O Galician Noir perante o deserto do real: notas para unha aproximación diferente á realidade criminal na Galiza

David Castro

A corrente de produtos audiovisuais (de circulação galega, estatal e transnacional) que mostram um entorno rural galego violento não fez senão crescer nas últimas décadas. Porém, quanto há de realidade nessas estampas? O investigador en direito penitenciário e criminologia, David Castro Liñares, contrasta as políticas de representação associadas ao Galician Noir com os dados existentes a respeito da realidade criminal galega.

Unha paisaxe crepuscular nun entorno natural. Voces en off conversan. Ao mesmo tempo, soa unha base instrumental, a servir ás veces de fío condutor dunha secuencia que logo desemboca na imaxe, máis ou menos explícita, dun crime. Así comezan moitos dos produtos audiovisuais do que deu en coñecerse nos últimos tempos como Galician Noir. Dito isto, e embora conte cunha tradición literaria preexistente, o Galician Noir actual parece non seguir ese camiño. Conforma, antes, unha sorte de spin off do Nordic Noir que tanto suceso mediático tivo nos países do Norte Global durante as últimas décadas, como ten apuntado o estudoso Glen Cleber no seu artigo «Killing Us Softly: Investigating the Aesthetics, Philosophy and Influences of Nordic Noir Television» (2015).

Asumido isto, o Galician Noir constrúe o seu cadro narrativo tomando como referencia unha Galiza afastada, inhóspita e inclemente. Unha terra que toma do folclorismo e da mística as ferramentas con que constrúe un imaxinario colectivo, por súa vez, fortemente marcado pola endogamia e a oposición militante tanto ás mudanzas como ás influencias externas. En definitivo, unha Galiza túzara de cerna violenta, poboada por xente que reaxe de forma agresiva perante todo o que entende como un ataque ao seu modo de entender a vida.

Ora, cabe preguntarse se o cadro narrativo en que se insiren estas historias ten algún apoio na realidade criminal galega. Co intuito de aproximar unha resposta, podemos acudir á información estatística existente. En primeiro lugar, e como primeira parada, os datos ofrecidos polo Ministerio del Interior do goberno de España para o ano 2021 din que na Galiza se produciron un total de 18 homicidios/asasinatos repartidos provincialmente do seguinte modo: 7 na Coruña, 6 en Pontevedra, 4 en Ourense e 1 en Lugo. Á vista disto, pódese inferir que a distribución de homicidios/asasinatos na Galiza está fortemente condicionada polo volume e distribución populacional do territorio. Así pois, e de acordo cos datos populacionais do Instituto Galego de Estatística, Galiza no ano 2021 tiña unha populación de 2.695.645 persoas distribuídas territorialmente da seguinte maneira:  A Coruña: 1.120.134 habitantes, Pontevedra: 944.275 habitantes, Ourense 305.223  habitantes e Lugo 326.013 habitantes. 

Analizada en conxunto, esta información permite pensar na existencia dunha correlación entre a posibilidade de ser vítima dun delito violento con resultado de morte e o volume de xente que habita nun territorio. Dito por outras palabras, ficar nun lugar máis poboado constitúe un factor de risco determinante á hora de ser vítima dun homicidio. En concreto, e posto de forma proporcional, a provincia da Coruña representa 41.55% da populación galega en 2021 e foi o lugar onde se produciron 38.89 % dos homicidios/asasinatos da Galiza. No caso de  Pontevedra, supón 35.03% da populación e 33.33% dos homicidios/asasinatos. Relativamente a Lugo, a súa populación é 12.09% e posúe 5.5% dos homicidios/asasinatos e por último, Ourense  representa 11.32% da populación e 22.22% dos homicidios/asasinatos. 

Así pois, o recén exposto entra en contradición dun xeito frontal coa política de representación asociada ao  Galician Noir,que describe o rural galego como sendo un lugar especialmente violento e perigoso. Tanto é así que a potencialidade criminal asociada a este relato aumenta coa presenza de factores como o isolamento físico producido pola confluencia dunha orografía accidentada e unha infraestrutura precaria, a existencia dunha atávica desconfianza dos residentes para cos forasteiros ou a plena vixencia dunha sorte de omertá capaz de acubillar calquera dos membros da súa comunidade. 

Argumentamos, por tanto, que os datos apresentados non apoian o argumento de que a ruralidade constitúe un elemento chave para explicar a distribución dos homicidios/asasinatos na Galiza. De facto, e tal como sosteñen os estudos en criminoloxía rural de Marieke Liem, a dicotomía rural/urbano non proporciona información conclusiva para explicar os patróns de comportamento ligados á comisión de homicidios/asasinatos. Neste sentido, factores inherentes ao agresor, a relación mantida coa vítima ou mesmo razóns vinculadas ao control de mercados ilícitos explican mellor este tipo de actos que a dicotomía rural/urbano.

