O programa político de clase na crítica da economía política. Resposta a Pedro M. Rey Araújo

fotoJorgeSeijo

Qual é a especificidade da política nas sociedades capitalistas? Qual o papel das classes sociais na política transformadora? Jorge Seijo dá continuidade ao debate iniciado por Pedro Rey Araújo sobre os quadros estratégicos da política emancipatória, defendendo a necessidade de regressar à obra de Marx.

Este artigo constitúe a segunda resposta ao debate aberto por Pedro M. Rey Araújo no Caseto de Clara Corbelhe a respecto da relación entre a crítica da economía política (CEP) e a acción política. Neste debate, Rey Araújo defende a «autonomía relativa» da segunda ao respecto da primeira. Partindo dunha concepción diferente do que é a crítica da economía política, neste artigo tratarei de estabelecer, de maneira xeral, os fundamentos desta e o seu vínculo inmanente coa política. Para alén disto, tratarei a cuestión das clases sociais e a súa expresión como suxeito revolucionario.

En primeiro lugar, partillo a caracterización xeral que fai Rey Araújo da CEP como proxecto do Marx serodio, así como dos obxectivos políticos aos que esta apunta; nomeadamente, a apropiación consciente da produción social. Certamente, da obra última de Marx non se desprende un programa político mecanicamente aplicábel á actualidade, pois o proxecto da CEP ficou interrompido abruptamente e, por tanto, inacabado. Porén, estou en desacordo coa afirmación de que a CEP sería demasiado abstracta como para concretarse nun determinado programa de acción política, delimitándose así unha esfera política cunha relativa autonomía. O Capital non é un receitario de cociña, mais si o presuposto básico para unha política revolucionaria. En suma, para min a CEP non é un mero «cadro teórico».

Marx pretendía que a acción política do emerxente movemento socialista da altura operase baixo un coñecemento científico do obxecto a transformar: isto é, por unha banda, da sociedade burguesa e das súas leis históricas; por outra, dunha acción política con consciencia de si, quere dicir, das súas determinacións. A política, baixo as coordenadas da CEP, apunta para a aprehensión das determinacións do ser social no capitalismo, tanto dos seus contidos obxectivos como dos modos de subxectividade que emerxen deles. Tal subxectividade vai das determinacións máis simples e abstractas até as máis concretas, sinalando as contradicións inmanentes da sociedade burguesa e as posibilidades para a súa propia superación.

Como se expón no Capital, a mercadoría é a célula económica da sociedade burguesa e constitúe a determinación máis simple da conciencia na sociedade presente, pois contén no seu seo a contradición máis básica da sociedade capitalista: a existente entre riqueza material (valor de uso) e a riqueza social capitalista (valor). A mercadoría constitúe tamén o vínculo social indirecto a través do cal os diferentes propietarios das mesmas se relacionan entre si, de xeito que as relacións sociais asumen a forma de relación entre cousas. Os individuos, libres de vínculos de dependencia persoal, existimos como personificación de determinadas mercadorías; isto é, nós somos a nosa propia mercadoría. As dimensións que se desprenden da mercadoría abranxen, entón, tanto as relacións dos seres humanos coa natureza como as relacións sociais que as persoas estabelecen entre elas mesmas (por tanto, a política).

A concepción da autonomía relativa do político defendida por Rey Araújo non ten en conta esta dobre dimensión da CEP, simultaneamente técnica e social. Baixo esta óptica (ao xeito do economicismo do marxismo tradicional, da economía vulgar e de todas as ciencias sociais derivadas) a economía é entendida como unha serie de relacións técnicas contrapostas exteriormente a unha esfera ético-política, onde existiría unha vontade abstractamente libre. Suprímese así o carácter contraditorio da relación de capital entre traballadores libres e posuidores dos medios de produción, do que resulta unha sorte de estrutura unidimensional, libre de contradicións, onde toda subxectivación ten de emanar dun exterior indeterminado. A conciencia social e a potencia revolucionaria son, no esquema de Rey Araújo, externas á propia relación social. 

