Após ter criado um debate à volta dos modelos interpretativos da relação Galiza-Espanha, o economista Pedro M. Rey-Araújo pretende valorizar o quadro da marxiana Crítica da Economia Politica. Em resposta a Pena e Seijo, o autor traça a sua proposta para a construção de um sujeito político capaz de atingir o controlo democrático e coletivo da reprodução social.
Nun recente artigo neste espazo, Pena e Seijo (2023) defenderon a necesidade de fundamentar a acción política emancipadora no cadro teórico da Crítica da Economía Política (CEP), en contraposición tanto ao que eu (2021) denominara «hipótese colonial» nun artigo anterior tamén neste espazo, como á «hipótese hexemónica» que eu contrapuña á primeira. Posto que compartillo cos autores as razóns que motivan o seu rexeitamento do cadro anticolonial, focarei en rebater as críticas que verten sobre a alternativa proposta, relativas á miña suposta aceptación implícita da institucionalidade burguesa e á aparellada incapacidade de transcender o modo capitalista de dominación.
Ao meu ver, non hai unha postura política que se derive univocamente dos preceptos da CEP, cadro teórico a que eu tamén me adscribo. Aínda que, entendo, partillamos tanto as coordenadas teóricas que han de informar a acción política como o obxectivo último daquela, existen diferenzas fundamentais entre ambos os enfoques. Nomeadamente, referidas á especificidade da acción política, á súa autonomía relativa a respecto das dinámicas que gobernan a reprodución social e á cuestión do Estado. A «hipótese hexemónica», ao meu ver, tenta afondar neste aspecto insuficientemente teorizado na CEP. Primeiramente, porén, é preciso introducir a miña lectura da CEP e das tarefas políticas que dela se derivan.
A Crítica da Economía Política
A CEP é o proxecto teórico do Marx tardío, articulado principalmente n’O Capital, mais tamén nos Grundrisse e na Contribución á Crítica da Economía Política, largamente afastado da deturpación economicista e reducionista que foi vulgarizada por ocasión da II Internacional. Nas últimas décadas surxiron varias focaxes como a Nova Lectura de Marx (Heinrich), a Crítica do Valor (Jappe, Kurz), o Marxismo Aberto anglosaxón (Clarke, Holloway) ou a Nova Dialéctica (Arthur), xuntamente con autores como Postone ou Bellofiore, que comparten un compromiso con voltar a ler Marx lonxe de dogmatismos herdados. Nas mans deste heteroxéneo conxunto de autores, a CEP non é pois unha economía política crítica, mais unha crítica das mediacións e formas específicas da dominación que constitúen as sociedades capitalistas.
Toda a sociedade humana, para se reproducir día a día, ten que constituír unha división social do traballo que medie colectivamente a necesaria relación metabólica entre os humanos e a natureza. A «forma» en que isto acontece, porén, fica indeterminada. A pesar da súa heteroxeneidade, as sociedades precapitalistas compartillaban unha serie de trazos esenciais: a distribución da carga de traballo e dos seus produtos se realizar mediante relacións xerárquicas de dependencia persoal; as actividades económicas seren inseparabelmente políticas e viceversa; a actividade produtiva responder directamente a necesidades sociais previamente delimitadas; e o practicamente toda a poboación ter garantido o acceso aos medios de subsistencia.
A aparición do capitalismo no s. XVI, porén, introduciu un novo tipo de mediación social no decurso histórico, a característica máis íntima do cal non a constitúe a mera existencia do capital, nin o traballo asalariado. Ambos os elementos teñen existido desde tempos inmemoriais. O que distingue as sociedades capitalistas é se construíren sobre unha situación de desposesión xeral, unha separación radical entre a vida humana e as condicións que a fan posíbel, que fai e permite que o capital se constitúa na mediación social xeral, no vínculo fundamental que articula a distribución de responsabilidades e recompensas que sostén toda a orde social.
Nas sociedades capitalistas, a reprodución social toma corpo nun monte de actos produtivos privados, realizados sen ningún tipo de coordenación previa, que só se mostran socialmente válidos no caso, sempre incerto, de que os produtos en que foron obxectivados sexan vendidos finalmente no mercado. A obtención dun beneficio, e non a satisfacción directa de necesidades sociais, é que motiva a produción capitalista. As mercadorías, porén, non se relacionan entre si como valores de uso, heteroxéneos e inconmensurábeis, mais como valores, traballo humano obxectivado en cousas e reducido á súa determinación cuantitativa. O incremento do valor, a súa autovalorización, é así o único obxectivo da produción capitalista.
Sucede, entón, que é o valor, ao autonomizarse o seu movemento autotélico do seu contexto social, e non as necesidades reprodutivas das comunidades humanas, quen opera como suxeito de facto na orde social capitalista. Polas palabras de Marx n’O Capital: «O movemento do valor no seo da sociedade adopta para [os seus integrantes] a forma dun movemento feito polas cousas, e estas cousas, lonxe de estaren sob o seu control, de facto contrólannos». O desgaste incesante dos corpos humanos, o asolagamento e destrución do seu hábitat natural, ou o crecemento das desigualdades sociais, son o resultado ineludíbel de o capital constituírse como mediación social xeral e autónoma.
