Em um novo contexto de transição ecológica promovido pola União Europeia para alcançar a «neutralidade climática» em 2050, é preciso revisarmos a ideia de extrativismo? A experta em geografia política Maria Lois achega uma comparação entre America Latina e a Galiza, salientando os usos normativos desiguais a respeito das terminologias críticas.
Cales son ás xeografías asociadas a desenvolvimentismo? Para que contextos podemos falar propiamente de extractivismo? Debemos invocar o cambio climático como novo encadramento discursivo con que construír as sociedades? Un exercicio de ollares cruzados entre a América Latina e a Galiza pode valernos de excusa para abrirmos unha conversa sobre horizontes comúns, significantes baleiros e as cargas normativas das linguaxes xeopolíticas.
A discusión en torno ao chamado «extractivismo» constitúe unha oportunidade para problematizar o concepto de desenvolvemento e meditar se este é útil para xerar formas de Estado e de sociedade distintas (na economía política, na socioloxía histórica, na división internacional do traballo). Dada a falta dunha definición de consenso, diriamos que a noción de extractivismo abrangue aquelas actividades que toman os recursos dun espazo e os orientan á exportación e á comercialización, normalmente sen chegar a os procesar nos locais de orixe. Esta extracción non se limitaría ao gas, ao petróleo ou aos minerais, senón que tamén atinxe actividades pesqueiras ou forestais; sempre que o fin sexa a simple extracción do produto. Sempre, por tanto, que non exista un proxecto maior de desenvolvemento e de diversificación produtiva: ao final do día, pescar moitos peixes non ten porque implicar moita riqueza (Lois 2022).
Cómpre sinalar que o termo «extractivismo» acostuma ser utilizado para clasificar espazos de xeito binario a partir de certas características que poden parecer innovadoras. Este sería o caso dos denominados gobernos progresistas latinoamericanos. Aqueles que, en maior ou menor medida, comprenden que a regulación estatal debe servir para reconverter o excedente xerado pola extracción de materias primas en políticas sociais. Exemplos destes gobernos van de Hugo Chávez na Venezuela (1999-2013), a Lula da Silva no Brasil (2003–2011), pasando por Néstor e Cristina Kirchner en Arxentina (2003–2007, 2007–2015), Rafael Correa no Ecuador (2007–2017) ou Evo Morales na Bolivia (2006–2019). Hai unha ampla e interesante bibliografía sobre esta cuestión, entre a cal cómpre salientar o volume colectivo de G. Massuh Renunciar al bien común. Extractivismo y (pos)desarrollo en América Latina (2012), o libro Ecología política del extractivismo en América Latina: casos de resistencia y justicia socio-ambiental (2013) de G. C. Delgado, ou os textos sobre post-extractivismo de A. Acosta (2016).

A década de 90, orientada polo Consenso de Washington, deixou paso ao denominado «consenso das commodities», caracterizado polo incremento dos prezos internacionais das materias primas e por unha demanda cada vez maior de bens de consumo tanto nos países do centro (os Estados Unidos ou a Unión Europea) como por potencias emerxentes (especialmente a China). Este panorama desembocou na reprimarización dalgunhas das mencionadas economías latinoamericanas que, lamentabelmente, nunca deixaran de basearse nas actividades primarias. Resulta importante remarcar, no entanto, que a problemática vai alén dunha elección binaria entre dous modelos de desenvolvemento –como, por exemplo, «recursos naturais ou medio ambiente». É necesaria unha discusión sobre a forma en que, por exemplo, a Bolivia se insire na economía-mundo e sobre as capacidades de transformación que conservan os Estados en face de complexos procesos globais, estatais e rexionais.
