Tem o atual contexto demográfico um papel relevante na recente ofensiva global contra o direito ao aborto? Que estratégias discursivas estão a ser utilizadas no nosso ambiente para dinamitar os avanços dos movimentos feministas e queer? Neste artigo Xandre Garrido procura chaves neste sentido através de uma análise histórica do papel da ONU na promoção dos direitos reprodutivos das mulheres.
Sempre a condición de non deixarse levar por lecturas mecanicistas, a análise das determinacións materiais e históricas continúa a dar chaves fundamentais para entender os procesos políticos desde unha óptica macroscópica. Neste artigo tratarei de presentar un cadro argumental que permita contextualizar a emerxencia de certos discursos reaccionarios fronte aos movementos feminista e queer, por un lado, e os recentes retrocesos internacionais en materia de dereitos reprodutivos, por outro, como parte dun mesmo fenómeno. O cerne da miña hipótese será que tal correlación está directamente conectada coa fase actual que atravesa o sistema capitalista e o papel que xoga a tendencia negativa da natalidade nos países occidentais.
Comecemos cunha aproximación histórica. Se ben na actualidade a loita polos dereitos reprodutivos das mulleres (en especial o relacionado co acceso á planificación familiar, ao aborto e a métodos contraceptivos) é vista como unha causa feminista, articulada de forma clara coa defensa dos dereitos humanos, esta non foi sempre a posición dos actores globais nesa materia.
Lucía Berro Pizzarrosa, doutora en dereito internacional e especializada en dereitos humanos, publicou en 2018 Here to Stay: The Evolution of Sexual and Reproductive Health and Rights in International Human Rights Law unha revisión do desenvolvemento histórico dos dereitos reprodutivos desde unha perspectiva xurídica, na cal define catro fases. A primeira, de especial relevancia para este artigo, decorrería entre 1954 e 1994, e é nomeada como fase do «paradigma do control poboacional». Esta época estivo marcada por dúas conferencias das Nacións Unidas -a primeira en Roma en 1954 e a segunda en Belgrado en 1965-, nas cales a axencia internacional colocou como foco do debate o suposto «problema de crecemento poboacional».
No artigo «Feminists and Neo-Malthusians: Past and Present Alliances», Dennis Hodgson e Susan Cotts Watkins presentan unha detallada historia do neo-malthusiano durante o século XX -entendido aquel como un movemento político que aspira a promover mudanzas lexislativas e influenciar as axendas dos organismos internacionais- así como dos seus encontros e desencontros coas distintas vertentes do movemento feminista. O proxecto político neo-malthusiano susténtase, segundo estas autoras, na promoción do control poboacional, que entenden como toda aquela forma de inxerencia sobre as características agregadas das demografías co fin de combater a pobreza, xa sexa mediante políticas pronatalistas, antinatalistas ou euxenésicas. Tanto Pizarrosso como Hodgson e Cotts Watkins coinciden en que a mediados do século XX as ideas neo-malthusianas acadaron grande prevalencia entre as potencias globais e resultaron fulcrais no deseño das políticas da ONU dirixidas á erradicación da pobreza no sur global. Estas políticas serían definidas xustamente nas conferencias mencionadas no artigo de Pizarrosso, pois estiveron dirixidas por demógrafos que acreditaban no postulado de que a miseria dos países chamados «sub-desenvolvidos» estaba vinculada co seu excesivo crecemento poboacional. É neste marco no que se deseñaron e puxeron en marcha novos programas dirixidos ao control demográfico, entre os que se contaban iniciativas máis benignas, como a distribución de preservativos e campañas de formación e sensibilización, mais tamén chegaron a se promover programas de esterilización forzosa -focados particularmente nos grupos máis marxinalizados, como as persoas indíxenas ou discapacitadas. No ano 1984 a Conferencia Internacional da Poboación das Nacións Unidas en Cidade de México foi o escenario de críticas tanto por parte do movemento feminista como do Vaticano e do goberno de Estados Unidos en relación á proposta explícita de promover o dereito ao aborto como forma de control de poboación. O libro Reproductive politics: what everyone needs to know de Rickie Solinger, publicado en 2013, explora máis en detalle esta controversia e encádraa no contexto histórico da loita polo dereito ao aborto nos Estados Unidos.
Isto marca para Pizarrosso o comezo dun novo paradigma que se consolida en 1994 coa Conferencia Internacional sobre Poboación e Desenvolvemento que mantivo a ONU no Cairo. Nela foi establecido un novo consenso que finalmente incluía os dereitos reprodutivos como un desenvolvemento dos Dereitos Humanos, denunciando prácticas como a esterilización forzosa ou a «política do fillo único», que fora instaurada por China en 1982 e estivo vixente ata o 2015.
Sen estenderme máis nos contidos da revisión de Pizarrosa, vexo importante sinalar a súa lucidez ao dedicar tamén unhas liñas ao que pode esperar no futuro. A autora sinala en varias ocasións ao longo do texto que debemos entender que a natureza historizábel da conquista de dereitos e a forte influencia do marco político e económico no que estes emerxeron implica que existe un perigo real de que estes dereitos sexan suprimidos. En concreto, anota a súa preocupación co ascenso ao poder de lobbies relixiosos en distintas coordenadas xeográficas, como os Estados Unidos, Rusia, e algúns estados de Europa e a América Latina. A autora denuncia especificamente o uso da idea de «ideoloxía de xénero» como mecanismo discursivo clave na oposición aos dereitos reprodutivos.
