A concentración parcelaria: algúns apuntamentos para o debate

Alba Díaz Geada
03/02/2023

Alba Díaz Geada

Cal foi o propósito da política de emparcelamento aplicada na Galiza durante o franquismo? Que impacte, que resposta tivo a súa implantación? Que relación garda isto cos valores da modernidade e coa razón? A historiadora Alba Díaz Geada traza unha serie de liñas neste sentido como desenvolvemento da súa conferencia na I Jornada de Estudo Clara Corbelhe.

En setembro de 2022 celebrouse a I Jornada de Estudo Clara Corbelhe: crise, conflito e antagonismo. No cadro desa xornada, conversamos sobre a mudanza estrutural da sociedade rural galega contemporánea. Reflectimos sobre os sentidos da concentración parcelaria, como parte das políticas agrarias que interviñeron naquel proceso de mudanza. O presente texto surxe dalgunhas das preguntas que nos formulamos e deixa abertas varias cuestións para o debate. Non pode senón partir, por tanto, do agradecemento polo diálogo constante, que nos permite ir remoendo preguntas inacabadas. Comezaremos recuperando os obxectivos da política de concentración parcelaria, nas súas primeiras décadas. Continuaremos recordando que foi o que nos permitiu ver unha determinada forma de achegarse á política concentradora. Remataremos cunhas reflexións para a discusión, respecto da maneira como pensarmos o cambio social, desde a nosa realidade. 

O preámbulo á Lei de 20 de decembro de 1952 sobre Concentración Parcelaria comezaba da seguinte maneira: 

«Entre los problemas que tiene planteados la agricultura española, destaca por su extraordinaria importancia aquel que se deriva del intenso parcelamiento que sufre gran parte del territorio nacional. El estado actual de muchas de las explotaciones agrícolas constituidas por numerosas y minúsculas parcelas diseminadas y repartidas por los cuatro extremos de un término municipal, da lugar a que sus rendimientos sean antieconómicos a la par que origina notorios obstáculos para el desarrollo y modernización de la agricultura patria» (BOE 358, de 23/12/1952, p. 6305).

A concentración parcelaria consiste na restauración do territorio en menos parcelas de maior tamaño, abrindo vías de comunicación entre as mesmas. Con este redeseño pretendíase racionalizar tecnicamente as exploracións nas zonas de propiedade fragmentada, creándose as condicións idóneas para a introdución de maquinaria, a redución de custos de produción e o aumento da renda das familias. Tratábase dun proceso financiado pola Administración do Estado. Aínda que esta política segue vixente a día de hoxe, centrarémonos nas súas tres primeiras décadas de actuación.

A reforma agraria da Segunda República abordou o problema da grande propiedade privada latifundista e da súa necesaria redistribución. Durante a guerra civil, leváronse adiante procesos de colectivización da propiedade da terra, en distintas partes do territorio estatal. Para Carlos Barciela, segundo indica na súa contribución á obra coordinada por Ángel García Sanz e Jesús Sanz Fernández: Reformas y políticas agrarias en la historia de España (1996: 351–398), as políticas agrarias do franquismo poden cualificarse de contrarrevolucionarias. 

Entre 1952 e 1961, os procesos de concentración parcelaria despregados na Galiza foron escasos. Na seguinte década (1962–1971) produciuse un notábel incremento,  concentrándose 64.987 hectáreas. Así o indica Ribas Álvarez n’A concentración parcelaria en Galiza. Unha oportunidade perdida para a transformación das explotacións gandeiras (2008, 37-38). A cifra subiu a 68.132 hectáreas entre 1972 e 1981. Isto representa máis d 20% da superficie concentrada na altura do seu estudo. Entre 1962 e 1982 o número de parcelas no territorio da Galiza diminuíu un 43%. 

O facto de que a política concentradora se intensifique a partir da década de 1960 podería estar en liña coas mudanzas que se produciron no papel adxudicado á agricultura no modelo de modernización económica xeral: de provedora de capital, a provedora de materia prima e forza de traballo barata para o sector industrial e sector servizos. 

Os efectos da concentración parcelaria na especialización produtiva na Galiza, teñen sido abordados por estudos como o volume coordinado por Ramón Crecente Maseda, A concentración parcelaria: IX Xornadas Área de Ciéncias Agrárias (1999). Para o que aquí nos ocupa, cómpre deterse nos tempos e nas maneiras da parcelaria. Documentación xerada polo proceso e fonte oral coinciden en sinalar que a concentración parcelaria suscitou ampla desconformidade veciñal. A racionalidade técnica da concentración da parcelaria batía contra as razóns dunha agricultura de policultivo e gandaría, que precisaba da organización colectiva e na cal as principais tarefas se facían en común. Nos casos en que a concentración chegaba a iniciarse, o descontento acostumaba canalizarse a través dos mecanismos legais dispoñíbeis. Presentáronse montes de alegacións e recursos, en desacordo coa clasificación ou reparto das parcelas. Dirixíronse escritos de protesto aos Gobernadores Civís. Con menos frecuencia, tiveron lugar enfrontamentos abertos. Traballadores e traballadoras dos servizos técnicos estatais involucrados na promoción da concentración parcelaria recoñecen a «gestión difícil, de llevar a su ánimo, la necesidad de solicitarla» (Memoria Goberno Civil Lugo, 1966, IDD (08) 003. 002 Caixa 44/12139, AGA).

