Así nos pasan pola pedra: A dominación social na Galiza

Isidro Dubert
20/01/2022
Foto mítica de Manuel Ferrol, o fotógrafo da emigración

Isidro Dubert

Foi o paradigma do atraso unha creación da burguesía portuaria galega que tivo no negocio da emigración a súa acumulación primitiva? Isidro Dubert analiza a importancia da emigración como mecanismo de dominación.

«Así era Galicia en 1882, caciquil, superpoblada y emigrante»

La Voz de Galicia, 4/01/2022

No marco das loitas de liberación nacional levadas a cabo durante o proceso de descolonización ocorrido trala II Guerra Mundial callou na esquerda a idea do colonialismo interno. Á marxe de quen fose o primeiro en desenvolver o concepto (Pablo González Casanova ou Charles Wrights Mills, 1963), na Galiza foi introducido por Xosé M. Beiras en 1972. Partindo de bases semellantes ás de Robert Lafont (1967), n’O atraso económico de Galicia o autor presentaba a cuestión nacional galega en chave de colonialismo interno. Entendía que o país tiña os elementos básicos que o definían: un territorio sen goberno propio; unha economía fortemente penetrada de elementos precapitalistas; inmensas riquezas naturais explotadas a beneficio dunhas elites galegas de orixe foráneo submisas ás directrices da oligarquía española; e unha administración supeditada política, social, lingüística e culturalmente aos ditados do goberno central.

Porén, o emprego deste esquema presentaba (e presenta) non poucos problemas no eido histórico. Para entendelos, abonda con referirse a dous aspectos del: o amentado carácter foráneo das elites galegas e o papel da emigración.

No primeiro caso, aínda que historicamente unha pequena parte das nosas elites dominantes ten unha orixe foránea, parece obvio que logo de douscentos anos de estadía na Galiza a súa cualificación de foránea non pode manterse, nin agora nin na década de 1970. Ademais, a súa integración e arraigo económico, social e político no país foi posíbel grazas ás súas elites naturais, coas que converxeron nas primeiras décadas do século XIX. Curiosamente, nese esquema do colonialismo interior a estreita complicidade das nosas elites con estes asimilados na explotación económica e na dominación social de Galicia non se destaca, sendo estes últimos e os seus descendentes os que historicamente cargan co fardelo de subordinar a Galiza a Hespanha.

No caso da emigración, Beiras era consciente en 1972 das distorsións que esta causaba no seu esquema interpretativo da realidade, ao aliviar as tensións e as contradicións sociais que o progresivo empobrecemento dos que emigraban orixinaría na Galiza se non marchasen. Esa falla de tensións non permitía equiparar a situación de dependencia e explotación colonial que sufría a Galiza á de Arxelia ou Vietnam, de aí que Beiras sentenciase: «dende un punto de vista político, a emigración galega supón a renuncia á rebelión». Consonte a isto, no esquema do colonialismo interno que barallaba a Galiza non só era un país atrasado, dominado e explotado economicamente, senón tamén un país anormal, formado por xente submisa e apoucada, polo que o cambio social nunca chegaría da man dun levantamento popular ou dunha revolución, comme il faut

Se no primeiro caso, o razoamento exculpa ás elites galegas de orixe non foráneo de colaborar e manter a dependencia do país, no segundo, rara vez se pregunta quen estivo socialmente detrás da emigración, quen a amparou ou se beneficiou dela. Para esta versión do colonialismo interno, a emigración é filla natural do atraso económico e este responsábel da natureza mansa, conformista, dos galegos. Paradoxalmente, a idea do «atraso económico» foi formulada no transo dos séculos XIX ao XX polas elites tradicionais galegas para xustificar a emigración. Logo, nas décadas de 1960 e 1970, esa idea sería convertida en «verdade científica» pola intelligentsia saída do seu ámbito social, nun dos exercicios de hexemonía cultural máis fascinantes da nosa historia. Deteñámonos pois nel.

O segmento das elites galegas coñecido como burguesía «emigracionista» estimulou de xeito temperán o negocio migratorio a través da fundación de xornais cos que facer publicidade do mesmo. Este é o caso de El Faro de Vigo, nacido en 1853 da man dos principais consignatarios vigueses á fronte das compañías marítimas que cubrían o traxecto Vigo-La Habana. O diario coruñés La Voz de Galicia, crítico e opositor á emigración dende 1882, mudaba de opinión en 1910, tras ser convertido en sociedade anónima e entrar no seu consello de administración os consignatarios locais ligados ás grandes compañías marítimas especializadas no envío de emigrantes a América. Xa que logo, a partir de 1910 o conxunto da prensa galega era firme partidaria da emigración, a cal era presentada á opinión pública –igual que hoxe o turismo e as eólicas– como un dos principais piares da economía do país.

