A historiadora Tamara López Fernández analiza a lexislación en materia de xénero durante os períodos republicano e franquista, facendo unha reflexión a respecto da involución xurídica no ámbito da violencia de xénero e dos dereitos da muller, así como das súas manifestacións contemporáneas.
Nas sociedades contemporáneas, a definición dun corpus normativo supón a creación dun exemplum de cidadán e, ao mesmo tempo, dun contramodelo. Por tanto, entendemos, a esta acción subxace a capacidade de estabelecer uns determinados valores colectivos e, máis especificamente, de xénero. O presente artigo fai unha reflexión crítica acerca da evolución/involución xurídica dos dereitos da muller entre dous réximes excepcionais por motivos antagónicos: a II República e o franquismo. Centrarémonos nas mulleres casadas, por considerar que o matrimonio constituíu unha das institucións que a República pretendeu desbridar das dinámicas de tempos pasados e que, polo contrario, gozou de maior protección no réxime ditatorial. Farémolo dunha perspectiva galega e mediante o recurso aos sumarios incoados polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Lugo, que deron conta da súa repercusión, especialmente para elas, no seo da sociedade.
Coa chegada da democracia no lapso republicano foron moitos os movementos que trataron de mudar o sino feminino (feministas, anarquistas…) e, con el, o lugar reservado até entón ás mulleres na sociedade, a esfera privada do lar onde, convertidas en esposas, debían comportarse como «anxos», isto é, perfectas amas de casa, nais dedicadas e consortes abnegadas e submisas. Debían facelo en contraposición a unha esfera pública, política e económica ostentada polo varón, no que se erixiu como unha sociedade marcada por unha profunda fenda de xénero. Un ardil que, coincidindo coas palabras de Herminia Vicente na súa obra Mujeres en el punto de mira: la represión franquista a través de la justicia ordinaria. Castilla La-Mancha 1939–1969 (2022) interpretamos como focado a «silenciar a súa voz» e «enterrar a súa capacidade» (p. 77).
As pretensións de superar esa eterna «minoría de idade» feminina frutificaron na Constitución de 1931, a primeira a expor o principio de igualdade entre sexos (art. 2). Fíxose extensivo ao matrimonio, de maneira que ambas partes foron dotadas do dereito a disolver tal unión «por mutuo disentimento ou a pedido de calquera dos cónxuxes» (art. 43). A Ley de Divorcio de 1932 ratificouno e, en consecuencia, o delito de abandono de familia suprimiuse do Código Penal de 1932. O Decreto de 28 de xuño de 1935 despenalizou o adulterio feminino e, como resultado, o uxoricidio deixou de contemplarse como atenuante da responsabilidade penal. No laboral, o artigo 33 afirmaba a libre elección dun emprego e o artigo 40 da Constitución outorgou o dereito á muller de exercer unha profesión segundo o seu mérito e capacidade e non segundo o seu sexo. Disposicións estas, entre outras, que a historiadora Ana María Aguado no seu artigo «Identidades de género y culturas políticas en la Segunda República» (2008) sinalou como necesarias, aínda que insuficientes para que delas emanase unha mudanza na vida privada e pública de mulleres e homes.
Os avances lexislativos da II República en materia de xénero foron eclipsados pola imposición ditatorial. A igualdade reconverteuse en utopía e cada un dos pasos dados no lexislativo e no xudicial desandáronse. O acceso feminino ao traballo restrinxiuse e obstaculizouse a través de múltiples decretos, leis e axudas. O dereito ao divorcio foi abolido (1939) e o delito de adulterio reapareceu no Código Penal de 1944. Estas medidas aseguraban non só que o vínculo conxugal fose de por vida, como tamén que nel prevalecese o decoro, facendo do reprobábel moralmente unha acción puníbel por lei. Fíxose aliás dunha perspectiva heteropatriarcal, coa diferenciación entre o «adulterio» feminino, máis grave, do «amancebamento» masculino no devandito códice, e misóxina, xustificándose por lei o uxoricidio cometido «por causa de honra», do cal nos fala a historiadora María de los Ángeles Moraga no seu artigo «Notas sobre la situación jurídica de la mujer en el Franquismo» (2008). De maneira que o esposo podía asasinar os «adúlteros» sen máis repercusión que unha condena ao desterro ou ficar «exento de pena» de agredilos fisicamente (art. 428). Unha tríade selada coa reinstauración do delito de abandono de familia que significou a blindaxe, sen fisuras, dos valores nacional-católicos que entendían que o matrimonio canónico debía ser único e indisolúbel baixo a máxima de «o que Deus uniu que non o separe o home».
A nova lexislación contribuíu para a imposición dun modelo social que non era novo. De feito, era o modelo imperante séculos atrás. Mais, cales foron as súas consecuencias no seo da sociedade? As máis inmediatas, o estabelecemento do matrimonio como destino feminino a alcanzar con vista a que a figura masculina actuase como «ganapán» e «titor» na esfera pública, mentres a privada era ocupada pola muller, retornando ao ideal nunca desbotado do «anxo do lar». Cuestións sobre as que Lucía Prieto reflectiu na obra Mujer, moral y franquismo. Del velo al bikini (2018).
