Vivenda (veciñal) en man común? 

IMG_5589

Num contexto de crise habitacional e de pressão urbana derivada do turismo, a abertura de espaços à comunidade pode contribuir positivamente para um desenvolvimento urbano mais sustentável. O pesquisador Andrei Quintiá Pastrana propõe neste artigo a possibilidade de empregar o marco institucional dos montes em mão comum para imaginar um modelo alternativo na gestão da vivenda.

O monte veciñal en man común é unha das institucións típicas do dereito galego. Caracterízase por unha forma de tenza “comunitaria”, a medio camiño entre o público e o privado que orixinariamente respondía a usos e modos de explotación tradicional de recursos escasos. Hoxe conecta cunha nova interpretación do papel que debe desenvolver a propiedade na sociedade. A vixencia destas formas de xestión comunitaria do solo en Galiza pode axudarnos a imaxinar un espazo alternativo para a intervención comunitaria máis aló do monte, articulando proxectos colectivos de xestión de vivenda nas cidades galegas.

Boa parte do monte en Galiza –e en grande parte do noroeste ibérico–, correspondeu tradicionalmente á veciñanza. A diferenza dos montes comunais rexistrados noutras latitudes, os montes comunais galegos non son de titularidade pública. Teñen personalidade xurídica propia e o seu uso corresponde exclusivamente ao común das persoas que habitan as casas veciñas e derivan exclusivamente da condición “veciñal”. Isto é, as decisións sobre o aproveitamento acórdanse colectivamente e a titularidade non pode transmitirse a persoas que non moran no entorno inmediato do monte. Sendo de titularidade privada non se suxeitan a un uso “privativo”, senón “comunitario”, feto que os desvincula de moitas das lóxicas económicas do mercado.

Descoñecemos a orixe histórica desta institución, habitualmente interpretada como unha forma de “propiedade xermánica”. Se ben, conecta cunha extensa tradición de formas precapitalistas de aproveitamento colectivo da terra que hoxe se coñecen na literatura académica baixo o nome de “commons” (os “bens comúns” ou, simplemente os “comúns”). Os comúns galegos non ficaron á marxe dos procesos de “cercamento” que reduciron considerablemente estas prácticas tradicionais. Boa parte do monte comunal galego foi apropiado nos últimos séculos, substituíndo a tenza comunitaria por formas de posesión privativa compatíbeis co sistema de mercado. Con todo, a día de hoxe representan aínda arredor dunha cuarta parte do solo galego, segundo as estimacións da Xunta de Galiza. 

É posíbel que a posición periférica do país nos últimos séculos favorecese a conservación destas formas de explotación. En todo caso, o monte veciñal en man común gozou de tal vitalidade en Galiza que logrou resistir o proceso de “unificación nacional” iniciado polo Estado franquista, que buscou a abolición dos dereitos forais e especiais contrarios a un pretendido “dereito español”. A imposibilidade de aplicar integramente ao territorio galego o Código civil español resultou no recoñecemento pola ditadura, en 1963, de certas particularidades xurídicas galegas entre as que se encontraban os montes comunais. Xa no período autonómico, esta institución foi codificada na Lei de Dereito Civil de Galiza. Hoxe en día os montes en man común son unha institución capital do noso dereito propio e un lugar común nas conversas sobre a sociedade e idiosincrasia galega. 

A institución, conecta ademais, cos obxectivos de desenvolvemento sustentábel. Pode argumentarse que esta forma de tenza comunitaria favorece a custodia do territorio sobre dinámicas extractivas, na medida en que o aproveitamento do monte depende dunha vinculación residencial ao espazo. Só quen vive a rentes do monte pode explotalo. Só quen vai experimentar as consecuencias directas da actividade extractiva e os impactos desta sobre o medio ten dereitos de uso sobre o solo. Se ben nalgunhas comunidades de montes as prácticas colectivas parecen caer en desuso, diluídas polas expectativas creadas nunha sociedade de mercado, outras constitúen auténticos espazos de innovación para o desenvolvemento sustentábel. Neste sentido destacan as comunidades que nos últimos anos apostaron por alternativas produtivas, que acolleron a constitución de “comunidades enerxéticas” ou que se involucran na súa contorna con actividades de dinamización cultural e ambiental. 

Desde unha perspectiva internacional, os montes veciñais en man común conectan ademais cun debate académico, social e político sobre a posibilidade de organizar o uso da propiedade á marxe do Estado e do mercado. A partir dos anos 1990 os commons re-emerxeron no debate público como alternativa aos procesos de privatización que desde entón sacudiron o contexto occidental. A raíz dos traballos da economista norteamericana Elinor Ostrom – que cuestionou que o Estado e o mercado fosen as únicas institucións capaces de asegurar a sustentabilidade no aproveitamento de recursos escasos – moitas voces ollaron o pasado para rescatar ou revitalizar formas alternativas no uso do solo, da auga, da enerxía e doutros recursos básicos. Os principios de gobernanza que a investigación liderada por Ostrom identificou como esenciais aos commons encóntranse tamén no monte galego en man común: límites á transmisión de dereitos que aseguran unha vinculación á comunidade local, estrutura participativa e toma de decisión colectiva. 

Unha das áreas consideradas na investigación sobre os comúns é a vivenda. A tenza comunitaria da vivenda inclúe a cohabitación dun espazo común, xaora, mais tamén pode referirse á posesión ou administración da propiedade. A xestión colectiva da vivenda resulta de especial interese desde a perspectiva do desenvolvemento urbano sustentábel, non só polo seu carácter esencial á dignidade humana e a dependencia dun recurso escaso como o solo, senón tamén pola súa interconexión coa xestión de outros moitos recursos (auga, enerxía, paisaxe). A co-propiedade da vivenda, vinculada a quen habita o espazo posuído, pode incentivar prácticas máis sustentábeis no desenvolvemento e uso do inmóbel que redunden positivamente tamén nos barrios nos que se insiren. As experiencias de vivenda colectiva – fronte ás promocións públicas ou privadas orientadas a usos privativos – favorecen a dedicación de maiores espazos comunitarios que son aproveitábeis non só por quen ocupa a vivenda, senón tamén pola veciñanza máis próxima.

