Debuxar o disenso: o humor gráfico de Can sen Dono

foto autora

Neste texto, a pesquisadora Laura Lesta García destaca a importância do humor gráfico como ferramenta política ao longo do século XX na Galiza. Especificamente, estuda o caso de Can sen Dono, referência do humor gráfico e literário galego na década de 1980

Unha das miñas teimas, froito da miña condición de galega que vive ao outro lado do Atlántico, é cuestionar os mitos e estereotipos asociados á identidade galega. É por iso que, na actualidade, estou a investigar como os discursos humorísticos do século XX en Galicia foron empregados nos procesos de formación nacional e identitaria do país. En setembro de 2023 atopábame en Compostela, mergullada na investigación e na definición dos produtos culturais e períodos que quería analizar, cando fun convidada a falar sobre o meu proxecto no Instituto da Lingua Galega. Alí, Antón Santamarina, Francisco Fernández Rei e Dolores Vilavedra puxéronme sobre a pista da revista Can sen Dono, unha publicación de humor gráfico e literario editada nos anos oitenta. A partir de aí, e grazas aos contactos de Nico Campos, fillo do humorista e colaborador da revista Chichi Campos e director do documental Chichi e máis eu, e de Almudena Marcos, responsábel do Museo do Humor Xaquín Marín de Fene, tiven a sorte de coñecer a Pepe Carreiro e Antón Mascato, dous dos seus fundadores. Ao longo destes meses de pescuda e escritura, tiven a fortuna de comunicarme en varias ocasións con eles e de facerlles unha entrevista gravada no Museo de Pontevedra, nun espazo tan simbólico como a sala dedicada a Castelao. Alí reflexionaron, entre outros temas, sobre as orixes do proxecto, os seus colaboradores e a relación entre humor e política. Este pequeno texto pretende ser tanto unha homenaxe a Can sen Dono como un agradecemento a Pepe e Antón pola súa confianza, complicidade e xenerosidade. En definitiva, por compartir as historias que fan posíbel esta nota.

Nas primeiras décadas do século XX, a relación entre humor e política tivo unha presenza destacada grazas a figuras como Castelao e Maside, que comentaban a realidade social, cultural e histórica mediante os seus debuxos. Os protagonistas das súas viñetas eran, maioritariamente, campesiños que, sen temor, desafiaban o statu quo. O humor era empregado de xeito subversivo, para darlle voz ás persoas tradicionalmente marxinadas pola sociedade galega. Non en van, este período é coñecido como a primeira idade dourada do humor gráfico en Galicia (1909–1936), tal como sinala Caballero Wangüemert. A continuidade desta idade dourada tivo que agardar varias décadas, ata finais dos anos setenta, cando o humor gráfico volveu emerxer como ferramenta de concienciación social. As razóns do seu silencio anterior son evidentes: a “longa noite de pedra” que Celso Emilio Ferreiro describiu para a literatura estendeuse tamén a todas as expresións artísticas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista.

A chegada da Transición supuxo un novo alento para o humor gráfico galego grazas á abolición da Lei de Prensa de 1966, que permitiu reactivar as imprentas daqueles que non simpatizaban co réxime. A década dos 80 foi especialmente fértil: en 1982 celebrouse o I Seminario Galego do Humor, seguido polos Encontros de Humoristas Galegos (1984–1988). Nese contexto xurdiu tamén o Manifesto en defensa do humor (1983), elaborado por Siro López e Xaquín Marín, acompañado dunha exposición itinerante que pretendía dignificar e reivindicar o humor como trazo identitario galego. Un ano despois, fundouse o Museo do Humor de Fene, hoxe coñecido como Museo do Humor Xaquín Marín, en honra ao seu fundador e primeiro director ata a súa xubilación en 2008 (Caballero Wangüemert, 205). Este contexto foi o caldo de cultivo ideal para o nacemento de Can sen Dono en 1983, a primeira revista humorística publicada en galego trala ditadura. Segundo Pepe Carreiro, a publicación naceu con dúas intencións fundamentais: por unha banda, intervir politicamente nun sistema democrático que os seus fundadores consideraban unha continuación do réxime anterior; por outra, revitalizar o xénero humorístico en Galicia, case ausente nos medios da época tras o hiato da Guerra Civil.