Das coordenadas teóricas que proporciona a CEP, o obxectivo último da acción política deberá consistir na abolición do capital como vínculo social primordial, no control colectivo e democrático do proceso colectivo de reprodución social, na subordinación dos procesos produtivos ás necesidades colectivas, na superación das abstraccións que ordenan a vida social e que a obrigan a superar os límites biofísicos da vida humana. En resumo, na «apropiación consciente da produción social», por palabras de Pena e Seijo. Compartimos cos autores, tamén, que «a emancipación, tanto nacional como de clase, require abolir o espazo lóxico do capital na súa propia escala mundial». Porén, como chegamos até alí? Como construír un suxeito político capaz de levar a cabo esas transformacións? Como articular as diferenzas internas a ese suxeito? Que facer cos eixos de dominación externos ao capital? A CEP opera a un nivel de abstracción en que estas cuestións non poden ser abordadas.

A Especificidade do Político
Pena e Seijo fían a superación da orde do capital á «acción autoorganizada e autoconsciente do proletariado», mais –cómpre preguntar– quen é que constitúe o proletariado? Se proletarios son aqueles que carecen dun acceso garantido aos seus bens de reprodución, sendo obrigados de vender unha parte do seu tempo para obter un salario con que adquirilos, séguese que a relación de clase opera nun nivel de abstracción maior que o nivel de concreción consubstancial á acción política.
Os axentes da dominación non son os territorios, como tamén non exclusivamente as clases sociais, mais a dominación impersoal derivada de a reprodución social estar mediada polo valor, e o sistema de abstraccións que de aí se deriva. En canto a clase é un fenómeno abstracto, a política sempre é cuestión de grupos, accións e demandas concretas. Polas palabras de Søren Mau en Mute Compulsion (2023), a dominación capitalista consiste «na subordinación dos proletarios aos capitalistas, e na de todos ao capital».
O control colectivo e democrático do proceso de reprodución social require un suxeito político capaz de efectualo, cuxa natureza non se deriva directamente de dinámicas abstractas. De acordo con William Clare Roberts, «sob o capitalismo, a clase que ten prioridade explicativa é a clase-en-si. A única clase que podería ter prioridade política, porén, é a clase-para-si. Mais a clase-para-si é unha categoría cultural, non económica». Nesa distancia entre a clase-en-si e a clase-para-si é onde se sitúa a especificade da política. A relación de clase nunca se experimenta de forma homoxénea entre aqueles que partillan unha posición estrutural similar. O proletariado está dividido internamente, de modo irremediábel, por diversas formas de dominación non-capitalistas: a experiencia individual das relacións de clase vén sempre mediada polas relacións de xénero e construcións raciais imperantes, as relacións de propiedade, a localización xeográfica, o status xurídico… A constitución dun suxeito colectivo require a constitución de identidades e imaxinarios comúns que permitan unha unificación temporal das súas aspiracións e obxectivos, de maneira que as diferenzas internas ao proletariado sexan continxentemente articuladas, e as dinámicas de dominación que o percorren perennemente confrontadas.
A Cuestión do Estado
Pena e Seijo afirman que a miña proposta non logra transcender o «realismo capitalista», limitada á participación na institucionalidade burguesa. No seu lugar, afirman «a necesidade de despregar unha loita en e contra o Estado». Pouco que obxectar. Mudar a escala xeográfica do Estado, por exemplo, nun hipotético Estado galego, sen mudar a súa natureza capitalista, non abondaría para transformar substancialmente as determinacións que o carácter capitalista da reprodución social impón sobre a autonomía estatal. O Estado capitalista é un elemento constitutivo de toda a orde social capitalista, encarregado de fornecer á acumulación privada de capital as súas condicións de existencia, de forma que as melloras que se puideren conseguir para a clase traballadora estarán sempre suxeitas á necesidade de garantir aquelas.
Como expuxo Ellen Meiksins Wood, a separación entre as esferas económica e política é interna á orde social capitalista, polo que atinxir temporalmente parte do poder do Estado resultará incapaz de mudar substancialmente as condicións de vida da clase traballadora se non se desfán, tamén, o carácter privado da acumulación e a situación de desposesión estrutural que o vén acompaña. Porén, alén da construción de contrapoderes autónomos fóra do Estado, tanto pola súa capacidade executiva como polo seu monopolio da violencia lexítima, a participación na institucionalidade estatal con vista á súa transformación interna constitúe un requirimento ineludíbel para alcanzar transformacións duradeiras. Recoñecer a división entre representantes e representados, de maneira transitoria e cos contrapesos que foren precisos, non implica caer no vangardismo mais simplemente recoñecer o ineludíbel rol constitutivo que a representación exercita sobre o suxeito a representar.
En resumo, para lograr o control colectivo e democrático do proceso de reprodución social é preciso constituír un suxeito político capaz de efectivalo, cuxa natureza non se deriva univocamente da forma especificamente capitalista que adopta a reprodución social. Por un lado, a relación de clase non é o único eixo de dominación a eliminar, nin esta é experimentada homoxeneamente por aqueles baixo o seu influxo. Politizala, entón, require a construción activa dun suxeito político mediante, precisamente, a confección de identidades e imaxinarios que Pena e Seijo parecen rexeitar como meramente reformista. Mesmo no caso de que o proceso de reprodución social chegase a estar sometido a un control consciente e colectivo, non estaría garantido que este fose radicalmente igualitario e democrático. As opresións de distinto signo persistirán. A política non ten fin. Por outro lado, concordo cos autores en que atinxir temporalmente o poder centralizado do Estado non garante en caso algún o fin da dominación capitalista. Mudar a escala xeográfica do estado sen alterar a súa natureza capitalista conduciría, no mellor dos casos, a ensoñacións chauvinistas. Porén, a súa reformulación interna, xuntamente coa confección e a expansión de contrapoderes alleos a el, constitúe un requirimento necesario que ningún movemento político con aspiracións verdadeiramente emancipadoras, como aquelas de Pena e Seijo, pode recusar.