Petroglifos®: os novos ícones ou a resignificación simbólica da arte rupestre galega

foto2BN

Como é que são utilizados os símbolos da nossa pré-história hoje em dia? Que papel jogam os petróglifos na Galiza do século XXI? Através da análise de diferentes casos, Tre García aproxima-se dos usos do património arqueológico e as imagens pre-históricas como ferramentas de construção da identidade corporativa galega.

Introdución: orixe dos petróglifos galegos 

A nosa historia é representativa da nosa sociedade. Durante o tempo en que a humanidade habitou esta terra sempre foi quen de darlles uso aos recursos que tivo ao seu redor, incluíndo a súa propia cultura, pasada e presente.

A creación da nosa arte rupestre, dos petróglifos e gravados que atopamos ao longo do territorio galego (e máis por todo o litoral atlántico europeo), remóntase paradoxalmente ao tempo en que nin sequera existía a Galiza.

Os petróglifos son pegadas das xentes que habitaron esta terra hai miles de anos: na idade dos metais prehistórica (aproximadamente entre o 3000 e o 400 a.C) aparecen rexistros gráficos nas pedras que mostran unha rica cultura simbólica e que conecta con moitas esferas da existencia humana e da súa cultura. O sagrado é reflectido a través de rituais e ídolos, do culto á metalurxia e ás armas, dos calendarios, dos camiños e dos mapas, e de moitísimos outros signos que, por mor da distancia temporal, nin podemos interpretar hoxe en día. Eses símbolos adoptan formas moi diversas, sendo as máis coñecidas os círculos concéntricos, os labirintos, os animais e as cazoletas, cunha variedade global que é abraiante, ao tempo que única, dentro da contorna do arco atlántico.

A pesar do anterior, a ampla separación cronolóxica entre os distintos petróglifos fai que non sexa posíbel estabelecer unha interpretación firme do seu significado global pois os achados arqueolóxicos e a falta de fontes escritas que se poidan usar de comparación non son suficientes. Isto provoca un baleiro de significado que, como veremos, pode ser enchido  de moitos xeitos, non sempre acertados ou científicos e ás veces leximitimados baixo o prestixio cultural ou o turismo. Até, ás veces, esas interpretacións son froito directo da manipulación iconográfica.

A apropiación gráfica da arte rupestre galega: uso do pasado para construír a Galiza do presente

A iconografía e o uso dos grafismos son aspectos esenciais da construción da identidade cultural dun pobo. Son eses símbolos os que nos revelan a historia dun lugar e das súas xentes. No caso galego é especialmente singular, pois o fenómeno esténdese a unha enorme cantidade de ícones que vemos reflectidos por toda a parte: cruces e cunchas do Camiño de Santiago; predios como o Pazo de Raxoi, a Torre de Hércules ou a muralla de Lugo; escudos, estrelas, sereas, espirais, elementos vexetais como follas de carballo, torques, trísceles… e tantos outros.

Estas imaxes conéctannos coa nosa cultura, e por iso  son usadas a nível institucional, comercial e social como representación da sociedade galega: convértense nunha condensación gráfica da identidade da Galiza a través de iconografía histórica propia.  Ese proceso de re-significación implica tamén unha manipulación do patrimonio cultural.

Podemos consultar o traballo de Jorge Guitián Castromil e Antonio de la Peña Santos, «Grabados en la memoria. Arte rupestre del Noroeste: reasignaciones significativas y pervivencia icónica» (Cuadernos de Arte Rupestre, 2007) para profundar neste fenómeno a través da trivalencia do patrimonio cultural, isto é, a tríade de valores que lle outorgamos para encaixalo no modo de vida que define a nosa sociedade capitalista:  o valor de uso (o patrimonio coma un recurso cultural), o valor simbólico (un elemento lexitimador e vinculante co pasado), e valor formal (asociado coas características estéticas e plásticas).

A partir destes valores, entidades como institucións administrativas, comercios ou asociacións, fan uso dos elementos gráficos do patrimonio cultural como parte da súa imaxe corporativa, creando un vínculo entre identidade colectiva e valores de marca. Normalmente esta asociación aparece no logotipo, mais tamén pode chegar a alcanzar outros e elementos decorativos como os cartazes ou o propio produto.

Esta forma de ornamentación prodúcese desvinculando completamente o elemento patrimonial do seu contexto original; o cal, consecuentemente, deriva nunha perda de significado notable, reducíndose o elemento resignificado a un simple elemento estético. Aínda que adquire unha nova dimensión conceptual, é propia marca quen decide sobre ela

Os petróglifos galegos e a arte rupestre en xeral están caracterizados pola trivalencia descrita, como non podía ser doutro xeito. O uso deles como ícones na actualidade (nalgúns casos máis recoñecíbeis do que noutros) é moi común; operan como indicadores e identificadores do patrimonio galego e acordan sentimentos de pertenza, tradición e lonxevidade; apelan ao sentido da galeguidade como reclamo de prestixio cultural e identitario, atractivo turístico, ou un nexo co pasado.

