Costumeiramente, o espanholismo tem sido analisado como um discurso fundamentado no ódio. No entanto, talvez a estrutura afetiva que lhe serve de base seja outra. O politólogo Alexadre Pichel-Vázquez procura no amor os alicerces do espanholismo de Vox, analisando o papel atribuído à Galiza na construção desse amor.
Moito se ten falado do odio como afecto irradiador dos partidos e movementos de ultradereita e ultraconservadores, afirmándoo como o ideal afectivo que mobiliza a política destes espazos ideolóxicos. É obvio que a súa produción ideolóxica afecta negativamente certas vidas (mulleres, migrantes, trans etc.), negándolles en moitos casos a mesma existencia. Porén, debemos preguntarnos se é realmente o odio quen moldea estas fronteiras, se non hai outras estruturas afectivas produtoras deste malestar.
No españolismo actual, por exemplo, se algo foi capaz de mudar Vox foi a concepción da estrutura territorial e afectiva do Estado español. A través dunha recuperación dos mitos imperialistas e coloniais, Vox conseguiu facer intelixíbel e explícito o Imperio español como cadro de actuación e mobilización política. O Imperio español (as súas lendas, discursos e procesos afectivos) reaparece na política estatal española –non porque tivese partido, xa que implicitamente marcaba a súa política, mais pola súa forza na hora de configurar alianzas e proxectos políticos en común–. Como di Angel Loureiro no «Spanish Nationalism and the Ghost of Empire» (2003), a hispanidade, como ideoloxía do Imperio español, condiciona, estrutura e fala sobre a concepción e construción nacional do presente Estado español. A «identidade imperial» continúa a ser a identidade española, condicionando a súa relación coas antigas colonias, mais tamén coas nacións dentro do actual Estado. Neste sentido, para Vox, o cadro imperialista ten unha dupla función: a extensión e control neocolonial dos países latinoamericanos e a defensa nacionalista do Estado español frente aos «ataques» dos movementos soberanistas e independentistas.
Neste cadro de actuación, os estudos e traballos políticos sobre a afectividade do Imperio español son escasos, restrinxidos ao pasado e, na maioría dos casos, centrados nos sentimentos da perda das colonias –como pode ser o libro Imperial Emotions: Cultural Responses to Myths of Empire in Fin-de-Sècle Spain (2013)de Javier Krauel– ou en lecturas baseadas unicamente na nostalxia –por exemplo, o ensaio de Renato Rosaldo «Imperialist Nostalgia» (1989)–. A pesar da potencialidade destas análises, é preciso explorar os usos políticos actuais do «imperio», revisar cal é a súa estrutura afectiva contemporánea e comprender, como nos mostra Partha Chatterjee no seu texto «Quinhentos anos de medo e amor» (2004), a existencia de prácticas de dominación, alienación e explotación no amor. Entendemos, así, o amor como un elemento que non fica alleo á política, que, a través da súa produción afectiva do «ideal amado», asegura e perpetúa unha certa orde social. Obviamente, este é un traballo que necesita máis tempo, dedicación e unha discusión plural, mais, nestas liñas, a intención é mostrar timidamente como a promoción en Vox dun amor «provincial-galego» a España (como proxecto político-imperial) funciona como dispositivo de mantemento da unidade nacional.
Nunha das fins de semana máis calorosas do outubro de 2021, a formación de ultradereita española Vox celebraba a súa primeira «festa política», o Viva21. Situada no recinto feiral de IFEMA (Madrid), a festa de Vox buscaba voltar a «sentir España» a través da recuperación do patrimonio español perdido e a folclorización das festas tradicionais das «provincias españolas». Música, danza e gastronomía «provincial» estruturaban a promoción dun amor e un orgullo españois. Un amor que desbordaba os límites do Estado e que entendía España como un proxecto político e nacional imperial con dirección ás «provincias de ultramar». Gaitas, correfocs, sevillanas, falles e arreskus mesturábanse coas mensaxes institucionais dos representantes da ultradereita latinoamericana e as súas mencións nostálxicas á «madre patria».
Neste ambiente festivo, Vox creaba desfiles onde as diferentes «culturas hispanas» marchaban ante o ollar dos seus afiliados. Deste modo, meninas e raparigas en traxe galego percorrerían entre aplausos e «vivas a España e Galiza» o recinto feiral de IFEMA para subir, despois, ao cenario e actuar ante a vista de todo o Viva21. Este tipo de desfiles coloniais son unha estratexia cultural e nacional moi típica na mobilización españolista. Nos 12 de outubro en Barcelona, o españolismo fai un desfile similar por onde as mulleres latinoamericanas bailan e desfilan ante o ollar dos manifestantes españois. Vox leva a cabo unha espectacularización do Outro a través do desfile folclórico e colonial de galegas e latinoamericanas. Apláudese e celébrase o sometemento dunha Outra cultura feminizada (a ausencia de varóns en ambos os desfiles é máis que evidente), conectando o sentimentalismo feminino na súa política afectiva, tal e como propón Helena Miguélez-Carballeira no seu Galiza, un povo sentimental? (2020). Unha afectividade que, sen moito éxito no plano electoral na campaña de 2021, Santiago Abascal buscou co protagonismo político da súa avoa galega ou, como eles lle din, «la abueliña».

