Loita anticolonial ou loita hexemónica? Os marcos estratéxicos do nacionalismo galego

Pedro M. Rey-Araújo
14/10/2021

Pedro M. Rey-Araújo

Que efectos ten ubicar a praxe política do nacionalismo galego baixo as coordenadas da «hipótese colonial»? Pedro M. Rey Araújo, autor do libro Capitalism, Institutions and Social Orders: the Case of Contemporary Spain (Routledge 2021), propón unha reflexión (abertamente polémica) a respecto deste tema, co propósito de contribuír a un debate colectivo sobre a posibilidade dunha «hipótese hexemónica» para o movemento soberanista galego.

Toda intervención política ven sempre encadrada nun marco estratéxico que lle outorga sentido. A concepción que de si mesmo ten o suxeito político en cuestión, a identidade e natureza do seu adversario, os obxectivos últimos da súa loita, ou a súa relación con outros eixos de conflito veñen determinados, aínda que sexa implicitamente, por estes marcos.

Ao longo das últimas décadas, o principal marco de sentido que guiou as accións do soberanismo galego foi o que aquí denominamos a «hipótese colonial». Certamente, ao seu abeiro artellouse un movemento de masas que, hoxe en día, se atopa en condicións de disputarlle a hexemonía social aos sectores dirixentes do país. Porén, nun momento no cal o soberanismo se atopa electoralmente en alza, entendemos que é urxente artellar un debate en profundidade sobre o encadramento interpretativo e estratéxico que ha de informar a praxe política do soberanismo galego nos vindeiros anos. Cun ánimo abertamente polémico, tomamos partido. Entendemos que a «hipótese colonial» non constitúe un marco axeitado para pensar a transformación do país nunha liña emancipatoria e que, no seu lugar, cómpre situármonos baixo o que aquí denominamos unha «hipótese hexemónica».

A hipótese colonial e os seus perigos

A publicación hai case medio século d’O atraso económico de Galicia, por Xosé Manuel Beiras (1972), constitúe o fito fundacional da «hipótese colonial» no noso país. Alí postulábase que unha Galiza desartellada, dividida entre un sector rural precapitalista, mero produtor dos seus medios de subsistencia, por unha banda, e un sector urbano illado e pouco industrializado, pola outra, constituía unha «colonia interior» do Estado español. Provedora de recursos naturais, humanos e financeiros, da súa inclusión subordinada naquel resultarían unha economía subdesenvolvida e tecnicamente atrasada, así como unha esfera cultural alienada.

Malia ter Beiras acometido sucesivas reformulacións das súas teses orixinais, a «hipótese colonial» atopou a súa formulación mais coherente na obra do economista Ramón López-Suevos. Na súa obra Do capitalismo colonial (1979) desbótase o cualificativo de «interior» no relativo á situación colonial da Galiza a respecto de España, a cal tería a súa concreción no entrecruzamento da «opresión política, o asoballamento cultural e a explotación económica». Como corolario, a ruptura co Estado español emerxía como condición sine qua non para acadar a emancipación das clases populares do país.

En suma, a «hipótese colonial» forneceríanos dun suxeito político xa constituído, a nación galega, malia que alienado; un inimigo petrificado, España, espello invertido da nosa situación; e un obxectivo claro e redentor, a independencia. Con poucas variacións, este esquema segue a informar as teses políticas da UPG, tal e como unha ollada ás Teses do XV Congreso da Unión do Povo Galego. Autodeterminación para a Galiza. Existir e Avanzar,aprobadas no seu XV congreso, celebrado en Febreiro de 2020, revela. Porén, unha vez constatada a súa vixencia, cómpre preguntármonos: que efectos ten o ubicar a nosa praxe política baixo as coordenadas da «hipótese colonial»? Ao noso entender, o seu é un marco reducionista, conservador, derrotista e elitista. Vexamos.

A «hipótese colonial» é reducionista, pois condensa a complexa madeixa de relacións transnacionais nas cales se sitúa a Galiza contemporánea nunha relación biunívoca entre a Galiza e España. Por unha banda, tórnase incapaz de discernir cales dos males do país atopan a súa explicación, efectivamente, na nosa inclusión diferencial no Estado español, e cales son froito da dinámicas capitalistas transnacionais. O declive inexorable da industria manufactureira constitúe un exemplo paradigmático destas últimas. Por outra banda, impídenos levar conta das relacións de dominación que o noso país exerce sobre outros territorios. A relación que a sobre-explotación laboral no sueste asiático garda cos altos salarios que Inditex paga na súa sede central é, aquí, un bo exemplo.

A «hipótese colonial» é conservadora, pois proxecta unha Galiza idealizada a cal habería que protexer, sendo a relación de exterioridade que garda co Estado español a principal causa do seu esmorecemento. Por unha banda, ao operar politicamente sobre unha Galiza idealizada, deslindada da realmente existente, oclúe os procesos sociais aos cales habería que responder e, por extensión, non atina a ofertar solucións axeitadas ás tensións ocasionadas por aqueles. Por outra banda, é conservadora en tanto que opera sobre unha idealización, a Galiza monolingüe de mariñeiras e labregas, á cal escapan moitas das transformacións acontecidas nestas décadas. Sendo unha proxección desligada do presente, incapaz de se incardinar en moitas das contradicións sociais que hoxe en día percorren a sociedade galega, amósase incapaz de interceder nas liñas de conflito existentes. Así, ao non proxectar unha Galiza futura máis ca dun xeito negativo, non é quen de conectar cos anhelos de transformación existentes.