Se ben que estas circunstancias afectaron a todas as mulleres, foron especialmente sentidas polas vítimas de violencia de xénero. Salvo casos flagrantes os malos tratos estiveron social e legalmente aceptados. En primeiro lugar, porque a moral imperante entendía que debían levar tal lousa sobre as súas costas, de maneira que aquelas que decidisen abandonar os seus esposos non só probabelmente non contasen co apoio do seu entorno, mais pasarían a ser mal conceptuadas moralmente; e, en segundo lugar, do punto de vista legal, por canto a lexislación o dispuxo e os tribunais e xuíces así o acataron, adquirindo o rol duns dos máximos garantes da moralidade na sociedade franquista, por cima da liberdade e mesmo da integridade física e psicolóxica das mulleres. Foi entón cando, de seren denunciadas por abandono de familia, pasaron a ficar obrigadas por orde xudicial a reintegrar ao domicilio conxugal ou, no mellor dos casos, instadas por un xuíz a velar polo ben da «harmonía familiar» e desbotar a pretensión da separación.
As denuncias interpostas na Galiza do franquismo e, máis especificamente, no contexto lugués, deron boa conta da indiferenza do réxime relativamente ás vidas femininas e de como as mulleres maltratadas ficaban atrapadas en matrimonios dos cales era ilegal saír. O Código Penal franquista de 1944 non contemplaba ningunha figura específica que penalizase estas actitudes, albiscadas fundamentalmente a través de dous delitos: o de abandono de familia e o de lesións. En ambos os casos, a súa presenza entre os máis de sete mil sumarios incoados entre 1945 e 1966, analizados na nosa tese de doutoramento, é residual, o cal nos dá unha mostra da aceptación social galega da violencia doméstica baixo a ditadura.
Paradoxalmente, nas causas xudiciais abertas no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución, nº 1, de Lugo, as mulleres foron tanto denunciadas como denunciantes por abandono do lar, mais sempre vítimas. Cando o esposo apareceu como querelante, nas súas declaracións son elas as que referencian a «mala vida» que lles daban: malleiras constantes, expulsións da morada, restricións de comida (tanto para elas como para as crianzas), casos en que foron obrigadas a prostituírse para fornecer máis diñeiro á economía familiar e mesmo intentos de homicidio. Conxuntura que en pouco diferiu da testemuñada cando eran elas quen solicitaban o retorno do esposo ante o xuíz. Porén, cal era entón o motivo? Unha dependencia económica absoluta, propia e da prole, anteposta á súa propia integridade física.
De acudir á xustiza para denunciar unha agresión no seo marital incoábase un sumario por lesións, a única ferramenta contemplada polo Código Penal. A problemática residía na dificultade de lograr unha sentenza condenatoria e, caso se producise, unha vez cumprida a pena ficaban de novo á mercé dos seus maridos. A ineficacia do sistema ficou patente en múltiples casos que exemplificamos no de Juana, unha muller do Corgo que, tras ver arquivadas as denuncias interpostas contra o seu marido por lesións decidiu acabar coa súa propia vida en 1959. Supuxo o punto e final a vinte anos de malos tratos. O agresor limitouse a sinalar ante as autoridades que descoñecía as causas que a conduciran ao suicidio, recoñecendo que «sostivera algúns altercados coa súa muller, porque era amiga dos homes» (Arquivo Histórico Provincial Lugo, Fondo Xudicial, sumario 67, ano 1959). Non sufriu represalia algunha.

A falta de protección destas mulleres non se limitou ao xudicial e, como comentabamos, trasladouse ao seo da sociedade. Alicia, que fuxira do seu marido, púxose a traballar nun bar de alterne da capital para sobrevivir. Porén, non logrou evitar que o seu agresor dera con ela e a acoitelara causándolle graves lesións, non en unha, senón en varias ocasións. Os veciños do lugar, facendo extensiva a pasividade xudicial perante os malos tratos, máis preocupados pola actividade que alí se exercía e alegando que o acontecido turbara o sosego da veciñanza», limitáronse a interpoñer unha denuncia por escándalo público (AHPLu, FX, sumario 85, sentenza 54, ano 1955/ sumarios 203 e 223, sentenza 203, ano 1958).
Non podemos evitar sinalar que as medidas despregadas en materia de xénero durante a II República tiveron un impacto limitado na sociedade galega. En todo caso, desde o lexislativo supuxeron o punto de partida á emancipación da muller. O franquismo frustrou o máis mínimo albor feminista, é máis, orientou os seus esforzos á súa instrumentalización, converténdoa en nai e esposa da patria, o modelo de xénero franquista por antonomasia.
A férrea protección brindada ao sacramento católico do matrimonio e a subordinación ao varón en tódolos aspectos cotiás tiveron como máxima expresión a violencia doméstica. Fronte a ela, o nulo interese dunha xustiza profundamente misóxina e o estigma social ao que se enfrontaban, de transgredir aos valores morais da época, obrigaron ás mulleres ao silencio, ao enmudecemento e ao sufrimento sen escapatoria. As dificultades para rastrexar este fenómeno no contexto galego dan boa conta dilo.
A modo de corolario, preguntámonos en que medida o franquismo e a súa lexislación impactaron sobre a percepción da violencia de xénero na Galiza, non só na sociedade de que foi coetánea, como tamén no contexto actual, en moitos sentidos, herdeiro dos seus valores. Alén do anterior, seguindo a tese do sociólogo Émile Durkheim (1892) pola cal as leis non difiren dos costumes, mais derivan deles, cómpre reflectir até que punto a observancia de padróns machistas no aparello lexislativo franquista non eran senón un reflexo da comunidade de que emanaban. Debate, por outro lado, que ben pode facerse extensivo aos nosos días.