Além das características específicas das diferentes vertentes anticapitalistas, que dinâmicas e problemáticas são compartilhadas por toda a militância na Galiza? Que passos podemos empreender em comum para tentar atalha-las? Este artigo é uma síntese de conversas entre pessoas novas na militância e tenta começar a dar resposta a estas questões.
A Revolución Bolxevique do 1917, a Revolución Libertaria do 1936 ou mesmo a Revolución dos Cravos do 1974: os grandes sucesos revolucionarios do pasado aínda acaparan a maior parte da conversa nos círculos militantes do presente. Máis alá de compartirmos a perigosidade da exaltación nostálxica acrítica, na medida en que pode caer na romantización dos éxitos do pasado esquecendo a necesidade da construción dun futuro, entendemos que esta tendencia non existe nun baleiro. Neste artigo tentaremos apuntar cara a algunhas das causas e consecuencias deste fenómeno a través dunha ollada crítica desde a nosa experiencia como persoas que hai non tanto eramos alleas á militancia. Estas notas xorden como síntese de varias conversas con militantes novas de ámbitos diversos e que actualmente participan no proxecto fios, nomeadamente: socialistas, anarquistas, independentistas.
Nas últimas décadas, a fraqueza de toda forma de organización que puxese sobre a mesa unha superación do sistema capitalista fíxose aínda máis evidente. A incapacidade para oporse de xeito significativo ás políticas burguesas das grandes clases propietarias reflectiuse, por un lado, no control folgado das grandes corporacións sobre a práctica totalidade das vidas das persoas desposuídas e, por outro, no fortalecemento incansábel da ideoloxía neoliberal. É neste contexto que se xera un sentimento de impotencia colectiva que dificulta proxectar un escenario onde os nosos obxectivos se vexan realizados. Ante a ausencia dun futuro potencial favorábel, camiñar de costas e recrearnos naquelas épocas en que tiñamos capacidade para exercer un poder transformador sobre o mundo pode resultar un anzó moi difícil de evitar.
No caso da militancia na Galiza cabe preguntar: que dinámicas concretas se vinculan con esta situación? A continuación tentamos perfilar algunhas consecuencias xerais que poden aplicar a diferentes enfoques estratéxicos de emancipación.
En primeiro lugar, a absoluta hexemonía das lóxicas capitalistas no sector progresista da sociedade galega. A aceptación xeralizada do sistema como taboleiro estático e inmutábel devén nunha lectura da trama institucional estatal (incluída a autonómica, municipal e calquera outra estrutura regulada pola legalidade burguesa) como parte neutral e natural do mundo, etiquetando toda alternativa como extrema ou antidemocrática. Mesmo entre os círculos máis explicitamente politizados, predomina a visión da militancia como unha actividade case de ocio, caridade ou ascenso social cara á política parlamentaria ou institucional estatal, que se entende como a «política real» e é considerada a única «válida». As diferentes vertentes políticas anticapitalistas semellan ser confusas e utópicas e a falta dun horizonte claro leva a moitas persoas mozas a non chegar a militar; as que o fan, adoitan facelo por inercia e seguindo camiños similares aos das súas achegadas, o que limita o alcance das organizacións. Desde a nosa percepción, todo isto contribúe a un panorama político anticapitalista feble mais moi ruidoso que dificulta os avances, en parte debido á herdanza de estancas clasificacións políticas do pasado ciclo revolucionario que poden resultar ríxidas, dogmáticas ou non adecuadas para os desafíos que se achegan.
En segundo lugar, a dificultade para manter e desenvolver ao longo do tempo a militancia existente, impedindo a configuración de proxectos sólidos e efectivos a longo prazo. A concepción da militancia como unha «tola etapa xuvenil» é habitual e tradúcese en movementos estudantís cunha pronta data de caducidade. Coa consolidación da vida adulta as persoas tenden a virar cara a alternativas políticas que se perciben como máis «serias», normalmente dentro dos marcos da reforma. Ademais está a cuestión do queime: o sobreesforzo derivado de tentar manter un proxecto militante con poucos recursos (humanos e materiais), o illamento, a competencia constante entre proxectos con obxectivos semellantes, a dificultade para percibir a materialización dos esforzos realizados… Todos estes factores poden retroalimentar a desidia e resultar na desvinculación temporal ou total da militancia.
