A “vivenda normalizada” como instrumento de colonialidade: O caso dos planos de desmantelamento dos asentamentos precarios galegos

Cristina Botana
18/03/2022

Cristina Botana

Após catro décadas de políticas de erradicación do chabolismo na Galiza, o desmantelamento de asentamentos precarios expulsou a poboación xitana cara novas periferias. Cristina Botana analiza estas políticas como um xeito de urbanismo segregativo: a expresión da colonialidade interna cara o Pobo Xitano.  

A política de vivenda galega é un termo baleiro no que ningunha das palabras ten un sentido real na práctica. Non é política, en tanto que non atende as axendas públicas, mais as privadas; tampouco é galega, xa que vén ditada desde os poderes centralistas do Estado español e non representa as diversas territorialidades do contexto galego; por último, só recoñece formas de vivenda e de habitar hexemónicas, heteropatriarcais e atravesadas por relacións de poder coloniais. A través da chamada «vivenda normalizada» aplícanse expulsións e opresións sobre toda existencia inferiorizada. Os asentamentos precarios galegos, conxuntos non regularizados de infravivendas onde moitas familias xitanas foron relegadas nas últimas décadas, son unha das manifestacións desta violencia institucional. Neste texto abórdanse os planos de realoxamento desde estes asentamentos e o seu encaixe na política de vivenda galega.

Galiza presenta a maior proporción do Estado de poboación xitana/romaní residindo en asentamentos segregados de infravivenda. Durante a investigación levada a cabo no territorio galego, identificáronse 61 núcleos deste tipo cunha poboación estimada de 4.081 persoas residindo en 1.168 infravivendas. Os informes e programas de vivenda que abordan esta cuestión teñen un forte carácter etnográfico e etnocentrado, isto é: a poboación paia opera historicamente como relatora das experiencias, problemáticas e itinerarios vitais da poboación xitana. Como resultado, a narrativa etnocéntrica paia consolidou unha relación de metonimia (no sentido que lle outorga ao termo Ananya Roy nos seus estudos sobre os asentamentos precarios do Sur Global) entre estes poboados e o Pobo Xitano. A través desta mirada dislocouse o feito de estes lugares estaren hoxe habitados fundamentalmente por poboación xitana que foi relegada das políticas de vivenda, para consolidar o relato de que estes asentamentos son habitares elixidos e maioritarios entre o pobo xitano galego. Este mecanismo contén fortes elementos coloniais que atravesan as políticas urbanas, sociais e de vivenda que se aplican nestes contextos e, en xeral, o antixitanismo que impregna a nosa perspectiva. Esta cuestión está sendo analizada por autorías xitanas como Silvia Aguero e Nicolás Jiménez en Resistencias Gitanas (2020) ou Pastora Filigrana no seu libro El pueblo gitano contra el Sistema-Mundo (2020), así como por investigadores romaníes como Cayetano Fernández, Sebijan Fezjula ou Helios Garcés. A concentración de poboación romaní en asentamentos precarios non é produto dunha lóxica cultural ou da exclusión social, mais deriva das dinámicas de segregación, colonización e expulsión aplicadas especificamente sobre o Pobo Xitano durante séculos e, contextualizando os asentamentos existentes hoxe, desde os anos 50 nas cidades galegas. As súas non son realidades elixidas nin autoproducidas, mais a expresión construída das estruturas sociais de poder.

Unha das conclusións da nosa investigación, publicada como tese de doutorado na Universidade da Coruña en setembro de 2021, foi que a exclusión territorial e o chabolismo na Galiza non teñen desaparecido, antes, simplemente se transformaron. Os grandes asentamentos existentes nos anos 80 pasaron por procesos de desarticulación que os fragmentaron noutros núcleos menores e dispersos nas áreas periurbanas. Após catro décadas de políticas de erradicación do chabolismo na Galiza, o 43% dos asentamentos existentes ten entre 30 e 50 anos de antigüidade, e un 33% entre 15 e 29. A maioría destes últimos naceron coas operacións de desmantelamento desenvolvidas nos primeiros anos      2000, que expulsaron a poboación xitana cara novas periferias. O curso da crise económica e o colapso inmobiliario pos-2008 paralizaron por completo as políticas de realoxamento nestes asentamentos e, en xeral, calquera esforzo público por garantir o acceso e a seguranza na tenza dun lar.

