A partir do estudo das fossas da violência fascista na Galiza, as historiadoras Uxía Otero e Conchi López colocam a seguinte questão: o que nos podem dizer os objetos pessoais e de vestuário encontrados nas fossas estudadas?
Zapatos, fibelas, botóns ou medallas son algunhas das pegadas materiais que foron atopadas nas fosas franquistas intervidas no marco do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática da Galicia (PMD, 2021-2024). Como investigadoras do grupo de investigación HISTAGRA (GI-1657), queremos destacar o labor de coordinación dos nosos compañeiros respecto do equipo transdisciplinar da Universidade de Santiago de Compostela e do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) –que conta con profesionais de Historia, Arqueoloxía, Antropoloxía Forense e Xenética– que están a procurar os corpos desaparecidos das vítimas mortais do Golpe do 1936 e da guerra civil, a investigar as lóxicas violentas que os verdugos empregaron para darlles morte e a realizar as tarefas de escavación, exhumación e identificación.
O estudo das fosas na Galiza non parte de cero, senón que bebe do labor realizado no marco do proxecto Nomes e Voces (2006-2011). Na actualidade temos rexistradas un total de 90 fosas, a maioría das cales están localizadas en cemiterios rurais e son de pequeno tamaño. Arredor dun 70% custodian entre unha e cinco persoas, pero as fosas sitas nas principais cidades e capitais de provincia –A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense, Vigo, Ferrol ou Santiago de Compostela– rompen esta pauta e son de maior tamaño.
A identificación das vítimas mortais require dun minucioso traballo arqueolóxico de campo, así como de traballo de laboratorio forense e xenético a partir dos restos óseos recuperados. De xeito previo e parello, resulta fundamental a investigación histórica apoiada nun rigoroso e profundo traballo documental de arquivo; mais tamén da historia oral.
As testemuñas das veciñanzas e as lembranzas das familias das vítimas son fíos cruciais para tecer as historias de vida das persoas desaparecidas forzosamente. Mais os nosos devezos por investigar non poden tornarse nun tratamento baseado na lóxicas dun sacarrollas, senón nas da empatía, o respecto e a xenerosidade coas informantes, facéndoas partícipes do proceso de intervención e comunicándolles os resultados con cautela e claridade, sexan ou non positivos. Empregamos o feminino porque foron maioritariamente as mulleres as gardiás e coidadoras da memoria familiar. Inspirándonos no caso colombiano, foron «tecedoras da memoria» que actuaron como chama da candea que mantivo vivo a lembranza do trauma e da identidade das vítimas, mesmo as que impulsaron a recuperación clandestina dos corpos moito antes de que houbese permisos explícitos e financiamento público para facelo.
Desde aquí queremos ir un paso alén. Queremos repensar a violencia do golpe de Estado, as persecucións e a retagarda franquista na Galiza (López Sánchez, 2021) a partir do concepto memorias sartoriais, en maridaxe co proxecto de investigación e divulgación CostuMe(s) [@costu_me_s] (Otero-González, 2023-2026). A idea é reflexionar arredor da cultura sartorial (in)material, isto é, os obxectos persoais vencellados ao vestir atopados nas fosas intervidas, mais sen esquecer aqueles que non fomos capaces de atopar pero que coñecemos ben a través da historia oral, ben a través das fontes documentais.
Os rexistros civís de defuncións poden ser fontes moi copiosas no plano sartorial, como é o caso do municipio coruñés de Oza-Cesuras. O 21 de agosto de 1936 foron atopados dous corpos sen vida, cuxa identidade quedou sen esclarecer nun primeiro momento. O rexistro actualizouse tempo andando, desvelando a identidade dos asasinados e incorporando información moi meticulosa sobre a súa indumentaria á marxe. En 1938 identificouse a Rafael Fernández, de «estatura regular, pocas carnes, pelo, cejas y barba negros, afeitado, frente despejada, vistiendo traje azul marino, calcetines de igual color, camisa blanca con gemelos dorados y zapatos negros» (n.º 243). Vinte anos despois, identificaron Juan Torreiro, un «sujeto de estatura regular, constitución física fuerte, pelo castaño claro, vistiendo cazadora castaña a cuadros, pantalón castaño, zapatos ídem, camisa azul a rayas, camisita gris» (n.° 242).
