O Rexurdimento cultural galego de finais do século XIX decorre en paralelo ao declive imperial español. Neste artigo, Olivia Rodríguez González ofrece unha lectura da primeira novela fantástica galega, escrita no inmediato momento post-imperial, por un tenente coronel galego do exército español en Cuba.
Unha das primeiras novelas que se escriben en galego narra o que podería ter pasado na guerra de Cuba de 1898 de ser outra a política colonial española. Faino en clave e con disfrace fantástico, pois o autor, Luis Otero y Pimentel, debía pasar desapercibido ao ser tenente coronel do exército español na illa do Caribe.
Nado en 1834 en Outeiro, Viladecruces, quedara orfo de pai sendo neno e vivira cun seu tío materno en Santiago de Compostela, onde se incorporou á carreira militar que o levou a Cuba. Alí vai ascendendo por publicacións e traballos administrativos no exército ao longo das dúas guerras coloniais (1868–1778 e 1895–1898). Dá renda tamén ás afeccións literarias como «Pepe das Penas», «Xan de Outeiro» ou «L. de Outeiro», firmas coas que frecuenta a prensa ligada á colonia galega. Fóra das pezas dramáticas e poemas en galego que escribiu no cambio de século, xunto ás obras en castelán entre as que salienta unha curiosa continuación das aventuras de Don Quixote nas Antillas, destaca A Campaña da Caprecórneca. Novela Gallega, Fantásteca, Históreca e Poéteca (La Habana, 1898).
Luís Otero y Pimentel debería ocupar a estas alturas do s. XXI un lugar senlleiro na historia da literatura galega por esta novela. Malia reeditarse en 1994 e a pesar de recentes estudos con novos datos, segue a ser un escritor excluído do canon historiográfico literario. Por quedar lonxe de nós no espazo e no tempo? Se fose isto certo, estariamos ante un caso de desidia crítica ou discriminación da Galicia exterior na literatura galega. Hai razóns de peso para reclamar para el o lugar que merece.
A novela galega non nace como un cogomelo a finais do s. XIX e ten un parto difícil, como se amosa en Maxina ou a filla espúrea (1880) de Marcial Valladares, non escrita en galego totalmente pola suxeición, en aras da verosimilitude, á diglosia lingüística. Argumento, técnica e estética axéitanse ás esixencias do folletín, que tan importante foi para a constitución do público lector da narrativa decimonónica. O mesmo acontece coa primeira novela monolingüe, A cruz de salgueiro (1892–1893, 1899), de Xesús Rodríguez López, antes de que apareza a mellor contribución do momento, a de Antonio López Ferreiro, que enceta o subxénero histórico ao Walter Scott con A tecedeira de Bonaval (1894) e O castelo de Pambre (1895).
Sitúase, a seguir, esta primeira novela da Galicia exterior, publicada como folletín no semanario Follas Novas no derradeiro trimestre de 1898, antes de imprimirse en libro en decembro. Había présa, pois o Aninovo de 1899 Luís Otero y Pimentel traspasaba o mando do Castelo do Príncipe da Habana ao exército norteamericano e marchaba como coronel a Cádiz. Tanto a imprenta como a publicación, voceira desde 1897 dos rexionalistas galegos en Cuba tras o pechamento de La Tierra Gallega de M. Curros Enríquez polo xeneral Weyler, pertencían a Antonio de P. Cea e Francisco J. Ramil, puntais do rexionalismo galego na illa e alentadores da escrita, nun moi curto prazo, da novela do militar ilustrado.
A achega máis importante é o tratamento na ficción de sucesos da historia do presente dos que pode dar o autor testemuño: a perda da colonia de Cuba, daquela xa provincia española, que viña albergando de vello un enorme número de residentes galegos. Abría o autor unha nova canle narrativa que só o grupo Nós se propuxo continuar. Aínda non acada, como tampouco as coetáneas, un nivel literario salientable, pero non se lle pode negar que explora camiños narrativos posíbeis, tanto no vía da alta cultura como no plano popular. Otero y Pimentel, membro activo do Centro Galego de La Habana, está atento aos modelos lingüísticos e culturais de autores como Rosalía de Castro, por cuxo amparo cando estaba enferma e sen recursos clamou en 1883, ao tempo que bota man da literatura europea para unha novela que bebe da fantasía de Miguel de Cervantes, Luciano de Samósata e Jules Verne. Asemade sabe aproveitar a narrativa folclórica galega, porque o seu público necesita dela igual que das distraccións de masas propias da época, como o teatro de maxia e variedades.
Otero Pimentel é un militar liberal que convive na illa con galegos de diversa ideoloxía e implicación colonial e parece desempeñar as súas funcións con honradez e bondade inusuais nese lugar e tempo marcados pola corrupción, a pésima administración e a crueldade no trato das clases populares.
