Loita hexemónica ou loita socialista? Os cadros estratéxicos do proletariado na Galiza

CINZA-PURO-185x275--202x300

Além da hipótese colonial de Beiras e da hegemónica de Rey-Araújo, há formas de pensar o enquadramento da Galiza na Espanha. Sergio Pena e Jorge Seijo propõem a volta à Crítica da Economia Política para superar conceções Estado-cêntricas.

As teses clásicas do colonialismo interior apresentan hipóteses que cremos que imposibilitan unha acción política emancipatoria. Ditos límites foron en parte sinalados por Pedro M. Rey Araújo (2021) nun artigo neste espazo. No entanto, pensamos que a “hipótese hexemónica” contraposta é incapaz de superar os límites das ditas teses e, inclusive, que reformula os contidos fundamentais das mesmas. Nos propios presupostos desta hipótese están implícitos os seus horizontes políticos, por canto continúa a concibir a nación galega en abstracto como o suxeito político, preconstituído ou por constituír, a cal será a alavanca da efectiva emancipación social. No presente artigo profundaremos nos límites das vellas teses do colonialismo interno, coa tese de Xosé Manuel Beiras, en O Atraso Económico de Galicia (1972) como a súa máis influente representante, avanzando despois para unha crítica da indicada “hipótese hexemónica”. No seu lugar, propomos unha volta á Crítica da Economía Política e á recomposición do poder independente do proletariado como camiños máis viábeis para alcanzar a nosa emancipación.

Beiras e as contradicións da tese colonial

No relato de Beiras lese implicitamente a apelación a un percurso a priori do destino nacional, onde cada nación, lonxe de continxencias externas, pode desenvolverse na súa plenitude. Neste esquema, o despregamento das potencialidades contidas nos espazos nacionais acaba recaendo nuns axentes que encarnan o progreso da historia. Neste relato concreto, é a burguesía nacional, xa existente de maneira embrionaria nas sociedades pre-capitalistas, a encarregada de arrancar ao escurantismo medieval o desenvolvemento nacional pleno. Porén, no caso galego, o seu raquitismo e alienación, así como a cooptadora intervención da burguesía centralista española, daría lugar a unha traizón desta clase a respecto do seu deber histórico. Este modelo impediu dar conta das transformacións substantivas nas relacións de produción no seo do agro galego. 

A suposta condición de «policultivo de subsistencia» nin sequera sería aplicábel á formación social galega do século XVIII. Esta xa tiña superado o réxime de subsistencia malthusiano a través da extensión da mixed-farming, e xa se insire de maneira competitiva no mercado mundial (mormente coa exportación de gando para Inglaterra e Portugal) desde mediados do século XIX. Embora á existencia do minifundismo, así como de formas de propiedade forais, a adaptación ás novas condicións capitalistas por parte do agro galego foi capaz de incorporar os novos avances técnicos e incluso de consolidar, a través da intensa loita de clases do movemento agrarista, a figura do pequeno propietario no campo galego no primeiro terzo do século XX. O modelo do atraso de Beiras ignora dogmaticamente toda esta serie de acontecementos. Nel, o campesinato «pre-capitalista» sería un axente que vive isolado na súa pequena autarquía, incapaz de adaptarse ás relacións capitalistas, e que resultaría inevitabelmente destruído pola irrupción do capitalismo estranxeiro.

Beiras parte tamén dunha definición meramente formal dos modos de produción: así, o pre-capitalismo estaría caracterizado polo “estagnamento”, en canto o capitalismo ficaría identificado, non como relación social, mais como cousa: o comercio, as cidades, determinados valores ou o traballo asalariado. A partir da súa tese dualista, importada do estruturalismo cepaliano, da teoría da dependencia e de antecesores como Paul Baran e Paul Sweezy, a explotación aparece totalmente indeterminada; desaparece a explotación baseada nas clases sociais e todo queda suspendido a unha explotación dun “excedente”. Esta explotación viría dada por mecanismos directos/extra-económicos, polo que Beiras parece profesar unha noción do poder como mera imposición da vontade dos máis fortes. Resulta paradoxal que unha análise dunha óptica emancipatoria acabe subscribindo os cadros da conservadora socioloxía paretiana.

