Militancia e intervención social, un futuro que xa foi

autora_ximena

As feministas comunitárias de Guatemala trabalham desde há uma década na ideia de que o futuro já foi e que é no nosso pasado que podemos achar as ferramentas políticas para a transformação social, tanto a nível de práticas políticas como de relacionamento com o território. Este artigo faz uma modesta reflexão sobre se também no caso da militância e das formas de intervenção social o presente e o futuro passan por olhar para o passado. 

Inicio esta reflexión con dúas confesións. A primeira é que teño moitas máis preguntas do que respostas en torno ao imprescindíbel (mais pouco socializado) debate sobre o modelo de militancia política que precisamos aquí e agora para afrontar a fase histórica que vivimos. A segunda, máis persoal e por tanto con certeza moito máis política, é que resulta moi difícil dedicar tempo á reflexión e o pensamento político durante os períodos en que temos que colocar corpo e mente no sostén da vida, nun mundo do traballo incompatíbel coa mesma. Seguramente por iso, na maior parte dos debates públicos sexa máis complexo encontrar mulleres que somos nais ou temos persoas dependentes ao cargo. O tempo e a calma son un privilexio de que non todas gozamos.

Milito no movemento soberanista desde hai máis de vinte anos. Iniciei a miña participación política nos Comités Abertos de Faculdade (CAF) da Coruña, onde estudei, alá polos anos dous mil, un ano despois da «Declaración de Boloña» (1999) en que os ministros de educación dos diferentes países europeos deron inicio ao proceso neoliberal de converxencia dos sistemas universitarios. Nos anos posteriores tivo lugar o Prestige e o nacemento do movemento Nunca Máis, a guerra do Iraque coa creación da plataforma Mocidade pola Paz. En 2004, tiveron lugar as primeiras eleccións á reitoría en que participou o alumnado e a abertura dos primeiros centros sociais por parte do independentismo.

En 2006 participei da construción e organización do Movemento pola Base, un espazo independentista e socialista que defendía a necesidade de recuperar a defensa dos principios fundacionais do BNG fronte a certo aggiornamento a que naquela altura levou o proxecto dirixido por Anxo Quintana, un abandono da vía rupturista e unha aposta na mera xestión dos poderes do Estado na moldura da Autonomía. Desde entón, diferentes organizacións ocuparon este espazo ideolóxico no seo do BNG. Hoxe fica neste espazo o Movemento Arredista, defendendo a necesidade da acumulación de forzas alén do institucional e a construción dun movemento soberanista forte que permita avanzar para a independencia nacional, mais tamén para a construción dun horizonte socialista na Galiza.

Foron tempos de intensa mobilización na universidade e de grandes debates no seo da frente patriótica e o soberanismo, unha fase de aprendizaxe e formación de cadros extraordinaria, unha escola permanente en que durante anos dedicamos grande parte do noso esforzo militante á axitación e á construción de espazos de masas, de debate e mobilización. Espazos que serviron de escola política e en que moitas nos formamos.  

Sen pretender que esta experiencia me confira máis ou menos razón ou un lugar máis ou menos privilexiado para o debate, acho que pode dar perspectiva de como, ao longo destes anos, fomos colectivamente afrontando as diferentes fases que o movemento de liberación nacional atravesou e de como ten mudado a situación e a forma de militancia política no noso movemento nacional.

Nos anos dous mil a militancia política pouco tiña variado, na súa concepción e forma, a respecto dos modelos de participación que o soberanismo traía dos anos oitenta e noventa. O compromiso colectivo, o deber coa organización e as compañeiras, o sentido de pertenza ao proxecto, entender que o traballo sectorial facía parte dun proxecto maior cun horizonte de ruptura… existía un continxente de compañeiras, hoxe diríamos que notábel, mais que naquela altura parecía certamente insuficiente, que realizaban un grande sacrificio persoal en tempo e enerxía para as organizacións políticas e sociais. O seu esforzo servía para traballar na estratexia e tactificar a intervención política nos espazos de masas. A estratexia era, se non común, semellante nas diferentes organizacións, facto que facilitaba a creación de plataformas e espazos amplos de mobilización, onde se daban as disputas ideolóxicas.

Após esa fase mobilizadora, coa crise sistémica de 2008 como pano de fondo e as experiencias políticas transformadoras en crise, vivimos na Galiza unha fase de intensas mobilizacións operarias con greves xerais en 2010, 2011 e 2012. Combinouse este proceso coa emerxencia do movemento feminista, primeiro en 2014 coa loita contra a derrogación da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo e posteriormente en 2018 coa greve internacional. Mais esta etapa, que parecía propicia para aumentar a participación política, coincidiu coa explosión do que virou 15M, unha quebra co modelo clásico de aproximación da participación política. Se até entón a chegada aos espazos militantes era paulatina, co acompañamento de compañeiras con máis experiencia, con tempos para a aprendizaxe dos códigos, da cultura política e os principios que guiaban os proxectos, de repente amplos continxentes de persoas aproximábase da participación descoñecendo a cultura asemblear, sen tempo e, sobre todo, sen espazo para a formación militante e para o traballo de aprendizaxe necesario. O resultado foi o espontaneismo, a improvisación e a reprodución do sistema, agora a partir do colectivo.