Figura 1. Monte vicinal em mão comum, Santiago de Covelo.

Por que en Galiza non se  protexe e incentiva este modo alternativo de tenza da vivenda que conecta con prácticas profundamente arraigadas na nosa tradición? Varias iniciativas cidadás buscaron articular desde hai un tempo experiencias de vivenda comunitaria en Galiza, como as cooperativas de vivenda en cesión de uso. Porén, ningunha mudanza normativa ou política até o momento amparou estas modalidades de xestión e uso da propiedade, que fican a expensas da ventura e risco das e dos seus promotores. Tendo en conta a tradición comunitaria que substituíu no uso do monte galego, non sería posíbel imaxinar tamén unha vivenda (veciñal) en man común, recollida e amparada polo noso dereito? Se xa dispoñemos do coñecemento, por que non refinalo e adaptalo para amparar xuridicamente outra forma de ver e usar a vivenda que redunde positivamente no benestar das nosas cidades? 

A renovación das institucións tradicionais para ofrecer novas solucións aos problemas da crise de vivenda non é unha novidade no Estado español. A tradicional institución da masoveria catalá – o contrato de aparcería polo que unha persoa traballa unha finca a cambio dunha renda que pode incluír o dereito a vivir na casa – foi trasladada e adaptada ao contexto actual na lei de vivenda catalá de 2007, baixo o nome de masoveriaurbana. Esta “nova” institución constitúe a cesión do uso dunha vivenda en mal estado en troco de asumir a súa rehabilitación. A súa implantación gozou ademais co apoio de políticas e programas das administracións locais catalás orientadas a divulgar e facilitar a súa implementación.

É certo que o traslado da institución do monte en man común ao contexto da vivenda ten un percorrido limitado en Galiza. A xurisprudencia centralista do Tribunal Constitucional sobre o dereito civil galego limitou amplamente as posibilidades de que o noso parlamento desenvolva, para actualizar, as súas institucións propias, como fixo Cataluña. Porén, existen outros modos de protexer ou promover prácticas innovadoras asentadas nunha longa tradición xurídica, social e cultural como a tenza común e a administración “veciñal” do solo. O noso parlamento pode, por exemplo, definir e delimitar estas formas de tenza comunitaria da vivenda legalmente, ao amparo da competencia autonómica en materia de vivenda. Igualmente, sería posible imaxinar políticas orientadas a garantir a “vivenda en man común” a través de convenios ou contratos de colaboración entre as administracións locais galegas e cooperacións ou asociacións de vivenda sen ánimo de lucro.

Esta última solución foi tamén ensaiada no contexto catalán pola administración metropolitana de Barcelona. O Ajuntament asinou en 2019 un convenio de colaboración coas principais asociacións de cooperativas de vivenda sen ánimo de lucro ou de lucro limitado para a cesión do dereito de superficie sobre inmobles e solo municipal abandonado. A cesión outorgouse por un prazo de 99 anos, de acordo coas normas de dereito civil catalán e coa condición de que o uso dos espazos desenvolvidos se conceda exclusivamente ás persoas inscritas na lista de demandantes de vivenda e a renda se determine de acordo aos prezos da vivenda de protección oficial. É o que os promotores do proxecto bautizaron como “colaboración público-comunitaria” para artellar vivenda asequible. 

En Galiza existen importantes bolsas de solo urbano degradado, de titularidade pública ou privada que pode ser recuperado para a comunidade a través destas formas de colaboración. A póla pública asegura que as iniciativas comunitarias alcancen obxectivos de interese público, como a provisión de vivenda social (a prezos asequíbeis e para demandantes de vivenda) ou a edificación baixo parámetros ambientalmente sustentables. A natureza destas formas de uso limita a transferencia de dereitos ao mercado e, polo tanto, contribúe a reducir o impacto de procesos especulativos ou de expulsión residencial, como a xentrificación ou a turistificación. A póla comunitaria promove prácticas social e ambientalmente sustentábeis e reduce os custes de desenvolver vivenda social nun contexto refractario ao gasto público. Esta colaboración, en definitiva, redunda positivamente no desenvolvemento urbano sustentable ao tempo que devolve á comunidade a custodia e administración directa do solo. 

A vivenda en man común é posíbel. Nun contexto de crise habitacional e presión urbana derivada da turistificación, abrir espazos á comunidade pode contribuír positivamente a un desenvolvemento urbano máis sustentábel. A posibilidade de trasladar o coñecemento herdado de séculos de tradición comunitaria á contorna urbana depende, en parte, da iniciativa cidadá, que xa demostrou que ten vontade e capacidade para iso. Pero require tamén que os poderes públicos galegos lle tendan a man a estas iniciativas sociais. Erixíndose como laboratorio de innovación social e ambiental, Galiza ten a oportunidade de recuperar para a comunidade o espazo perdido nos procesos de extracción do valor do solo urbano.

Caseteira

20€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF todos os números.
  • Lâmina original seriada.
  • 20% desconto no Anuário de Produção Crítica.
  • 10% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.

Caseteira

60€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • 30% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).

Caseteira

100€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Saco Clara Corbelhe.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • Livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).
  • Outras atividades de formação.

Caseteira

300€

Institucional

Colocamos ao dispor de outras entidades, públicas e privadas, uma colaboração de publicidade institucional e formação nas áreas de ciências sociais e humanidades.