Toda vez que a ruralidade non parece exercer unha influencia determinante para  explicar o fenómeno da criminalidade homicida, parece adecuado preguntarse se o Galician Noir pode sosterse sobre a base que lle ofrece outra das súas premisas fortes: a hipótese de a Galiza ser un territorio especialmente violento onde os homicidios e asasinatos fan parte da paisaxe social dun xeito habitual. De acordo cos datos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estadística, a Galiza ten unha taxa de homicidios/asasinatos (número de homicidios/asasinatos por cada 100.000 habitantes) no 2021 de 0.67 perante a media española de 0.61. Galiza fica 6 centésimas por encima da media española mais, se se tomar unha serie de datos máis longa (2011–2021), poderase observar como esa tendencia é diferente:

 2011201220132014201520162017201820192020
Galiza0.510.580.540.730.700.440.660.300.590.41
España0.820.780.650.700.650.630.480.620.700.63

Así pois, na última década a taxa de homicidios na Galiza foi máis baixa que a do resto do Estado en 7 ocasións, o que reforza, unha vez máis, o carácter contracíclico do relato do Galician Noir.

Até este punto toda a análise pivotou sobre a relación Galiza-España mais isto pode resultar unha perspectiva reducida. Cómpre testar internacionalmente se, tal e como se desprende do Galician Noir, a Galiza é un territorio onde o homicidio/asasinato constitúe unha realidade basal que impregna de forma omnímoda a paisaxe habitual. De acordo cos datos ofrecidos pola Eurostat para o ano 2021, Alemaña (0.76), Bélxica (1.26), Países Baixos (0.72), Italia (0.51), Francia (1.08) ou Reino Unido (1.12) teñen taxas de homicidios que, coa excepción da Italia, son máis elevadas que as da Galiza. 

Continuando esta liña internacional, e xa como última paraxe desta pequena comparativa, pode resultar interesante traer á colación as taxas dos países nórdicos. Así, se se asume a proximidade do Galician Noir co Nordic Noir, pode resultar interesante considerarmos se, para alén da ficción, as realidades criminais de ambos os territorios resultan semellantes. Porén, máis unha outra vez os datosdesautorizan esta afirmación. Suecia (1.09) e Finlandia (1.70) posúen taxas de homicidios moito máis elevadas que a galega (0.67), en canto Dinamarca (0.72) fornece cifras lixeiramente superiores e tan só Noruega (0.54) e Islandia (0.54) teñen cifras inferiores ás da Galiza. Desta arte, e por moito que esta análise precisaría de moito máis percurso, cos datos expostos pódese apuntar que poñer no mesmo plano a Galiza e os Países Nórdicos conduce a análises criminolóxicas  moi pouco produtivas.

En definitivo, non parece razoábel manter a premisa de que na Galiza o homicidio constitúe unha sorte de conduta endémica integrada no imaxinario colectivo e moito menos que resulta unha práctica normalizada. A Galiza constitúe, en termos xerais, un territorio onde a realidade criminal decorre por un lugar moi distinto do lóbrego, intrigante e sempre violento camiño que impón o canon do Galician Noir

Por todo isto, e alén do poder evocador que poidan ter os artefactos literarios e audiovisuais creados baixo estes parámetros, resulta imprescindible apuntar que os cadros de significado do Galician noir non deberían transcender nunca as fronteiras da ficción. Por outras palabras, non se pode outorgar ao Galician Noir veracidade nin moito menos capacidade para exercer como representación da realidade criminal galega. Facelo doutro xeito suporía validar, unha vez máis, o Teorema de Thomas e, por desgraza, na Galiza existe a suficiente experiencia acumulada, sobre o campo político-criminal, para saber que guiarse pola imaxe que proxectan os espellos deformados case sempre trae aparelladas consecuencias absolutamente indesexábeis. 

Caseteira

20€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF todos os números.
  • Lâmina original seriada.
  • 20% desconto no Anuário de Produção Crítica.
  • 10% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.

Caseteira

60€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • 30% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).

Caseteira

100€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Saco Clara Corbelhe.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • Livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).
  • Outras atividades de formação.

Caseteira

300€

Institucional

Colocamos ao dispor de outras entidades, públicas e privadas, uma colaboração de publicidade institucional e formação nas áreas de ciências sociais e humanidades.