Militancia dual e poder popular: un modelo para a loita de clases do século XXI

Inés Merayo e Dani Palleiro (Xesta, Organización Anarquista Galega)
19/09/2025

Inés Merayo e Dani Palleiro (Xesta, Organización Anarquista Galega)

O artigo de Dani Palleiro e Inés Merayo continua o debate em curso sobre organização e modelos de militância no Caseto da Clara Corbelhe, propondo repensar a militância política na Galiza desde o anarquismo social, com perfis diversos, estruturas flexíveis e um modelo de militância dual para fortalecer organizações populares e duradouras

Gustaríanos comezar agradecendo a Ximena González ter reaberto o debate sobre os modelos de militancia no país, e tamén ás compañeiras de diferentes espazos políticos e experiencias militantes que están a aportar valiosas análises. Este texto pretende ser unha achega ao debate desde a perspectiva do anarquismo social e organizado.

Ao noso parecer, a discusión veuse dando en termos excesivamente dicotómicos e, por veces, con pouca claridade terminolóxica. Cando José João Rodrigues, no seu artigo «O que fazer na militância do século XXI? Resposta a Ximena González», introduce no debate o termo «partidismo» faino para referirse á acción colectiva levada a cabo por medio dunha organización estruturada, cuns cadros teóricos sólidos, unha axenda política propia e vocación de permanencia. Porén, cando David Soto e Jorge Seijo recollen o testemuño en cadanseu artigo – «Mais unha achega ao debate sobre a cuestión organizativa» e «Que partidismo precisamos para saír da derrota?», respectivamente – fano acoutando o campo e pasan a falar exclusivamente da forma partido. Deste xeito, o debate acaba por se reducir á relación entre partidos e movementos sociais. Mais unha organización cuns principios teóricos e uns cadros estratéxicos claros, cunha estrutura organizativa, unha cultura militante determinada e uns procesos de tomada de decisión regrados non se pode identificar automaticamente cun partido político. O distintivo dos partidos políticos é, no entanto, a súa forma específica de relacionárense coas institucións público-estatais (isto é, coa institucionalidade burguesa), acreditando na súa inserción nelas, sexa pola vía electoral ou ben aspirando a tomalas pola vía revolucionaria. Emporiso sería máis acaído falarmos de organizacións políticas que de partidos políticos cando ao que nos queremos referir é ás organizacións dunha tendencia política determinada que cumpren coas características anteditas e que teñen unha vocación de intervención sobre a totalidade da realidade sociopolítica do país. Partindo desta aclaración, poderiamos acreditar no «partidismo» como o tipo de acción colectiva iniciada desde ese tipo de estrutura política. Pode contrapoñerse, polo seu carácter colectivo e pola súa vinculación a unha filosofía política e estratexia determinadas, á intervención a título individual en loitas sectoriais ou parciais, sen un compromiso de longo prazo cun modelo de organización social alternativo ao hexemónico. É dicir, sen unha estratexia xeral máis alá dunha serie de reivindicacións ou intervencións concretas. Poderiamos definir isto como «movimentismo».

Se damos por bo este esquema binario, semella lóxico dar tamén por boa a oposición proposta por González entre militante e activista. Mais nós non o vemos así. González identifica a militante como o tipo ideal de integrante das organizacións de base, comprometida cun proxecto a longo prazo, posuidora dunha conciencia do colectivo e dunha visión estratéxica da súa acción política. Pola contra, a activista carecería do compromiso constante coa organización, caendo no curtopracismo e, por tanto, na pura improvisación. A oposición entre ambos modelos é, na perspectiva de González, unha cuestión diacrónica. A militancia sería o modelo hexemónico de participación política até a primeira década dos 2000. A irrupción a través do 15M dun enorme continxente de activistas carentes de bagaxe militante, e a inauguración dun ciclo político caracterizado pola dixitalización e a desmobilización xeralizada terían truncaron aquela cultura militante. A cuestión, ao noso parecer, non pasa por contrapoñer xeracións militantes senón por facérmonos cargo das enormes mudanzas estruturais ocorridas no tempo histórico recente, así como adaptar as nosas organizacións políticas a este novo contexto. Isto supón entender a participación política como unha actividade complexa e múltiple, que comprende militantes con distintos graos de compromiso e cunha gran diversidade de saberes e capacidades, todas elas útiles e complementarias para a loita anticapitalista do século XXI.

Unha vez aclarados os termos do debate, trataremos de facer un exercicio de revisión crítica do modelo do Movemento Socialista exposto por Jorge Seijo, identificando os seus acertos e límites. Para acabar, exporemos o modelo de militancia dual, baseado na noción de poder popular autoxestionario, en que nós acreditamos.