Ademais, os planos de erradicación do chabolismo e as actuacións institucionais non buscan rehabilitar e consolidar estes barrios, nin a súa regularización ou mellora no acceso aos servizos. Céntranse, en troca, en medidas de despexo/realoxamento na denominada «vivenda normalizada», á que se lle supón un efecto civilizador sobre as existencias disidentes no territorio. Acceder a unha vivenda, ter un refuxio onde descansar e desenvolverse como persoa de forma libre e autónoma posúe un poder emancipador innegábel, mais non podemos asumir o relato de que esas vivendas-produto estandarizadas que ofrece o mercado supoñen unha pretendida solución universal. Non son espazos habitábeis neutrais que os Estados simplemente poñen a disposición da súa cidadanía, xa que poden funcionar como mecanismos de opresión e invisibilización. 

O realoxamento nun destes «barrios homologados», case sempre periféricos e infradotados, non pode reparar o dano infrinxido por séculos de políticas urbanas antixitanas. Estes procesos parten dunha perspectiva universalista que pretende igualar estes grupos de poboación co resto, concedéndolles ao fin o dereito a unha vivenda axeitada. Así, deséñanse programas de realoxamento integrais onde se reeduca a poboación para incorporala á convivencia cos paios. Silvia R. Maeso (2014) no seu artigo «Civilising the Roma?» analiza estas dinámicas, decote baseadas na concepción do «déficit cultural». Antes de asinar calquera contrato de aluguer, as familias están obrigadas a pasar por formacións, organizadas polos concellos e as entidades sociais, sobre habilidades sociais, hábitos de hixiene e saúde pública ou economía doméstica, que representan a aplicación contemporánea e institucional da domesticación do «bo salvaxe». Tal e como se podía ler nun artigo publicado o 10 de marzo de 2009 en La Opinión: «A Consellería de Servizos Sociais anunciou antes do verán que os residentes en Penamoa que fosen realoxados serían ‘educados’ previamente nas construcións prefabricadas» (a tradución para galego é da autora). Encontramos expresións similares no «Dossier de las 32 Jornadas de Enseñantes con Gitanos», celebradas en Vigo entre 7-9 de setembro de 2012, onde se explica que «os nosos programas de intervención combinan a actuación para a normalización da vivenda e o hábitat cun traballo social e educativo dirixido á integración nun entorno mellor de persoas (…) intentando resolver á vez a súas deficiencias persoais e sociais» (páxina 25, os itálicos son da autora). Estes programas preséntanse desde un relato de dereitos igualista e civilizador, sen contar coa poboación albo nin no seu deseño ou execución nin na súa avaliación. Tampouco se activan procesos de recoñecemento e memoria desta segregación, ou se valorizan as estratexias de resistencia, apoio mutuo e supervivencia desenvolvidas nestas marxes.

A normalización da vivenda non conduce, por si soa, á normalización social, xa que se seguen a ignorar as múltiples capas da exclusión que atravesan a poboación realoxada. Vemos, por unha banda, como se traslada a segregación desde o plano horizontal dos asentamentos para o vertical dos barrios-gueto e os polígonos de vivenda social. Por outra banda, cabería preguntarse: o que entendemos por normalización social? Desde a visión non xitana, a integración pasa pola súa asimilación e disolución na sociedade paia. Esquécese que sempre que continúe existindo un grupo ao que homologarse existirá xerarquía social e as estruturas que a sosteñen.

Informes sobre asentamentos precarios e políticas asociadas. Fonte: Cristina Botana.

