Fuga de coidados e cultura galega: unha aproximación

Helena Miguélez Carballeira
12/06/2026

Helena Miguélez Carballeira

Embora os estudos sobre género e migração na Galiza tenham destacado a desestruturação familiar causada pelas grandes vagas migratórias para a América e a Europa na segunda metade do século XX, este fenómeno permanece sem uma análise específica. Neste artigo, Helena Miguélez Carballeira introduz o conceito feminista marxista de “fuga de cuidados” para iluminar as suas representações na cultura galega moderna e contemporânea

“mamá mamá.   vaime comel
u lobu e chove
mamá mamá vaime comel u lobu e chove
mail a mamá
nada
que está en barquisimetu”

Co co co u, Luz Pichel (2017)

No seu libro Etnoarqueología de la emigración: el fin del mundo preindustrial en Terra de Montes (Galicia)(2003), Alfredo González Ruibal describe a Galiza das décadas entre 1960 e 1990 como un lugar onde se sobrepuñan dous mundos: por un lado, as mentalidades, valores e prácticas sociais herdadas do Antigo Réxime e, por outro, a progresiva afirmación das lóxicas económicas e culturais do capitalismo. A partir desta coexistencia de temporalidades, o autor desenvolve unha “etnoarqueoloxía dos abandonos” centrada na casa rural galega, entendida como unidade neurálxica da produción económica, da reprodución social e da construción da identidade familiar. Ao observar aquilo que os emigrantes deixaban tras de si ao marcharen para a emigración (casas, alboios, apeiros agrícolas, mobiliario e obxectos cotiáns que pasaban a ser pensados como refugallo), González Ruibal enxerga unha ollada alternativa da emigración galega e conclúe que a emigración funcionou como unha “ponte cognitiva” a atenuar a brusca transición entre o mundo pre-industrial e a modernidade capitalista na Galiza.

Na bibliografía sobre migración galega na segunda metade do pasado século, outro uso do termo “abandono” semella ter sido obxecto dunha curiosa danza semántica, a oscilar entre o implícito, o insinuado e o grafado en cursivas. Estoume a referir aquí á palabra “abandono” cando é utilizada para sinalar un fenómeno migratorio empiricamente documentado na Galiza do século XX, polo cal mulleres con crianzas emigraban a América ou Europa deixando estas temporalmente ao coidado de avós, tías, irmáns ou, por veces, do propio pai. Este fenómeno dificilmente se deixa entrever nos primeiros estudos canónicos sobre emigración galega. Mais si pode inferirse a súa ampla incidencia en investigacións máis recentes sobre a emigración galega a Europa na segunda metade do século XX, nun contexto en que as políticas de reagrupamento familiar promovidas polo réxime franquista após 1956 favoreceron a mobilidade de esposas e fillos onda os homes que xa traballaban no estranxeiro. Porén, é nos estudos feministas centrados na experiencia das mulleres onde esta realidade emerxe con maior nitidez. En Muller e emigración (1991), obra fundamental de Pilar Cagiao, varias entrevistadas lembran que “deixaban os críos atrás temporalmente ao coidado dos avós” (pp. 92-93). Unha delas reflicte retrospectivamente sobre esa experiencia, admitindo que “os fillos abandonados…, eso [sic] non foi positivo” (p. 101). Non deixa de ser significativo que esta acepción da palabra “abandono” apareza en cursivas neste libro e acompañada do cualificativo “relativo”, como se estivese a sinalar unha zona particularmente sensíbel da memoria migratoria galega: unha experiencia difícil de nomear, afectivamente dolorosa e, talvez por iso mesmo, decote relegada para as marxes do discurso histórico.

