A tradución da cultura galega ao inglés: internacionalización ou performance?

Laura Linares
03/03/2022

Laura Linares

As investigacións no eido demostran que o lectorado anglófono non está a acceder ás obras galegas traducidas a través das axudas da Xunta. Se isto é así, cal é realmente o público para eses textos? Laura Linares analiza o programa de axudas á tradución literaria da Xunta de Galicia como ‘performance’. 

En tanto que actividade que conecta lectoras con obras de distintas orixes, a tradución, e, en particular, a tradución literaria, ten un grande peso na visibilización de culturas e na diplomacia cultural, sobre todo no contexto actual de intercambios globais cada vez máis frecuentes e normalizados. De aí que moitos gobernos proporcionen axudas para impulsar a tradución das súas linguas cara a outras, coa intención de participar no mercado literario global e acadar visibilidade e estabelecer conexións. Para as linguas e culturas máis pequenas, que adoitan experimentar unha grande invisibilidade no contexto internacional, esta promoción e financiación da tradución é aínda máis importante. No caso do galego, que para máis é unha lingua sen estado e minorizada, a implicación sen ambigüidades das institucións é esencial para que a proxección cultural a través da tradución sexa posíbel e eficaz.

No século XXI, a Xunta de Galicia vén centrándose en cinco iniciativas institucionais destinadas á internacionalización da literatura galega. Delas, unha está especificamente destinada á poesía: o obradoiro anual Con barqueira e remador, organizado pola poeta Yolanda Castaño, que reúne anualmente un grupo de poetas na illa de San Simón para traducírense mutuamente. Outras tres son colaboracións directas da Xunta con editoriais e activistas culturais centradas especificamente na tradución ao inglés, que se estabelece como prioridade de internacionalización na páxina web institucional. En primeiro lugar, a Xunta financia unha colección de libros titulados Galician Classics en colaboración coa editorial Small Stations Press, que leva publicadas oito obras literarias clásicas entre 2013 e 2021, nas que se atopan autorías como Rosalía de Castro, Lois Pereiro ou Xosé Neira Vilas. Tamén apoiou a Xunta a publicación de dúas antoloxías de literatura galega traducidas ao inglés, publicadas a través dunha colaboración entre as editoriais (galegas) Xerais e Galaxia en 2010 e 2012 respectivamente. A terceira destas iniciativas é a páxina web Portico of Galician Literature que inclúe unha serie de extractos de obras literarias galegas en tradución ao inglés a modo de vitrina de libros galegos ben xa traducidos ou ben recomendados para a súa tradución. Por último, a Xunta ofrece axudas anuais competitivas que cobren o proceso de tradución, nas que nos últimos anos tamén creceu signficativamente o número de obras financiadas para a súa tradución ao inglés, que adoitan ser máis contemporáneas que as da colección Galician Classics que acabamos de mencionar. En 2021, por exemplo, concedéronse axudas para publicar libros como Illa soidade, de An Alfaya, A noite do corvo, de Abel Tomé ou Os corpos invisibles, de Emma Pedreira, entre outros.

Se ben estas iniciativas mostran, a priori, unha certa vontade política de compromiso coa internacionalización da literatura galega, particularmente ao inglés como lingua prioritaria de internacionalización, é esencial afondar nas súas prioridades e limitacións. En primeiro lugar, a priorización do inglés como lingua de chegada ten sentido debido ao papel dominante da lingua inglesa tanto na comunicación global como no mundo editorial, mais implica unha falta de diversidade nas iniciativas e unha invisibilización de posíbeis conexións con culturas non hexemónicas. A seguir, o feito de as antoloxías de lingua galega seren publicadas en editoriais galegas indica que a súa visibilidade máis alá das nosas fronteiras é potencialmente limitada, como tamén o é a dunha páxina web da que non se presenta unha estratexia de promoción e visibilización clara alén das nosas fronteiras.