Se ben estamos de acordo con Seijo cando expón a necesidade de xerar organizacións fortes, estruturadas e con unidade teórica e práctica como única forma de garantir a independencia de clase, non podemos estar máis en desacordo coa identificación unívoca desta co partido único do proletariado e a súa misión da tomada do poder político (enténdase, con isto, das institucións estatais). Para nós, a independencia e a unidade de clase non pasan polo encadramento dos membros da clase nun partido único e centralizador. Esta unidade debe estruturarse a través da colaboración e a participación activa de todos os membros da nosa clase, alén da súa orientación política específica, nos movementos sociais e de masas, construíndo desde aí espazos amplos de articulación e converxencia para a loita común anticapitalista, sen suxeitar a pluralidade das loitas sociais ás estruturas ríxidas dunha soa organización. Ao cabo, este é un debate que vimos arrastrando dende a I Internacional, entre o modelo marxista, de intervención política centralizada polos grandes partidos obreiros, e o anarquista, que aposta pola proliferación de frontes de loita e a súa coordinación en base ao modelo federal. Fronte ao proxecto neobolxevique, que pretende aglutinar baixo a éxida do partido único a totalidade da loita social, nós acreditamos na unidade de clase a través da participación nas estruturas de loita realmente existentes da nosa clase, partindo do modelo clásico do sindicalismo revolucionario. Este modelo, síntese de postulados marxistas e libertarios, entendía o campo económico como único espazo posíbel onde construír a unidade de clase, xa que a contradición capital-traballo concentraba todos os membros da clase traballadora no seu interese obxectivo por abolir as estruturas de dominación da clase explotadora. Ao tempo, a súa posición no proceso de produción outorgáballe ao proletariado un poder do que carecía en calquera outra esfera da vida social, o de paralizar a produción. As ferramentas da acción directa eran as armas que permitían o proletariado ir arrincando melloras materiais á patronal nun proceso de acumulación de poder popular que acrecentaría as posibilidades de levar a cabo a expropiación definitiva dos medios de produción en mans da burguesía por medio da folga xeral revolucionaria. Deste xeito, o sindicato presentábase como a ferramenta definitiva da loita de clases, organización con capacidade de realizar a revolución social e de servir de base da futura sociedade socialista. A condición de posibilidade para construír esta unidade era que o sindicato se erixira como espazo de síntese da loita de clases onde todos os traballadores actuaban unidos contra o capital, sen mediacións políticas. Á súa vez, o sindicato daba liberdade aos seus membros para que militaran en cadansúas organizacións políticas de referencia, pois, aínda que a unidade de clase só podía cristalizar na esfera económica, esta non esgotaba a loita social.

A febleza do movemento obreiro, a subxectivización capitalista dos traballadores, as mudanzas nos procesos produtivos e a lexislación sindical española, entre outros moitos factores, fan de todo improbábel hoxe en día a unidade orgánica do proletariado no seo do sindicato revolucionario. Pero son moitas as aprendizaxes que podemos extraer deste modelo, entre as que salientamos a diferenciación entre as organizacións de masas e as organizacións partidistas, así como a estratexia do poder popular.

As organizacións de masas e as frontes de loita social teñen, hoxe en día, unha potencialidade enorme para mobilizar sectores amplos da clase obreira, pero adoitan ser espazos parciais e inconexos, carentes dunha orientación revolucionaria e dun horizonte estratéxico común. Como organizacións amplas deben ser independentes e autónomas, abertas á diversidade, sendo o único espazo onde se pode construír poder de clase ou poder popular autoxestionario. É dicir, a capacidade autoorganizada da clase traballadora para xerar un proceso acumulativo de forza social co que disputar a correlación de forzas imperante na sociedade capitalista. Unha forza social coa que debilitar as estruturas de dominación capitalista e xerar unha institucionalidade propia, construíndo a longo prazo unha situación de dobre poder.

Cal sería, daquela, o papel específico das organizacións partidistas neste esquema? As organizacións específicas non substitúen as loitas populares senón que as potencian. É neste punto onde cobra sentido o modelo da militancia dual: a participación das militantes das organizacións específicas nas frontes de loita social, aportando os recursos da súa organización, contribuíndo a construír unha orientación estratéxica, axudando a conectar as diferentes loitas parciais nunha loita común, e enfrontando as correntes reformistas e autoritarias que desvíen a loita do seu horizonte revolucionario. A nosa pretensión, como anarquistas organizadas, é a de ser un actor –claro, transparente e referente– no eido social, político e económico que estea en diálogo e coordinación constante con outras organizacións e movementos socialistas revolucionarios.

Neste contexto, cómpre considerar tamén como estruturar internamente as organizacións revolucionarias do século XXI. A clave está en dotármonos dunha estrutura clara e democrática, capaz de acoller e artellar diferentes tipos e niveis de participación. Non todas as persoas poden nin deben ter o mesmo grao de implicación en todo momento, e iso non debería ser visto como unha debilidade senón como unha expresión da diversidade e das distintas condicións vitais dentro da clase. Só así é posíbel combinar compromiso, responsabilidade e sostibilidade, facendo da organización revolucionaria un espazo accesíbel e útil para a clase, sen caer nin en elitismos vangardistas nin en voluntarismos inoperativos.

As organizacións, tanto as específicas como as de masas, aínda que nomeadamente as primeiras, deben concibirse con vocación de permanencia, fuxindo da lóxica das experiencias efémeras ou das estruturas improvisadas e informais. Para iso é imprescindíbel que conten con principios, fins e estratexias definidos desde a raíz, que lles dean cohesión e horizonte. Isto supón tamén desenvolver unha auténtica cultura militante, que sosteña a práctica cotiá e sexa quen de garantir o relevo xeracional, facilitando a incorporación de novas compañeiras e a transmisión real dos saberes acumulados. Sen esa cultura militante baseada en formación, coidados e compromiso, as organizacións corren o risco de repetiren sempre os mesmos erros e de perderen a continuidade da loita.