Andrés Currás Domínguez

O impacto mediático calculado e os intereses sistémicos acompañaron este fenómeno cunha retórica de deslexitimación da militancia «clásica» por inútil para os obxectivos inmediatos, probabelmente por considerala lenta en tempos de aceleración da vida. A proclamación da morte do «vello» para o nacemento dun novo aínda sen definir levou por diante o crédito social que tiña o compromiso político cos proxectos e o traballo de longo alento. A militancia foi substituída polo activismo, e con isto o individual pasou a estar por diante do colectivo. Un modelo de participación social e política de alma neoliberal que abandona o sentido de pertenza aos proxectos e o compromiso militante pola vontade de estar e facer de forma esporádica, inconstante e improvisada. Como consecuencia, a capacidade de manter en pé os proxectos vense abaixo, pois é certamente difícil tactificar e definir a intervención política sen saber con quen e en que medida se pode contar.

A posterior fase de desmobilización xeral da sociedade acompañou a crise das organizacións de base, pola falta de relevo nalgúns casos e de transformación da participación, facto que deu no esgotamento dos proxectos políticos. Como exemplos a loita ambiental que hoxe recupera certo protagonismo co combate ao extractivismo enerxético ou o movemento estudantil galego, enormemente debilitado a respeito de décadas anteriores. No caso das organizacións políticas as causas foron diversas. Por unha parte, nas máis revolucionarias, a falta de participación que acaba reducindo os debates, desenfocando os obxectivos e difuminando o horizonte estratéxico, provocando falta de iniciativa e de propostas claras. Por outra, nas máis institucionalizadas, que volcaron toda a forza de traballo na xestión dos poderes do Estado forzando as contradicións e provocando o desencanto e a desilusión dos sectores máis revolucionarios.

A situación orixinada pola resposta dos gobernos occidentais á Covid-19, baseada no controlo social, o impulso do medo e a paralisación da vida pública e social afianzou esta crise de participación política que se viña dando no noso país e colocou á vista de todas as debilidades orgánicas e estruturais de moitos dos proxectos que a militancia política levantara na décadas anteriores. Como exemplos, as dificuldades de moitos Centros Sociais para sosterse durante ese tempo ou a incapacidade de articular respostas colectivas e mobilizadoras para nos sobrepor á coerción exercida polo Estado, impedindo o dereito á mobilización.

Vivimos, desde entón, nunha fase de resistencia en que conseguimos colectivamente levar adiante algúns novos espazos de participación e autoorganización, á custa do sacrificio dun continxente cada vez menor de militantes en tempos en que a participación activa parece terse deslocado para o mundo dixital, sen sabermos aínda ben o que pode implicar para a construción do comunitario. Audre Lorde lembraríanos que a casa do amo non pode ser desmontada coas ferramentas do amo.

Mais, como independentistas, continuamos precisando construír espazos contra-hexemónicos e realidades materiais que nos permitan adherir vontades á causa, non apenas simpatías e likes que nos digan que temos razón nun mundo que non pode ser transformado. É imprescindíbel acumular forzas e conectar as loitas que hoxe son parciais, pois todas elas deben servir para avanzarmos na construción da xustiza social. Para iso precisamos debater e reflectir colectivamente sobre o rumo que debemos dar aos diferentes proxectos e analisar que outros podemos pór en marcha, o que é imposíbel de desenvolver sen espazos de debate e compromiso colectivo e individual coas organizacións políticas e os movementos sociais. Isto na vida das persoas significa tempo e esforzo, que temos que arañar á exploración capitalista que padecemos como parte que somos da clase traballadora.  

Non podemos lanzarnos á tarefa de crear novos modelos de participación sen recuperar a dignidade da idea de militancia política e do compromiso, para asegurarnos de que os motivos para esa creación non son reproducir o desprestixio, mais mellorar os erros que o modelo existente poida ter. Porque o que podería parecer unha transformación dos modelos de militancia por necesidades do momento histórico ben podería ser apenas a adaptación forzada ás circunstancias de falta de implicación e participación política individual e colectiva nos tempos acelerados de  necesidade de satisfacción inmediata que vivimos. Isto require clareza nos propósitos, comprender que na Galiza a transformación e a xustiza social só poden avanzar se avanzamos nun horizonte de independencia nacional. Cumpre valentía para abandonar a comodidade de xerir o sistémico e audacia para construír un camiño propio no cal as forzas colectivas permitan avanzar.

Mais, por máis claros que tivermos os obxectivos para a liberación nacional e social do país, continuamos a precisar compañeiras que dediquen o seu tempo e o seu esforzo ás tarefas lentas e deslucidas da militancia, a organización dos colectivos, das reunións, dos debates, a reflexión e elaboración de documentos, a formación das novas militantes, o coidado dos tempos, das palabras, de crear espazos de seguranza para a participación de todas, o impulso do diálogo con outros espazos, a propaganda, a comunicación, que son as que permiten que os proxectos non só nazan, como tamén que se manteñan no tempo e sexan útiles á nosa clase para loitar polos seus dereitos. Son as tarefas que permiten que se creen e funcionen as Escolas de Ensino en Galego, os Centros Sociais, as organizacións estudantís, os colectivos feministas, os sindicatos de clase, o movemento de defensa da terra, o internacionalismo, as asociacións culturais, as organizacións políticas, os medios de comunicación alternativos, as revistas de pensamento ou os festivais de base popular… e aquelas que aínda fican por construír, todas elas ferramentas de que non podemos prescindir se queremos construír unha Galiza soberana.

Caseteira

20€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF todos os números.
  • Lâmina original seriada.
  • 20% desconto no Anuário de Produção Crítica.
  • 10% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.

Caseteira

60€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • 30% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).

Caseteira

100€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Saco Clara Corbelhe.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • Livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).
  • Outras atividades de formação.

Caseteira

300€

Institucional

Colocamos ao dispor de outras entidades, públicas e privadas, uma colaboração de publicidade institucional e formação nas áreas de ciências sociais e humanidades.