As múltiplas crises contemporâneas são, segundo Pedro M. Rey Araújo, um reflexo do esgotamento secular do valor como forma dominante de riqueza social no capitalismo. Portanto, o desenvolvimento histórico do capital, que poderia dominar o próprio planeta, cria também, pela primeira vez, as condições de possibilidade do comunismo por vir.
A multiplicación de conflitos bélicos, a emerxencia de novos fascismos ou a recrudescencia da crise ecolóxica son só algúns dos aspectos, singularmente violentos, obscenos e desalentadores, da profunda crise que vive a orde capitalista global actualmente. Porén, se ben a intensidade e heteroxeneidade da súas manifestacións aumentou recentemente, para atopar as súas causas debemos remontarnos moito máis atrás. Como sinalou Robert Brenner en The Economics of Global Turbulence (2006), o capitalismo global leva inmerso nun longo período de crise desde comezos dos anos 1970, orixinado nunha acumulación gradual de exceso de capacidade produtiva respecto da demanda existente nos sectores manufactureiros, os máis expostos á competencia internacional. En consecuencia, o comportamento da rendibilidade na economía global no seu conxunto foi marcadamente anémico desde aquela, problema que a sucesiva aparición de novos competidores provenientes doutras latitudes nas décadas seguintes non fixo máis que agravar.
O crecente endebedamento (privado, primeiro; público despois), a desregulación do sistema financeiro global e a consecuente proliferación de burbullas especulativas ou o desenvolvemento de novas redes loxísticas foron mecanismos que permitiron adiar durante un longo tempo, mais non resolver, as inevitábeis consecuencias dos problemas subxacentes de rendibilidade. A creba definitiva do arranxo neoliberal fíxose efectiva nos anos 2008-2012, dando comezo a un período de crise sistémica que aínda reverbera até os nosos días.
Na Unión Europea, a resposta inmediata á crise tomou a forma da “austeridade”, o que redundou nun profundo aumento das súas desigualdades sociais, na súa perda de presenza nos sectores na vangarda tecnolóxica e no seu enfraquecemento como actor xeopolítico a escala global. No Estado español, o crecemento continuado (interrompido pola pandemia) dos niveis de emprego e PIB desde 2014 apenas logrou incrementar as rendas per cápita. Polo xeral, o crecemento do PIB, alí onde ocorre, non se traduce nunha sensación compartida de bonanza.
Esta incapacidade por parte do capitalismo global para iniciar un novo ciclo de crecemento autosustentado, extenso e inclusivo non é accidental. Ao contrario, atopa explicación nas contradicións intrínsecas á forma social que nel adoptan os froitos do traballo humano: o valor. Se ben todos os traballos teñen como cometido producir cousas útiles para a vida humana, os seus froitos soamente adoptan a forma valor cando son realizados de forma privada e independente (isto é, cando soamente son recoñecidos como útiles pola sociedade no caso de lograren vender os seus produtos no mercado en troco de diñeiro), converténdose en mercadorías.
Mais a forma valor adoptada polos produtos do traballo humano, signo último da especificidade histórica do capitalismo, ten límites internos. Como apuntou Moishe Postone en Time, Labour and Social Domination (1993), hai unha contradición fundamental entre a riqueza material, medida en unidades físicas de produto, e o valor, medido en tempo de traballo abstracto. Tras cada rolda de melloras na produtividade do traballo, e se ben a riqueza material non deixa de crecer, son precisas cantidades crecentes de produto para obter a mesma cantidade de valor. Se do que se trata é de que a cantidade total de valor producido creza, eses incrementos han de ser aínda maiores. O tempo histórico no capitalismo posúe unha direccionalidade propia e irreversíbel, inexistente en calquera outro modo de produción.
O esgotamento secular da forma valor
A evolución histórica do capitalismo vén marcada pola interacción entre dúas tendencias distintas, por moi entrefebradas que estean en cada conxuntura concreta. Dunha banda, a evolución histórica do capitalismo é marcadamente cíclica. Alén das flutuacións experimentadas pola actividade económica e polos principais indicadores macroeconómicos a curto prazo, o devir histórico do capitalismo vén caracterizado pola sucesión de “ondas longas”. Cando as contradicións subxacentes a longos períodos de expansión da actividade económica, crecentes niveis de consumo e emprego e relativa estabilidade institucional, coagulan nunha crise sistémica, comeza un período caracterizado por tendencias inversas, en que o estancamento económico, a descomposición institucional e a recrudescencia da conflitividade social se reforzan mutuamente entre si. Este perdurará até que un renovado equilibrio de forzas entre actores sociais, por unha banda, e novas especializacións produtivas e paradigmas tecnolóxicos, por outra, sedimenten nun novo entorno institucional, no cal a acumulación de sinerxías internas poida soster unha nova expansión económica duradeira. Na actualidade, vivimos na fase decrecente da onda longa neoliberal, o punto de inflexión da cal foi a Gran Recesión de 2008.
Con todo, máis alá dos seus vaivéns cíclicos ao longo do tempo, o devir histórico do capitalismo ten como característica unha direccionalidade histórica intrínseca, marcada por unha irredenta tendencia expansiva da forma valor a novos produtos e latitudes, e por un simultáneo deterioro secular das condicións que favorecen a acumulación de capital, o que redunda nunha progresiva perda de dinamismo da actividade económica e un gradual estancamento.
Dita tendencia emana da forma característica que adopta a riqueza material no capitalismo, isto é, o valor, o cal, en última instancia, non reflicte máis que un estándar medio de produtividade aplicábel ao conxunto da sociedade. A competencia entre empresas crea un estímulo continuado para a obtención de melloras tecnolóxicas que permitan incrementar a produtividade do traballo e así superar os competidores. Mais, unha vez descubertas, as innovacións tecnolóxicas tenden a se xeneralizar por toda a economía e non son xa reversíbeis.
