Cara a unha filosofía galega: éthnos, institución e vida

Roberto Abuín
23/12/2021

Roberto Abuín

Cales serían os contornos dunha filosofía galega? E existe un lugar para ela, mais aló das tradicións románticas, idealistas e esencialistas sobre as que se forxou a institucionalidade galega de pos-guerra? Roberto Abuín escribe sobre a posibilidade dun pensamento filosófico galego que aborde estas cuestións.    

Verdade é que nos tempos actuais, de predominio da lóxica capitalista e dun hiperindividualismo atroz, a filosofía é unha forza revulsiva que produce unha contraposición antagónica ás dinámicas dominantes do poder. A filosofía desde Sócrates defínese pola súa realización dialéctica negativa con relación a todo sistema de crenza específico. O pensamento filosófico interroga e cuestiona, pon en suspensión, desdebuxa o instaurado. Alén da súa necesaria relación coa achega primordial ao real, é dicir, a cuestión das preguntas fundamentais que meditan a existencia, a filosofía está ligada cunha forma de vida, como sinalou Pierre Hadot, cousa que posteriormente Michel Foucault afondaría. A día de hoxe pensar no exercicio filosófico non pode estar arredado dun determinado modo de vida, máis cando o capitalismo disociador distancia a existencia particular de cada ser do contexto comunitario no que se insire. Secasí, a forma de vida lígase co testemuño de verdade, e tamén co ser e estar en disposición de crise e transformación.

éthnos e a filosofía

Galiza tamén ten desde sempre un xeito de encarar a cuestión filosófica como cuestión de vida, en base ao que poderiamos chamar unha metamorfose histórica do ἔθνος, éthnos, pobo. Vexámolo nas palabras de Castelao no seu As cruces da pedra na Galiza (1950): «Os galegos actuaes descemos espritoalmente dos galegos primitivos, porque a vida do noso país endexamáis foi interrumpida por enteiro, e dahí que os diversos logos de Galiza sexan simpres evolucións dun mesmo etnos». Aínda cando houbo e hai unha tradición especulativa cristalizada en persoas concretas, desde Prisciliano ou Paulo Orosio até Johán Vicente Viqueira, Amor Ruibal, etc. chegando até a contemporaneidade, con pensadores como Rebeca Baceiredo ou Brais Arribas, a tradición filosófica galega lígase de facto co haber dunha comunidade vertebrada arredor dunha serie de categorías éticas e ontolingüísticas. Iso que poderiamos denominar o camiño do éthnos é unha xeira (auto)analítica que se proxecta universalmente como unha filosofía, e que ten como fondo articulativo unha determinada forma de vida, un modo de ser. Naturalmente ligado tamén a unha fala que se desprega como linguaxe de pensamento.

Así pois, pensar nunha filosofía galega implica pensar na constitución histórica do éthnos e tamén na relación deste cunha determinada linguaxe articulada para pensar o acaecer do que subxace no devir popular. A iso poderiamos chamarlle unha etnosofía, un coñecemento que emana do substrato inmanente do pobo cando nos poñemos en suspensión meditativa sobre os constituíntes da experiencia ontolóxica e antropolóxica. O pobo galego definiu caracteristicamente unha serie de formas de enunciación ligadas con formas de vivir e de estar no mundo, e foron decote os poetas os que gardaron e acubillaron no seu dicir, na súa composición pensante, o manar primordial que acode a ser popularmente. En verdade, non hai poeta que non se ligue nalgún nivel con ese substrato inmanenteEse territorio, o poético, é un espazo de especulación abstracta que liga co concreto, coa vida, case naquela liña hölderliniana na que o que permanece fúndano os poetas. Nese sentido, na Galiza hai abondo debullado nesa corga. Hai un contexto poético no que o pensamento camiña no fondo da linguaxe que poetiza.

Porén, a contraparte desa reflexión incardinada no poético debe ser materializada nunha meditación filosófica consistente que abarque aquel plano de inmanencia popular dun xeito sistemático e/ou conceptualizador. Ese, polo tanto, debería ser o vieiro a continuar, tal e como se foi desenvolvendo nas que poderiamos chamar grandes filosofías que hogano enchen a nosa intelección de fascinación e interese. O pensamento alemán, que tanto se enxalzou, bebe fondamente dun determinado estar no mundo, dunha camiñada histórica que definiu nacionalmente un panorama que en progreso se universalizou, converténdose en algo non sinxelamente ligado co territorio etnohistórico. De feito, esa debería ser a tendencia: partir do concreto para proxectarse ao universal; e non ao revés, partir do universal para chegar ao concreto. Para que iso se realice é obvio que se necesitan unha serie de institucións creadas ex professo para que ese proceder se realice, como foi o caso da universidade alemá e da súa potenciación do filosófico como centrum do despregue da intelectualidade e da forma de vida alemá. Pero pode ser o caso alemán como tamén o francés, ou o italiano. Sobre esta relación entre institución e operación filosófica hai varios libros interesantes que dan pé a observar a temática, tan pouco observada, de como a filosofía se relaciona coas institucións que a producen como sistema de visión da realidade, por caso Eduardo Rabossi, En el comienzo Dios creó el canon (2008), ou tamén Du droit à la philosophie(1990) de Jacques Derrida.