As sucesivas iteraccións das teses do “colonialismo interno” compartillan os vieses que xa se encontran na raíz da análise de Beiras. En primeiro lugar, a contraposición entre formacións sociais de distintos niveis (metrópole-colonia, centro-periferia etc.), como externalidades opostas entre si, moitas veces conduciu a simplificar baixo categorías ideais as relacións necesariamente máis complexas que se dan na unidade do modo de produción capitalista mundial. Deste modo, ás veces se esaxera a importancia de determinados fenómenos para facelos encaixar nas categorías ideais predefinidas. 

Seguidamente, estes cadros interpretativos conduciron para a promoción de cadros interclasistas. Perante a ausencia dunha “burguesía nacional”, as opcións máis reformistas proporán “crear” politicamente esta clase desde o investimento público. Mesmo as máis esquerdistas priorizarán os pactos coa pequena burguesía galega sobre aqueles co proletariado doutras nacións. Estes útimos, por seu turno, costuman reducirse ben a formalismos, ben a pactos en clave electoral, cando non son descartados de raíz ao sinalar o proletariado da “metrópole” como irremediabelmente alienado polo imperialismo e colaborador e beneficiario directo da explotación das “colonias”.

A hipótese hexemónica: a nación como suxeito a construír

Como resposta ante certas limitacións axeitadamente sinaladas, Rey-Araújo ofrece unha nova formulación sob o nome da “hipótese hexemónica”. Esta  recolle elementos do populismo pos-estruturalista, segundo o cal o suxeito nacional emerxe cando determinadas demandas democráticas toman a forma dun enfrentamento entre un “nós” e un “eles”. Esta hipótese opera cun esquema formal indeterminado –extraído de teóricos pos-marxistas como Laclau–, que concibe o suxeito político como unha carcasa vacía susceptíbel de se encher co que fixer falta, inclusive co contido esencial da vella tese, como é o caso. Así, por exemplo, continúan a ser os territorios, e non as clases sociais, a exerceren a dominación os uns sobre os outros. Esta nova hipótese populista desubstancializa o conflito constituínte das propias relación capitalistas: o problema xa non é a explotación do traballo vivo polo capitalismo, mais un inimigo externo que vén corromper unha orde harmónica. A incapacidade para determinar o carácter da explotación capitalista acaba translucindo de maneira implícita unha comprensión do conflito como derivado dunha imposición da vontade psicolóxica das elites neoliberais –voluntarismo que xa expuxemos da vella tese colonial.

A hipótese hexemónica é reducionista, pois a pesar de mostrar unha preocupación honesta polos distintos conflitos sociais, a articulación de “imaxinarios” ou “identidades” compartilladas redúcese a mudar a correlación de forzas no seo do Estado capitalista –sexa o existente ou un hipotético Estado-nación galego. Este cadro da acción constitúese como fin en si mesmo. A mención a Poulantzas non é casual: as institucións burguesas do Estado son apresentadas aquí como espazos neutros, un campo de batalla a disputar, e non formas políticas que emerxen da propia dominación burguesa e que unha política emancipatoria debería abolir. 

A hipótese hexomónica acaba por ser derrotista, pois asume o “realismo capitalista” sen ver alternativas ás institucións políticas da burguesía. Axindo dentro dun cadro do posíbel fixado pola clase dominante, as experiencias populistas das últimas décadas acabaron promovendo, co fin de conter a reacción conservadora, unha moderación política que deixaría intactas as bases da explotación capitalista.

A hipótese hexemónica é, igualmente, elitista, en tanto confire a potencia da mudanza social a uns “actores” que actuarían como artelladores de discursos, relegando a un segundo plano a actividade creadora das propias masas. Reproduce, así, a cisión entre representados e representantes. A política aparece como un espazo separado das súas determinacións sociais, converténdose nun mero xogo de signos onde a acción política resulta construída polo mero discurso duns individuos cuxa determinación, en canto axentes da mudanza, parece vir dun coñecemento providencial.

A hipótese hexemónica, por último, acaba resultando tamén conservadora, pois, disociando a loita política das condicións que fan posíbel a emancipación da clase traballadora –aspectos que parte das teses coloniais polo menos mantiñan–, toda contenda fica encerrada nos límites dos cadros formais liberais-burgueses, á defensa das bandeiras liberais que a clase dominante vai deixando atrás segundo recruece a súa dominación.