Porén, as limitacións máis flagrantes vense claramente nos mecanismos de procedimento e adxudicación das axudas competitivas que todos os anos ofrece a Xunta para a tradución do galego a outras linguas. Entre as queixas que a cotío formulan tradutoras, investigadoras e editoras están as dificultades de acceso administrativo ás axudas por parte de editoriais estranxeiras, ás que en principio se lles esixe un número de NIF para acceder ao proceso dixital; a falta de visibilidade das axudas, ás que só é posíbel acceder en liña en galego e castelán, deixando así fóra a editoriais estranxeiras que non dominen estes idiomas, ou a deixadez institucional na participación nas feiras do libro, sobre o que a investigadora Olga Castro xa escribiu no seu capítulo ‘¿Rutas diversas para un mismo fin? El apoyo institucional a la traducción de las literaturas en catalán, gallego, valenciano y vasco en la Feria del Libro de Fráncfort’, como parte do libro Promoción cultural y traducción: Ferias internacionales del libro e invitados de honor (2021). Tamén o principal tradutor e editor de literatura galega ao inglés, Jonathan Dunne, denunciou nun artigo publicado en Praza Pública no Día das Letras Galegas de 2020 a progresiva diminución de apoios institucionais para a tradución en forma de redución das tarifas mínimas para o pago das tradutoras, que dificultan enormemente as posibilidades de publicación e, por suposto, de vida digna das persoas que se dedican á tradución profesionalmente. Estes e varios outros descontentos recóllense no informe Conclusións e propostas de acción das xornadas “A internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial británico en apertura, que organizamos a investigadora Olga Castro e eu mesma no ano 2019 en colaboración co Consello da Cultura Galega. Tamén as investigadoras do grupo Bitraga da Universidade de Vigo reflectiron en moitos dos seus escritos e publicacións esta situación de inquedante precariedade. 

É certo que a Xunta dedica cada ano unha media de 200.000 euros (con variacións anuais) á tradución, dos que, en teoría, un 40% está destinado á tradución do galego a outras linguas. Tamén é certo que cada ano se publican libros noutras linguas financiados por este programa. Mais a que públicos estamos chegando? No caso do inglés, unha consulta dos datos das principais plataformas de vendas de libros no Reino Unido (a partir dos datos de Nielsen Book Services), que inclúen non só plataformas online como Amazon e The Book Depository, mais tamén grandes cadeas de librarías como Waterstones, revelan que, mentres que Manuel Rivas (que é publicado polo gran conglomerado Penguin Random House, sen axudas da Xunta) acada números de vendas que ultrapasan os 5000 exemplares para O lapis do carpinteiro (The Carpenter’s Pencil) e os 2500 para Os libros arden mal (Books Burn Badly), ningún dos libros publicados coas axudas de tradución da Xunta supera os 20 exemplares. Esta clara barreira de acceso real ao lectorado en lingua inglesa confírmase cunha análise doutro dos mecanismos de recepción literaria máis claros: as recensións. Unha búsqueda detida de recensións e opinións dos libros publicados en inglés grazas ás axudas de tradución da Xunta revela que a meirande parte recibiu unha atención mínima por parte do lectorado anglófono, con practicamente ningunha recensión en medios profesionais como The Guardian ou The Irish Times (onde si é recensionado Rivas) e un máximo de dúas ou tres mencións en blogs persoais como David Marx: Book Reviews

É evidente que esta situación non procede dunha falta de calidade literaria nas autorías galegas, como se demostra no caso de Rivas, que, co apoio de axentes literarios e un gran conglomerado detrás, si é quen de chegar ao público estranxeiro. Mais que sucede con aquelas editoriais máis pequenas que poden traducir máis diversidade de autoras e temáticas da literatura galega? O feito destas axudas centrárense unicamente no proceso tradutor, sen un seguemento e apoio no proceso de publicación e promoción das obras galegas traducidas, ten claras consecuencias na traxectoria real desas publicacións. Se, por tanto, o lectorado anglófono non está accedendo a estas obras galegas traducidas, cal é realmente o público para esas traducións (e, por tanto, para as propias axudas e iniciativas da Xunta)? Parecera que, en realidade, o produto cultural que se quere ‘vender’ neste caso non son as traducións en si mesmas, senón a performance da tradución cara a sociedade galega: é dicir, véndesenos ás galegas o proceso mesmo de sermos traducidas, o cal é recibido dentro do noso territorio como un símbolo de lexitimación da nosa propia lingua e cultura. Así, é o acto de tradución en si mesmo o que interpretamos como un estímulo simbólico do mercado literario galego, refrendado agora pola súa suposta presenza no escenario literario global. Porén, o que isto signfica é que non se deriva das institucións un apoio e un compromiso real coa cultura galega e a súa internacionalización, senón unha acción performativa que se centra unicamente na creación dun produto que proporciona unha historia que contar aos medios galegos. Estas traducións experimentan un proceso de comisión-produción circular que exclúe as lectoras que presumíbelmente se deberían atraer, un xeito de ‘tradución retórica’, en palabras de María do Cebreiro no seu capítulo incluído no volume Traducción de una cultura emergente: la literatura gallega contemporánea en el exterior (2012), da que será difícil saír sen unha política sólida de internacionalización que inclúa un forte compromiso de seguimento e promoción nos contextos de chegada como parte fundamental do proceso de tradución.