A «hipótese colonial» é derrotista, pois orienta a súa praxe política cara á conservación dunha Galiza sometida a procesos aos cales poñerlles coto non resulta posíbel. A Galiza do futuro poderá ser de moitos xeitos posibles, mais decididamente non coma aquela que xa foi. Concibir o Estado español como omnipotente, abafante e ubicuo, como a causa última dos problemas do país, lévanos inexorabelmente cara unha cultura de resistencia auto-compracente coas derrotas que se nos inflixen.

Finalmente, a «hipótese colonial» é elitista, en tanto que opera politicamente sobre unha división das xentes do país entre cidadáns liberados e conscientes, por unha banda, e suxeitos colonizados e alienados, pola outra. Configura así unha vangarda que entende a política coma unha arte da «revelación», do descubrimento das verdades pre-discursivas a individuos velados por unha ideoloxía entendida como «falsa conciencia», en troques de considerar a ideoloxía como unha cosmovisión, unha concepción estruturada do existente na cal se simplifican, mistifican ou mesmo oclúen as contradicións sociais existentes, mais sempre en aberta tensión con elas. 

Por unha construción hexemónica da Galiza por vir

Sen dúbida, situármonos ao abeiro da «hipótese colonial» ten unha compoñente tranquilizadora en tanto que nos permite construír unha praxe política sobre unha serie de certezas: a dun suxeito xa constituído, malia que aínda non se manifestara en plenitude tras séculos de oprobio; a dun antagonista a quen derrocar, malia ás veces semellar omnipotente; a dunha meta a cal, de acadármola, restituirá a plenitude ausente dunha Galiza finalmente reconciliada consigo mesma. Porén, entendemos que facer política emancipatoria obriga a rachar con estas certezas.

No seu lugar, seguindo a estela de pensadores como Antonio Gramsci, Ernesto Laclau ou Stuart Hall, entendemos que o sentido que adquira todo conflito e/ou identidade social se atopa sempre en disputa, podendo declinarse mesmo de formas antagónicas. Neste sentido, do artellamento de diversos conflitos por parte de actores concretos emerxerán imaxinarios que os condensen ao mesmo tempo que petrifiquen unha orientación concreta dos mesmos. No caso que nos ocupa, a construción dun imaxinario nacional galego é un terreo en disputa que pode servir tanto á emancipación das clases populares do país como ao seu sometemento aos ditados das clases dominantes, como tamén teñen sinalado Roi Pérez e Carlos Calvo Varela en artigos recentemente publicados en A Xanela e O salto respectivamente.

Primeiramente, é preciso levar conta de que non hai unha transposición directa, pura e non mediada, de ningunha dinámica social no terreo político. O que un conflito social, o que sexa, logre irromper na escena política é sempre resultado dun esforzo de politización desenvolvido por actores concretos, idea que xa desenvolvera Ramón Máiz no seu artigo de 1996 «Nación de Breogán: oportunidades políticas y estrategias enmarcadoras en el movimiento nacionalista gallego (1886–1996)», publicado na Revista de Estudios Políticos. Do anterior derívase que os suxeitos políticos tampouco están nunca constituídos nun terreo previo ou anterior á propia contenda política, sexa aquel a lingua, a terra, ou as relacións capitalistas de produción. Falemos da mocidade, da clase social, ou da nación, tanto ten: a súa existencia como suxeito político será sempre froito dun proceso inconcluso de politización e agregación de conflitos particulares.

Baixo esta óptica, un imaxinario nacional-popular ten que incardinarse, necesariamente, nos diversos conflitos que percorren a Galiza contemporánea, malia moitos deles desbordar o marco da relacións entre Galiza e España. É preciso disputar a subordinación simbólico-cultural do país no marco do Estado afirmando que a súa defensa pode facerse en dúas linguas, conscientes de que as experiencias de desclasamento e de esquecemento da propia historia son parte constitutiva da Galiza crioula que habitamos. É preciso loitar contra a precariedade que asolaga o mercado laboral galego entendendo que é en gran medida efecto das dinámicas que afectan ao capitalismo global, mediado pola singular posición que ocupa o estado español no seo da UE, mais interrogando como se concretan estas dinámicas nun país avellentado, xeograficamente desartellado, e cunha longa tradición migratoria. É preciso loitar contra o desmantelamento industrial no noso país, mais sen esquecer que o problema da baixa rendibilidade por mor da sobreacumulación de capital industrial é un problema global, e de esquivas solucións hoxe en día. É preciso loitar contra a emerxencia climática, sendo un problema común ao globo enteiro, mais tendo en conta como no noso país se declina mediante a preponderancia adquirida pola explotación dos recursos naturais ou a invasión dos montes por especies foráneas. É preciso, finalmente, participar das loitas contra as múltiples discriminacións que sofren as mulleres polo mero feito de selo, así como contra a distribución xenerizada tanto de roles sociais como das responsabilidades pola reprodución da vida. En suma, da implicación nos conflitos actuais, declinándoos debidamente en función das particularidades do noso país, habería de resultar nun imaxinario compartido no cal a protección do país apareza ligada á protección da vida, na forma non tanto dunha Galiza á cal protexer, senón dunha Galiza á cal aspirar.

Se, seguindo a Poulantzas no seu Estado, poder y socialismo (1979), entendemos o Estado (multi-escalar, no noso caso), como unha «condensación material da relación de forzas existente», é preciso desbotar o entendemento do Estado como algo que se ten ou non para concibilo como un terreo de loita, poroso e heteroxéneo, no cal é preciso participar para torcer a relación de forzas en favor das clases populares do país. É preciso, pois, fuxir das certezas que nos proveen os marcos aprehendidos e xa explorados para confrontar os riscos, mesturanzas e contradicións inherentes á acción política mesma. A política non consiste en gardar purezas senón, mais ben, e non terlle medo a emporcar as mans.