Cando, desde lonxe, o extractivismo chega ás aldeas: unha lectura multiescalar dos extractivismos emerxentes na Galiza

Viviana Buitrón Cañadas
02/10/2026

Viviana Buitrón Cañadas

Neste artigo, Viviana Buitrón analisa, desde a ecologia política crítica, a estratégia europeia sobre matérias primas críticas e a sua concretização na Mina de Doade. A autora sustém que estes projetos trasladam a carga socioambiental às aldeias e reproduzem dependências, propondo a organização comunitária rural galega como base da transição ecológica.

Introdución

“MINA NON. FIRMA AQUÍ” líase nun cartel contra un proxecto mineiro durante unha xornada de solidariedade veciñal na aldea de Doade (Beariz, Ourense), en 2025. Este territorio, solicitado anteriormente por capital canadense (Mina Alberta 1), é a proxectada Mina de Doade, un proxecto de litio estratéxico para a Unión Europea (UE). Este é un dos 47 proxectos que reforzarían a transición verde e dixital e a súa industria aeroespacial e de defensa, anunciados oficialmente por Stéphane Séjourné, vicepresidente de Prosperidade e Estratexia Industrial da Comisión Europea, en 2025. Esta transición non é só tecnolóxica, busca tamén reducir a vulnerabilidade xeopolítica da UE fronte á China, de quen dependen as importacións europeas de materias primas críticas, como discutiron Ferńandez Gómez et al. no artigo “Critical Raw Materials and Strategic Relations between the EU and China: The Role of the EU Critical Raw Materials Act” (2024).

Neste contexto, o presente texto reflexiona, desde a ecoloxía política crítica – enfoque que pon en relevancia Delgado Ramos en “¿Por qué es importante la ecología política?” (2013) – e desde unha ollada multiescalar, sobre como a estratexia europea para garantir a provisión doméstica de recursos se articula a varios niveis até territorializarse na Mina de Doade. Estas reflexións parten política e academicamente desde o meu lugar como investigadora latinoamericana sobre o contexto rural-periférico do Sur de Europa.

Autoria própria

Europa e a súa dependencia

Aínda que non existise unha definición estrutural do que é un mineral “crítico”, esta categoría defínese pola súa centralidade económica, industrial ou de seguridade. O litio é crítico para a China e tamén o é para a UE. Se ben Europa extrae este material domesticamente, faino de forma insuficiente respecto á súa demanda interna. Segundo a o informe “Selected strategic projects under CRMA” da Comisión Europea (2025), a dependencia da UE na cadea de valor do litio é do 89 %, e nas terras raras, do 100 %. A maiores, a China controla o 70 % da provisión mundial de materias primas críticas. Segundo declaracións de representantes da UE, recollidas por O’Carroll no seu artigo “Freedom from China? The mine at the centre of Europe’s push for rare earth metals” (2026), este “cuasi monopolio” é perigoso para a UE. Este tipo de afirmacións alíñanse coa narrativa occidental da “ameaza china”, estudada por Wang en “Un análisis sobre las noticias occidentales al discurso de Xi Jinping en el centenario de la fundación del Partido Comunista de China” (2024).

En resposta, a UE adoptou unha estratexia de redución de riscos para minguar a súa dependencia externa dos recursos estratéxicos a través da Critical Raw Materials Act (CRMA) de 2023 co obxectivo de acadar a extracción do 10 %, o procesamento do 40 % e a reciclaxe do 25 % do seu consumo anual de materias primas estratéxicas no ano 2030. Este mecanismo rexional, que busca diversificar as fontes baixo control europeo, foi cualificado como unha resposta tardía por Carreño Bravo en “Del petróleo estadounidense al litio chino: Europa vuelve a la mina para dejar de ser prisionera” (2026). Alén diso, esta estratexia incorre nun nesgo reducionista ao interpretar as políticas chinas de minerais críticos como un “arma” xeopolítica, sen considerar os retos internos deste país, como sinalan Zhou e outras autorías en “Demystifying China’s Critical Minerals Strategies: Rethinking ‘De-risking’ Supply Chains” (2025).