Paga a pena virar cara ao marxismo feminista para dar cunha linguaxe conceptual máis precisa á hora de tornar visíbel aquilo que estas experiencias migratorias galegas revelan. Nas últimas décadas, a análise feminista das cadeas transnacionais do traballo está a obxectivar fenómenos ligados ás economías do coidado e ao traballo afectivo no capitalismo globalizado. Achamos un punto de partida fecundo no influínte ensaio de Nancy Fraser, “Contradictions of Capital and Care” (2016), onde a filósofa identifica unha contradición estrutural entre a acumulación capitalista e a reprodución social. Se, por un lado, a reprodución social – isto é, o conxunto de actividades que aseguran a manutención da vida, dos lazos sociais e das xeracións futuras – constitúe unha condición indispensábel para a acumulación de capital, por outro, a dinámica expansiva do propio capitalismo tende a desestabilizar as bases que fan posíbel esa reprodución. Como di Fraser, “ningunha sociedade que comprometa de forma sistemática as condicións da súa propia reprodución social pode perdurar por moito tempo”. 

Fotograma de Memoria interior (2002) de María Ruido.

Neste horizonte analítico asociado ás “crises de coidados” inherentes ao capitalismo xorden conceptos como o de “extractivismo dos coidados”, acuñado por Christa Wichterich, que remite ao modo de acumulación que opera nos mercados da reprodución social, baseado na extracción sistemática das capacidades, enerxías e afectos das mulleres, sobre todo aquelas so condicións de estigma ou desvalorización. Materialízase nestas cadeas globais de coidados rexidas pola explotación capitalista, o racismo e o patriarcado o que estudosas como Arlie Russell Hochschild chamaron “fuga de coidados” (care drain en inglés), isto é: aquilo que acontece cando as mulleres emigran para asumiren tarefas de coidado de crianzas ou persoas dependentes nas sociedades de destino, deixando en aberto as responsabilidades de coidado que tiñan nas súas propias familias. Prodúcese así non unicamente unha transferencia de man de obra, senón un saldo negativo no ámbito dos coidados nas sociedades de orixe: unha redistribución desigual dos afectos, segundo a cal serán as comunidades exportadoras de coidados as que rexistren a carencia. 

Á luz de datos estatísticos amplamente divulgados, sabemos que as mulleres galegas, particularmente as nadas na provincia de Ourense, figuran entre os continxentes femininos máis numerosos da emigración laboral estatal a Europa, particularmente na década dos sesenta. Porén, o corolario inevitábel deste fenómeno e os seus efectos – o que agora podemos nomear como a grande fuga de coidados galega – non ten sido obxecto de estudo historiográfico como tal. O ensaio Psicopatoloxía do retorno (2007), de Alexandre García Caballero e Ramón Area Carracedo, constitúe talvez un dos poucos textos onde se albisca o profundo alcance do acontecido. Partindo do que eles denominan o “modelo do abandono” da emigración galega da segunda metade do pasado século, os autores (psiquiatras de profesión) colocan o feito de as crianzas de pais e nais emigradas se criaren ao coidado doutros membros da familia como un dos “efectos psicolóxicos a nivel micro” da experiencia migratoria galega (as cursivas son miñas).  

Porén, o feito de a literatura galega contemporánea conter referencias ás repercusións da fuga de coidados convídanos a cuestionar se os seus efectos na sociedade galega (a de entón e a actual) terán sido realmente tan “micro”. Neste sentido, o xesto político e literario de Rosalía de Castro – ao desviar o foco do suxeito migrante para aquelas que ficaban atrás – abriu un espazo de representación que continúa a se revelar como extraordinariamente fecundo. É nesta tradición oblicua do tratamento literario da migración galega onde se insiren os nosos clásicos, figuras movidas existencialmente pola súa hipersensibilidade ao sufrimento histórico do pobo galego. Pénsese no poema “Un ollo soio”, de Luís Seoane, incluído en Fardel de eisiliado(1952), onde a figura dunha muller entolecida apunta para o trauma provocado pola emigración do seu home a América. Ou no filme Mamasunción (1985) de Chano Piñeiro, cuxa protagonista vive suspensa nunha espera interminábel polo regreso do fillo ausente. 

