esencia fixa, senón como proxecto xeográfico: unha práctica social en continua negociación, expresión do dereito á apropiación do espazo e á preservación da memoria.
Espazo concibido e a política da visibilidade
A inscrición identitaria da diáspora non pode comprenderse sen asumir que o espazo urbano é, el mesmo, un produto social. A dimensión do espazo concibido, segundo Lefebvre, refírese á orde abstracta da planificación, ás representacións oficiais do territorio e ás ideoloxías que o sustentan. É o ámbito no que o poder nomea, onde o urbanismo se converte nunha gramática política. Mais, no caso de Arteagabeitia, esta fase de concepción inicial non foi responsabilidade das institucións clásicas, senón que naceu precisamente da comunidade galega autoorganizada. O propio barrio foi deseñado polos galegos que o habitaron, nun acto fundacional de autonomía. O nome Santiago Apóstol, elixido para o polígono, e a posterior instalación do Centro Galego nos seus baixos, expresaban xa daquela unha vontade de autoinscrición simbólica: facer visíbel unha comunidade que, ausente de recoñecemento institucional, debía producir o seu propio espazo e nomear o seu propio territorio. Este primeiro momento de creación popular e cooperativa revela unha política do espazo desde abaixo, unha estratexia de lexitimación fronte ás limitacións dun sistema urbano e político que, nos anos sesenta, non recoñecía a diversidade nacional interna do Estado. A fundación do barrio dos galegosfoi, así, un acto de planificación non oficial, un exercicio de soberanía material que antecedeu calquera tipo de validación por parte das administracións.

PNIA 1976 e 2023, Ministerio do Interior. En vermello, o Grupo de Viviendas Santiago Apóstol
Co paso das décadas, xa no contexto democrático, produciuse unha segunda fase de visibilización: o recoñecemento institucional a través da toponimia. A aparición de denominacións como Rúa Galiza, Santiago Apóstol ou Breogán representou un xesto de incorporación simbólica da comunidade galega á paisaxe urbana. Este recoñecemento tardío pode interpretarse como un resultado da consolidación social e económica da diáspora, pero tamén como expresión dun proceso máis amplo de institucionalización da diversidade no marco dun Euskadi que procuraba redefinir o seu proxecto nacional nun contexto crecente de pluralidade. A toponimia galega en Barakaldo pode lerse, pois, como unha tentativa de artellar unha identidade vasca máis inclusiva e acorde coa realidade social do país. Porén, esta integración institucional leva consigo certas ambivalencias. Ao outorgar visibilidade oficial, tamén se produce un proceso de normalización da diferenza, no que a memoria da migración é absorbida polo relato cívico vasco como signo de pluralidade e convivencia, pero ao prezo de, se callar, perder parte da súa forza de alteridade. Esta secuencia mostra con claridade que a comunidade galega non se limitou a ocupar o espazo, senón que o concibiu, o nomeou e o cocreou, exercendo un auténtico dereito á cidade en clave diaspórica. A posterior institucionalización, xa dentro dun Euskadi en diálogo consigo mesmo sobre a composición do seu suxeito nacional engade unha nova capa de significado: o paso dun espazo concibido desde abaixo – como proxecto cooperativo e identitario – a un espazo recoñecido desde arriba, integrado nas políticas da visibilidade e da diversidade.
Espazo percibido e vivido: afectos, materialidade e resistencias
Se o espazo concibido reflicte a orde do poder, o espazo percibido refírese á práctica diaria, ás rutinas e á experiencia directa do territorio. En Arteagabeitia, esta dimensión materialízase na rede de bares, asociacións e comercios que sustentan a vida comunitaria galega. Estes lugares operan como nos de capital social e emocional, xerando unha trama de interdependencias que garante a reprodución cultural. A concentración destas prácticas nun territorio delimitado favorece tanto a continuidade cultural como a integración progresiva. Este nivel da experiencia funciona como mecanismo de protección simbólica, tendo mitigado o estrés migratorio e garantindo a posibilidade de vivir a migración sen ruptura coa identidade de orixe. É Tim Edensor quen nos permite entender este fenómeno como a translación xeográfica dun habitus nacional: un conxunto de disposicións e sensibilidades que encarnan a nación no corpo e no espazo.