Cando a fosa do cemiterio da parroquia de Trasanquelos foi intervida en outubro de 2023 na procura destes homes, atopamos os restos dun individuo en posición primaria en bastante bo estado de conservación, incluídos varios elementos da súa vestimenta; máis concretamente, os botíns e os calcetíns (ver imaxe do cabezallo). Porén, estes restos sartoriais non concordaban con ningunha descrición do rexistro civil nin tampouco coa memoria das familias. Isto, xunto coa análise antropolóxica correspondente, permitiron confirmar que non eran as persoas que buscabamos. Este exemplo amosa que a descuberta de pegadas sartoriais poden constituír elementos diferenciais na identificación da fosa/corpos e no atino cronolóxico do enterramento.
As memorias sartoriais da fosa de Trasanquelos son particularmente ricas, mais non só polas pegadas materiais das fosas, polos rexistros documentais e polos testemuños orais; tamén porque a familia Torreiro conservou unha fotografía única onde aparece a familia, os seres queridos e o párroco a carón da fosa engalanada con flores e que axudou a situar a fosa no atrio da igrexa parroquial (imaxe abaixo). Resulta moi excepcional por tres motivos. Primeiro, polo feito de que puidesen participar dun dó no espazo público, inda que fose unha reunión máis ou menos íntima, reducida ou familiar. Segundo, na medida en que a aparencia da terra nos convida a pensar que puido ter sido pouco despois dos asasinatos. E terceiro, porque este rito funerario quedou inmortalizado probabelmente antes de que a fotografía afeccionada se popularizara no Estado español na década de 1960.
Malia que a presenza da autoridade eclesiástica parroquial nesta fotografía poda resultar controvertíbel, a experiencia do PMD permítenos propor como hipótese de traballo que os párrocos, ademais de axentes con competencias na xestión dos corpos e na inhumación (sobre todo se temos en conta que seis das oito fosas intervidas están en cemiterios eclesiásticos) foron tamén condutores dos ritos funerarios e do dó familiar dos «vencidos». A relixión, e nomeadamente a fe católica, xogou unha vía de lexitimación pública do sentimento de mágoa e pena das familias pola perda dos seus seres queridos, especialmente no caso das mulleres, que tiñan permitido chorar en público e amosar emocións como como nais, irmás, esposas, fillas, curmás ou amigas das vítimas.
Os fragmentos de prendas de roupa e accesorios que emerxen das tumbas son unha fonte emocionalmente rica para explorar o pasado recente. Convértense nun substituto da carne a medida que se desgasta o tecido corporal que cobren; son os últimos trazos das emocións materializadas que rodean a morte, como expón Hilary Davidson no artigo «Grave Emotions: Textiles and Clothing from Nineteenth-Century London Cemeteries » (2016). Mención especial merecen os zapatos, que poden ser testemuña dun corpo ausente, como no caso das pilas de zapatos abandonadas nos campos de exterminio nazis; e, ao tempo, pode ser un rexistro da experiencia vivida, non só física, senón tamén emocional e simbólica, tal e como reflexiona Ellen Sampson en Worn: Footwear, Attachment and the Affects of Wear (2020). Uns zapatos de tacón convida a unha análise histórica que se (pre)ocupe polas (de)construción normativa de xénero, pero unha sola de zapato dun determinado material e cor pode contribuír a reparar noutras cuestións identitarias en tanto que marcadores de clase ou pertenza a un determinado grupo social. Así, uns zapatos de coiro fannos pensar nunha posición socioeconómica diferente que as alpargatas rematadas con anacos de goma ou pneumático, tal e como se atopou na fosa de Puerto Real (Cádiz).