Segundo os dados recollidos en entrevistas realizadas a traballadores do Servizo de Concentración Parcelaria e do Programa de Formación Profesional Obreira, as primeiras concentracións tiveron que axustarse á tríade do minifundio de policultivo: monte, prado e labradío. Rexeitábase a concentración do monte, poucos ficaban cunha única parcela, estimábase contar con terreos de diferentes cualidades e valorábanse moito os prados de varias cortas. Á medida que a especialización produtiva se foi incrementando, foi mudando tamén a valoración das calidades das terras, na liña dunha racionalidade axustada ás necesidades do mercado, que fundamentaba a política concentradora. 

Decerto, as comunidades non son suxeitos homoxéneos e ten habido, ao longo do tempo, posturas diverxentes a respecto deste proceso. Con todo, a lectura atenta de distintas fontes permitiunos observar unha vizosa defensa do sentido do policultivo por parte das comunidades –ou, poderiamos dicir, dun sentido común comunitario, nos primeiros tempos da concentración–. Esta capacidade de defensa iría minguando á medida que foron gañando terreo os sentidos e as razóns da especialización produtiva recomendada polo Banco Mundial e polo Fondo Monetario Internacional para o nordeste peninsular. 

Poderiamos observar o feixe de indicios que sustenta a hipótese anterior (a contumacia labrega reiteradamente recollida nos informes técnicos; a incomprensión de quen deseña polígonos de papel, en conversa con quen labra terras dispersas, boas para distintos cultivos) cos óculos do J. Scott de Seeing like a State (1998). Perante o alto modernismo que pretende impor un Estado autoritario, vemos alumar a metis da comunidade. Para este autor, podemos entender a ideoloxía do alto modernismo como unha forte confianza no progreso técnico, na expansión da produción, na crecente satisfacción das necesidades sociais, no dominio da natureza (sobre todo da natureza humana) e, por cima de todo, no deseño racional da orde social acorde co coñecemento científico das leis sociais. Cando estas ideas funcionan nun estado autoritario disposto a usar o seu poder coercitivo para materializalas, considera o autor, a combinación pode resultar letal para os sectores sociais que non teñen recursos para facerlles fronte. A un alto modernismo universalizador, xeralizador e simplificador, oporíase a metis, o coñecemento baseado na experiencia ou, pola propia terminoloxía de Scott, a «arte da localidade».

Aproximarnos da concentración parcelaria desde esta xanela conceptual axudounos a percibir un sentido común comunitario en confrontación coas políticas modernizadoras da ditadura. Mais, no remoer, preguntámonos en que medida estas dúas nocións en oposición (metis vs alto modernismo) poden parecerse á dualidade do atraso frente ao progreso ou, se queremos, da tradición frente á modernización. Cómpre, antes de seguirmos, recordar que estas dualidades analíticas tiveron concrecións históricas determinadas. É dicir, non foron soamente unha forma das ciencias sociais para clasificar sociedades, como tamén unha ferramenta lexitimadora de políticas específicas. Quizá caiba precisar que «modernización» e «modernidade» non son nocións sempre intercambiábeis. Poderiamos entender a «modernidade» como un proceso e como un tempo histórico, configurado particularmente a partir do século XVIII europeo. Para as décadas que centran aquí a nosa atención, podemos entender a «modernización» dun xeito máis acoutado. No tempo da chamada Guerra Fría, a Teoría da Modernización pautou un determinado modelo de desenvolvemento económico. Ordenaba as sociedades en distintas fases, desde as «tradicionais» até a meta da sociedade de consumo capitalista. E para «modernizar» as economías, había que «modernizar» as cabezas.

Ciencia frente a experiencia, atraso frente a progreso, tradición frente a modernización ou frente a modernidade. O que é que nos permiten ver estas dualidades para pensar a mudanza, e o que é que fica na penumbra?

Se é en confrontación que vemos o comunitario (esa contumacia labrada en común, eses sentidos conversados en espazos e tarefas compartidas), talvez precisemos separarnos da dualidade para poder ver o conflito. Volvemos, entón, a E. P. Thompson, quen ao estudar a Inglaterra do XVIII, o berce da Revolución Industrial, se ocupa da cultura popular en confrontación contra as presións reformistas das elites. Desde abaixo, dinos, a reforma, a innovación (se quixermos: a modernización, a racionalización) é histórica. Para a Inglaterra do XVIII, como para a Galiza de mediados do XX, trátase da innovación do proceso capitalista. En momentos diferentes e en formacións históricas distintas, esa innovación do proceso capitalista é experimentada ás veces polas clases subalternas en forma de explotación, expropiación de dereitos ou modificación agresiva das pautas de traballo e organización. De aí que E. P. Thompson, partindo de A. Gramsci, identifique a cultura plebea como rebelde, mais en defensa do costume, que é o que permite dotar de lexitimidade a protesta. E esa cultura debe entenderse dentro dunhas determinadas relacións sociais, dunhas determinadas relacións de exploración e de resistencia a esa exploración. Como distintos autores, tamén desde a Galiza, nos teñen axudado a advertir, baixo a apariencia do atraso pode encontrarse a dependencia. 

Hai algo esencialmente reaccionario na construción dunha casa de baño ou no dereito á auga corrente? Hai algo esencialmente emancipatorio no chan de terra que limpa unha Clara de xeonllos? Probabelmente sexan poucas as esencias, e esenciais as relacións. É a razón do Iluminismo o problema ou éo que se tornase razón-instrumento-da-burguesía? Trátase, ao cabo, dunha loita de razóns, ou trátase das distintas formas históricas que vai tomando a loita de clases?