Toma esta idea do artigo de 2016 de Sara Garbagnoli intitulado «Against the Heresy of Immanence: Vatican’s ‘Gender’ as a New Rhetorical Device Against the Denaturalization of the Sexual Order», no que a autora dá conta de como a igrexa católica impulsou o concepto de «ideoloxía de xénero» como ferramenta retórica dirixida á deslexitimación dos discursos feministas e queer, así como á reificación das normas sexuais como independentes de calquera desenvolvemento histórico e político. Garbagnoli defende que este posicionamento do Vaticano emerxeu como reacción ao xiro descrito nas políticas da ONU tras a conferencia de Cairo do 1994, posicionamento que se sustentaba tanto na denuncia do que a igrexa nomeou «feminismo de xénero» como na promoción do denominado polo Vaticano «novo feminismo»: un feminismo que defendería os intereses das mulleres sen cuestionar a naturalidade da división sexual humana.
Seis anos despois da publicación de Pizarrossa podemos confirmar a súa capacidade premonitoria con exemplos como o levantamento da protección federal do dereito ao aborto nos Estados Unidos -seguida pola súa inmediata criminalización en multitude de estados-, o incremento das restricións ao aborto en Polonia, ou a ofensiva de Javier Milei contra o dereito ao aborto en Arxentina.
Neste contexto cabe preguntarse o seguinte: se a posición da Igrexa católica (e en xeral a das relixións abrahámicas) sempre foi clara en contra de calquera forma de control populacional, en especial de cuestións como o acceso a métodos anticonceptivos ou o dereito ao aborto, como podemos explicar a súa actual capacidade de inxerencia na axenda política nun cadro global de progresiva secularización?

Unha posible explicación pode encontrarse no contexto económico. Do mesmo xeito que nos anos 50 o discurso neo-malthusiano foi chave á hora de colocar os dereitos reprodutivos na axenda internacional, o acusado descenso da taxa de natalidade nos países occidentais leva os nosos gobernos a falar dunha suposta crise demográfica. Esta poría en perigo a viabilidade do noso sistema de pensións, cando non do conxunto do sistema público de seguranza social. Unha distorsión discursiva do que verdadeiramente está en perigo: a viabilidade do propio sistema capitalista tal e como o coñecemos.
O noso sistema económico baséase nun programa de crecemento infinito e precisa da reprodución biolóxica da clase traballadora para poder seguir a alimentarse da súa plusvalía. Aínda máis, o sistema non só precisa as masas para se dotar de man de obra, senón que necesita de certa porcentaxe de poboación desempregada -o chamado «exercito laboral de reserva»- como ferramenta de negociación fronte as traballadoras para desincentivar as súas aspiracións a mellores condicións laborais e salarios.
É común que desde os movementos sociais se conteste esta preocupación dos gobernos coa natalidade sinalando a hipocrisía que supón pedirlle á poboación que faga o esforzo de procrear nun marco socioeconómico propio no que o sustento non está sempre garantido, mentres se asasina a persoas nas fronteiras que poderían resolver o problema do relevo poboacional. Porén, hai dous motivos principais que fan esta alternativa indesexable para as clases dominantes.
Por unha banda, a existencia de persoas migrantes en situación irregular cumpre unha función semellante á do exercito laboral de reserva, servindo como mecanismo de presión para o proletariado -entre o que elas se encontran- a aturar traballos precarizados, e por iso é crítica para a viabilidade de industrias millonarias como a agrícola ou a industria da prostitución. Por outro lado, e moi presente nos discursos de axentes políticos de extrema dereita e incluso dalgúns considerados como de dereita tradicional, existe un medo a que unha entrada masiva de persoas migrantes supoña unha perda de poder para as elites brancas. A teoría da conspiración coñecida como «a gran substitución» suxire que existiría unha estratexia organizada por parte de axentes políticos progresistas co fin de facilitar a entrada de persoas migrantes nos países occidentais, substituíndo de maneira gradual a estrutura étnica destes estados ata que a poboación branca sexa minoritaria ou incluso desapareza. Un dos principais argumentos para xustificar esta teoría é o feito de que as persoas migrantes e racializadas tenden de maneira maioritaria a votar por partidos de esquerdas ou progresistas, e que polo tanto resultaría beneficioso para eles promover a inmigración. Vendo, pois, como os gobernos occidentais se enfrontan ao problema de reverter a pirámide poboacional, e dada a súa negativa a recorrer á apertura de fronteiras, as medidas cada vez máis autoritarias para promover a natalidade entre a propia cidadanía parece unha alternativa perigosamente tentadora.
Porén, no noso contexto a posta en marcha de políticas que atentan de maneira directa contra as liberdades individuais das persoas e contra dereitos que se cren conquistados require un minucioso esforzo previo dirixido ao que Noam Chomsky e Edward Herman chamaron «fabricación do consentimento». Nese proceso xoga un papel fundamental o uso de ferramentas discursivas como a mencionada «ideoloxía de xénero», adoptada no contexto español pola extrema dereita mais tamén por feministas transexcluíntes, grupos «pardovermellos», ou incluso organizacións galegas como Agora Galiza – Unidade Popular. Nesta mesma liña debe lerse o feito de que en xaneiro de 2024 a organización Domo Acción Galicia fixese chegar aos centros de ensino galegos unha infografía sobre «cambio de sexo en menores». Este documento preséntase como ferramenta informativa sobre os «perigos introducidos pola nova Lei Trans estatal», mais de maneira explícita emprega a crítica á suposta «ideoloxía de xénero» para defender unha visión da sexualidade humana acorde ao establecido polo Vaticano como «novo feminismo», defendendo a naturalidade e complementariedade da diferenza sexual humana, e poñendo o foco na necesidade de protexer a futura fecundidade das crianzas con útero. Estes discursos poden parecer marxinais e inofensivos, mais unha ollada ao contexto internacional déixanos albiscar que non combatelos de raíz pode ter consecuencias devastadoras sobre os dereitos das mulleres e das persoas LGBT+.