O espazo vivido, pola súa parte, é o ámbito da imaxinación e do afecto, onde o funcional se transforma en expresivo e o territorio en obra colectiva. É aquí onde a cultura se converte en práctica vital, e o sentimento de comunidade se manifesta nas festas, na lingua, na música e nas formas de hospitalidade que reconfiguran o sentir da pertenza. O Centro actúa como epicentro desta dinámica: un espazo que encarna o dereito a inscribir a propia identidade na cidade e a facela visíbel. A través destas prácticas, Arteagabeitia devén un auténtico espazo vivido da diáspora, onde o afecto repara as fracturas da migración e a cultura transforma a urbanidade en experiencia compartida.
Esta inscrición tamén se materializa na paisaxe visíbel. O hórreo, erixido en 2002 con motivo do centenario do Centro, construído por canteiros do Porriño, transcende o seu valor ornamental: é un monumento ontolóxico, un recordo cotián da identidade. A súa presenza integra na paisaxe industrial vasca un fragmento da arquitectura vernácula galega, naturalizando a memoria e convertendo o obxecto rural nun símbolo de continuidade. O hórreo materializa así un habitus galego que valora a relación coa materia; unha forma de resistencia que integra o sentimento de orixe na vida ordinaria. No mesmo sentido, o conxunto escultórico adicado a Rosalía e Castelao outorga corporeidade á memoria da nación desprazada. Estas figuras, convertidas en tótems culturais, trasladan á paisaxe vasca a memoria política da Galiza. A toponimia simbólica xa mencionada – as rúas Galiza, Breogán, Santiago Apóstol – completa esta arquitectura da memoria, convertendo o nome propio e a dirección postal en recordatorios diarios da pertenza. Mais a identidade non se limita á pedra nin ao símbolo. A súa forza reside tamén na performatividade afectiva da cotidianidade, nas prácticas non representacionais que, como sinala Nigel Thrift, configuran atmosferas de pertenza: o cheiro das festas, a música nun bar, a conversa en galego que un pode escoitar entre diversas xeracións nas rúas do barrio. Estes microxestos conforman unha ecoloxía afectiva que transforma o espazo planificado en espazo vivido, un urbanismo alternativo no que o afecto e a memoria operan como resistencia á desposesión.
Con todo, a visibilidade performada non está exenta de ambivalencias. Certas celebracións colectivas – como o Día de Galicia en Euskadi ou as festas de Santiago Apóstol promovidas polo propio Centro ou por institucións locais – exemplifican esa tensión entre a autoafirmación comunitaria e a espectacularización da identidade. O que en orixe constitúe unha práctica autónoma e afectiva, un ritual de reencontro e continuidade, pode transformarse en performance pública orientada ao recoñecemento externo, na que a comunidade se representa ante ollos alleos. Neste tránsito, a identidade devén tropo: unha imaxe de si mesma, codificada para ser recoñecida e consumida e, consecuentemente, asumida polo suxeito mesmo.
Este proceso non é alleo ás lóxicas contemporáneas de mercantilización cultural nin ás dinámicas institucionais de xestión da diversidade. Ao converterse en produto cultural, a festa corre o risco de perder parte da súa densidade experiencial, de se ver reinterpretada como tradición inofensiva ou marca identitaria sen conflito. A apropiación institucional – quer procedente de entidades galegas, quer das vascas – pode, sen pretendelo, reconfigurar o sentido político do acto, desprazando a memoria colectiva cara a unha representación folclorizada, máis útil para a exhibición multicultural que para a reafirmación crítica da diferenza. O desafío para a comunidade galega consiste, precisamente, en manter unha autonomía reflexiva e afectiva fronte a estes procesos: distinguir entre a apropiación sincera, que reforza o vínculo e a pertenza, e a representación superficial orientada á validación externa. A defensa do habitus galego como práctica viva, nin como imaxe nin como evento, constitúe unha forma de resistencia á despolitización da cultura e á súa conversión en signo intercambiábel no mercado simbólico da diversidade.
O caso de Arteagabeitia e do Centro Galego de Bizkaia exemplifica como a diáspora constrúe un espazo diferencial, articulando materialidade e afecto para crear unha xeografía propia dentro da cidade de acollida. Monumentos, nomes, xestos e sons compoñen unha trama que produce presente e non só memoria. A identidade galega non é un residuo nostálxico, senón un proxecto espacial activo, que negocia e afirma a diferenza no marco das dinámicas do nacionalismo vasco e das políticas urbanas neoliberais. Reivindicar este espazo vivido é, en última instancia, reclamar o dereito á diferenza e á continuidade cultural fronte ás forzas homoxeneizadoras do mercado e do Estado. A cidade convértese así nun lugar onde a memoria e o afecto devén acción política, e onde o habitus diaspórico continúa reinventando, con cada xesto e encontro, o sentido profundo da pertenza.