Rey Araújo tamén nos fala dunha lóxica capitalista impersoal, apreciación coa cal coincido. Porén, ao avanzarmos no desenvolvemento sintético das determinacións do modo de produción capitalista (é dicir ao achegarnos aos niveis de abstracción máis concretos), atopamos como este, para alcanzar a autoexpansión, precisa dunha fonte concreta: a compra mediante o diñeiro como capital por parte do capitalista individual, e o traballador como personificación da mercadoría forza de traballo. Partindo desta nova determinación, vese que os presupostos lóxicos máis abstractos adoptan a súa forma concreta e necesaria nunha serie de relacións políticas directas. Así, a dinámica impersoal dunha sociedade constituída por personificacións de mercadorías toma a forma dunha loita antagónica entre clases sociais. 

A duración da xornada laboral, por exemplo, non se acha determinada de maneira inmediata, mais a través dunha loita, de dereito contra dereito, entre compradores e vendedores da mercadoría forza de traballo. Ambos os polos deben estabelecer necesariamente vínculos políticos directos de solidariedade e competencia para se constituíren en clases sociais en loita e poderen fixar a duración da mesma: por unha banda, o capitalista individual busca a extensión máxima da mesma; pola outra, a clase obreira procura a venda da forza de traballo polo seu valor. A loita de clases (podemos chamar isto «Política») aparece como a forma na que se realizan as propias contradicións da relación de capital. 

Pasemos agora a outra das críticas de Rey Araujo. Este afirma que o suxeito político non se pode derivar directamente a partir de dinámicas abstractas, algo co que concordo. Para avanzar nas determinacións concretas do suxeito revolucionario é preciso avanzar a niveis de abstracción máis concretos. Porén, Rey Araújo sostén que o desposuimento con respecto ás condicións que permiten a súa reprodución, como determinación do proletariado, peca dun reduccionismo abstracto. Perante isto, contrapón unha concepción da clase social que unicamente opera nun nivel teórico. Mais, na realidade, existen grupos e individuos indeterminados, os cales virían supostamente a anular os presupostos teóricos da CEP. Difiro nisto, pois Rey Araújo sucumbe ante as aparencias da esfera da circulación de mercadorías: existiría unha sociedade de individuos autoconstituídos por nada máis que a súa propia vontade, e que compiten nun mercado pola obtención de recompensas. Subxace aquí, entón, unha ontoloxía liberal típica das ciencias sociais bastante afastada de calquera proxecto emancipatorio. 

Para Rey Araújo, as clases resultan un mero constructo teórico e subxectivo da persoa investigadora, un universal abstracto; ou, dito por outras palabras, unha agrupación artificiosa ao gusto da teoría social. A clase deixaría así de ser unha categoría relacional, a personificación de determinadas categorías económicas respecto da compra-venda da forza de traballo (isto é, a relación antagónica a través da cal a relación social de capital se constitúe), para referir a unha categoría meramente posicional, sociolóxica, descritiva e carente de todo contido antagónico. Cabe recoñecer a Rey Araujo a tarefa de rescatar unha das tarefas pendentes do marxismo contemporáneo, isto é, concretizar, a partir das categorías lóxico-funcionas (formas), as clases nunha serie de figuras concretas na realidade inmediata. 

Achegarei aquí unha serie de observacións. A CEP non ten unha dimensión externa á historia. O capital implántase na súa propia temporalidade, e para dar conta dos movementos sociais actuais como expresión da loita de clases é preciso avanzar cara a un nivel de abstracción máis concreto, isto é, unha análise conxuntural como desenvolvemento concreto das contradicións do modo de produción capitalista. Como, efectivamente, na CEP até onde Marx a desenvolveu, non se desprende un programa de acción política inmediatamente aplicábel, debemos continuar facendo intelixíbeis as determinacións sociais do capitalismo contemporáneo, sen que isto implique a negación dos presupostos implícitos nas categorías máis abstractas da CEP, e sen acudir a cadros conceptuais externos ao noso obxecto de estudo. 