Un dos trazos distintivos da revista foi a súa pluralidade ideolóxica: contaba con colaboradores que abarcaban desde a extrema dereita até o marxismo. Isto só foi posíbel nun momento como o da Transición, no que a palabra “consenso” parecía gobernar por riba de todo e que facía posíbel que posturas ideolóxicas tan diversas conviviran nun clima de cordialidade. A pesar desta diversidade, a dirección da revista tiña unha orientación marcadamente de esquerdas, como tamén o seu público maioritario. Sen necesidade de estudos de mercado, este feito era evidente nas presentacións públicas da revista que se fixeron ao longo da xeografía galega. Este perfil ideolóxico tiña relación directa co tipo de humor que propoñía a revista. Un humor, como reflexiona Carreiro, que “era crítico co poder estabelecido, co institucional e co máis gasoso poder dos costumes, polo que é de supoñer que non chamase por lectores acomodados” (comunicación electrónica). Can sen Dono serve como testemuña dos problemas que enfrentaba a sociedade galega do momento, abordando temas como a precariedade económica, o atraso no rural, a emigración ou o conflito lingüístico, sen deixar de lado cuestións máis universais, vangardistas e, por veces, machistas, como reflexo da diversidade ideolóxica dos seus colaboradores.

Fotos cedidas por Antón Mascato. Pepe Carreiro (Vigo, ano 1985) e Antón Mascato (ano 1983)

O éxito da revista foi notábel: chegou a vender máis exemplares que publicacións estatais como El Papus (1973–1987) ou El Jueves (1977–actualidade) combinadas. O seu humor acedo e incisivo inspirábase en revistas como Hermano Lobo (1971–1976) ou a británica Private Eye (1961–actualidade), das que recolleron un modelo que adaptaron ao contexto galego. Os responsábeis de Can sen Dono vían o humor, especialmente o gráfico, como unha ferramenta para transformar o mundo, un mundo post-ditadura no que se estaba a construír unha nova España democrática que moitos axentes culturais e políticos consideraban continuísta. Como lembra o historiador Emilio Grandío Seoane, a Transición non supuxo unha ruptura real co franquismo, feito propiciado pola urxente necesidade de crear un consenso social que normalizase a situación e unise os bandos fragmentados. Neste marco, o plano cultural tivo un papel crucial. No contexto galego, as institución locais e autómicas crearon un dispositivo de consenso que tiña como obxectivo manter a armonía e a orde social. Os termos Cultura da Transición de Galicia de Jorge Linheira, Cultura da Autonomía de Daniel R. Cao ou Cultura da Normalización de Isaac Lourido, fan referencia a este fenómeno: o de crear unha cultura que non choque coas estruturas de poder, apelando a un sentimento de “normalidade”. Consecuentemente, todo o que se situaba fóra destes límites quedaba relegado ás marxes. Mais nas marxes tamén hai vida e potencia creativa: unha oportunidade para construír unha cultura descentralizada e subversiva, con compoñente político e vontade de cuestionamento. Trátase dunha cultura minoritaria, sen o respaldo dos medios de comunicación tradicional controlados polo estado, pero cunha enorme capacidade de denuncia. O humor de Can sen Dono encaixa perfectamente neste espazo, pois articula un discurso contrahexemónico que desafía a idea da Transición como tempo de consenso absoluto.

Na entrevista que lles fixen, Antón e Pepe resumiron a súa motivación coa seguinte frase: “Facíamos humor para non ter que poñer bombas.” Era a súa forma de protestar contra un modelo democrático que, segundo eles, non representaba unha verdadeira ruptura co pasado. Apostaban por unha transformación real, e o humor era a súa ferramenta. Nun ton melancólico e casi pesimista, Carreiro confesou que daquela, con vinte anos, pensaban que podían cambiar o mundo co humor. Non foi así. Mais, se ben non o cambiaron, si o fixeron máis levadeiro. Can sen Dono foi, cando menos, unha ferramenta de supervivencia, de denuncia e de concienciación. É por iso, que a publicación debería ter un oco destacado na historia da resistencia e activismo en prol da sociedade galega do século XX.  

No mundo contemporáneo, cheo de ameazas aos sistemas democráticos (se é que nalgún momento existiron plenamente), o humor político segue a ser unha vía para tratar os temas incómodos que nos rodean. O pasado 27 de abril de 2025, o diario El País publicaba unha columna de Sergio del Molino titulada “Los cómicos salvan el debate democrático”, co subtítulo: “Los humoristas no templan gaitas y su sentido de la parodia los convierte en oráculos de una sociedad cuyas élites culturales parecen idiotizadas.” Esa frase, pola súa universalidade e pola súa vixencia, debería ser a verdadeira aportación de Del Molino ao mundo da crítica cultural.

Saúde, e longa vida ao humor.

Caseteira

20€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF todos os números.
  • Lâmina original seriada.
  • 20% desconto no Anuário de Produção Crítica.
  • 10% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.

Caseteira

60€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • 30% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).

Caseteira

100€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Saco Clara Corbelhe.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • Livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).
  • Outras atividades de formação.

Caseteira

300€

Institucional

Colocamos ao dispor de outras entidades, públicas e privadas, uma colaboração de publicidade institucional e formação nas áreas de ciências sociais e humanidades.