No final da década de 1990 este debate pasou do plano teórico ao práctico. Era o momento en que chegaban aos gobernos latino-americanos unha serie de partidos progresistas despois dun ciclo de protestos en prol de transformacións políticas, económicas e sociais de gran calado. Son os casos de Arxentina, da Bolivia, do Brasil, do Ecuador ou da Venezuela. O investimento do excedente producido coa extracción dos recursos primarios na redución das desigualdades sociais supuña unha notoria mudanza. Non apenas con respecto aos gobernos inmediatamente anteriores, marcados por políticas de axuste e liberalización; tamén sería unha transformación no plano braudeliano das historias longas [longues durées], caracterizadas na América Latina polo rentismo e pola concentración dos beneficios sobre as materias primas en grupos empresariais privados nacionais ou transnacionais. É certo que este novo paradigma producía outras asimetrías, dependencias, polarizacións e reaxustes na relación entre centro e periferia. Mais as decisións sobre a economía-mundo e os límites dos mercados globais non son tomadas na periferia, certamente. E non debemos recorrer a explicacións universalistas como a chamada «doenza holandesa» –o paradoxal estagnamento económico que se produce nun país tras o descubrimento de recursos naturais– nin a calquera outro determinismo explicativo para un sistema en que precisamente a relocalización de procesos económico-políticos é unha constante.
A especialización na extracción de recursos naturais adoita estar acompañada dun escaso impulso ao desenvolvemento científico-tecnolóxico que inclúa no procesamento local procesos de valor agregado. Este é un importante límite do patrón de acumulación extractiva. Ora ben, as transformacións sociais non se dan no ar. Tampouco a complexa construción de democracia social fóra dos países do centro a partir da redistribución estatal dos ingresos. Sen deixaren de ser esenciais para achegar elementos de reflexión, os debates académicos poden estar ligados en ocasións ás lóxicas de inmediatez, incapaces de captar o carácter estrutural da xeografía do sistema-mundo ou a materialidade específica que atravesa calquera retórica medioambientalista cando é trasladada fóra do centro. Nese sentido, sería máis interesante reflectir sobre espacialidades complexas, cadeas de valor global e relacións periferias-centro. Noutras palabras, cómpre tamén falar sobre as cuestionábeis prácticas de empresas canadenses ou finlandesas na América do Sur; sobre o papel do petróleo no Estado de benestar noruegués; sobre a orixe dos recursos usados pola industria europea da acuicultura; ou sobre os estándares da pesca española en caladoiros africanos… para sinalar que o recurso a patróns extractivos non é privativo de certos períodos, territorios ou gobernos da América Latina.
Sen esquecer as especificidades de cada contexto, mais tamén evitando lecturas excepcionalistas ou conxunturalistas, un achegamento semellante ao contexto galego e a súa reacción ás mudanzas globais e ás propostas de transformación social pode resultar interesante para divisar horizontes comúns.
«Co cambio de século e unha revolución tecnolóxica mundial sedenta de metais, os proxectos de minería de estaño, cobre, wolframio e coltan reactiváronse en Galicia». Con ese diagnóstico nacía a principios do ano 2019 Minaría Sostible, unha plataforma impulsada desde a administración pública autonómica, empresas e agrupacións industriais, e profesionais de actividades extractivas na Galiza. Efectivamente, a tendencia xeral á reapertura de minas, da cal a Galiza é un exemplo particular, agradece un exercicio de tomada de perspectiva. Por unha banda, debemos levar en conta o contexto do Pacto Verde Europeo –horizonte de transición ecolóxica promovido pola Unión Europea parar alcanzar a «neutralidade climática» en 2050–; por outro, cómpre atender o Plan de Recuperación para Europa, resposta estratéxica á COVID-19 cun modelo de reconstrución ecoloxista e dixital. Por último, é fundamental o contexto da discusión de lei de terras raras que se está a desenvolver nestes meses no Parlamento Europeo, co obxectivo de re-localizar na Europa a extracción e o procesamento de materias primas, nunha sorte de soberanía estratéxica sobre os recursos tras a crise enerxética evidenciada pola guerra en Ucraína. As recentes e sucesivas catástrofes conduciron, pois, para unha clara re-territorialización da axenda pública.