A CRMA estendeuse aos países europeos a través de 47 proxectos estratéxicos que implican extracción, procesamento, reciclaxe e/ou substitución e que serían postos en marcha con procedementos de licenza simplificados e cun financiamento aproximado de 3 000 millóns de euros, segundo o RESourceEU Action Plan da European Commission (2025). Esta “institucionalización do extractivismo” – García denomínao así no seu artigo “La riqueza sostenible frente al expolio” (2026) – require certos marcos reguladores que, en América Latina, foron cualificados como “efectos derrame” (Gudynas, 2016, 2018). O reaxuste normativo, feito para formalizar estas actividades extractivas, mostra que as súas implicacións van alén da propia extracción, afectando non só as políticas públicas, senón tamén ás concepcións situadas de desenvolvemento, xustiza, democracia e natureza.

Galiza no mapa do extractivismo emerxente

A escala do Estado español, a UE aprobou sete proxectos estratéxicos, seis deles planificados como extractivos ou en combinación. Todos se sitúan nas zonas rurais dos territorios cun menor dinamismo económico relativo, como Estremadura ou Galiza, onde se proxecta a Mina de litio de Doade.

A mina proxectada ten previsto localizar as súas instalacións a poucos metros da Zona Especial de Conservación (ZEC) da Serra do Cando, parte da Rede Natura 2000, como recolleu O Salto Galiza en “La UE cava hondo: Litio gallego para el nuevo militarismo europeo” (2025). Se o goberno da Xunta finalmente outorga luz verde ao proxecto, a construción da mesma comezaría neste 2026 e o proceso de extracción en 2028, a un ritmo de 500 000 toneladas de rocha por ano, co gallo de xerar 93 000 toneladas de concentrado de litio durante máis de 40 anos, segundo os dados de Enfoques.gal en “Bruselas impulsará una mina de litio en Doade” (2025).

As esixencias deste proxecto demandaron da reacomodación do marco regulatorio a diferentes escalas, amparadas polo mandato europeo. Ao estar baixo a CRMA e a cualificación de “estratéxico”, Doade pode acceder a unha vía administrativa simplificada para a concesión de permisos e financiamento. A escala estatal, o Programa Nacional de Exploración Mineira 2026-2030 constitúe unha resposta á esixencia da CRMA de desenvolver programas estatais de exploración para cartografar, avaliar e mellorar o coñecemento xeolóxico dos xacementos de materias primas esenciais. Así mesmo, o Executivo español confirmou que a concesión de permisos de extracción aliñaríase co prazo máximo de 27 meses estabelecido pola UE. A iso súmase a obsolescencia da actual Lei de Minas (Lei 22/1973, do 21 de xullo), pola que o Estado non garante nin a protección do medio ambiente nin a participación efectiva das comunidades afectadas.

A escala autonómica, os arranxos normativos tamén favorecen a aplicación final do proxecto. A Lei 5/2017, de fomento para iniciativas empresariais, axiliza e simplifica os trámites para autorizar dereitos mineiros, reducindo prazos e promovendo unha maior seguridade xurídica para os proxectos, como explorou Lijó en “As políticas extractivistas aplicadas sobre o sector mineiro e as súas consecuencias socioambientais no territorio galego” (2023). A Lei 2/2024, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos de recursos naturais, impulsa igualmente prazos máis curtos por razóns de interese público, social e económico, segundo Prieto Ledo e Vilalba Seivane no seu artigo “Resistencia e extractivismo en Galiza” (2026). Ao aplicarse a redución xeral de prazos por urxencia, os tempos de consulta pública e alegacións tamén se reducen, afectando o acceso das comunidades locais á información e limitando a capacidade de intervención das autoridades máis próximas ao territorio.

