Este texto da Sofía Fernández González apresenta uma aproximação ao limiar raiano através do conto Liño. Por meio da análise literária do conto de X. L. Méndez Ferrín, propõe-se a fronteira no Couto Misto como um espaço de resistência às imposições idiomáticas, mas também como força telúrica de pertença ao entorno.
As escisións e as fronteiras inflúen no xeito que temos de ollar a paisaxe, mais tamén da forma en que nos relacionamos nela. Neste enclave fronteirizo, O Couto Mixto –territorio independente até a súa adhesión á Galiza en 1864 en virtude do tratado de territorio hispano-luso– xorde como un lugar de configuración dunha identidade particular que posibilita a creación dunha representatividade simbólica e literaria, grazas a unha resistencia política e lingüística de seu. O Couto, recoñecido pola súa singularidade xurídica, organizouse historicamente como un espazo independente de facto, no cal o goberno era exercido por un xuíz, escollido a través de democracia directa. A particularidade do territorio propiciou unha serie de expresións culturais centradas na diferenciación do Couto Mixto respecto dos territorios adxacentes, así como tamén un fenómeno particular que aquí describirei como «telurismo lingüístico», referíndome á resistencia á estandarización na fala e á forte conexión desta coa propia terra mixta. O territorio adquiriu o nome de Raia, aludindo ao espazo das aldeas separadas tanto polos montes da contorna como polo río Salas. Anos despois da adhesión do Couto Mixto á Galiza, certas producións literarias galegas e portuguesas caracterizaron os arraianos, recuperando o ideario de resistencia da linguaxe, os costumes e o territorio.
Nas producións culturais en que se presentan os arraianos cóntanse historias das xentes do Couto, caracterizadas historicamente por teren unha cosmovisión única –ás veces esencialista–, normalmente asociada á súa independencia política. A representación que se fai dos arraianos é propia da realidade que atinxe a unha fronteira, a un terceiro espazo –concepto proposto polo académico Homi Bhabha no seu libro El lugar de la cultura no 1994–, un lugar que non pertence culturalmente aos dous espazos que o limitan, senón que xorde como unha alternativa a estes, como algo novo e diferenciado capaz de resistir as presións gobernamentais ou, no caso mixto, de oporse a elas. Con todo, ás veces o simbolismo do liminar trátase como un compoñente que chega até a simboloxía mística. Exemplos literarios disto son elementos tanxíbeis que traspasar como unha porta, unha ponte ou unha fronteira: unha raia delimitada pola natureza, a auga, as fragas e o monte mesto. Ditos espazos dan lugar a producións híbridas en que os habitantes e os elementos sociais e culturais que producen son parte dun ollar e xeito de facer novo.
Michael Foucher, no seu libro Les frontières (1988), define a fronteira como «un mecanismo de regulación que salvagarda a existencia ante o risco de caos». Neste senso, pobos como o acadiano ou o occitano, igual que o arraiano, representan espazos de oposición á uniformidade e de preservación da identidade territorial. Ademais, como sinala a académica Paula Godinho no seu artigo «Fronteira e cultura de Orla: Grupos sociais e mudança social na fronteira entre Chaves e Verín» (2020), a fronteira entre Galiza e Portugal deu a posibilidade dunha lingua común, creando representacións colectivas que se escindían da construción dos estados-nacións e usualmente se opuñan a estes.

A través desta concepción liminar propoño analizar o conto «Liño» de Xosé Luís Méndez Ferrín, pondo no foco o xeito en que o Couto foi un lugar de preservación lingüística e resistencia política contra o centralismo e a unificación lingüística. A través da fabulación, Méndez Ferrín representa os arraianos como axentes políticos que non se dobregan ante a imposición urbana, nin tampouco diante da estandarización ou da perda da linguaxe. A través da trama narrativa dos contos recollidos na escolma Arraianos (Méndez Ferrín, 1991), o autor crea relatos capaces de simbolizaren procesos de subversión. Arraianos recolle dez contos ancorados en momentos históricos diferentes como a posguerra («Botas de Elástico»), a ditadura fascista («Eles») e a Idade Media («Adosinda horrorizada»), mais tamén espazos simbólicos como o tempo da soberanía do Couto como espazo de seu («O exclaustrado de Diabelle» e «Liño»). Arraianos, malia ser unha escolma de contos independentes, confórmase como unha peza interconectada onde as historias están atravesadas pola exploración do Couto como un espazo de seu. O espazo diexético da peza configúrase ao redor destes lugares, circundados polo monte Penagache, e xorden como demarcacións independentes tanto da Galiza coma de Portugal.