As pegadas materiais de carácter sartorial tamén ofrecen información sobre as súas crenzas –véxase a medalla da Encarnación da fosa intervida en Celanova, ou os rosarios atopados por toda a xeografía española, como o que podemos observar na obra La guerra civil española en 100 objetos, imágenes y lugares, editada por Antonio Cazorla e Adrian Shubert (2022)–, as súas doenzas –como o suspensorio inguinal da fosa de Vilacoba (Lousame)–, pero moi especialmente sobre o contexto no que as vítimas foron secuestradas. Por un lado, no momento inmediato. Ás veces podemos interpretar se as pillaron desprevidas, especialmente no caso dos «paseos», unha tipoloxía de violencia ben estudada por Xabier Buxeiro na súa tese de doutoramento inédita (2023); ou se tiveron tempo de escoller prendas especiais para a súa execución, revelándose sartorialmente contra o inevitable. Múltiples testemuñas familiares transmítennos esta costume de engalanarse para o último alento. Exemplo disto son os zapatos de tacón elixidos por Vicenta Mena Mahiques –fusilada o 8 de marzo de 1940 e cuxos restos foron atopados na fosa do cemiterio de Paterna (València)–, os cales podemos observar na capa do último libro de Esther López Barceló, El arte de invocar la memoria (2024).
Por outro lado, aportan contexto histórico. Coñecendo as modas e tendencias da época, así como os materiais e os adiantos tecnolóxicos na industria téxtil, podemos establecer relacións cronolóxicas cos restos atopados. Neste senso, cómpre subliñar a colaboración de Jordi Ramos Ruiz, experto en indumentaria da guerra civil. Na busca da fosa do Val de Narón (A Coruña), a equipa do PMD atopou dous botóns –un de cerámica e un de nácar–, unha fibela rectangular, restos de coiro degradado e, ademais, tacóns de goma da marca Ducal que foi empregado polos artesáns e industriais para confeccionar calzado de coiro estilo mocasín, seguindo a tendencia italiana a partir de 1930.
As memorias sartoriais axúdannos a desenterrar historias de vida arrincadas polos sublevados, anonimizadas e soterradas baixo moreas de terra. O Novo Estado fixo o posible por condenar ao esquecemento a estas vítimas, mentres erixiu miles de monumentos polos «caídos por Dios y por España». Sobre o papel que estes monumentos tiveron no relato funcional franquista reflexiona Miguel Ángel Del Arco na súa recente obra Cruces de memoria y olvido: los monumentos a los caídos de la Guerra Civil española (1936-2021) (2022).
Non obstante, o éxito da ditadura foi relativo. As familias non deixaron de lembrar os seus seres queridos e algunhas mesmo ousaron honrar a súa memoria con xestos simbólicos nos lugares de execución e/ou enterramento. Algunhas rosas brancas ou unha presa de caraveis vermellos podían ser depositadas de xeito anónimo e con discreción en gabias ou mesmo en cemiterios, como sinala Iria Morgade no seu capítulo da obra colectiva Golpistas e verdugos de 1946. Historia dun pasado incómodo (2018). Iso si, houbo que agardar a que o ditador falecese comodamente no seu leito para que os familiares das vítimas dos sublevados puidesen realizar homenaxes públicas aos seus seres queridos. Co inicio da transición á democracia os recordos ás vítimas abandonaron a clandestinidade e pasaron a ocupar un espazo de seu nas rúas e nas prazas grazas ás iniciativas colectivas e os movementos sociais memorialísticos; así o recolle Zoé de Kerangat no seu libro Remover cielo y tierra. Las exhumaciones de víctimas del franquismo en los años 70 y 80 (2023).
Sen prexuízo de colaborar de xeito activo con iniciativas particulares, veciñais e asociativas, o PMD aposta pola memorialización de vítimas e espazos dende as institucións públicas, en sintonía coa Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática. É certo que temos unha ardua labor por diante, pois non temos constancia da existencia de memoriais e sinalécticas que rendan homenaxe ás vítimas para case dous terzos das fosas rexistradas ata o momento. Convencidas de que as accións colectivas de investigación, didáctica e conmemoración nos encamiñan cara a unha sociedade máis democrática, pacífica, xusta e igualitaria, este é o noso pequeno gran de area: o compromiso de seguir traballando por recuperar as pegadas materiais e as memorias sartoriais do franquismo.