Aquí cómpre dar unha serie de notas sobre as determinacións do capitalismo contemporáneo. Este atópase, na actualidade, afectado pola crise de sobreprodución iniciada na década dos 70; pola extensión do crédito e do capital ficticio como elemento de extensión do consumo sociais; pola  fragmentación subxectiva e produtiva do obreiro colectivo a escala mundial; pola relocalización das diferentes fases do proceso de produción; polo auxe dos sectores de servizos e loxística, a automatización da produción e informartización da liña de montaxe; e pola extensión inxente das diferentes capas da poboación sobrante. Nesta última tendencia atopamos a chave para comprender movementos sociais contemporáneos, como o 15M, como forma de expresión da loita de clases. Unha serie de figuras correspondentes a unha fracción do proletariado hipercualificado e novo con aspiracións a incorporarse ás capas máis acomodadas da clase obreira, viuse violentamente expulsada á condición de sobrepoboación flotante. Estas fraccións do proletariado, ao seren excluídas do proceso inmediato de produción, percébense afastadas da figura do obreiro fabril, e isto conduce á emerxencia de formas de representación política populistas diferentes ao vello movemento obreiro.

A clase obreira é o suxeito da emancipación universal, porque nas súas determinacións sociais o proletariado se sitúa como un dos polos fundamentais da relación de capital: o traballo vivo. A auto-valorización do capital dáse a través da apropiación de plusvalor, e o proletariado fica no corazón do modo de produción capitalista. O propio capital, mediante a produción de plusvalía relativa, vai amosando a superfluidade da clase burguesa, ao colocar o proletariado na xestión e na produción científicas. Porén, a forma capitalista de produción social impón límites a estas tendencias. Albíscase así a posibilidade de que o proletariado, nunha primeira etapa, centralice nas súas mans o capital social total a escala mundial e elimine como clase á burguesía. Neste proceso de apropiación das potencias do traballo social, o propio proletariado, asociado a partir da afirmación das tendencias existentes na relación de capital, négase a si mesmo. Desta forma, o fundamento da súa potencia histórica procede das propias contradicións sociais existentes, non nun exterior transcendente.

Un dos presupostos fundamentais desta asociación é a independencia política de clase. Ao entender a determinación de clase como unha mera abstracción indeterminada, Rey Araújo deixa sempre aberta a posibilidade de introducir intereses de clase que operen en contra dunha asociación coa potencialidade histórica de superar o capitalismo. Como se podería evitar unha asociación indeterminada, nunha alianza co pequeno capital, co rentista ou coa burguesía nacional? Nin sequera estas preguntas poden saír á luz baixo a óptica de Rey Araujo, xa que non existen clases, senón individuos e sumatorias subxectivas dos mesmos (isto é, «grupos»). 

Rey Araújo tamén expón que, a carón da clase, existen outras formas de dominación externas, como a relativa á opresión de xénero. Non concordo en absoluto con esta postura. Acho que mesmo impide facer intelixíbel este tipo de opresións (a explicación das mesmas remitiría a unha tautoloxía: a opresión de xénero explícase polo xénero mesmo). No seu lugar, e retomando a discusión das clases sociais, penso que partir da determinación concreta a partir da forma clase tamén nos permite dar conta da existencia de opresións concretas no seo do proletariado. Así, a opresión opera como unha forma de competencia intra-clase, como un modo de existencia da loita de clases, dificultando as posibilidades de constituír un suxeito revolucionario realmente efectivo. Entender estas lóxicas como internas á lóxica do capital permítenos expoñer a necesidade, así como a posibilidade, da súa superación a través dun programa político de clase, sen ter que recorrer, ao xeito de Rey Araujo, a suxeitos meramente discursivos. 

Caseteira

20€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF todos os números.
  • Lâmina original seriada.
  • 20% desconto no Anuário de Produção Crítica.
  • 10% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.

Caseteira

60€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • 30% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).

Caseteira

100€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Saco Clara Corbelhe.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • Livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).
  • Outras atividades de formação.

Caseteira

300€

Institucional

Colocamos ao dispor de outras entidades, públicas e privadas, uma colaboração de publicidade institucional e formação nas áreas de ciências sociais e humanidades.