A aspiración á homoxeneización social está orientada a neutralizar a diferenza e calquera disidencia fronte a un sistema hiperproductivista heteropatriarcal e occidentalocéntrico. No contexto dos asentamentos precarios, como sostemos aquí, os programas de realoxamento e as políticas de vivenda funcionan como mecanismos de colonialidade. Estas presentan diversas facetas: a universalización do habitar –concepto existencial que apela non só á vivenda en si, mais tamén á identidade, á cotiandade experimentada no lugar e ao sentimento de pertenza–, a parametrización da vivenda segundo criterios etnocentrados, baseados en modos de vida e de ocupación do territorio que subordinan a colectividade, o comunitario e a autoxestión. Ospadróns habitacionais da «vivenda normalizada» non reflicten as demandas da vida cotiá, dos coidados ou do traballo no domicilio. A visión hexemónica da vivenda xera lares ríxidos que limitan formas alternativas de convivencia, economía ou habitar. Alén da súa materialización, son modelos de fogar tipo «sagrada familia» onde os espazos de traballo doméstico son relegados a superficies mínimas nas traseiras, separados das chamadas «zonas nobres» da casa. 

Os planos estratéxicos para acabar cos asentamentos precarios costuman dirixirse ao realoxamento das residentes na «vivenda normalizada». Mais, que aplicacións reais ten esta premisa no contexto actual en que vivimos, sen dotación de vivenda pública e cos prezos disparados da vivenda libre para compra ou aluguer? Sabemos que acceder a unha vivenda adecuada é fundamental para superar a desigualdade urbana, mais resulta falaz promover o desmantelamento destes asentamentos sen fornecer solucións verdadeiramente emancipadoras.

En febreiro de 2022, os rexistros do Instituto Galego de Vivenda e Solo, recollen un total de 14.881 solicitantes de vivenda pública na Galiza, dos cales un 80% demandan vivenda protexida en aluguer ou aluguer con opción a compra. Porén, a Xunta continúa outorgando prioridade ás promocións para a venda e activando axudas á súa construción, que acaban nos bolsos de promotoras privadas. Durante o pasado 2021, apenas un 3,7% das vivendas galegas transmitidas eran protexidas e só se terminaron 61 vivendas protexidas (IGE, 09-21). A política de vivenda pública galega é, na práctica, inexistente, mais o novo plano estatal de vivenda 2022–2025 tampouco amosa melloras esperanzadoras neste sentido. Máis ao contrario, inclúe axudas directas á clase arrendadora para o pago de seguros e indirectas a través das axudas ao aluguer, que non é máis que o traspaso de fondos públicos a mans privadas, sen que isto incite a unha limitación sobre os prezos da vivenda. A pesar deste escenario, continúan redixíndose planos de erradicación do chabolismo onde só se ofrecen axudas ao aluguer, normalmente no mercado libre, e a inscrición como demandantes de vivenda protexida. As axudas para a auto-construción que se contemplaban na derrogada Lei 5/89 para a erradicación do chabolismo na Galiza mostraban unha comprensión mellor do territorio galego e das circunstancias de moitas destas familias. Permitía, polo menos, certa capacidade de autoxestión na configuración do novo lar para as despexadas. Non foi, nin moito menos, ideal na súa formulación e foi peor aínda na súa execución xa que, ao amparo desta lei, se deseñaron planos como o que desmantelou Penamoa na Coruña, sen garantías para a poboación que aínda hoxe está a pagar as consecuencias e sendo desafiuzada.

Por tanto, temos a máis de 4.000 persoas habitando infravivendas e ningunha solución baseada en dereitos, recoñecemento ou acceso a vivenda pública. Seguimos enganándonos e deseñando planos que só conducen ás residentes a novas precariedades? Podemos seguir contando cunha política de vivenda cooptada por intereses privados ou apostar por formas alternativas de acceso á vivenda. Audre Lorde xa nos advertiu a finais dos 70 de que non se desmonta a casa do amo coas súas ferramentas. Para desenvolver propostas emancipadoras para o territorio galego temos que dar unha ollada ás marxes e recoñecer estas colonialidades exercidas contra outros pobos e galeguidades inferiorizadas. Estas periferias abandonadas do público artellaron estratexias comunitarias de resistencia e formas de habitar que conteñen aprendizaxes de grande potencial transformador para os procesos emancipatorios na Galiza. Estes territorios, que son sistematicamente oprimidos e desmantelados, representan un contrapoder non só na súa propia autodefensa, como tamén para a protección do resto dos territorios e cidades fronte á continua desposesión do común e o urbanismo depredador.