A Iria Murado situa as animais salvagens como indivíduos que devem ser moralmente consideradas devido à sua senciência e, em consequência, defende a necessidade de criar estratégias institucionais para a sua preservação, especialmente no casso de incêndios, em que os riscos derivam, em grande parte, de atividades humanas.
A análise crítica da nosa relación coas demais especies animais adoita abordar principalmente as prácticas de explotación para consumo, experimentación e entretemento. Non obstante, eses casos son só algunhas das manifestacións máis visíbeis dunha forma de discriminación que opera de forma máis ampla. O especismo consiste, nun sentido xeral, en atribuír máis ou menos peso a certos intereses (como o interese de calquera individuo en non ser obxecto de violencia, manter a integridade corporal ou en dispor das condicións materiais adecuadas para satisfacer necesidades fundamentais.) en función da especie á que pertence quen posúe ditos intereses. O propósito deste artigo é contribuír á conversa acerca de como os intereses das animais salvaxes quedan excluídos das estratexias de prevención e mitigación de incendios forestais na Galiza, co obxectivo de demandar respostas máis adecuadas e inclusivas.
A considerabilidade moral das animais non humanas
Cando alguén ten a capacidade de ter experiencias conscientes con valor positivo ou negativo (coma o pracer e a dor) e, polo tanto, de verse beneficiada ou prexudicada por aquilo que lle afecta, hai algo que pode ir mellor ou peor para ela; por iso autores como Oscar Horta no seu libro Na defensa dos animais (2018) teñen defendido que esa capacidade, a senciencia, é o criterio mínimo máis relevante para determinar a clase de individuos que merecen consideración moral (é dicir, para decidir que clase de individuos merecen ser tidos en conta, e ata que punto, cando se toman decisións que lles afectan). Outras propostas defenden basear a considerabilidade moral en capacidades tidas por superiores, coma o razoamento abstracto ou o uso da linguaxe. Porén, tal e como sinalan Lori Gruen e Susana Monsó na entrada sobre o status moral dos animais da Standford Encyclopedia of Philosophy (2024), ditas posicións remiten arbitrariamente a características que non determinan por si mesmas a forza dos intereses individuais.
Se aceptamos a senciencia como criterio suficiente para alguén merecer consideración, calquera individuo que posúa esa capacidade debe ser incluído no círculo moral independentemente da súa identidade. O crecente consenso científico sobre a consciencia animal, recollido na New York Declaration on Animal Consciousness (2024), confirma que moitas animais non humanas cumpren esa condición. Disto despréndese unha conclusión pouco asumida nas nosas prácticas e institucións: a situación das animais salvaxes importa moralmente. Non só cando son utilizadas coma recursos, senón tamén cando padecen danos evitábeis fóra do control humano directo. É por iso que a ética animal ampliou nas últimas décadas o seu foco para incluír a preocupación polas animais salvaxes, que constitúen ademais a maioría dos seres sencientes do planeta. A miúdo asúmese que levan vidas razoabelmente boas, mais circunstancias como a escaseza de recursos, as enfermidades e a exposición a desastres son exemplos de fontes severas e recorrentes de sufrimento que padecen habitualmente.
A situación das animais salvaxes afectadas por incendios forestais na Galiza
Os incendios forestais na Galiza son unha expresión desa realidade. A súa relevancia adoita formularse en termos de superficie queimada, perda de biodiversidade ou impacto económico. Pero son tamén un problema de sufrimento animal a grande escala ao afectar anualmente centos de miles de animais neste territorio. O dano non se limita ás mortes por calcinación ou por inhalación de fume, senón que abrangue tamén danos subletais (agudos e crónicos) coma queimaduras, afeccións respiratorias, estrés térmico, deshidratación, medo ou desorientación. A isto engádense, ademais, a perda de refuxio e alimento, o aumento da exposición a conflitos con humanos ou os desprazamentos forzados. A cuestión, entón, é como debemos responder moralmente a danos desta magnitude.
Se o sufrimento é un mal para quen o padece, e se a pertenza a unha ou outra especie non altera por si mesma a gravidade dese mal, entón o sufrimento intenso de animais salvaxes conta como razón moral directa para actuar no seu favor, un argumento defendido por Catia Faria no seu libro Animal Ethics in the Wild: Wild Animal Suffering and Intervention in Nature (2023). Cando existe unha medida con probabilidade razoábel de reducir sufrimento grave sen causar outros efectos negativos comparábeis ou maiores, hai, como mínimo, unha razón moral pro tanto para aplicala. Para o caso das animais, esa razón pode facerse máis forte cando o risco de sufrimento é producido ou intensificado por actividades humanas.