En paralelo, o groso da intelligentsia galega defendeu desde finais do século XIX que a emigración era froito dunha decisión individual libre, un dereito, exercido nun contexto de atraso económico e social (v.g., A. Brañas, 1893, J. Vales Faílde, 1902, E. Vicenti, 1908, R. Castro, 1923). En xeral, os seus valedores evitaban referirse ás causas do problema migratorio –ás desigualdades económicas e sociais, ou ás estruturas de dominación, de explotación ou de clase que estaban na base das mesmas–, e menos aínda falan dos que tiraban proveito del. Insistían en cambio en que era un «mal necesario», inevitábel e irremediábel, como o «atraso» do que se beneficiaban.

A esta visión interesada e de clase a nosa intelligentsia daralle forma de “verdade científica” nos vindeiros anos. Por exemplo, no eido da Historia ao presentar o “atraso” como historicamente estrutural. Así, o catedrático Antonio Meijide Pardo na introdución a La emigración gallega intrapeninsular en el siglo XVIII (1960), dicía que emigrar era un acto libre, espontáneo, voluntario, froito do libre albedrío, orixinado ao abeiro do “atraso económico” imperante na Galiza do Antigo Réxime. En suma, presentaba o “atraso” como motor histórico da nosa emigración. Mais este xogo ideolóxico enténdese mellor no contexto da época. En 1950 iníciase en Galiza unha vaga migratoria que até 1975 puxo fora do país o equivalente ao 20% do total de poboación que había nela en 1950. En 1956 a ditadura creaba o Instituto Español de Emigración, que estimulaba e controlaba a saída de emigrantes cara Europa e América. E en 1960, un falanxista e xerarca do réxime, o catedrático de Historia da universidade de Madrid, Carmelo Viñas Mei, director do Instituto Balmes de Socioloxía, creado polo franquismo en 1943, editaba e prologaba o amentado libro de Meijide Pardo. Nese limiar, afirmaba que a emigración era un acto voluntario, xa que logo, non era culpa do réxime de Franco ou das elites galegas, senón un trazo propio, “natural”, tanto dos españois como dos galegos. 

A conversión do “atraso” nunha “verdade científica” tamén se produciu nas décadas de 1970 e 1980 no eido da Historia Económica. Grazas, poñamos por caso, a unha sistemática achega de datos cuantitativos e positivos referidos aos séculos XIX e XX, cos que demostrar o carácter tardofeudal e pouco produtivo desa agricultura minifundista, desa miseria rural, que alimentaba un medre poboacional esaxerado, un exceso de galegos e galegas destinados inexorabelmente á emigración. Conseguida esa “verdade”, agora só cumpría darlle difusión social. 

Mais a instrumentalización da emigración polas elites galegas non se detivo aí. Durante a década de 1990 e parte do 2000 foi unha das pezas chave da proposta ideolóxica de “autoidentificación” deseñada pola intelligentsia que xirou arredor da Fundación Alfredo Brañas, creada polo PPdeG. Son anos nos que a fraude do voto emigrante, consentida por unha Xunta de Galiza presidida por Manuel Fraga Iribarne, buscaba garantir as súas maiorías absolutas no Parlamento. Son anos nos que a administración autonómica e o poder político estimularon o estudo das migracións galegas mediante a creación de revistas, arquivos da emigración, a concesión de proxectos de investigación ou o financiamento de congresos especializados. A diferenza do pasado, no deseño e execución desta operación de hexemonía cultural entraron en xogo a intelligentsia galega da altura (xornalistas, funcionarios da administración, profesores de universidade…), grandes institucións culturais do país (museos, universidade…), e a totalidade dos medios de comunicación. A intención era dotar de lexitimidade e coherencia “histórica”, de actualidade e modernidade, a unha determinada política autonómica.

Este xogo abandonouse en 2006-2009 cando, como se amosou n’A morte de Galiza (Xerais, 2019), o “avellentamento demográfico” e a “Galiza baleirada” pasaron a se converter nos novos targets cos que as elites galegas trataron de agochar o desenvolvemento da actual vaga migratoria, froito da súa peculiar e interesada xestión da economía do país. Neste contexto, e ao abeiro da crise de 2008-2014, viñeron logo as mudanzas operadas nas vellas formas de explotación do mesmo da man das eólicas, da eucaliptización do monte ou do turismo intensivo. Unhas formas de explotación convertidas tamén en “verdades científicas” grazas ás axudas que a Xunta outorga á investigación sobre as novas formas de enerxía, os aspectos patrimoniais, culturais, xeográficos e artísticos do Camiño de Santiago ou a explotación do monte e a riqueza forestal.Vistos os medios dos que dispoñen esas elites para a difusión social e cultural de determinadas visións da realidade (universidade, museos, radio, televisión, xornais…), e a capacidade da súa intelligentsia para crear e recrear os contidos e valores ideolóxicos que as alimentan, moito nos tememos que a emancipación de Galiza non virá da man da loita contra o colonialismo interno, alá en Madrid, canto da liberación aquí, no país, da súa capacidade de dominación e explotación (hexemonía cultural incluída). Mais para iso necesitaríamos saber máis da estrutura e da dinámica de clases en Galiza, un tema  que do que os sociólogos, economistas e historiadores galegos non adoitan ocuparse. Por que será?