A cultura financeira chega às aulas galegas em forma de disciplina do terceiro ano da ESO. Neste artigo, Miren Alonso analisa as diferentes fases deste processo de penetração dos valores e princípios do capitalismo financeiro através da cooperação entre a administração autonômica galega e o setor bancário, bem como os seus perigos.
A Xunta de Galicia vén de anunciar, coa boca grande, a introdución dunha nova materia optativa no terceiro curso da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de tres horas á semana. Trátase da materia denominada «Cultura Financeira», coa que di estar a responder «ás recomendacións dos estudos a nivel mundial» (Xunta de Galicia, 2023). Non é a primeira vez que, seguindo ditas «recomendacións», a administración galega ten dado pasos nesta dirección. Xa existía unha materia de libre configuración autonómica dunha hora á semana, chamada «Educación Financeira», e son varios os acordos asinados pola Xunta coa banca privada e coas súas fundacións – Abanca, Banco Santander, BBVA – para que persoas traballadoras desas entidades entren nos centros escolares a impartir aulas, expondo o alumnado ao mundo das finanzas. O noso país segue así a estela dun proxecto transnacional que procura naturalizar a bancarización do consumo e da vida. Neste artigo analizaremos este proceso polo miúdo.
O fenómeno internacional da educación financeira
A chamada «educación financeira» constitúe un fenómeno radicalmente novo. Podemos atopar as súas orixes nos albores do século XXI, se ben foi a crise que asolagou o Norte político no 2007–08 o grande catalizador da súa difusión e expansión. O ano cero deste proceso foi 2003, cando a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) decide poñer en andamento un proxecto sobre educación financeira, que se resume na publicación online «OECD Financial Education Project: Background and Implementation». Primeiro ten lugar un período contemplativo, de mapeo da situación. Nesta iniciativa participan como axentes protagonistas o Comité de Mercados Financeiros, o Comité de Seguros e o Grupo de Traballo de Pensións Privadas.
En 2006 pásase a acción. Comeza a haber encontros por todo o mundo organizados pola OCDE, como se pode verificar na páxina do propio organismo no apartado «Financial education events». É tamén a OCDE a que empeza a realizar publicacións para dar instrucións sobre os xeitos de implementar a educación financeira, os actores que deben implicarse e os contidos que este eido educativo debe ter.
Entre outras iniciativas, a OCDE lanza o Informe PISA de Educación Financeira. Esta avaliación comparativa dos sistemas educativos estatais inclúe, desde 2012, un exame das competencias financeiras do estudantado. O obxectivo é sinxelo e ademais fica explicitado pola propia OCDE no seu documento «Guidelines on Financial Education in Schools»: cómpre elaborar índices que permitan crear «evidencia de necesidade». E quen financia esta sección dos informes PISA? Unha entidade nada sospeitosa de intereses espurios: o BBVA.
A raíz dos movementos da organización dos países máis ricos e da chegada da crise financeira, outros actores comezan a involucrarse cada vez máis. Estes son, por exemplo, a Comisión Europea (no ano 2007), o G20 e o Banco Mundial. Organizacións Non Gobernamentais (ONG) loitan por rematar co que se denomina «exclusión financeira»; entidades privadas – empresas, bancos – crean as súas propias actividades para impartiren educación financeira, ás veces baixo convenios de colaboración ou financiamento de entidades públicas. Créanse tamén think tanks especializados no tema. Estamos por tanto perante unha rede internacional construída en torno á educación financeira que se desenvolve rapidamente en todo o mundo.
A educación financeira no Estado español e na Galiza
No Estado español, en 2008 a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e o Banco de España (BE) elaboraron un plan a cinco anos para, entre outras cousas, conseguir «a implantación da educación financeira no sistema docente». Nestes anos, e como parte do plan, os reguladores asinan convenios de colaboración con diferentes entidades – entre elas, a Asociación Española de Banca (AEB). En 2013, elabórase un novo plan para os seguintes cinco anos, onde se destacan os éxitos e se avoga por seguir a traballar na mesma dirección.
Entre eses éxitos podemos destacar a creación de dous módulos de educación financeira – que o profesorado pode decidir impartir no horario lectivo de distintas materias en terceiro ou cuarto da ESO – e a publicación de sendas guías. Subscribindo o seu instituto a través dunha páxina web, o profesorado ten á súa disposición material didáctico e recursos, que se suman aos de libre acceso pendurados nos portais de educación financeira elaborados por estes organismos, no marco dos plans establecidos e grazas á axuda que provén dos convenios de colaboración asinados.

Podemos interpretar este proceso como un modo revirado de crear unha materia sen que houbese que modificar ningunha lei, sendo esta tamén a folla de ruta que marcaba a OCDE. Sabía este organismo que crear materias de educación financeira podía xerar resistencias, así que avogaba por introducir o contido noutras ou aproveitar a súa optatividade. Este segundo camiño é o que está a percorrer a Xunta, como veremos máis adiante.
Diversos plans de educación financeira, desde o lanzado en 2008 até o actual (que abrangue o período 2022–25) recollen o aliñamento dos reguladores e dos ministerios económicos coa vontade deste movemento. Unha ollada rápida á páxina da Asociación Española de Banca permite coñecer todas as iniciativas privadas que os bancos e as súas fundacións están a achegar ás aulas de colexios e institutos. Entre 2001 e 2020 foron case 11 millóns as persoas usuarias dos seus espazos formativos.