Con todo, a presenza da Galiza no cadro imperialista de Vox non só se dá pola súa posición como outredade folclórica, como tamén pola súa participación na hispanidade como metrópole. Aínda que este proceso é moito máis evidente na loita contra o soberanismo catalán –por exemplo, nas celebracións do 12 de outubro, o españolismo replica sen parar que «la catalanitat és hispanitat»–, na segunda festa política de Vox, o Viva22 (outubro de 2022), o partido ultra luciu e colocou as figuras de Isabel Zendal (Ordes, 1773 – México, século XIX) e Isabel Barreto (Pontevedra, 1568 – Perú, 1612) nas barracas provinciais da Coruña e Pontevedra, respectivamente. No seu afán de construír unha historia nacional-española común, Vox incorporounas como grandes figuras «galegas» e relevantes na expansión imperial española. Dun lado, Zendal como a primeira enfermeira a embarcar na Real Expedición Filantrópica da Vacina por América e Filipinas e, doutro, Isabel Barreto como a primeira almiranta española dunha expedición colonial polo Pacífico. Zendal e Barreto son rescatadas por Vox como grandes figuras galegas e españolas. Promoven o sentirse orgullosos delas pola súa «galeguidade provincial» e practican unha afectividade do amor a Galiza baseada na participación de Zendal e Barreto na empresa colonial española. O amor «provincial» á Galiza fica, entón, mediado pola súa hispanidade, pola intervención de figuras históricas galegas nos procesos de expansión imperial e pola súa asimilación ao proxecto de ideoloxización da hispanidade. Esta mediación española acaba por encarnar na identidade militante de Vox: «Soy gallega, y mi mejor forma de ser española es ser gallega» (entrevista cunha afiliada de Vox na Coruña, febreiro 2023).
Da mesma maneira que nos desfiles e nas actuacións folclóricas, aquí as figuras de Isabel Zendal e Isabel Barreto pertencen ás lóxicas e prácticas neocoloniais e imperialistas do españolismo. Vox liga a obrigatoria pertenza da Galiza ao Estado español a través da súa participación na ideoloxía da hispanidade: como país-dos-Outros sob o poder da Corte e como territorio-da-metrópole e participante activa na construción imperial. Seguindo Joyce Davidson e Christine Milligan no «Embodying emotion sensing space» (2004), Vox constrúe unhas «xeografías emocionais» onde se promove un amor á Galiza-provincia para amar a España-imperio. Nesta performación da imperialidade española que son as festas políticas de Vox, o partido imbrica a Galiza no proceso ideolóxico da hispanidade: executora do proceso imperialista e, ao mesmo tempo, sometida a el.
Contra os reclamos de soberanía e independencia das nacións de «cis-mar», Vox favorece unha retórica de amor e orgullo que subliña a pertenza común a un proxecto imperialista triunfante para esquecer a empresa colonial española do século XIX e a perda das colonias de ultramar. Así, imposibilitaríase ou dificultaríase a imaxinación política de futuras desintegracións do Estado español. O españolismo, e neste caso o de Vox, acolle a Galiza no proxecto imperial común dispóndoa como suxeito participante da colonización ao mesmo tempo que subordinada ao seu poder. Falamos, como fan Keina Espiñeira e Antía Pérez-Caramés no artigo «As migracións na Galiza en diálogo co paradigma decolonial» (2023), de procesos móbeis entre a inclusión e a exclusión. Entender esta dupla dimensión política-afectiva da Galiza no españolismo permítenos analizar o funcionamento imperialista de España e a subordinación da Galiza sen caer no tópico do odio español. Aceptarmos a existencia dun amor imperialista á Galiza-provincia non implica un rexeitamento da súa subordinación política, ao contrario, recalca o control e o poder españolista no noso país sen negar a nosa posición na xeografía afectiva, política e territorial do imperio.
Saír desta dicotomía amor/bo-odio/malo, amplía a nosa comprensión das estratexias afectivas do españolismo, mais tamén nos aproxima da posibilidade da construción dun «odio político constituínte». Deixar de xogar no terreo afectivo do «amor nacional» podería ampliar o noso cadro de acción? Poderiamos construír outras pontes afectivas, militantes e nacionais? Pode o odio ser un espazo político constituínte para un futuro mellor?