A antropóloga Bibiana Martínez, estudosa dos efeitos que as regulamentações pós-covid estão a ter nas mulheres rurais galegas que vendem informalmente os seus produtos às portas das praças e mercados, propõe esta pergunta: Esta-se tentando acabar com esta prática tradicional e valiosa de mercado de proximidade na Galiza?
A situación do circuíto curto agroalimentario da Galiza, particularmente o tradicional, é certamente vulnerábel – e esta vulnerabilidade faise máis visíbel en períodos de crise. O termo «circuíto curto agroalimentario» refírese especificamente a formas de organización para o comercio de alimentos frescos e de tempada sen intermediarios. Esta proximidade entre produtoras e consumidoras permite beneficios para ambas, como por exemplo prezos xustos e a posibilidade de coñecer as prácticas agrarias detrás da produción dos alimentos.
Neste artigo analizarei en concreto a situación do circuíto curto alimentario tradicional galego con particular foco na figura das mulleres que venden excedente agrario da súa produción de autoconsumo. O artigo baséase na pesquisa levada a cabo no seo do proxecto de pesquisa liderado pola Universidade de Barcelona, «Alimentos valiosos, trabajadores esenciales, personas vulnerables y respuestas sociales ante la crisis: sistemas de aprovisionamiento alimentario en la pandemia de Covid-19», no que se analiza a cadea alimentaria en distintas partes do Estado español durante o período da pandemia.
Na Galiza, os impactos e transformacións que se producen na estrutura da cadea alimentaria durante a pandemia da Covid-19, sobre todo no circuíto curto, tiveron importantes consecuencias. Entre estas encontramos a considerábel diminución ou, nalgúns casos, a desaparición da figura das paisanas ou campesinas (termos utilizados nos lugares nos que se fixo traballo de campo para o proxecto), isto é: mulleres que se dedican á venda de excedente das súas hortas de autoconsumo e que representan unha particularidade do sistema agroalimentario galego que aínda pervive.
A horta familiar dedicada ao autoconsumo na Galiza tivo tradicionalmente unha grande importancia. En 2022 a superficie deste tipo de cultivo representaba un 52,5% da superficie cultivada para alimentos – segundo a Enquisa de Superficies e Rendementos de Cultivo – e fai dez anos era 1,5 veces maior que a superficie de hortas «profesionais» segundo os datos aparecidos no libro O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa: o caso galego (2014) de Xoán Carreira e Emilio Carral. Segundo a enquisa mencionada, a Galiza é a comunidade autónoma que ten maior superficie de hortas familiares de todo o Estado español (os dados son de 2021), hortas traballadas en gran medida, historicamente e no presente, por mulleres.

Unha cuestión importante a respecto destas hortas no contexto galego é a relación subsidiaria que a poboación rural deprazada a entornos urbanos mantén coas aldeas: unha parte importante dos produtos que saen destas hortas chegan a contextos urbanos a través destes familiares desprazados. Por tanto, este tipo de produción alimentaria contribúe dun xeito esencial á economía familiar, tal e como apuntan Cristina Botana e María Novas no seu artigo «Ecoprodutoras invisibles: Espacios de la agricultura familiar gallega para el autoconsumo de proximidad» (2023). Isto é así tamén porque se vai mantendo a venda de excedente que historicamente as mulleres realizan en feiras e mercados labregos.
No seu artigo, Botana e Novas destacan asemade como, a pesar desta relevancia, a venda de excedente levada a cabo polas mulleres neste tipo de mercados foi perseguida e vista como competencia desleal en diferentes momentos, tanto polas administracións públicas como por outros vendedores con postos de venda formalizados. Este contexto permítenos interpretar a situación de prohibición dos mercados labregos durante a pandemia e os posteriores cambios regulatorios desde un posicionamento crítico. En esencia, malia a importancia socioeconómica do seu labor, estas mulleres son habitualmente denigradas social e institucionalmente.
Desde o inicio da pandemia, o goberno galego prohibiu de xeito xenérico as feiras e mercados ao aire libre, algo que afecta particularmente ás labregas e labregos que venden a súa produción neste tipo de mercados. Tanto pequenas produtoras e produtores como algúns sindicatos agrarios loitan por intentar reverter esta situación.
No número dedicado á pandemia do xornal Fouce, publicación asociada ao Sindicato Labrego Galego, considérase que nesta situación houbo un aproveitamento por parte das institucións para pechar definitivamente este tipo de mercados, que tiñan unha importante tradición na Galiza. Desde o SLG argumentan que nos casos nos que houbo vontade política puideron procurarse alternativas que permitisen a continuidade destes mercados, como foi o caso do mercado da Biosfera de Allariz. Neste concello, as autoridades locais decidiron darlle ao mercado da Biosfera – que se celebraba nun espazo pechado – a mesma consideración que ás prazas de abastos, que si permaneceron abertas, apelando directamente á Xunta de Galicia para que así o permitise.
En abril de 2020, a Consellaría de Medio Rural creou unha canle alternativa denominada «Mercaproximidade», coa finalidade de facer fronte á perda de ingresos de labregas e gandeiras. Esta situación deriva da prohibición deste tipo de mercados e tamén da suspensión da apertura dos estabelecementos de hostalaría, restauración e cafetería que se produce no contexto da pandemia. A finalidade desta canle era poñer en contacto a labregas, gandeiras e industrias de transformación de produtos agrogandeiros, con establecementos de comercialización, en xeral grandes superficies. Mais tamén, dado que os pequenos produtores e produtoras non podían acceder aos prezos e cantidades demandadas por parte das grandes superficies, a Consellaría adquiría eses produtos, cedéndoos despois a outros lugares como comedores de institucións públicas (hospitais, comedores escolares e bancos de alimentos, entre outros).