No conto «Liño», Méndez Ferrín presenta unha historia de mercadorías do tecido do liño e a negación de Misia, a nena coxa que vive nunha cripta, de ir a Ourense para formar parte da cidade, e N., un home de trinta anos pobre que confunde o afogamento dun neno coa colleita do liño. O sentimento de pertenza á Raia da protagonista, Misia, é acentuado polas descricións do traballo do liño, o xeito que se ten de facelo e os tributos a pagar polas xentes do lugar. No conto de Méndez Ferrín, cunha prosa case críptica, Misia láiase pola morriña que ten de N., quen traballa o liño coas mulleres no outro lado da Raia, fóra do Couto, así como da imposibilidade de Misia de atoparse lonxe do seu anaco de terra que é o Couto Mixto. Méndez Ferrín establece unha tensión a través da dualidade entre eles (cidade, fóra da raia) e nós (os arraianos), os pobos do lado galego da Raia e os pobos do outro lado da Raia, xa en Portugal: «Dourado, si, o cabelo de N. Do outro lado da raia, quero decer, no outro cabo da canella, está a Assoreira, que xa é Portugal» (Méndez Ferrín, 1991: 57); mais tamén como unha dicotomía entre a ruralidade e a cidade: «impuxérase nas profundidades do comedor familiar da Rúa de Santo Domingos, en Ourense» (1991: 58). Dentro do imaxinario de Misia, establécese unha diferenza entre a súa Raia natal e o espazo de fóra, substantivamente diferente: «Esquencera as palabras, custábame un traballo inmenso a menor pronunciación» (1991: 59), configurando deste xeito a linguaxe como un elemento clave da súa identidade durante todo o relato, en resposta a unha fala urbana que lle resulta allea e grotesca: «Cada conversa urbana semellábame un intercambio de gorgorismos insensatos» (1991: 59). Así, a fala urbana en Ourense reflicte o poder centralista do estado español en contraposición ao uso do galego que se da no Couto.
Neste sentido, é importante ollar a cripta en que se encontra Misia, na Raia, a cal propoño como unha metáfora de preservación fronte aos ataques contra a lingua: «Non podía seguir falando (…) son feliz dentro do meu mutismo, na Cripta» (1991: 61). No seu artigo «A Raia galego-portuguesa em debate: Perspectivas multidisciplinares sobre uma estrutura administrativa herdada», as xeógrafas Sabela Labraña, Elisabete Pais e Valeria Paül (2004) propoñen como no conto «Liño» se dá unha loita entre o inconsciente e o consciente en que as forzas telúricas se manifestan intensamente; a independencia da raia permite o abrollar da lingua. Neste senso, a fronteira non só separa senón que agroma coma un espazo de resistencia contra o poder centralista do estado español. Como sinala novamente o traballo etnográfico de Godinho, a creación da fronteira dificultou a vida da xente nas aldeas da raia, imposibilitando o comercio veciñal e propiciando un despoboamento no caso portugués.
A forza que dá a Raia aos seus habitantes é explorada a través do soliloquio mental de Misia, mais, sobre todo, na calidade velada da propia estrutura do conto, que oscila entre o mundo material do espazo e o simbólico da linguaxe. O silencio e Misia é interrompido polas voces do campesiñado cando está a labrar e polos seus propios pensamentos, afincados no medo a marchar do Couto e da cripta. Así, este soliloquio mental é unha ferramenta política de resistencia á estandarización, un reclamo telúrico da súa identidade raiana. A lingua debe resistir na práctica contra as imposicións; ao castelán que falan fóra, na cidade: «Todos os mínimos actos do noso falar, que un executa mecánica e inconscientemente, facíanseme autónomos, monstruosos, substantivos; revelábanseme idiotas, coma unha especie de ximnástica grotesca» (1991: 59).
Na Raia, o galego é un elemento común que non se subleva ante a expresión regrada da linguaxe da cidade, nin moito menos o centralismo do estado español. Deste xeito, o telurismo maniféstase de xeito lingüístico –na fala–, mental –no soliloquio– e material –cripta (dentro, natureza) e fóra (cidade). Non é soamente o modo que teñen as xentes de falar, senón as diferenzas que se establecen entre a fala delas e a doutra xente. De novo, estes “nós” e “vós” agroman no relato a través do vocabulario que Méndez Ferrín presenta, coidado minuciosamente, co xeito de manifestar as ancoraxes semánticas con que o autor imaxina unha lingua non sublevada á dominación: «A lingua común resultábame allea. Entendía as palabras, pero estaba fóra delas» (1991: 59). A expresión místico–fantástica na Raia non é daquela unicamente manifestada nunha rexión senón tamén na autorreferencialidade dos personaxes e persoas que a habitan e na autonomía que teñen en relación a outros territorios lindeiros, a capacidade de autodeterminación política e lingüística. A diferenza confórmase nos lugares fronteirizos como unha estratexia de rebeldía ante o centralismo (no caso de «Liño», simbolizado a través da cidade), mais tamén coma unha imposición cara ao comercio veciñal, cara á construción da comunidade no rural. A alteridade configúrase coma un dos recursos de caracterización en Arraianos: definir os outros será un xeito de definirse unha mesma. Con todo, os habitantes da Raia seca están impregnados dun sentimento de saudade inscrito no seu propio devir como pobo, finalmente adhesionado ao Estado español e, daquela, dun pobo que ve constantemente atacada a súa propia lingua.Os arraianos foron representados como xentes dunha terra que fiaron as súas vidas ao redor da contorna que habitaron. A identidade Mixta, a importancia da organización veciñal e o telurismo lingüístico que se fai presente no Couto conformouse como un modo de ser ancorado nun espazo: non é daquela a mestura da Galiza e Portugal dando lugar a unha pequena parcela galego–portuguesa, senón un lugar independente en que a fala natural, o galego, a insubmisión, a resistencia e a soberanía conforman o territorio. O Couto Mixto histórico é lembrado a día de hoxe a través da reminiscencia dun pasado simbólico e esencialista, asociando os arraianos a figuras de corte mítico. Pola contra, precisamos entender como estas tres aldeas fronteirizas supuxeron un bastión de resistencia á centralización e á asimilación do territorio, feito ao que é interesante ollar para pensar as estratexias subversivas na nosa propia nación.