Na múltiple escala en que se moven as corporacións, o promotor do proxecto é Recursos Minerais de Galicia S.A. (RMG), filial do Grupo SAMCA para Doade. En 2025, RMG incorporou ao seu capital social un 10 % proveniente de Recursos de Galicia (RDG), sociedade público-privada na que a Xunta participa co 30 % do capital, segundo dados de Praza Pública no seu artigo “O SLG alerta dos ‘impactos irreversibles’ da mina de litio de Doade que tramita Industria” (2025). Para as veciñas da Plataforma Suido-Seixo (entrevista, 30 de xuño de 2026), este arranxo corporativo-institucional é percibido como pouco transparente e motivo de desconfianza entre a poboación local. Outro tanto sucede co dobre rol adquirido pola Xunta neste proceso, asemade actuante como axente responsábel da avaliación ambiental e como integrante do posíbel consorcio beneficiario; o que é interpretado como un obvio conflito de intereses. As veciñas tamén sinalan que a empresa elaborou determinados estudos antes de que algúns requisitos legais fosen formalmente esixidos, situando á poboación local en condicións desiguais para preparar alegacións. A circulación de persoal entre RMG e RDG reforza esta percepción, alimentando a idea de que a parte promotora accede con antelación a información e a cambios regulatorios que a cidadanía non coñece até moito máis tarde.

Con todo, os conflitos van alén da regulación ou os arranxos empresariais. Dun xeito semellante ao ocorrido en América Latina, onde as loitas antiextractivistas foron cualificadas como antimodernas e negacionistas do desenvolvemento – como analiza Svampa en “‘Consenso de los Commodities’ y lenguajes de valoración en América Latina” (2013) – a administración europea e as empresas tenden a enmarcar os reclamos locais como opostos aos beneficios sociais da denominada como transición verde ou enerxética. Porén, e aínda que os riscos ambientais seguen sendo centrais, as comunidades e os movementos ecoloxistas promoven a ampliación do debate para engadir as cuestións de gobernanza, lexitimidade, transparencia e a xustiza nos procesos, como discutiron Cabo en “Así es la mina gallega que podría cambiar la industria en Europa con su ‘oro blanco’” (2025) e Evans Pim en “‘Galiza is (not) a mine’: Rural responses to pro-extractivist policies” (2021). O feito de localizar os proxectos estratéxicos en comunidades con menor dinamismo económico implica, na práctica, trasladar a carga socioambiental cara ás zonas rurais periféricas, situándoas no primeiro e máis vulnerable elo da cadea de subministración de minerais. Na Galiza, esta realidade implica a apertura a un control esóxeno da xestión do territorio e dos recursos propios, tradicionalmente en mans de pequenas empresas galegas (Lijó, 2023).

A modo de reflexión

A UE promove a súa estratexia de redución da dependencia das materias primas chinesas como un “xiro extractivista interno” ao servizo da soberanía, a transición enerxética e a competitividade global. Porén, a materialización da CRMA en proxectos estratéxicos como Doade ilustra que a política sobre os minerais críticos non é neutra en termos territoriais. Ao concentrarse en rexións rurais periféricas ou semiperiféricas, estes proxectos reproducen dinámicas de dependencia e transferencia de valor cara aos centros económicos globais.

As articulacións entre escalas para estes proxectos implican desde a reconfiguración dos marcos regulatorios europeos (estatais e autonómicos) a modo de efectos derrame, até os vínculos con actores externos pugnando por decidir sobre os recursos. Neste contexto, configúranse novas formas de gobernanza extractiva e “zonas de sacrificio” que, segundo a lectura de Svampa (2014) para o caso latinoamericano, supón a radicalización dunha situación de inxustiza ambiental na dimensión territorial. Fronte a iso, as resistencias locais cuestionan os impactos sociais e ambientais, a opacidade institucional e as narrativas hexemónicas de desenvolvemento asociadas á transición verde impostas desde as escalas superiores.

A resposta social desde os territorios contra as políticas da UE expón a urxencia de alternativas. O custo da autonomía europea non debe ser o do conflito no interior das súas fronteiras, nin tampouco o dos danos xa comprobados do extractivismo (García, 2026) e as súas maneiras de organizar as relacións sociais e ecolóxicas en favor do gran capital transnacional e corporativo. Para evitar isto, cómpre voltar os ollos cara á terra – ás aldeas – que desenvolveron formas de organización económica e social vivas, como mostraron Cidrás en “Comunidades vivas para reconfigurar los extractivismos” (2026) Prieto Ledo e Vilalba Seivane (2026). Son estas formas locais e situadas as que poden potencialmente dialogar cos retos globais da transición ecolóxica.