A causa da crecente integración das diferentes áreas económicas nun único mercado mundial mediante redes loxísticas e financeiras, as innovacións tecnolóxicas espállanse con maior rapidez, de forma que os ciclos económicos tenden a madurar e a se esgotar antes, e os mercados a se saturar a maior velocidade. Cada salto adiante é máis complicado do que o anterior e as posibilidades dunha nova “idade dourada” resultan cada vez máis remotas. Actualmente, cando as relacións sociais capitalistas percorren xa a totalidade do globo e a inmensa maioría de valores de uso que participan na nosa reprodución adoptan xa a forma de mercadorías, apenas existe xa un exterior ao valor ao cal recorrer para paliar as tendencias cara á sobreprodución e, por extensión, cara á caída tendencial da rendibilidade, que son endémicas á produción capitalista. Se ben o valor, en tanto que forma social dominante dos produtos do traballo humano no capitalismo, foi nas súas etapas iniciais motor do dinamismo social, hoxe resulta cada vez máis anacrónico.
Da necesidade do comunismo

No capitalismo, a nosa reprodución colectiva está constitutivamente mediada polas formas concretas que adopta o valor (diñeiro, mercadorías). Simultaneamente, ao nos reproducir como sociedade, emerxe da nosa praxe colectiva, de forma inevitábel, un poder alleo, abstracto, e impersoal, que dobrega calquera limitación colectiva que se lle queira impor á súa cega vontade de crecemento: o capital, valor en busca da súa autoexpansión. Consumada a súa aparición, este configúrase como o verdadeiro suxeito do devir histórico.
Certamente, o capital ten a capacidade de poñer fin mesmo ás condicións que fan posíbel a vida humana no planeta, de forma que sexa o colapso socioecolóxico do mundo que habitamos quen poña punto e final ao seu reino. Porén, ese mesmo poder, no seu proceder autotélico, abre tamén a posibilidade histórica da súa superación: un novo tempo histórico no cal o proceso colectivo de (re)produción social sexa sometido, de novo, a un control consciente por parte de individuos libremente asociados, do cal unha vontade colectiva decidida e efectuada de forma radicalmente democrática e igualitaria sexa o seu verdadeiro suxeito, e onde o libre desfrute de cada quen sexa condición e resultado da autodeterminación colectiva. En suma, seguindo Guido Starosta en Marx’s Capital. Method and revolutionary subjectivity (2016), o propio devir do capital abre a posibilidade histórica dun comunismo por vir (mais só da súa posibilidade) que só poderá chegar a ser actualizada nas mans da acción política consciente da clase obreira.
Por unha banda, se ben o capital está fundamentado na separación de cada individuo das condicións que fan a súa vida posíbel e na súa consecuente transformación en isolados vendedores de mercadorías (da súa capacidade de traballar) en perenne competencia cos seus pares, desenvolve tamén, de forma simultánea, a capacidade para eses individuos organizaren de forma consciente e directa os seus procesos produtivos no interior de cadansúa empresa. Tamén, para poderen vender a súa forza de traballo a un prezo que lles permita reproducirse nas condicións físicas e formativas en que o capital estaría disposto a empregalos (dito doutra forma, para vender a forza de traballo polo seu valor), eses mesmos individuos vense obrigados a se asociar directamente para contrarrestaren a súa atomización social, e así regular colectivamente as condicións en que venden a súa forza de traballo. En suma, as relacións directas de cooperación entre individuos que non son propiedade de ninguén non terán que ser creadas ex novo nun tempo futuro.
Por outra banda, o capital, no seu proceso expansivo, dota cada traballador de habilidades básicas e transversais, como a alfabetización ou o cálculo, que potencialmente lles permiten desenvolver, cun grao moi alto de transversalidade e versatilidade, numerosas tarefas produtivas crecentemente abstractas e sen conexión intrínseca entre si. O reverso da usurpación por parte do capital das habilidades específicas antano propiedade das organizacións gremiais é o nacemento dun traballador verdadeiramente universal. De forma directamente ligada, a subsunción por parte do capital do proceso de xeración de coñecemento científico dirixido a controlar conscientemente as forzas naturais multiplica o acervo de saberes dispoñíbeis para empregar produtivamente, posibilitando que o traballo humano se limite a un rol de supervisión da súa implantación práctica nun sistema de maquinaria non dependente da forza corporal humana.
En síntese, os elementos sobre os que construír un comunismo predicado na sustentabilidade e na abundancia están xa latentes no noso presente en ruínas: relacións de cooperación e colaboración mediante individuos libres e iguais, capacidade para organizar procesos produtivos de forma directa e consciente, coñecemento científico do mundo para desenvolver un sistema automatizado de máquinas encamiñado a satisfacer necesidades humanas, individuos polivalentes capaces de xogar múltiples roles no seo dun suxeito colectivo ao cargo da súa propia reprodución.
En definitiva, lonxe dun voluntarismo utópico que escinde a acción política dos seus condicionamentos materiais, afirmamos que é o propio desenvolvemento histórico do capital quen crea as condicións que fan posíbel a súa superación. Mais, igualmente afastados dun determinismo mecanicista que confíe en que o desenvolvemento das contradicións internas do capital sexa suficiente para lle pór data de caducidade ao capitalismo, afirmamos que soamente mediante a acción política consciente das súas determinacións e dos seus obxectivos, e organizada a tal fin de forma sostida no tempo, será posíbel que esa posibilidade se materialice efectivamente. É sobre estas bases que será dirimida a nosa sorte colectiva. Non hai outras.