Por outra banda, na Galiza a Consellería de Educación estableceu unha liña de traballo «innovadora» – este foi o adxectivo usado polo entón conselleiro no peche dun programa do BBVA en 2015 – para levar a educación financeira á mocidade. Abríronse así as portas á realización de actividades ofrecidas polo BBVA, o Santander e Abanca nos centros escolares, a través de acordos de colaboración asinados con estas entidades ou coas súas fundacións. As entidades que nos levaron á desfeita económica ensinábannos agora – e cito un dos nomes dos talleres – a endebedarnos «con sensatez».
É xusto en 2015 cando, ao abeiro dos cambios que supón o calendario de implantación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a Orde do 15 de xullo de 2015 na que estabelece, entre as diferentes materias de libre configuración autonómica, a de «Educación Financeira». Dende entón, os centros educativos galegos poden ofrecer esta materia a través dunha sesión lectiva á semana en primeiro e segundo da ESO.
No actual ano, a Xunta de Galicia dá un paso máis e, aproveitando a liberdade proporcionada polo Decreto 117/2023 do 23 de xullo, introduce a materia de «Cultura Financeira». O problema é que o seu currículo vai na liña das formacións en materia financeira impulsadas polo proxecto transnacional cuxa historia detallamos brevemente neste artigo. Veremos agora cal é.
O problema do currículo en educación financeira
Para comezar, o propio punto de partida é certamente indignante. Como reza o informe «Progress report on financial education», a OCDE estipula que a educación financeira debe ser «obxectiva» e «imparcial». Con todo, sabemos quen son os actores detrás da súa conceptualización e desenvolvemento e veremos, nos seguintes parágrafos, a orientación dos temas a tratar.
Autores e autoras que analizaron os discursos da crise financeira do 2008, como Marieke De Goede, James Brassett ou Timothy Sinclair, entre outros, recollen que esta se presentaba como un suceso, un momento de inconsistencia que, no caso de que o mercado financeiro tivese funcionado como debería, non tería existido. Dentro desta narrativa, unas poucas mazás podres estragaron un sistema que, cunhas poucas pingas de regulación e a alfabetización financeira por parte de todas nós, podería funcionar perfectamente. O óptimo funcionamento do sistema depende, xa que logo, da nosa responsabilidade e racionalidade como consumidoras de produtos financeiros. Velaquí o texto do currículo, tal e como se recolle no Decreto: «buscarase desenvolver as habilidades, a motivación e a confianza necesarias para tomar decisións financeiras responsables e racionais que, aínda que nun principio estean encamiñadas a mellorar a situación financeira do individuo, sexan capaces tamén de lograr o benestar financeiro da sociedade».
O funcionamento macroeconómico dos mercados financeiros non está presente nun currículo que non pretende formar cidadás preparadas para tomaren decisións sistémicas no marco dun Estado democrático, senón consumidoras acríticas de produtos financeiros que valoren «os beneficios de crear unha carteira diversificada de investimentos», mentres mitigan «os riscos» a través de «redes de seguridade financeira e de seguros».
Tampouco aparecen as cuestións estruturais. Fronte ás desigualdades sociais, froito de relacións socioeconómicas perversas, no currículo recóllese a necesidade de «poñer o foco sobre as decisións de aforro, comprendendo os seus beneficios». Como di Laura Pinto no seu artigo «Is financial literacy education the solution to credit crises?», nas iniciativas de educación financeira a pobreza devén resultado da falta de aforro.
Ademais, o currículo establece «que o alumnado adopte unha postura adecuada ante o endebedamento que evite que nun futuro experimente dificultades financeiras asociadas a el». Como se as persoas recorresen ao endebedamento porque non son quen de manexar o diñeiro e non houbera unha necesidade material detrás.
Podemos dicir, bebendo de conceptos Foucaultianos e seguindo a Chris Arthur no seu artigo «Financial Literacy Education as Public Pedagogy for the Capitalist Debt Economy» (2014), que este proxecto transnacional, que se concreta de diversos xeitos no nosos país, destacándose a creación desta nova materia, non é senón un novo dispositivo ao servizo da creación dunha gobernamentalidade neoliberal. Coa educación financeira, as técnicas de goberno desprázanse, polo xa non se trata da lóxica de «menos goberno e máis mercado», senón que o ser humano convértese a si mesmo – gobernándose a si mesmo – en suxeito neoliberal a través da asunción e reprodución destes discursos: a estratexia debe ser «top-down», pero tamén «bottom-up», dinos a OCDE.
As alternativas
Non se trata de negar a importancia da educación financeira, senón de cuestionar o seu enfoque. Apostemos por unha educación financeira que nos ensine a entender unha factura da luz e a distinguir información veraz de enganos publicitarios, mais que tamén fomente o pensamento reflexivo e analice as causas dos compoñentes estruturais. Unha educación financeira que forneza ferramentas para podermos tomar decisións políticas; que escape da lóxica que nos di que a sostibilidade dos mercados depende dunha mellor cultura financeira por parte da cidadanía e que nos permita imaxinar, construír e desenvolver alternativas a un sistema financeiro claramente insostible e inxusto. Que nos achegue, en fin, ao que a educación debería de ser: emancipadora, promotora de perspectiva crítica e compañeira de procesos de crecemento diversos.