Sábese que os incendios forestais, mesmo máis alá dos provocados intencionadamente por especuladores ou pirómanos, non son enteiramente naturais. O risco está modulado pola forma en que se ordena o territorio, pola continuidade do combustíbel, por certos modelos de explotación forestal, polo abandono do rural e polo cambio climático, entre outras circunstancias. Por iso a Oficina das Nacións Unidas para a Redución do Risco de Desastres divulga a través da campaña #NoNaturalDisasters a idea de que falar de eventos coma os incendios forestais en termos de “desastres naturais” tende a ocultar esa produción social do risco. Así, a axuda ás animais salvaxes afectadas por incendios non responde tan só a un deber de asistencia a individuos vulnerábeis, senón tamén á necesidade de facerse cargo, na medida do posíbel, de danos previsíbeis agravados por factores antropoxénicos.
Recoñecer isto non implica que calquera forma de resposta sexa adecuada. O relevante non é simplemente actuar, senón procurar facelo da maneira máis efectiva. Non abonda con que unha medida sexa visíbel ou ben intencionada: debe estar orientada por criterios que atendan o benestar das animais e considerar posíbeis efectos indirectos negativos. O reparto por parte da Xunta de Galicia de máis de cen toneladas de alimento para as animais salvaxes en zonas queimadas no 2025 mostra que as animais non quedan completamente alleas á resposta pública aos incendios, pero tamén deixa ver o limitado da resposta. Hai medidas que poden ter utilidade nalgúns contextos, pero tamén poden cumprir meramente unha función de representación: producir unha imaxe de resposta institucional sen corrixir as carencias máis decisivas, como a capacidade de prevención, rescate, triaxe, coordinación, atención clínica, derivación, rehabilitación e seguimento. Se non van acompañadas dun reforzo estrutural dos dispositivos especializados, por exemplo do aumento das capacidades dos Centros de Recuperación de Fauna Salvaxe ou da mellora das condicións laborais do persoal de prevención e defensa contra os incendios forestais, corren o risco de reducir a axuda ás animais a algo simbólico e non proporcional á magnitude do dano.

A cuestión decisiva, entón, non é só evitar respostas simbólicas, senón dispor de criterios e estratexias capaces de traducir a preocupación pola situación das animais en prácticas máis efectivas e empiricamente rigorosas. Neste sentido, metodoloxías como a da ciencia do benestar das animais salvaxes, un campo de investigación transdisciplinar proposto para estudar a situación dos seres sencientes en relación ao seu ambiente, poderían, tal e como se recolle na páxina web da organización Ética Animal, ofrecer unha orientación adecuada para este fin. A experiencia acumulada de organismos como Wildlife Health Australia (2023) mostra, por exemplo, que a distribución de alimentos ou o subministro de auga poden ser útiles como resposta rápida, mais tamén que poden promover a agregación de animais, favorecendo o aumento de agresións e de transmisión de patóxenos, ou atraelos a zonas perigosas cando non se aplican baixo protocolos estritos. Isto suxire unha tarefa institucional máis ambiciosa e rigorosa ca a adopción de medidas puntuais salientábeis en notas de prensa.
Este mesmo criterio debe estenderse tamén ás políticas de restauración e xestión postincendio, que non deberían ser avaliadas só por criterios relativos a métricas forestais, conservacionistas ou cinexéticas. Cando unha medida de restauración do hábitat está en realidade orientada a restabelecer canto antes a caza, deixa de ser atribuíbel á preocupación polo benestar das animais afectadas. As axudas económicas para recuperar Terreos Cinexeticamente Ordenados que a Xunta de Galicia anunciou en 2025, sendo a súa lóxica última a reaparición de poboacións explotábeis, non poden considerarse como unha actividade de asistencia ou protección animal, senón como unha forma de substituír unha forma de vulnerabilidade por outra. A mera mención das animais nos protocolos de emerxencia ou nas estratexias de reparación non abonda; importa tamén o criterio baixo o que se aplican ditas medidas.
En suma, as animais salvaxes afectadas por incendios na Galiza non son só parte do impacto ambiental: son individuos severamente prexudicados. Se consideramos que calquera ser senciente merece que o seu sufrimento sexa tido en conta, os nosos deberes cara a elas inclúen a creación de estratexias institucionais destinadas a intervir sobre as condicións que lles producen danos previsíbeis, evitábeis e recorrentes, especialmente cando os riscos asociados aos incendios (así como a vulnerabilidade e exposición das animais) se derivan en grande parte de actividades humanas. A resposta non debería limitarse a xestos ocasionais en que o benestar das animais só conta de maneira instrumental.