As pequenas produtoras teñen visto na creación deste programa unha estratexia que reforza as grandes superficies e cadeas de distribución, ao tempo que anula a súa posibilidade de obteren prezos dignos polos seus productos, algo que si se pode garantir nos mercados de proximidade. Neste reclamo parece estar presente unha das ideas que propón Jordi Gascón no seu artigo «COVID-19, estado de emergencia y agricultura familiar en España» (2020), un traballo centrado nos casos de Catalunya e Aragón onde se suxire que as políticas públicas anti-covid favoreceron a agroindustria en detrimento da agricultura familiar. Mesmo un dos responsábeis de «Mercaproximidade» na Consellaría de Medio Rural, Marcos Barreiro, ten recoñecido que, en xeral, esta iniciativa non funcionou ben para as pequenas produtoras, as cales non podían dar saída aos seus produtos en grandes superficies por non poderen chegar aos volumes de produto solicitado. Semella que nos únicos casos en que era posíbel colocar o produto, existía con anterioridade unha estrutura forte en número de produtoras (por exemplo, grandes cooperativas ou entidades reguladoras, que contan con forte apoio institucional, como tamén asociacións de criadores de razas de gando e as denominacións de orixe de determinados produtos).
No contexto oposto a estas produtoras que se benefician de «Mercaproximidade» encóntranse as mulleres que non están – en moitos dos casos – nin dadas de alta na Seguridade Social nin sindicadas: mulleres que venden o produto das súas hortas en feiras, feiróns e mercados ao aire libre, mais tamén nos arredores das prazas de abastos urbanas.
O seu número xa diminuía antes da pandemia, entre outros motivos, posibelmente, pola falta de recoñecemento social. A través do traballo de campo levado a cabo para o proxecto de pesquisa anteriormente mencionado, foi posíbel comprobar entre a clientela e outros axentes sociais un contexto de maltrato xeneralizado que comprendía o regateo, as constantes manifestacións da idea de que estas mulleres viven das pensións ou mesmo o roubo do seu producto por parte da clientela. Cómpre engadir a situación precaria na que venden o seu producto, ao aire libre e sen lugares axeitados nos que o expoñer.
O peche dos mercados ao aire libre durante a pandemia fixo con que o número de postos de venda informais decrecese dun xeito importante. Na Praza de Abastos de Santiago de Compostela pasaron neste período de seren 80 a seren 30, tras o cese da prohibición. Neste enclave, aproveitouse o protocolo Covid relativo á separación de espazos de venda para reducir o seu número, permitindo só 22 postos inicialmente. Mais tamén mudou a regulación municipal que rexía a súa actividade, pois a partir deste momento as mulleres necesitan estaren inscritas na SEVEDI, que é o réxime de venda directa do REAGA (Rexistro de Explotacións Agrarias de Galiza), para poderen vender na Praza unha vez á semana. Se quixeren acudir a vender o seu produto con maior asiduidade, éralles requerido cotizar como autónomas. Incluso nun primeiro momento só se permitiu a volta das mulleres que estaban baixo este réxime, porque, en palabras dunha das persoas responsábeis da Praza de Abastos compostelá, era necesario «facer limpeza» porque «ten máis dereitos unha persoa que está a pagar os seus impostos, que unha que está a cobrar a súa pensión».
Nalgúns mercados da Galiza chégase mesmo a non permitir a volta das vendedoras, logo do levantamento da prohibición dos mercados ao aire libre, sob o argumento de que non tiñan xeito de regular a súa presenza. Isto aconteceu no caso concreto do Mercado Municipal de Santo Agostiño na Coruña, tal e como se publica nunha reportaxe da revista Fouce. Este argumento resulta paradoxal nun contexto no que a venda de excedente destas mulleres estivo habitualmente pouco ou nada regulada, como acontece nalgunhas vilas nas que, en ocasións, nin a propia autoridade municipal pertinente solicita a cota que as vendedoras deben abonar por venderen o seu produto ou actualiza os rexistros. Ademais, en contrapartida, tampouco melloran as condicións de venda destas mulleres, que son particularmente duras nalgúns dos mercados, como o de Recimil en Ferrol, onde fican completamente expostas ás inclemencias meteorolóxicas e sen contar con mesas expositoras para o produto nin
asentos. Planificada ou non, esta situación de neglixencia podería considerarse unha estratexia para a paulatina desaparición destas mulleres dos mercados municipais.
Os impactos e transformacións que se producen no marco do circuíto curto da cadea alimentaria durante a pandemia da covid, particularmente no caso da venda tradicional de excedente agrario, poñen de manifesto as vulnerabilidades que existían con anterioridade e que aumentaron de xeito abrupto no marco pandémico, vulnerabilidades que apuntan a un favorecemento da agroindustria en detrimento da pequena produción e o circuíto curto. Nun contexto global de múltiples crises, no que urxe unha transición ecosocial e agroalimentaria xustas, o labor destas mulleres é un tesouro que cómpre preservar e coidar, no canto de institucionalizar a súa vulnerabilidade.