As institucións e o pensamento galego

Daquela, se pensamos nunha filosofía galega, e queremos pensar na posibilidade de articular unha discusión arredor dela, debemos observar os mecanismos políticos e as tendencias sociais que se moven no país. Dese xeito, sabemos que hai un xermolo que dá a nacer un intento de re-definición político-cultural do país no Rexurdimento, liña evolutiva que continúa máis ou menos constante até a Xeración Nós e as Irmandades da Fala, cortándose drasticamente coa ditadura. Que clase de institucionalidades se desenvolveron nese treito temporal e que vehiculen un movemento filosófico? Mentres que antes da ditadura houbo unha atención universal, non dogmática e proxectiva do éthnos, a natureza represiva do franquismo cancelou ese operar, seguíndose diso que unha serie de dinámicas comezaron a enchoupar o territorio cultural, dentro do posíbel, dunha aurática idealista, romántica e esencialista. O carácter radical e refundador do éthnos perdeu o seu fulgor.

Que clase de institucións nacen nese contexto repregador? Un galeguismo normalizador e soft escorado cara ao rural como imaxe ideal dun pasado (arcádico) recuperábel ou non, pero sobre a que é posíbel retornar. Arredor desa visión romántica ideouse un xénero de discurso, o saudosista e sentimentalista, que definiu o horizonte de aprehensibilidade desde a regra dun simplismo populista. As institucións xeradas no traslado da concepción aperturista e problematizadora da Xeración Nós á chamada Xeración Galaxia perpetúanse hoxe en día como unha arquitectura xerárquica, unha especie de instalación foránea (no formato e no modo) que se superpón sobre a comunidade case á maneira dun despotismo ilustrado. Hai unhas relacións de poder asimétricas que empapan a meirande parte das institucións político-culturais galegas, desde o Consello da Cultura Galega até a Real Academia Galega. A dádiva dun esencialismo aceptábel e aceptado polas institucións franquistas definiu un espazo de investigación ancorado no kitsch. A cultura galega podería dicirse que sobrevive na base dun repregue naíf no que a dialéctica crítica e a visión radical sobre os fundamentos operativos da comunidade son disipados.

Consello Galaxia, circa 1960

Sen negar o interesante da saudade como temática de reflexión senlleira de liña galego-portuguesa, a centralización ilusoria da saudade (e do sentimentalismo caracterizado por esa saudade) inscribe unha miraxe noética, isto é un espellismo dogmático con relación ao todo antropofilosófico que se pode nomear como galego. Resulta redutivo ademais porque inscribe un fundamento étnico unívoco centralmente universal na experiencia existencial galega, deixando outros eidos por explorar. Esta visión piñeirista, que posteriormente outros moitos continuarán, e aínda a día de hoxe se entende como a máis preclara visión dunha filosofía galega autóctona e radicada no fondo primordial do pobo, levou o territorio da experiencia filosófica, como forma de vida e investigación sobre as categorías existenciais galegas, a unha canella sen saída. Obviamente o esencialismo do que se fixo gala no século XX por parte de certos intelectuais galeguistas limitou o territorio de expansión dunha filosofía galega de seu, e non porque a intención fose neglixente senón porque era reducionista e esencialista. Poñemos por caso a pobre lectura que os intelectuais de Galaxia fixeron de Martin Heidegger, que condenou a unha certa metafisicidade a andaina posterior do que se puidese chamar filosofía en galego e en Galiza.

Por outra banda, a visión condescendente das institucións culturais galeguistas que agroman no franquismo fixo abrollar un acontecemento cultural e intelectual que instaura non só relacións de poder non isonómicas, senón que define un territorio de articulación política. É preciso, xa que logo, facermos preguntas para tentar achegar un vieiro determinado de investigación filosófica que se aproxime ás categorías constitutivas do éthnos e tamén á súa proxección universal, preguntas que teñen a ver con determinadas eivas aínda presentes no tecido social.

Preguntarnos, por exemplo, por que non hai estudos universitarios de antropoloxía no país, preguntarnos por que hai unha Facultade de Filosofía enraizada nun tempo murcho e de retórica resesa no que o pensamento galego é unha escusa para pensar a incardinación do galego no español.

Preguntarnos tamén por que o Consello da Cultura Galega semella un dispositivo de poder (cultural) foráneo, baseado nunha lóxica exclusivista e afastada do debate intelectual de base, e no que a filosofía non deixa de ser unha sorte de cousa estraña e esotérica. Tamén preguntarse por que hai unha Real Academia Galega plistocénica, arredada do ruxerruxe altamente vibratorio da sociedade contemporánea e das súas inquedanzas.

Por non dicir nada acerca de contextos e espazos que deberían servir para unha visión nova do pensamento e das ciencias humanísticas, como o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, espazo idóneo e perfecto para, entre outras cousas, institucionalizar unha investigación filosófica arredor do constituído historicamente como galego, e que non deixa de ser unha sucursal minúscula non dun academicismo de baixo nivel senón de intereses totalmente apartados dos retos que a sociedade pide, e máis da filosofía como doutrina específica de coñecemento e visión da realidade que compón, en si, unha forma de vida.

A investigación arredor do éthnos é a proxección dunha intelección nova, por vir, que implica a articulación dunha forma de vida proxectada de xeito autónomo e libre. Sen filosofía, podemos dicir, non hai liberación. O filosófico garda o necesario substrato emancipador. Sen coidar e atender analiticamente este substrato desde o político e o social, desde a instauración de dispositivos e institucións que promovan prácticas transformadoras e un xeito común de poñerse en pensamento, a filosofía será só o reduto daqueles que se subtraen ás gadoupas do poder. Pero é posíbel facer que o filosófico refulxa, como sinalaba Castelao, como un vieiro no que o éthnos alicerza un lógos propio.