Os límites históricos das teses coloniais e o retorno da Crítica da Economía Política

Con todo, consideramos que a difusión das teses coloniais desde os anos setenta na Galiza entre o movemento operario e popular non se pode analizar exclusivamente como un conxunto de preceptos teóricos errados. A súa capacidade para prender nun conxunto relativamente amplo de masas e transformarse en forza material de acción política esta fóra de dúbida. A relativa popularización do esquema de opresión colonial – loita de liberación nacional –cadro que non é exclusivo do campo galeguista, pois ficou presente na maior parte dos partidos comunistas estatais– respondeu a un momento de crecente derrota das organizacións proletarias. Neste sentido, o triunfo das revolucións que tomaron o carácter de antiimperialistas e de liberación nacional (China, Cuba, Vietnam…) contribuíu para que se importasen cadros estratéxicos exitosos noutras latitudes. A pesar de conseguiren manter os horizontes revolucionarios na mobilización social, estes cadros mostráronse impotentes para despregar todo o potencial de loita do proletariado. Souberon dar resposta aos anhelos de horizontes emancipatorios, e contribuíron para articular as demandas dunha nación oprimida, mais fracasaron na hora de encontrar o potencial revolucionario nas mudanzas na composición de clase que estaban a acontecer. Moita auga correu polo río desde entón. Os movementos políticos inspirados nas distintas correntes do nacionalismo de esquerdas, así como as do populismo de esquerdas, xa mostraron na práctica os límites das súas focaxes mediante a súa integración no Estado.

Como alternativa, cremos que a Crítica da Economía Política serve como vía para o recoñecemento das determinacións que atravesan a acumulación de capital na Galiza, onde a contradición entre capital e traballo é o fundamento constituínte desta relación social xeral, así como para articular a acción política que poida subverter o estado existente das cousas. As análises que propugnan a construción dun Estado nacional como ferramenta última da emancipación resultan impotentes. A emancipación, tanto nacional como de clase, require abolir o espazo lóxico do capital na súa propia escala mundial, sendo o internacionalismo proletario imprescindíbel –o cal non nega o momento nacional dentro da acción política, mais encádrao nunha estratexia de revolución  mundial.

Ante a realidade da Galiza contemporánea, onde o carácter mundial da acumulación fica máis patente do que nunca, onde os antigos actores que eran apelados como aliados nunha mesma frente sucumbiron ante o avance incesante da proletarización, unha Galiza onde o parlamentarismo e o electoralismo demostraron a súa impotencia como vía transformadora, parece razoábel reformular de forma radical os presupostos da acción política que tan asentes están na conciencia do soberanismo.

En canto as opcións que criticamos até agora poderían ser cualificadas como “Estadocéntricas”, entendemos que unha aposta superadora debe partir de recoñecer no Estado a forma política por excelencia da dominación do capital. Non se trata de abstraerse da importancia das institucións e das reformas que se poidan arrincar delas, mais de recoñecer a necesidade de despregar unha loita en e contra o Estado, que manteña o eixo na articulación dun poder independente do proletariado que se conduza para a apropiación consciente da produción social e, por tanto, da extinción das clases sociais e do propio Estado.

Este tipo de acción independente e emancipatoria ten que partir, necesariamente, dun autocoñecemento da nova composición de clases da sociedade contemporánea, que fuxa tanto das mistificacións do pasado “labrego e mariñeiro” ou obreirista como das mistificacións do presente “post-industrial”, “de servizos” ou de “precariado”. Un coñecemento práctico que foxe de radiografar as clases como un observador externo e busca desvelar os antagonismos e as formas de facelos saltar, algo que só pode darse en e a través da propia loita. A forma organizativa que sintetice estes principios deberá ser obra da acción autoorganizada e autoconsciente do proletariado, superando os límites dunha acción espontaneísta e irreflexiva, así como de calquera forma de vangardismo.

Caseteira

20€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF todos os números.
  • Lâmina original seriada.
  • 20% desconto no Anuário de Produção Crítica.
  • 10% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.

Caseteira

60€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • 30% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).

Caseteira

100€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Saco Clara Corbelhe.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • Livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).
  • Outras atividades de formação.

Caseteira

300€

Institucional

Colocamos ao dispor de outras entidades, públicas e privadas, uma colaboração de publicidade institucional e formação nas áreas de ciências sociais e humanidades.