O uso dun ben común –o vento– como fonte de enerxía é o motivo central que levou á creación do denominado Observatorio Eólico de Galicia, liderado polo Grupo de Investigación en Economía Ecológica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo. Este está destinado a realizar investigacións, asesoramento e consultas sobre a implantación de renovábeis no país. Un achegamento aos datos e gráficos da web, en paralelo á campaña mediática «Eólica sí, mais non así», lévanos de novo á cuestión da xeografía e das linguaxes arredor de modelos de desenvolvemento. Colocamos os xeradores na Noruega? Na Bolivia? Mellor en Vilardevós do que en Celanova? Certamente, chama a atención a inexistencia de parques eólicos en lugares onde si se localizan as sedes centrais das empresas que os xestionan, como na Comunidade de Madrid, por exemplo. Non sabemos se polo vento, pola lexislación sobre áreas naturais, ou por calquera outro motivo. Mais, en todo o caso, trátase dunha decisión política. E estas asimetrías merecen unha revisión das xeografías da extracción nunha perspectiva ampla que propoña unha mirada política e histórica aos patróns territoriais, para alén dunha lectura estrutural da materialidade do ambientalismo e da súa conversión en horizonte político.
No municipio de Muras (Lugo), con 164 quilómetros cadrados de superficie, hai 19 parques eólicos. En decembro de 2022, a Xunta de Galicia aprobaba a re-apertura da mina de feldespato nese mesmo municipio por parte da empresa Urbas, cuxas accións subían en Bolsa ata un 11% durante as semanas subseguintes. Embora a reactivación da minería apunte para a revalorización das empresas que a practican en circuítos globais, a localización de instalacións eólicas en Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Pobra de Trives, ou nas ribeiras do Sil repiten o patrón histórico dun rural valorizado en función dos seus recursos naturais, antes hidroeléctricos, agora eólicos e minerais. Finalmente, a produción de enerxías renovábeis e de extracción de recursos minerais semella seguir un patrón similar ao das enerxías non renovábeis: a inserción nas cadeas globais de produción e de valor, desta vez xustificado pola transición enerxética e a loita contra o cambio climático. O interesante é que a discusión arredor destas medidas de soberanía enerxética renovábel se cifra en cuestións de forma, que semellan derivar en cuestións de localización (un si, mais non así; un si, mais non aquí?). En todo o caso, fica fóra do debate o necesario cuestionamento da economía política que permita visibilizar as diferenzas (de clase, de xénero ou raciais) que sosteñen as desiguais xeografías do poder, a existencia de patróns históricos de localización das actividades de extracción ou as lóxicas de inserción de determinadas áreas na división internacional da acumulación orixinaria.
Parecería que as contradicións xeográficas reforzan a carga normativa das linguaxes políticas: a aposta polas actividades de extracción na Galiza e Europa non é entón tan diferente á de América Latina e a Bolivia. Ou si? Ambas están mediadas por cuestións estruturais globais: nun caso como opción posíbel para unha soberanía estratéxica; noutro, como iniciativa do Estado orientada a regular o excedente da explotación dos recursos naturais para investilos en políticas sociais. O mercado para eses recursos é o mesmo, o mercado único global. A relevancia do nivel internacional para a interpretación dos contextos (consenso das commodities, guerra de Ucraína) é evidente; por iso, o papel dos Estados para determinar que política executar ao respecto resulta imprescindíbel para elaborar unha lectura complexa.
Tendo a Galiza en foco, levar en conta a «pedagoxía das catástrofes» pode axudar a reflexionar alén do «si, mais». O horizonte dun futuro maioritariamente aceptado –o do cambio climático– pode acabar sendo despolitizador, como apunta Eric Swyngedouw no seu artigo «El apocalipsis es decepcionante: el punto muerto despolitizado del consenso sobre el cambio climático» (2021) ou post-político (na visión de F. Celata e V. Sanna en «Ambientalismo y (post-)política en un espacio de reserva: el Archipiélago de las Galápagos» (2010). Constitúese nun cadro moral de intervención que dilúe o intercambio desigual, a colonialidade do poder ou a intrínseca expansividade capitalista. Estas son causas (e non síntomas) dos problemas socio-ecolóxicos. O que acontece co vento de Muras, o que aconteceu coa auga en Cochabamba, insírense en xeografías, historias, axendas políticas e patróns de desenvolvemento permitidos por alguén. Linguaxes políticas e paradoxos xeográficos. Falamos entón de colonialismo verde? Ou de colonialismo interno? Probábeis diferenzas de forma, mais non de fondo.