Este feito pódese testemuñar a través de numerosos exemplos en diversos ámbitos. É o caso de logotipos gobernamentais coma o de Sogama (antes de ser renovado recentemente), o da Consellería de Medio rural, o emblema de Artesanía de Galicia, Terras de Pontevedra ou a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Tamén hai exemplos de comercios e empresas que fan o mesmo uso, como Sargadelos ou o desaparecido Banco Galego; mesmo como parte de simboloxía política, como é o caso do logo do partido Unión do Povo Galego.

Este é o modo máis fácil de estabelecer unha conexión inmediata entre o ancestral e o moderno, levando a Galiza da prehistoria ao presente. Así, o uso gráfico da arte rupestre aparenta ser un xesto de valoración da nosa cultura; mais, por iso mesmo, adoita ser tamén a base da manipulación ideolóxica do patrimonio con fins partidistas, especialmente  o levado a cabo polas administracións gobernamentais.  Estas utilízano para conectar o patrimonio con a ideoloxía propia, dotándoo dun significado partidista que non está presente nas imaxes orixinais.

Mais, como adoita ser o habitual co patrimonio gráfico galego e, especialmente no caso da nosa arte rupestre, que exista representación ou identificación corporativa que aluda á prehistoria non quere dicir que esa admiración teña algunha repercusión práctica como, por exemplo, un especial coidado; máis ben, adoita acontecer xustamente o contrario. 

Os petróglifos galegos na actualidade: a outra cara da moeda

Agás casos moi concretos de xacementos musealizados e acondicionados, coma o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro  (nas súas siglas PAAR, Campo Lameiro), ou a Área Arqueolóxica de Mogor (Marín), a maioría de xacementos con petróglifos ao longo do territorio galego atópanse en condicións de mantemento nefastas, chegando incluso ao estado de abandono, a pesar dos intentos de mellora no seu acondicionamento nos últimos anos. Valados e sinalizacións caídos ou desaparecidos baixo vexetación sen rozar, camiños sen desbravar, sucidade, atentados, incendios e outros acontecementos (provocados ou accidentais), que atacan contra a integridade da nosa arte rupestre e a poñen en altísimo risco de desaparición.

Cómpre aclarar que o patrimonio cultural, embora proveña do pasado, é un ente que flúe e muda de significado segundo o devir social. Por tanto, pretender que non ten ideoloxía, ou desposuílo dela, non é acertado; iso é o que acontece ao desvirtualo e utilizalo de xeito partidista a través da reapropiación dos símbolos do noso pasado para modificalos para  intereses particulares.

Isto é especialmente relevante e debe terse moi presente no caso da arte rupestre, pois, como xa se comentou anteriormente, a distancia temporal con ela impídenos poderlle dar resposta á pregunta de cal é o seu significado. Forzar un significado artificial con fins cuestionábeis é un erro.

Este tipo de estratexias, aínda que semellen positivas, sobre todo cando se trata das administracións públicas que as perpetran, non son máis do que un xeito de manipular conceptualmente o patrimonio máis vulnerábel, co obxectivo de dar unha imaxe positiva de coidado e respecto da identidade galega a través da súa arte rupestre, cando na realidade, non se valora nin se protexe como debería.

Non é só o feito de desvincular un elemento que se atopa totalmente relacionado coa paisaxe e o seu contorno, como son os petróglifos galegos, reducíndoos a un simple compoñente ornamental, senón o uso que desde as institucións se lles otorga, como unha peza de construción identitaria e lexitimadora dun discurso imposto. Tal feito demostra o verdadeiro valor que se lles atribúe: a súa redución a unha máscara. Os petróglifos en si mesmos, porén, quedan nestes casos esquecidos por culpa de políticas que desvinculan o goberno central da súa protección e desmantelan a investigación cultural no país.

A arte rupestre e o patrimonio arqueolóxico son elementos culturais moi fráxiles pola súa natureza. Calquera mudanza sen o mantemento adecuado pode ser fatal, provocando a súa desaparición irreversíbel. Para protexer a nosa arte rupestre non só é necesario conectar a sociedade galega actual co seu pasado e alimentar o sentimento de identificación social co patrimonio, senón tamén investir recursos para a súa investigación e conservación. Para que haxa identificación ten que ficara algo co que se poder identificar; non será así se deixamos que o abandono e a falta de coidados resulten na súa desaparición.

Estes tres elementos: identidade, investigación e protección son extremadamente importantes, polo que debemos loitar porque os tres sexan unha realidade. Existen moitas persoas na Galiza que traballan por que isto así sexa, e as institucións que nos gobernan deberían apoiar ese desexo colectivo e non esquecer que o patrimonio é de todes.

Caseteira

20€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF todos os números.
  • Lâmina original seriada.
  • 20% desconto no Anuário de Produção Crítica.
  • 10% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.

Caseteira

60€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • 30% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).

Caseteira

100€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Saco Clara Corbelhe.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • Livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).
  • Outras atividades de formação.

Caseteira

300€

Institucional

Colocamos ao dispor de outras entidades, públicas e privadas, uma colaboração de publicidade institucional e formação nas áreas de ciências sociais e humanidades.