A primeira guerra deixa rescaldo, como se manifesta na longa e difícil tramitación do decreto de abolición da escravitude nas Cortes españolas entre 1880 e 1886, que Castelar reclamaba mesmo aos representantes da colonia, entón meros comparsas sen voz nin voto. Engordiño, un continxente de 400 mil escravos pasarían á categoría de patrocinados con baixo salario antes de obter a liberdade total. Comezada a década dos 90, o goberno do conservador Cánovas non fai concesión ningunha ás peticións de autonomía, por temor a que se replique pola Península, co exemplo de Cuba, o perigo separatista. En xaneiro de 1898, La Voz de Galicia alertaba dese perigo, o que era tomado por Follas Novas como unha mostra de desprezo da metrópole cara aos autonomistas (tamén rexionalistas galegos) tras vinte anos de loita legal e dúas sanguentas rebelións.
Cando o liberal Sagasta accede ao goberno en 1893, abre a man para unha descentralización administrativa de Cuba un mes despois de comezada a guerra. Daquela, Luís Otero y Pimentel é nomeado corrixidor e alcalde maior de Manzanillo, tras a división da colonia en 1895 en seis provincias baixo o mando dun gobernador xeral. Foi esa a súa Ínsula Barataria, da que sairía co agradecemento da poboación, especialmente das mulleres polas que se preocupou con ánimo feminista estimulado pola lecturas das intelectuais galegas da época.

Pero tamén el xulga que chega tarde para a paz a autonomía colonial. En efecto, Martínez Campos, incapaz de conter a insurrección, é sucedido polo implacable Valeriano Weiler en 1896, con Cánovas de volta no goberno. O militar arrima máis estopa ao lume e gaña máis soldados mortos, carne de canón procedente da metrópole. Volven os liberais e conceden a autonomía en 1897, inútil igual que os esforzos diplomáticos e o envío do xeneral Ramón Blanco en substitución de Weiler: EE.UU. xa decidira apoderarse da colonia.
Estreada a presidencia do goberno insular por José María Gálvez, sobrevén a explosión do buque Maine, motivo para a declaración de guerra o 25 de abril da nova potencia a unha España ruinosa. Pouco despois, o 3 de xullo, o almirante Cervera y Topete obedece a orde de lanzar a mariñeiría a unha segura derrota mortal, desfeita que pon punto final á guerra. O parlamento cubano pecha as portas a finais de 1898, sen que os representantes de Cuba estean presentes nos Tratados de Washington e París, polos que España perde as Antillas e o Pacífico. É enviado para esas negociacións o ministro liberal galego Eugenio Montero Ríos, que aludira meses antes á lenda do Meco para explicar que a culpa do Desastre era colectiva.
Otero Pimentel desafógase en galego para os seus paisanos trasladando os sucesos a un tempo anterior, 1861; e a un espazo sideral, os dominios da lúa e dos corpos celestes Cáncer e Caprecórneca.O marco no que oscila como nun espello o relato fantástico é a Galicia rural dos montes encantados de Lestedo, onde que o protagonista soña que é arrebatado polas compañas e voa ata o rico imperio luar (a Cuba colonial). Nomeado cronista imperial, con espada e pluma máxica, dá conta da última batalla. Antes, os hiperbólicos exércitos visitan Cáncer (territorio dos mambises ou insurrectos cubanos) onde logran convencer aos habitantes de que non todos abusan e matan, porque hai mandos que se relacionan con sensibilidade e honestidade co pobo. E mesmo hai modelos de valentía, como o militar misterioso que recibe honores por non querer matar o espía prisioneiro de guerra que tamén chaman O Meco. Podería recoñecerse nesa figura o almirante Cervera ou o xeneral Martínez Campos, ao que sempre tivo respecto o autor. Daquela, na historia alegórica, as reclamacións e a hostilidade dos que se revolven contra o goberno da metrópole pedindo a independencia de Cuba é debida á falsa propaganda por acción dos «xéneos maléficos»», e non só polos entuertos de abusos de poder e crueldade militar.
O protagonista esperta do soño cando na batalla se produce un xiro sorprendente: os cacereños aliados da Caprecórneca reaccionan de socato enfrontándose aos caprecórnecos, manexando ambos unhas máquinas de guerra con forma de esferas que chocan no espazo sideral. O cambio inesperado fai que a novela se inscriba no tipo de ficción histórico-alegórica que trastoca o suceso real subxacente, malia sobrevir un final abrupto que non deixa ver se a guerra é gañada pola metrópole. Sexa como for, oito anos despois mencionaríase na lapela doutra obra de Otero y Pimentel esta «alegoría da política que, a xuízo do autor, debeu imperar nas guerras coloniais».