Podemos, entón, sintetizar os problemas estruturais que observamos na fraqueza ideolóxica derivada da hexemonía do pensamento capitalista, as complexidades de acceder a un mundo militante que resulta pechado e confuso e a dificultade para manter a militancia a longo prazo. Estas cuestións supoñen grandes trabas para a construción dunha forza política con capacidade de exercer poder de forma independente (sexa na forma de poder popular, de partido, de sindicato, de movemento…), forza política que é, á súa vez, requisito indispensábel para frear a desidia xeral coa que comezamos.

Chegadas a este punto, xórdennos un par de cuestións críticas: como se atallaron estas problemáticas no pasado e que novas problemáticas xurdiron? Dous enfoques foron os que atopamos con maior frecuencia: o rebaixar o discurso e a unidade da esquerda.
Co rebaixar o discurso buscouse paliar os problemas de accesibilidade da militancia ofrecendo unha cara máis amábel e unhas críticas máis facilmente dixeríbeis por unha maioría social. Neste proceso foi común a asimilación ideolóxica das posicións revolucionarias, cuxas estruturas foron amplamente absorbidas polo sistema e integradas no discurso capitalista progresista. Por outra banda, a unidade da esquerda: reparar na dispersión da «esquerda» como principal eiva política e propor un achegamento amplo que busca intencionalmente unha indeterminación ideolóxica arredor duns mínimos comúns. Esta unidade, se ben historicamente tivo algúns éxitos a curto prazo, habitualmente demostrou ter límites claros no momento en que as diferenzas estratéxicas de base impiden a existencia dunha praxe común satisfactoria. En base a isto deixamos un par de notas que nós, como novas militantes, vemos relevantes para un futuro a curto prazo:
Se de verdade pretendemos desnaturalizar socialmente o capitalismo e facer máis accesíbel a práctica militante sen caer nas consecuencias fatais de rebaixar o discurso debemos estudar o xeito en que nos comunicamos para distinguir con claridade aqueles aspectos que son prescindíbeis ou modificábeis de aqueles que son fundamentais: aprender a diferenciar a forma (que debería responder a cuestións tácticas e conseguir conectar coa xente) do fondo (que debería manter o horizonte estratéxico e cuestionar os supostos da ideoloxía burguesa). Isto non é para nada trivial mais podería concretarse, entre outras, en deixar atrás formas canónicas (dominadas por estéticas que non conectan coa maioría ou propias do elitismo intelectual) que percibimos na comunicación anticapitalista e que adoitan resultar na produción de contido unicamente para o autoconsumo. Debemos facer do mundo militante un lugar atractivo e accesíbel e da participación directa unha opción natural, lexítima para as persoas e só así, pensamos, poderemos atopar un camiño adecuado que se afaste tanto do simbolismo nostálxico como do mainstream superfluo.
Máis alá da unidade da esquerda atopamos a cooperación consciente. Debemos comezar a tecermos fíos que xunten esforzos unicamente naqueles ámbitos compatíbeis para os diferentes enfoques estratéxicos. Camiñar cara á superación das diferenzas e leas persoais construíndo pontes de entendemento sen buscar unha unidade de acción, sen caer no reducionismo: as diferentes posicións políticas teñen fundamentos ideolóxicos complexos e son a miúdo irreconciliábeis. Na concepción da maioría de persoas non militantes, porén, esas diferenzas nin sequera existen: conciben as diferentes realidades militantes como un todo difuso. Coidamos que hai moitos esforzos que contribúen a desafiar as dinámicas e lóxicas do capital e que serían, con certeza, beneficiosos para construírmos en común, como xa se ten feito, por exemplo, nos centros sociais (que foron e seguen a ser chave como espazos de ideoloxización e autoorganización de colectivas diversas).
Reforzar a aposta discursiva e repensar a forma en que colaboramos para construír proxectos sólidos e duradeiros é, coidamos, un primeiro paso fundamental para camiñarmos colectivamente cara a un escenario no que, por fin, volvamos ter un futuro ao que querer chegar.