Mais, raramente durante a primeira metade do século XX, o foco recaía sobre as crianzas deixadas atrás –quizais coa excepción do conto “O pai de Migueliño”, de Castelao, incluído en Cousas. Malia semellar este un relato sobre a idealización que un cativo fai do pai emigrado e da desilusión do reencontro, o conto pode tamén ser lido como unha reflexión sobre os efectos psicolóxicos da separación prolongada: con certeza, a idealización da figura ausente, mais tamén a construción fantasiosa do vínculo afectivo ou a estrañeza perante alguén que nos resulta íntimo e descoñecido ao mesmo tempo. 

Será, con todo, na creación a mans de Xohana Torres da voz literaria de Maxa en Adiós María (1971) (un logro que non sería esaxerado cualificar de rodorediano),  onde encontraremos unha explosión simbólica do arquivo afectivo da fuga de coidados galega. A través da voz dunha adolescente que fica cos avós e irmáns trala emigración económica de seus pais ao norte de Francia, a novela dá forma literaria aos innúmeros intersticios psicosociais da fuga de coidados desde a perspectiva dun dos seus “suxeitos pasivos”. A magnífica bibliografía feminista dedicada a Adiós María – desde Carmen Blanco á lembrada Teresa Bermúdez, pasando por Helena González, Marisol Rodríguez Rodríguez e Ana Garrido González – ten sinalado un aspecto nada secundario da narrativa: que aínda que fosen o pai e a mai os que emigraron, é a partida da segunda o que provoca maior tensión emocional en Maxa. O romance, de feito, materializa esta tensión na escena da despedida familiar na estación ferroviaria, onde os longos e caóticos parágrafos que reflicten o remuíño mental de Maxa nos momentos previos ao adeus dan paso á unha única frase, factual e perplexa, que desencadea o deterioro físico e mental da rapaza: “A miña nai sube ao vagón sen máis demora”.

Comprensibelmente, a crítica feminista dedicada a Adiós María ten outorgado grande importancia a como a novela reformula o mito de Penélope ou, nas palabras de Ana Garrido González en Xohana Torres: da viúva de vivo á muller navegante (2020), como a novela reflicte: “as indagacións da autora sobre a ausencia e a espera” (p. 23). Con todo, unha relectura da novela como texto literario paradigmático da grande fuga de coidados galega abre novas posibilidades de interpretación. Máis do que unha experiencia marxinal ou episódica, a fuga de coidados xorde así como un fenómeno estrutural – talvez mesmo endémico –  da transición da Galiza rural cara á modernidade capitalista e extractivista na segunda metade do século XX e sitúa a Galiza como un caso de estudo intempestivo nos mapas das migracións transnacionais inseridas na economía global dos coidados. 

Unha atención historiográfica dedicada especificamente a este fenómeno permitiríanos estudar as súas características cualitativas, as súas cronoloxías e modalidades diferenciadas (incluída aquela que semella ter ficado máis profundamente soterrada ou tabuizada, isto é, a que xurdía cando eran as mais as que emigraban soas para traballaren de empregadas domésticas, deixando as crianzas na aldea ao coidado do pai). Permitiría igualmente recoller historias orais dunha pluralidade de suxeitos: non só as das mulleres migrantes (para as que en moitos casos xa chegamos tarde), senón tamén dos fillos e fillas deixados atrás e dos familiares que asumiron tarefas de coidado na súa ausencia. Tal abordaxe podería axudar a comprender a persistencia temporal deste fenómeno, pois todo indica que se prolongou até a década de 1990 e que abrangueu destinos menos estudados como as Illas Canarias. No campo dos estudos culturais, esta perspectiva permitiríanos conferir maior coherencia histórica a un conxunto de obras recentes – desde a poesía de Luz Pichel ao cinema documental de María Ruido e Zeltia Outeiriño ou os textos autobiográficos de Xesús Fraga, Miriam Reyes e Brigitte Vasallo – que poderían así ser lidas como testemuños artísticos do grande arquivo cultural do inconsciente rural traumático da Galiza.